Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e xeneroso

CHAN DO MONTE, MARÍN

Escrito por Fcarballo 09-11-2016 en Novas. Comentarios (0)

Os PP Paúles trasladaron o colexio a Chan do Monte a mediados dos anos 70 do século pasado. Denantes, dende 1926 establecéranse nun edificio no Campo da Feira de Marín, doado por Narciso Nores Salgado. Entre 1954 e 1958, Francisco Carballo exerceu alí como director técnico (tiña 29 anos). Naquela altura o colexio empezou a funcionar como autorizado comezando o seu prestixio educativo. [O documento gráfico volve tiralo Bieito Seara ao comezo desta fase do  2º Roteiro. Alí falaría con fondo afecto Antón Gómez -á esquerda- sobre a dimensión relixiosa do presbítero ilustrado de Maceda].

Iniciei a vida profesional sen máis programa que a dispoñibilidade para os intereses dos PP. Paúles. Creo que por pura razón de carencia de títulos universitarios, fun enviado durante once anos a dous centros de ensino medio (Marín e Barakaldo). Só dous paúles tiñamos titulación civil en todo o Estado español en 1954, o Padre Gutiérrez máis eu. En Marín as condicións escolares eran febles, o ambiente bo e o horario soportábel. Impartía clases tamén en Praceres e na Inmaculada en Pontevedra para compartir titulacións (...). No Morrazo xa se falaba de renovación do galeguismo. No noso colexio había algún libro de Galaxia. Perdín a oportunidade de incorporarme á Galiza que empezaba a espertar. Sempre lamentei aceptar o cambio a Barakaldo en 1958. (MEMORIAS / CONVERSAS, ANT, 2002)


VIGO; NA FRONTEIRA DO ECLESIAL E NO CORAZÓN DO DEBATE SOCIAL

Escrito por Fcarballo 07-11-2016 en fcarballo. Comentarios (0)

Amigos de Francisco Carballo na rúa Príncipe de Vigo, iniciando ás 12:15 p.m., do sábado 5 de novembro de 2016, o segundo roteiro vencellado aos lugares do presbítero ilustrado de Maceda. De esquerda a dereita: Santiago Prol, Alfredo Suárez Canal, Olaia Fernández Davila, Afonso Eiré, Xan Carballa e Xabier Oviedo (Bieito Seara é quen tira a foto). Xuntámonos arredor dunhas 30 persoas diferentes, sumando as que se foron incorporando ao longo do roteiro polas rúas de Vigo, en Chan do Monte e nos petroglifos de Mogor en Marín e na ágora máis emblemática de Pontevedra. Unha xornada en positivo para a evocación, a confraternidade e a lembranza. Unha ledicia!, como diría el coa súa risa contaxiosa.


¿Que botaba en falta en 1973 para abandonar Salamanca? Parecíame que debía experimentar o que predicabamos. Estaba tamén o tirón de Galiza: era hora de voltar definitivamente ás raíces (...). Fixen de súpeto unha inmersión global na sociedade: clero, obreiros, intelectuais, campesiños, estudantes, etc. Despois de estar encerrado no mundo clerical dende 1941 até 1973, isto -que inicialmente comecei en Vigo-, supuña un cambio radical. Tardei en equilibrar os factores psicolóxicos e teolóxicos. Recuperei a dedicación á Historia e metinme de cheo no mundo do xornalismo (e tamén no da política dende as primeiras eleccións do 77) (LEMBRANZAS / CONVERSAS, ANT, 2002)

FESTA MEDIEVAL NO CASTELO DE MACEDA, 2001

Escrito por Fcarballo 22-10-2016 en Novas. Comentarios (0)


 


GRUPO MATRICIAL DA ASOCIACIÓN AMIGOS DE FRANCISCO CARBALLO (AAFC)

Escrito por Fcarballo 16-10-2016 en Asoc.Amigos F-Carballo. Comentarios (0)

O 15 de outubro de 2016, xuntámonos na Biblioteca Pública Francisco Carballo de Maceda para poñer a camiñar esta loábel iniciativa. Pretendemos con estas ferramentas (asociación e bitácora) manter viva a memoria e o legado que lle aportou ao Noso País o presbítero ilustrado de Celeirón de Asadur. Sumemos adeptos á causa:

"Toda a miña actividade está sempre arredor da Historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente. Amo a montaña, o mar, o silencio das noites de luar e os días de choiva quente". AUTOBIOGRAFÍA (Biblioteca Virtual Galega).

De esqueda a dereita: Milagros Calvo Carballo, Xabier Oviedo, Bieito Seara, Celso Sánchez e Santiago Prol.