Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e xeneroso

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (3)

Escrito por Fcarballo 23-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)

Nas Memorias mecasnoscritas titulou o capítulo VII “Volta ao convento”. Comeza dicindo: “Morreu Serafín en agosto de 1985. A vida en Vigo ou tiña que ser en solitario ou había que modificar o esquema dos 12 anos pasados (1973-85). Medio sen pensalo, pedín incorporarme a Marín cos paúis, e seguín coas clases no Instituto con posterior traslado a Pontevedra. Abandonei as clases da Escola de Maxisterio de Vigo (...). No traslado a Marín só lentamente levo algúns efectos persoais. En 19875-86 aínda imparto docencia en Vigo. No 1986 empezo na Xunqueira en Pontevedra (...)”. Engadir que lle tocou cunha etapa da vida moi delicada de saúde (mareos, cólicos de vesícula, operación de pólipos rectais, dor de oídos...). Mesmo pensou que non lle ía quedar moito tempo de vida. Estivo de baixa laboral até marzo de 1987. Agora ben, el mesmo reafirma no libro de Conversas (ANT, 2002) que “o grao máximo de felicidade (a nivel docente) tíveno en Pontevedra. Tiñamos unhas relacións de fraternidade, de mutuo aprecio e de arelas de desenvolvemento individual e colectivo. Os alumnos eran instintivamente solidarios, entrañábeis, xenerosos. Proviñan do campesiñado, de familias mariñeiras e do proletariado. O ensino en Vigo era máis urbano. Na Xunqueira o profesor era un complemento do pai embarcado. Existía un fenómeno, aínda vixente, que permanece na antropoloxía histórica e que me chocou moito: cantidade de rapaces que falaban do tío. O irmán da nai tiña un rol moi forte coa ausencia do marido. Fun absolutamente feliz con eles no Instituto de Pontevedra (...). Para eles e para o profesorado a miña xubilación  en 1990 foi unha sorpresa. Para min foi unha “gracia”. Podía por fin dedicarme a escribir e ao ministerio cristián”. Mesmo nos contou que lle quedaba (cando se xubilou no verán de 1990) unha paga mensual de 100.000 pesetas [600 € de hogano] das que deixaba para a “casa" dos paúis de Marín unhas 80.000 pesetas e só quedaba con 20.000 pesetas para os seus gastos persoais (eiquí incluía todos os gastos do piso de Vigo, desprazamentos, libros, lecer, etc). Engade lapidario: “deféndome economicamente con grande austeridade”. Abofé que si.

N.B.- A imaxe do Instituto de FP da Xunqueira de Pontevedra tirámola de www.paxinas galegas.es

Engadimos o enlace sobre o Roteiro deste 2019 que aparece en SERMOS GALIZA (Carballo foi membro fundador), co título "Francisco Carballo reencóntrase con Pontevedra):

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/pontevedra-reencontrase-francisco-carballo/20191023100838085693.html


ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (2)

Escrito por Fcarballo 21-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)

En 1954 Francisco Carballo matriculouse nos cursos de doutoramento na Complutense en Madrid. Pensaba ser alumno do filósofo José Luís López Aranguren, todo un referente xa naquela altura, no tardofranquismo e logo nos primeiros anos do que se deu en chamar a Transición. Tivo que deixalo por presións da “casa” (léase dos Paúis). Enviárono a Marín a comezos do outono daquel 1954. Tiña 29 anos e foi destinado ao Colexio San Narciso en Chan do Monte como director técnico. Naquela altura multiplicou actividades (nomeadamente relixiosas dentro e fóra do centro de ensino). Daquela esixían residir fóra do ámbito familiar. Era un “principio de goberno aceptado dende o século XVI”. Engade Carballo: “Coidaban que senón se apoiaría moito aos parentes, aos veciños e aos paisanos”. Impartiu aulas en Chan do Monte, no Colexio do Sagrado Corazón en Praceres e no Colexio da Inmaculada. Tamén se implicou en cursiños da Cristiandade en Marín, Pontevedra cidade e polo resto do Morrazo: “Todo aquel nacional-catolicismo que comezaba a abrirse. Era unha pastoral recargada de actos e excesivamente inspirada na seminarística”.

No libro de Conversas (ANT, 2002) díxonos a Xan Carballa e ao mantedor desta bitácora (Santiago Prol) que fixera algunha entrada (fóra do ámbito relixioso) en Pontevedra: “Eiquí, no Morrazo estaba Alexandre Cribeiro (un dos fundadores do Grupo Brais Pinto). Xa se empezaba a falar un pouco do fenómeno galeguista. Fun á Universidade de Santiago varias veces, falei con xente, pensei mesmo en facer en Compostela o doutorado, pero non me concederon unha bolsa por idade. Daquela os referentes eran Cunqueiro e Castroviejo que daban charlas de gastronomía, caza... Todo moi light, pero xa se empezaba a falar. Se eu estivese iniciado, tería usado a diplomacia para non marchar (a Barakaldo) e meterme no proxecto que iniciou o nacionalismo eiquí na década seguinte”. Nas Memorias mecanoscritas que nos pasara (en 2001) engadiu: “Perdín a oportunidade de incorporarme á Galiza que empezaba a espertar. Sempre lamentei a miña falta de perspicacia e aceptar o cambio a Barakaldo en 1958”.

N.B.- Agradecemos a Xan Carballa o deseño do cartaz do roteiro por Pontevedra deste 2019. Beizón!

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (1)

Escrito por Fcarballo 20-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)

Dende a Asociación Amigos de Francisco Carballo decidimos facer un roteiro pola cidade de Pontevedra, o sábado, 26 de outubro deste 2019, seguindo as pisdadas do presbítero ilustrado de Maceda nesta cidade en dúas xeiras da súa vida. A primeira entre 1954 e 1958, cando foi destinado ao Colexio San Narciso de Marín como director técnico (chegou con 29 anos de idade e estivo catro anos). A segunda foi entre 1985 e 2012. Desta "volta ao convento" estivo 27 anos vencellado coa cidade, aínda que residía en Marín (estivo moi implicado co proxecto do BNG de Pontevedra, onde estaba afiliado e onde puido colaborar e ollar os paradigmáticos resultados da xestión municipal da súa organización política abandeirada polo doutor Miguel Anxo Fernández Lores, do que era amigo con maiúsculas). Avanzamos o programa do roteiro que iremos peneirando en próximas achegas.

OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO

Roteiro cultural pola cidade de Pontevedra, 2019

Sábado, 26 de outubro

PROGRAMA

11:30.- Concentración diante do Café-Bar Carabela (Praza da Estrela, 1, a carón da Praza da Ferrería), lugar que frecuentaba Francisco Carballo.

12:00.- Recepción do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na Casa do Concello aos participantes no roteiro.

12:30.- Comezo dos roteiros Martín Sarmiento e Castelao fusionados pola zona vella da cidade (pontevedra.gal/pontevedrate/rutas/).

14:30.-  Acto vindicativo do vencello de Francisco Carballo coa cidade (1954-1958 / 1985-2012) na Rúa Maceda (a carón do actual Parador de Turismo, antano residencia oficial do III Conde de Maceda).

15:00.- Comida de confraternidade (comunicar ao correo electrónico bieito@bieito.com ou ao teléfono  696 89 18 53).

17:00.- Desprazamento até o Centro Integrado de FP d´A Xunqueira (Rúa Rafael Areses, s/n), onde exerceu docencia Francisco Carballo dende 1986 até 1990.

Organiza: Asociación Amigos de Francisco Carballo (www.fcarballo.blogspot.es). 

Mantedor do roteiro: Santiago Prol

Colabora: Concello de Pontevedra.

N.B.- Escollemos desta volta unha foto de Francisco Carballo diante da súa casa natal en Celeirón de Asadur, o 4 de agosto de 2000, cando lle fixemos -dende Maceda- a sentida homenaxe como o "Fillo máis sobranceiro vivo do Noso Concello".

O DOUTOR CELSO SÁNCHEZ, CANDIDATO AO SENADO

Escrito por Fcarballo 09-10-2019 en Novas. Comentarios (1)


O título debería ser máis longo: "O doutor Celso Sánchez, a ética ao servizo da colectividade, mesmo como candidato ao Senado". Decidimos dende esta bitácora dedicarlle unha achega ao doutor Celso Sánchez, socio fundador e persoa central da Asociación Amigos de Francisco Carballo dende que se constituíu. Ademais do cartaz,  na imaxe que encabeza a nosa laudatio, podemos ollar a Francisco Carballo, ao doutor Celso Sánchez, a Bieito Seara  e ao mantedor desta bitácora (Santiago Prol) nas aforas da residencia dos PP Paúis en Santa Marta de Tormes (Salamanca), na primavera de 2014. Sabemos que a Francisco Carballo lle gorentaría ver ao doutor Celso Sánchez como senador en Madrid exercendo de galego con maiúsculas. Eis a nosa laudatio:

"No privilexiado miradoiro da Serra de San Mamede (Castro de Escuadro) naceu o doutor Celso Sánchez en 1955. Quedou orfo de pai aos 15 anos. El e as súas irmás saíron adiante coa axuda da súa nai e co esforzo dos catro. Consolidamos amizade na vila de Maceda a comezos dos 80 preparando o futuro. Pasamos moitos intres de conversa -ao mediodía e ao empardecer-, na cafetería do Cesáreo (que chamabamos O Comité Central). Naquela altura seguiamos de cerca a Revolución en Nicaragua. Meteunos de cheo no día a día do Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN). Mesmo nos pasara o instrutivo álbum Guitarra Armada (1979) dos irmáns Luís e Carlos Mejía Godoy y los de Palacagüina. Despois agromou o demais: o dobre vinilo Abril en Managua (1983), libros de Cortazar, Ernesto Cardenal, Tomás Borge, Sergio Ramírez, Gioconda Belli... Viaxou logo o doutor Sánchez a unha Nicaragua -xa lampedusiana-, en misións humanitarias de Médicos Sen Fronteiras.  

Reencontrámonos no ennobrecemento do veterinario comunista Benigno Álvarez e dos caídos e represaliados do 36, feita con moito tacto nun contexto hostil (1997) e coa dereita gobernando todas as institucións (en Maceda cun bipartito contranatura PP-PSOE, logo da espuria moción de censura a Bieito Seara, rexedor do BNG). Despois artellamos a homenaxe ao presbítero ilustrado Francisco Carballo (verán de 2000). O doutor Sánchez -que estivo en primeira liña- conforma hogano con Bieito Seara e nós mesmos, a cerna da asociación que procura manter acesa a memoria do historiador de Celeirón de Asadur.

Celso sabe escoitar a quen lle pode aportar algo. É persoa de mundo, culta e cosmopolita. Leva a política nas veas dende que tivo conciencia de seu. Foi dirixente estudantil de ERGA. Logo estivo no Consello Nacional do BNG (polos non adscritos), mesmo na altura da catástrofe do Prestige (novembro de 2002), onde se implicou a fondo na defensa das costas do Noso País. Relaciónase ben en case todas as frontes; mesmo con parte da Galicia oficial. Ten moitos amigos e moreas de coñecidos. Persoa chea de sensibilidade, pai de familia modélico, amosa grande capacidade de diálogo. Ademais da súa profesionalidade como médico (antes no Irixo, agora en Coles), é un dos pioneiros na dignificación da Atención Primaria no mundo rural galego. Ecoloxista fidedigno -non dos de salón- estivo na dirección de ADEGA (nomeadamente contra as plantacións masivas de árbores invasoras, das que trouxera sementes Frei Rosendo Salvado de Australia a mediados do XIX). Fundador e socio da histórica Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda. Outrosí activista na Fundación Insua dos Poetas; un fermoso proxecto abandeirado polo seu amigo Luís González Tosar (presidente do PEN Club Galicia, poeta, columnista e referente cultural en La Voz de Galicia). Mesmo é o médico de cabeceira do Club Ciclista Maceda-Academia Postal (que xa ten corredores recoñecidos a nivel mundial). Foi subdirector de Atención Primaria en Ourense na xeira do Bipartito, sindicalista con cargos ao máximo nivel na CIG Sanidade. Membro da xunta directiva do Colexio de Médicos de Ourense (dúas lexislaturas). Outrosí de diversas plataformas.

O doutor Sánchez é unha persoa íntegra, distinguida e xenerosa. Posicionouse para a alcaldía de Maceda en maio deste 2019 dende unha cosmovisión socialdemócrata de nacionalista sosegado (CxG). O compromiso ético (e estético) da súa traxectoria é o seu mellor aval para o seu novo reto como candidato ao Senado (nas listas de integración nacionalistas por Ourense arredor do BNG) para as Eleccións Xerais de novembro deste 2019. Todo un luxo no panorama da política en xeral e da ourensanía en clave nosa".


N.B.- Na primeira imaxe aparece o doutor Celso Sánchez no cartaz da candidatura oficial do BNG pola circunscrición electoral de Ourense ao Senado. A segunda xa a referenciamos e a terceira imaxe -en Santa Marta de Tormes (Salamanca)-, de dereita a esquerda, o doutor Celso Sánchez, Bieito Seara e Francisco Carballo (os tres macedáns -e amigos-candidatos ao Senado ou ao Congreso dos Deputados nalgúns intres das súas vidas políticas). 
Engadir que o mitin central en Maceda será na Praza das Toldas, o domingo, 3 de novembro deste 2019, ás 12.30 horas, no que participarán, ademais do doutor Celso Sánchez, a deputada do BNG Noa Presas e Paco García (ex alcalde de Allariz), candidato -como cabeza de lista- do BNG ao Congreso. Beizón!

"O VATICANO É UNHA EXCRECENCIA"

Escrito por Fcarballo 03-10-2019 en Novas. Comentarios (0)

Por mor dos últimos escándalos financeiros que involucran a "peixes gordos" do Vaticano (compras inmobiliarias millonarias no exterior: inmobéis de luxo en Londres con escuras empresas inglesas que terían participado na vomitiva operación financeira -con diñeiro inicialmente destinado pra erradicar a pobreza...-), queremos traer á bitácora unha das afirmacións máis contundentes que fixera Francisco Carballo no libro de "Conversas" (ANT, 2002). No capítulo "Relixión. A inculturación da fe", na páxina 61, conversando sobre os ateos "de verdade", Carballo dicía que teimaban en atacar ao Vaticano e que iso tamén o facía el, "porque o Vaticano é unha excrecencia. Á institución eclesiástica tamén a critico eu. Hai comunidades que son unha cova de áspides; Igrexas que son unha fábrica de torturas, pero iso non ten nada que ver co fondo do tema. Eu non me paso por iso ao budismo ou ao ateísmo. Permanezo eiquí porque encontro uns valores respectábeis. Eu fago crítica das súas realizacións deterioradas". Xan Carballa máis o mantedor desta bitácora preguntámoslle se podíamos publicar literalmente que o Vaticano era unha excrecencia. El non o dubidou en ningún intre. Carballo en estado puro!!!

N.B.- A imaxe do Vaticano tirámola desta volta ded www.rionegro.com.ar.

A nova sobre o último escándalo do Vaticano está a saír en moreas de mass media nestes intres. Eis un enlace:  

https://www.lanacion.com.ar/el-mundo/un-nuevo-escandalo-financiero-involucra-peces-gordos-nid2293402