Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e xeneroso

A VIRXE DOS MILAGRES DO MONTE MEDO

Escrito por Fcarballo 18-01-2020 en Novas. Comentarios (0)

En Outubro de1964, a revista de vida cristiá, “La Milagrosa”, órgano oficial das Asociacións da Medalla Milagrosa e das Fillas de María, no número 554, fixo un extenso monográfico sobre a Coroación canónica da imaxe da Nosa Señora dos Milagres do Monte Medo. Na portada da revista aparece destacado que é un número extraordinario dedicado á Coroación. Vai acompañada dunha foto da Virxe co fillo. Na páxina seguinte, ademais do sumario, aparece un texto de Francisco Carballo que, naquela altura acababa de publicar o libro “Santuario de los Milagros del Monte Medo" (1963). Del recuperan un parágrafo dedicado á santiña: “A estatua da Virxe dos Milagres mide 0,70 metros de altura, é de talla con policromía en bo estado, preséntase de pé co Neno no brazo; a súa traza parece relacionarse cos últimos anos do século XVI ou os primeiros do século XVII. Vístese dende hai moitos anos. Posibelmente dende que se fixo ou trouxo ao Medo a imaxe. Un corte marcado con rudeza na parte posterior e o escaso tallado da espalda, suxire unha posíbel pertenza a un coro ou conxunto, do que tería sido arrincada. A cara conserva, malia un defectuoso retoque, o seu encanto: é unha bela imaxe con todo o candor dunha pimpinante mullerciña da comarca de Maceda. A peaña apoiase en fermoso trono con banco corrido”.

AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (5)

Escrito por Fcarballo 03-01-2020 en cabodano. Comentarios (0)

Dixemos na achega anterior que repartiramos un díptico entre os asistentes, mesmo para que cantasen con nós o "Vello can de palleiro" de Bibiano ao comezo e -ao remate- o ¡Uah!, cantiga popular na versión de Suso Vaamonde. No medio do acto tamén procuramos entoar "O home do campo", que Voces Ceibes lle dedicara ao empresario agrícola e gandeiro Euloxio Gómez Franqueira e, de esguello, a Franco. No retrouso, se non estaba a parella da Garda Civil presente, cantaban "Franqueira é o home do campo, Franqueira é amigo de Franco". Se entraba a parella da Benemérita no Cine Gayoso, cantaban o retouso modificando a letra: "Euloxio é o home do campo, Euloxio é amigo de Paco"... Aquilo trouxo consecuencias: a subvención prometida pola Caixa Rural de Maceda de 15.000 pesetas, non lla entregaron aos pioneiros d´Os Cabaceiros, porque Benedicto, Bibiano e Cao cantaran o retouso no que aparecía claramente o nome de Franqueira (naquela altura presidente de UTECO e xefe da Caixa Rural) e, nin máis nin menos que Francisco Franco, "generalísimo por la gracia de Dios (?)...". Na portada do díptico ía tamén  parte da historia de Voces Ceibes que eles mesmos imprentaran no Cancioneiro que distribuiran entre o público en Maceda aquel histórico domingo de Nadal de 1974, logo da "misa de 12". Mesmo os recortes de prensa coas multas que lles ían poñendo por cantar cantigas censuradas polo goberno civil de turno daquel tardofranquismo abafante que daba os últimos coletazos.

Nas páxinas centrais exhumamos o derradeiro discurso do intelectual galeguista e arqueólogo de Valga, afincado en Ourense dende moi novo, don Xesús Ferro Couselo, que non puidera achegarse físicamente a Maceda naquelas Primeiras Xornadas Culturais de Nadal de 1974, por mor da doenza que padecía, e que fora rexistrado nunha cassette artesanalmente polo doutor José Manuel Lage no seu domicilio en Ourense e logo escoitado no Cine Gayoso -pola megafonía- sobre a historia do Castelo de Maceda e abeirados.  O discurso recuperouno o doutor Celso Sánchez para imprentalo a Asociación Cultural Maçaeda de Limia noutro díptico en 1996. Na contraportada inserimos o cartaz que xa penduramos en achegas anteriores. Deixamos un bo feixe de dípticos na Librería Alicia de Maceda para a xente interesada que non puido achegarse o día 28 á mesa redonda... Inserimos outra volta o enlace ao noso vídeo sobre Os Cabaceiros, o seu contexto e a súa historia, que xa leva un número de visualizacións importante na arañeira. Beizón!

https://www.youtube.com/watch?v=uwAe9Lz__dc


N.B.- A primeira imaxe corresponde á portada do díptico e a segunda ao discurso de Ferro Couselo. A terceira e a cuarta son autoría de Juan José Pérez Ramos. Como na terceira non aparece o motor de explosión da segunda xeira d´Os Cabaceiros, pendurámola -co seu positivismo contaxiante- na última. Graciñas mil!

AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (4)

Escrito por Fcarballo 29-12-2019 en cabodano. Comentarios (0)


 Arredor de 60 persoas tiveron a ben acompañarnos, o 28 deste mes de decembro de 2019, no Salón de Actos da Casa do Concello de Maceda, para facer unha viaxe espazo-temporal 45 anos atrás (incluso máis). Sabemos de moita xente que quería estar alí, pero que non puido por problemas de axenda. Comezamos escoitando a mítica cantiga de Bibiano "Vello can de palleiro"  [ https://www.youtube.com/watch?v=uKzgTn2KbxU ] que lle demos ao público en díptico, xunto con outras das que falaremos en próximas achegas. Mesmo lle explicamos á xente máis nova que "o vello can de palleiro" era Franco e a "dentadura" era dictadura franquista que daba os últimos coletazos. Para "pasar" o filtro da censura, había que empregar ese tipo de linguaxe... Logo o mantedor desta bitácora [Santiago Prol] explicou por que se facía esta evocación 45 anos despois e non aos 50 anos, xa que logo ía vencellada á publicación monográfica no TERRA E TEMPO (núm. 180) sobre as asociacións culturais galegas no tardofranquismo e na que ía inserido o noso traballo sobre Os Cabaceiros (Prol: 2019) do que xa falamos nas achegas anteriores. Mesmo disculpou a presenza de Luís Aldemira e de Faustino Fontela (que foran presidentes da asociación), que non podían estar na mesa redonda por compromisos previos adquiridos. 

Logo interveu o doutor José Manuel Lage, "o pai da criatura", que fixo unha evocación moi sentida de como se xestou, mesmo contando anécdotas que forneceron o seu aqueloutrado relato e que lle gorentou aos asistentes. Nunha delas explicou que Os Cabaceiros quedaran a deber cartos no Restaurante As Ferreiras, porque lle retiraran unha subvención (da que tamén falaremos noutra achega) e que anos despois, cando el traballaba como médico en Coruña, atopou no hospital -como paciente- a unha das propietarias das Ferreiras que lle dixo que a débeda estaba condonada, mesmo porque el a ía curar con todas as garantías da doenza que pacecía. Xenerosidade absoluta por parte da xente de ben de Maceda. Iso foi o que atoparon os iniciadores d´Os Cabaceiros naquelas xornadas do Nadal de 1974, as mellores de cantas se lograron artellar nos 12 de vida da asociación, xunto coas últimas (as de 1986). Tamén contou que el e Celso Sánchez se desprazaran até a Escola de Maxisterio de Vigo pra implicar a Francisco Carballo (que abandeiraba a Cultural de Vigo) nesta arela, como así faría varias veces o presbítero ilustrado de Maceda nas seguintes xornadas culturais...

Despois o doutor Celso Sánchez incidiu en que practicamente toda a xuventude de Maceda -naquela altura de 1974- estaba, non só a prol do proxecto, senón implicada ao cen por cen. Mesmo moitísima xente adulta da nosa vila que vía con bos ollos aquela iniciativa. Tamén forneneu a súa intervención con anécdotas, como a de que unha das actrices afeccionadas do grupo anglosaxón de Cardiff (Gales), que representaran en Maceda "Os vellos non deben namorarse" de Castelao en galego -con acento británico-, atopouse moitos anos despois con el na contorna onde xa exercía como médico, pois quedara afincada alí como profesora de inglés. Cando el lle contou que un grupo de Cardiff representara a Castelao en Maceda, ela dicíalle: unha daquelas actrices era eu, era eu... O doutor Sánchez, ademais de ser un dos pioneiros, xunto co doutor Lage (e outros moitos mozos e mozas de Maceda), fixo de nexo das dúas xeiras dos Cabaceiros, mesmo se implicou a fondo tamén nos primeiros anos da segunda etapa... 


Bieito Seara, o verdadeiro motor de explosión da segunda etapa (xunto con outr@s compañeir@s de Maceda), centrouse nunha idea chave que el sempre espalla, co seu positivismo contaxioso: Non por ser, nin por facer eventos chamativos [naquela altura chamariamoslle "parafernalias"] en Vigo, A Coruña ou Compostela, hai que ter complexo de inferioridade, máis ben ao contrario. Asentou a súa tese en que grazas á Agrupación Cultural Os Cabaceiros, por Maceda pululou xente do máximo nivel deste Noso País. Egrexios escritores e investigadores (algúns deles mesmo lle concederon as Letras Galegas), cantautores abondo recoñecidos, paradigmáticas obras de teatro en galego, filmes capitais na historiografría cinematografica a nivel mundial, mesmo referentes na europea e na estatal...

Logo o mantedor do acto foi explicando as 120 imaxes e o por que da súa escolla, deténdose menos tempo nas que xa evocaran José Manuel Lage, Celso Sánchez e Bieito Seara. Ao comezo do acto, logo de cantar -como xa dixemos- os presentes con Bibiano (e Benedicto), puxo o audiovisual que dura -pendurado en youtube- algo máis de 9 minutos e que foi moi aplaudido... 

Conforma este audiovisual un importante documento da historia recente de Maceda, artellado dun xeito artesanal,  moi amábel no fondo e na forma, fermoso visualmente e cheo de sensibilidade, sobre aquela xa mítica asociación e o seu contexto. Mesmo acompasado co poema "Volvín á terra pro perdín o amor" de Bernardino Graña, musicado por Suso Vaamonde, conformando unha das mellores cancións da súa vida. Eis o enlace para disfrute de todos que nos sentimos macedáns ou temos unha conexión telúrica co noso lugar de orixe, ao que estamos xa por sempre vencellados:

.https://www.youtube.com/watch?v=uwAe9Lz__dc


N.B.- Todas as fotografías desta achega foron cedidas amabelmente polo reporteiro gráfico local Juan José Pérez Ramos, que tamén pendurou o audiovisual no canal en youtube de Maceda Na Rede. Graciñas mil! 

Espallemos este documento e que sexa visualizado por moita xente. No intre de publicar esta achega, xa soborda as 350 olladas (no par de días que leva pendurado). Beizón!

AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (3)

Escrito por Fcarballo 21-12-2019 en cabodano. Comentarios (0)

Cun xesto un tanto transgresor -moi na liña do que foron Os Cabaceiros-  decidímonos por un cartaz artesanal, coma nos tempos de antano, mesmo afastado -o máis pósibel-  deses cartaces deseñados por ordenador que semellan artificiosos na súa pseudoperfección. Hai 45 anos todo se facía a man ou coa máquina de escribir (nós tiñamos unha Olivetti Estudio 45). Xa había fotocopias, pero ía todo moi daquela maneira... Para este cartaz empregamos o deseño  de cartelería (en A3) que a Agrupación Cultural Os Cabaceiros tiña para anunciar os actos (e que logo escribían debaixo con rotulador negro ou vermello groso en moitos casos)  e tamén lle engadimos o carimbo oficial. Despois inserimos o programa de actos:

Mesa redonda AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS

Intervirán José Manuel Lage, Celso Sánchez, Bieito Seara e Santiago Prol, que actuará como mantedor do acto.

Proxectarase un audiovisual con 120 imaxes, documentos e demais vestixios d´Os Cabaceiros (1974-1986).

Lugar: Salón de Plenos da Casa do Concello de Maceda.

Día e hora: 28 de decembro de 2019, ás 7 da tarde.

Organiza: Asociación Amigos de Francisco Carballo e Concello de Maceda.

Debaixo enxertamos dúas das pegatinas (autocolantes) que tamén deseñaban artesanalmente socios d´Os Cabaceiros da segunda época (Juan Antonio Rey e tamén o Suso del Campo Prol que amosaban oficio) . O primeiro, deseñado e asinado polo Suso, vai sobre o Entroido de 1986, moi mediatizado e ao abeiro das mobilizacións contra a OTAN en todo o Estado español, e que os Cabaceiros artellaran -con certo éxito- polas rúas principais da vila de Maceda no mes de marzo daquel ano.

O outro autocolante está dedicado ao 17 de Maio,  Día das Letras Galegas. Xa deixamos imprentado no noso traballo "Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda (1974-1986). Doce anos de concienciación e de indentidade" [Prol: 2019, Terra e Tempo núm. 180]:  "Mesmo foi todo un luxo que nun concello que abeiraba os 5.000 habitantes, trouxesen [Os Cabaceiros] -directa ou indirectamente- á súa vila a cinco egrexios da Nosa Cultura que, andando o tempo, foron recoñecidos coas Letras Galegas: Ferro Couselo (1996), Xaquín Lourenzo (2004), Vidal Bolaño (2013), Manuel María (2016) e Carlos Casares (2017)..."


AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (2)

Escrito por Fcarballo 18-12-2019 en homenaxes. Comentarios (0)


O sábado, día 28 deste mes de decembro de 2019, co gallo dos 45 anos da aparición da Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda, ademais da mesa redonda na que xa temos confirmados ao doutor José Manuel Lage, ao doutor Celso Sánchez e ao economista e docente Bieito Seara e na que fará de moderador o mantedor desta bitácora [Santiago Prol], proxectaremos no Salón de Plenos da Casa do Concello de Maceda un entrañábel audiovisual con música de fondo de Suso Vaamonde, que se inspirou nun fermoso poema de Bernardino Graña: "Volvín á terra, pro perdín o amor", e que mesmo ten un retrouso moi aqueloutrado para o que arelamos: "Como ei vivir mañá sen a luz túa". Proxectaremos 120 imaxes, documentos e demais vestixios d´Os Cabaceiros como xa avanzamos na achega anterior. Desta volta imos pendurar catro imaxes fundamentais das moitas que aparecerán no audiovisual....

Na primeira podemos ollar ao doutor José Manuel Lage, o ideólogo que tivo a idea matricial de artellar a asociación. Na foto aparece, moi xoven, a carón dun cabaceiro típico da nosa contorna (coa doble intencionalidade que pretendemos). Pegámoslle outra imaxe do doutor Celso Sánchez -tamén moi novo- nunha das incontábeis manifestacións ás que foi ao longo da súa vida. Os dous son persoeiros capitais no agromar da asociación (e o segundo como nexo das dúas etapas). 

Na seguinte imaxe aparecen dous protagonistas capitais na continuidade deste singular proxecto: Luís Aldemira e José Ángel González "Coqué". Os dous conformáronse como os verdadeiros motores de explosión do que foi logo a asociación até 1980. A carón deles había moita máis xente traballando cunha ilusión enorme. Mesmo nos teñen comentado que Os Cabaceiros sobordaron os 25O socios nos primeiros tempos (incluído o doutor Pascual que fora alcalde de Maceda anos antes).

Na terceira (collage con 4 imaxes) aparece outro tándem capital que tamén amosou grande capacidade de mobilización e de transformación do que parecía imposíbel. Estamos a falar do activista Bieito Seara (que logo sería moitas cousas máis: líder da comisión Pro-instituto, docente, xestor, alcalde de Maceda, alto cargo da Xunta de Galicia no goberno Bipartito, fundador desta Asociación Amigos de Francisco Carballo...). Outrosí o seu amigo Faustino Fontela Fernández que tamén tivo un papel salientábel na segunda etapa d´Os Cabaceiros (1981-1986), xunto co seu irmán Adelino, que nós coñecemos en Maceda afectuosamente co sobrenome de Pucholas.

Na cuarta imaxe aparecen persoas importantes vencelladas cun acto d´Os Cabaceiros a comezos dos anos 80 do século pasado. Aínda que non ten moi boa calidade, é un documento gráfico transcendental na historia dos doce anos deste fermoso proxecto cultural. Nela podemos ollar o Pucholas (que tamén foi moi activo nesta segunda xeira), o Nené, o Coqué, o Xabi e o Cali. Están na actual Praza do doutor Manuel Pascual Lage de Maceda.


N.B.- Queremos agradecer dende esta bitácora ao doutor José Manuel Lage, ao doutor Celso Sánchez e a Bieito Seara que nos pasasen estas e outras  importantes imaxes que inseriremos no audiovisual con esta fermosa música de fondo:

 https://www.youtube.com/watch?v=9nSTF_xtF44&list=RD9nSTF_xtF44&start_radio=1