Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

5 ANOS DESPOIS DO SEU PASAMENTO

Escrito por Fcarballo 28-11-2019 en cabodano. Comentarios (0)

O 29 de novembro de 2014, Francisco Carballo -como diría o seu amigo Xosé Luís Méndez Ferrín- pasou á outra banda do esquezo. Deixábanos con 89 anos lonxe da súa amada Galiza, aínda que en terras coñecidas e habitadas por el (en Salamanca estivera dende 1965 até 1973 como reitor do teologado de Santa Marta de Tormes). Regresou alí -xa moi magoado- ao abrollar o 2014 (ao que unha enfermeira que o coidaba nos dixo "era o cemiterio de elefantes” dos paúis de todo o territorio español, que tiñan alí o seu xeriátrico definitivo). É usual que os paúis que morren alí, se enterren alí. Porén, Francisco Carballo está soterrado na campa da parroquia de Asadur (Maceda), pola vehemencia da súa sobriña Milagros Calvo Carballo perante as autoridades da orde, ao salientar que esa era a súa vontade derradeira, que así o deixara escrito no libro de Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) e noutros documentos. Cumpriuse o que el desexaba, mesmo incinerado e descansando definitivamente na súa terra de orixe.

Pasaron cinco anos. Nese medio tempo artellamos a Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC), que xa leva organizados cinco roteiros polo que demos en chamar “Os lugares de Francisco Carballo”. Outrosí fixemos outro roteiro virtual na bitácora por Barakaldo (ver as 9 entradas en www.fcarballo.blogspot.es). Levamos, dende o 28 de setembro de 2016, que comezamos esta singular aventura como blogueiros, xa 245 achegas (con esta 246) nas que fomos peneirando moitas das súas fasquías vitais e intelectuais: teólogo, historiador, xornalista, político, director de centros de ensino (Marín, Barakaldo), reitor (teologado dos paúis en Salamanca), presidente de asociacións (Cultural de Vigo), impulsor de medios de comunicación (ANT, SERMOS GALIZA), presidente dunha editorial clave para a nosa memoria (Promocións Culturais Gallegas), inculturación da Igrexa galega (Encrucillada, Irimia)... Outrosí exhumando recensións de libros, tirando das Conversas, mesmo das Memorias inéditas (que nos pasou a Xan Carballa e a Santiago Prol -o mantedor desta bitácora-), das súas viaxes, das imaxes da súa vida, etc, etc, etc (como diría e escribiría el). Mesmo neste intre estamos artellando -a través da asociación- un acto para o 28 de decembro en Maceda titulado “Agrupación Cultural Os Cabaceiros 45 anos despois”, xa que logo el colaborou, mesmo axudou dende Vigo, para que o asociacionismo cultural na súa terra de orixe fose algo máis que unha anécdota.

Escollemos desta volta unha interesantísima foto del votando (no barrio de Lavadores en Vigo) nas Eleccións Xerais de outubro de 1982 (arrasou o PSOE de Felipe Gónzalez con 202 escanos e con aquel "escuro" 23F do ano anterior como pano de fondo). Naquela altura Francisco Carballo era candidato ao Congreso dos Deputados pola circunscrición de Pontevedra na coalición Bloque-PSG, na que o nacionalismo obtivera 38.437 votos. Queremos agradecerlle expresamente a Xan Carballa que tivese a ben pasarnos este documento gráfico capital do presbítero ilustrado de Maceda, que fornece -aínda máis- a bitácora e segue a manter acesa a chama da súa memoria como persoa entregada ao servizo do Noso País; a esa Galiza á que regresou en 1973 para traballar a tempo completo pola dignificación de todos Nós. Beizón! 

N.B.- Autoría da foto: Xan Carballa.

BNG E PATRIA

Escrito por Fcarballo 10-11-2019 en columnas. Comentarios (0)

Exhumamos hoxe (Eleccións Xerais do 10 de novembro de 2019) a columna “BNG e Patria”, que o presbítero ilustrado de Maceda publicou no número 1.239 do semanario ANT (12/X/2006): “Cada 25 de xullo milleiros de persoas fan coro na Praza da Quintana (en Compostela). É unha herdanza da noite das arengas dos anos 30. Daquela con Castelao e Alexandre Bóveda, ían a Santiago a alimentarse de historia, antes da hora dos “fogos do Apóstolo”, centos de nacionalistas galegos (...). No 1975 nace a ANPG que trae masa cidadá aos dous partidos, a UPG e o PSG. No 1977 acoden ás eleccións da nacente democracia como BNPG. Moitos coma min desa masa cidadá sentimos a obriga de lle dar soporte a un colectivo que nacía ao son do que din “os rumorosos” para artellar un País de persoas libres. Logo de “días e traballos” a prol dos desfavorecidos labregos, mariñeiros, obreiros e xente de ben, a ANPG deuse por desarticulada e no Pavillón de Riazor  viu a luz o BNG en 1982. Foran trepidantes os anos 1975-82. Foran crisol e temón; foran días de aprendizaxe e de forxa.

Antes de finalizar esta xeira saíu un libro de Historia de Galicia (Pontedeume, 1979) que remataba así: “Efectivamente, o proceso de liberación de Galicia estase a inscribir na Historia Universal como mun capítulo da liberación das clases e das nacións sometidas aos imperios”. O libro acadou relevo historiográfico e algún detalle deulles a certos ultras da Coruña ocasión para armar un tribunal propio de colonias de negreiros do século XVI. Eran os días do 23-F. Aguantamos.  Coñecín o BNG por dentro dende o Consello Nacional durante breve tempo. Sempre teño estado atento aos carreiros e travesías deste “facho de Galiza” (...). Outros han cantar a odisea cara a Ítaca deste BNG en navegación. Vixiantes porque hai farallóns na ría e sereas no porto. Singradura difícil mais segura. Estade atentos ao aturuxo”.  

N.B.- A ilustración collémola de www.elcorreogallego.es e foi tirada polo reporteiro gráfico Lavandeira JR o 25 de xullo deste 2019 na Quintana. Lembrar dende esta bitácora que, ademais de Francisco Carballo (que foi candidato ao Senado nas primeiras Eleccións democráticas logo do franquismo), Bieito Seara foino a finais dos 90 ao Congreso e que desta volta o doutor Celso Sánchez faino outra volta ao Senado nestas Xerais do 10 de novembro de 2019, pola mesma circunscrición electoral que Carballo e Bieito (Ourense). Tres macedáns en primeira liña. Parabéns, ánimo e sorte. Beizón!