Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (6)

Escrito por Fcarballo 28-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)

No café-bar Carabela xuntámonos un bo feixe das persoas que fariamos o roteiro. Logo fomos até ao edificio administrativo onde se sitúa actualmente a Casa do Concello. O alcalde Lores, ademais do relatado na anterior achega, agasallounos aos participantes no roteiro con dúas guías en formato libro: "Roteiro Sarmiento" e "Meu Pontevedra. Camiñadas con Castelao", xunto cunha mochiliña. Nomeadamente, da man do guía Roberto, centrámonos máis no roteiro Castelao: Café Moderno na Praza de San Xosé, Rúa da Oliva, Praza da Verdura, Praza da Leña, Igrexa de San Bartolomeu, Sexto Edificio do Museo de Pontevedra (con case todos os fondos pictóricos e viñetas de Castelao), Praza da Pedreira, Rúa Cesar Boente, Praza de Méndez Núñez, Rúa Real, Praza das Cinco Rúas, Praza do Teucro, Teatro Principal e Praza de Santa María. Continuamos o roteiro nós cara a Rúa Maceda, fronte ao Parador de Turismo, onde fixemos unha evocación das estadías de Francisco Carballo e dos seus vencellos coa cidade. Alí tomamos un refrixerio, logo fixemos o xantar de confraternidade entre os que puideron quedarse, para rematar fronte ao Instituto de FP A Xunqueira. Despois mesmo nos quedamos -o grupo matricial e abeirados- da AAFC de terraceo, nunha tarde moi agradábel, por esta Pontevedra chea de vida e gañada xa definitivamente para as persoas. Unha xornada completa. Abofé que sí.  

 

N.B.- As imaxes tirámolas algúns dos participantes do roteiro cos "mancontros" e a calidade é a que é. Aínda faremos unha sétima achega. Beizón.

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (5)

Escrito por Fcarballo 27-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)


O 26 de outubro deste 2019 foi un día pleno na lembranza de Francisco Carballo. Logo da xuntanza no Carabela, achegámonos até a Casa do Concello onde nos recibiu informalmente o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que evocou a grande relación que tivera con Carballo, mesmo contando anécdotas persoais. Logo contou porque hoxe Pontevedra é referente a nivel mundial e porque hoxe a cidade é un espazo para todos, sen coches nunha urbe que ten uns 54.000 coches para uns 50.000 condutores. Mesmo nos falou dos novos retos cos ciclistas, corredores e xente cos novos patíns, por iso o da velocidade 10 por toda a cidade peonil. Hoxe Pontevedra é un espazo de convivencia, cun comercio local moi potente. Mesmo debemos afastar esa crenza de que todo o que vén de fóra é mellor. Logo, da man de Roberto, o historiador, concelleiro e excelente guía que nos acompañou polo roteiro Castelao e algo do Sarmiento, gozamos dunha mañá moi enriquecedora polo casco vello desta fermosa cidade. Beizón ao Concello de Pontevedra e ao seu alcalde por acoller aos participantes (chegamos a ser, nalgúns intres do roteiro, 32 persoas). Penduramos hoxe a primeira parte das imaxes do mesmo. Noutra achega irán máis...


 


N.B.- Noutra achega penduraremos outro feixe de imaxes do roteiro. Na primeira -desta volta- aparece o alcalde Lores co seu amigo Celso Sánchez (dende a súa xeira como estudantes na Facultade de Medicina en Santiago de Compostetela). A segunda amosa tamén a varios membros da Asociación Amigos de Francisco Carballo. No resto das imaxes estamos percorrendo o roteiro Castelao, logo na Rúa Maceda co Parador de Turismo, para rematar abeirados ao Instituto de FP A Xunqueira. Beizón a todos por acompañarnos nesta loábel causa.

ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (4)

Escrito por Fcarballo 24-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)

Engade nas Memorias que, malia as enfermidades, recupera a participación política no BNG de Pontevedra, mesmo presenza frecuente no relixioso de Irimia, comunidade de Marín: “Dende que trasladei a praza de profesor a Pontevedra, asisto periodicamente ás xuntanzas do BNG alí. Son tido en conta e colaboro nas campañas electorais e noutros quefaceres [lembrar que o BNG, da man de Miguel Anxo Fernández Lores goberna Pontevedra dende o 4 de xullo de 1999, e que Francisco Carballo estivo moi implicado, nomeadamente en fasquías culturais comisariando exposicións, publicando biografías, impartindo conferencias, axudando a deseñar roteiros, accións vindicativas a prol do galego, etc]. Esta actividade resúltame satisfactoria, non me enche como podería, porque a legalidade eclesiástica, absurda e fora do tempo, non me permite unha total entrega a algo que vale a pena, e que podería darme máis capacidade de acción no Noso País”. Isto mesmo quixo inserilo nas Conversas (ANT, 2002). Agora ben, nunha longa e interesantísima entrevista (3 páxinas) que lle fixo o director do semanario ANT, Alfonso Eiré co gallo da súa xubilación (núm. 441 - 19 de xullo de 1990) e que tivo a ben pasarnos hai uns días Xan Carballa, o presbítero ilustrado de Maceda aseveraba que o traballo político non lle gustaba demasiado: " A min sempre me gustou a loita cultural, a loita teolóxica e, aínda que a loita política me parece definitiva, eu non me formei nesas palestras". Dende que regresou a Galiza en 1973, sempre exerceu a docencia en galego e sempre oficiou en galego. Por ese dobre compromiso tivo problemas coa Galiza oficial. En 1991 decide viaxar a Uruguai para ver á familia alí residente. Logo, en 1993 foi a Cuba para visitar outros familiares. Mesmo engade que “xa son moitos os sinais para adoptar unha vellez de signo contemplativo e pacífico”, algo que non fixo, pois estivo en moitas frontes até case o remate da súa vida. Segue reflexionando: “Acaba 1992 cando isto escribo. Vivo nun estatus orixinal. Sigo pertencendo á comunidade dos paúis de Marín, vou alí como unha semana ao mes; traballo n´ANT como colaborador, son o presidente da empresa e coordino a colección Historia de Galicia de ANT Edicións. Estou preparando o sétimo libro da colección Igrexa e sociedade en Galicia, unha aproximación á Historia da Igrexa Galega [ao final o título foi A Igrexa Galega]. Participo en Irimia, en encargos da congregación e na parroquia de San Xulián (Marín). A colaboración en actos da congregación, algúns cursiños, colaboracións para libros colectivos, etc. É pouco, pero forma parte do meu estatus orixinal”. ¿É pouco? Carballo en estado puro "no seu estatus orixinal"... 

N.B.- Na primeira imaxe (autoría de Xan Carballa), aparece o presbítero ilustrado de Maceda nunha das primeiras campañas a prol da Lingua galega no ano 1982 en Vigo. Na segunda (de www.turismo.gal) aparece a suntuosa escaleira do Parador de Turismo de Pontevedra (no que faremos unha paradiña o sábado no roteiro), que está a carón da Rúa Maceda, e que fora pazo oficial do III Conde de Maceda, o que está soterrado no Santuario da Virxe da Barca en Muxía. Para os interesados, eis o enlace sobre este pazo e sobre os condes de Maceda nun libro da nosa autoría: 

https://books.google.es/books?id=2hVgpMIUSNYC&printsec=frontcover&hl=es&source=gbs_ge_summary_r&cad=0#v=onepage&q&f=false

Outrosí o enlace ao que comunica hoxe a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) á que pertencía Francisco Carballo:

https://axendacultural.aelg.gal/tag/francisco-carballo/

Tamén vulgariza a nova o xornal La Voz de Galicia, edición de Pontevedra:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/2019/10/26/span-langglroteiro-pola-memoria-da-cidade-do-lerezspan/0003_201910P26C10996.htm


ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (3)

Escrito por Fcarballo 23-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)

Nas Memorias mecasnoscritas titulou o capítulo VII “Volta ao convento”. Comeza dicindo: “Morreu Serafín en agosto de 1985. A vida en Vigo ou tiña que ser en solitario ou había que modificar o esquema dos 12 anos pasados (1973-85). Medio sen pensalo, pedín incorporarme a Marín cos paúis, e seguín coas clases no Instituto con posterior traslado a Pontevedra. Abandonei as clases da Escola de Maxisterio de Vigo (...). No traslado a Marín só lentamente levo algúns efectos persoais. En 19875-86 aínda imparto docencia en Vigo. No 1986 empezo na Xunqueira en Pontevedra (...)”. Engadir que lle tocou cunha etapa da vida moi delicada de saúde (mareos, cólicos de vesícula, operación de pólipos rectais, dor de oídos...). Mesmo pensou que non lle ía quedar moito tempo de vida. Estivo de baixa laboral até marzo de 1987. Agora ben, el mesmo reafirma no libro de Conversas (ANT, 2002) que “o grao máximo de felicidade (a nivel docente) tíveno en Pontevedra. Tiñamos unhas relacións de fraternidade, de mutuo aprecio e de arelas de desenvolvemento individual e colectivo. Os alumnos eran instintivamente solidarios, entrañábeis, xenerosos. Proviñan do campesiñado, de familias mariñeiras e do proletariado. O ensino en Vigo era máis urbano. Na Xunqueira o profesor era un complemento do pai embarcado. Existía un fenómeno, aínda vixente, que permanece na antropoloxía histórica e que me chocou moito: cantidade de rapaces que falaban do tío. O irmán da nai tiña un rol moi forte coa ausencia do marido. Fun absolutamente feliz con eles no Instituto de Pontevedra (...). Para eles e para o profesorado a miña xubilación  en 1990 foi unha sorpresa. Para min foi unha “gracia”. Podía por fin dedicarme a escribir e ao ministerio cristián”. Mesmo nos contou que lle quedaba (cando se xubilou no verán de 1990) unha paga mensual de 100.000 pesetas [600 € de hogano] das que deixaba para a “casa" dos paúis de Marín unhas 80.000 pesetas e só quedaba con 20.000 pesetas para os seus gastos persoais (eiquí incluía todos os gastos do piso de Vigo, desprazamentos, libros, lecer, etc). Engade lapidario: “deféndome economicamente con grande austeridade”. Abofé que si.

N.B.- A imaxe do Instituto de FP da Xunqueira de Pontevedra tirámola de www.paxinas galegas.es

Engadimos o enlace sobre o Roteiro deste 2019 que aparece en SERMOS GALIZA (Carballo foi membro fundador), co título "Francisco Carballo reencóntrase con Pontevedra):

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/pontevedra-reencontrase-francisco-carballo/20191023100838085693.html


ROTEIRO POLA CIDADE DE PONTEVEDRA, 2019 (2)

Escrito por Fcarballo 21-10-2019 en roteiros. Comentarios (0)

En 1954 Francisco Carballo matriculouse nos cursos de doutoramento na Complutense en Madrid. Pensaba ser alumno do filósofo José Luís López Aranguren, todo un referente xa naquela altura, no tardofranquismo e logo nos primeiros anos do que se deu en chamar a Transición. Tivo que deixalo por presións da “casa” (léase dos Paúis). Enviárono a Marín a comezos do outono daquel 1954. Tiña 29 anos e foi destinado ao Colexio San Narciso en Chan do Monte como director técnico. Naquela altura multiplicou actividades (nomeadamente relixiosas dentro e fóra do centro de ensino). Daquela esixían residir fóra do ámbito familiar. Era un “principio de goberno aceptado dende o século XVI”. Engade Carballo: “Coidaban que senón se apoiaría moito aos parentes, aos veciños e aos paisanos”. Impartiu aulas en Chan do Monte, no Colexio do Sagrado Corazón en Praceres e no Colexio da Inmaculada. Tamén se implicou en cursiños da Cristiandade en Marín, Pontevedra cidade e polo resto do Morrazo: “Todo aquel nacional-catolicismo que comezaba a abrirse. Era unha pastoral recargada de actos e excesivamente inspirada na seminarística”.

No libro de Conversas (ANT, 2002) díxonos a Xan Carballa e ao mantedor desta bitácora (Santiago Prol) que fixera algunha entrada (fóra do ámbito relixioso) en Pontevedra: “Eiquí, no Morrazo estaba Alexandre Cribeiro (un dos fundadores do Grupo Brais Pinto). Xa se empezaba a falar un pouco do fenómeno galeguista. Fun á Universidade de Santiago varias veces, falei con xente, pensei mesmo en facer en Compostela o doutorado, pero non me concederon unha bolsa por idade. Daquela os referentes eran Cunqueiro e Castroviejo que daban charlas de gastronomía, caza... Todo moi light, pero xa se empezaba a falar. Se eu estivese iniciado, tería usado a diplomacia para non marchar (a Barakaldo) e meterme no proxecto que iniciou o nacionalismo eiquí na década seguinte”. Nas Memorias mecanoscritas que nos pasara (en 2001) engadiu: “Perdín a oportunidade de incorporarme á Galiza que empezaba a espertar. Sempre lamentei a miña falta de perspicacia e aceptar o cambio a Barakaldo en 1958”.

N.B.- Agradecemos a Xan Carballa o deseño do cartaz do roteiro por Pontevedra deste 2019. Beizón!