Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (3)

Escrito por Fcarballo 10-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Achegamos hoxe portada e contraportada do díptico que a Concellería de Cultura do Concello de Maceda tivo a ben imprentar e que se distribuirá o sábado, 14 de setembro á unha da tarde, denantes do comezo do acto da descuberta da placa. Outrosí a segunda parte da autobiografía que o propio Francisco Carballo pendurou na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e que vai completa nas dúas páxinas interiores do díptico, xunto co programa que xa avanzamos na primeira e segunda achegas:

"Desvelou a súa interioridade en Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002), obra de Santiago Prol e Xan Carballa. A esas conversas se remite. Toda a súa actividade estivo sempre arredor da historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente. Amou a montaña, o mar, o silencio das noites de luar e os días de choiva quente. Nos artigos en ANT e noutros medios, procurou combinar pensamento e bo expresar, gañando consciencia da lingua galega na que militou e quixo usar con rigor e estilo. Conservou o diario de melancolía e soños desde os 16 anos que aos 60 botou ao lume; gardou algo dos anos 1963 e seguintes. Nos anos 90 redactou unhas Memorias que serviron a Santiago Prol e Xan Carballa para as Conversas; de vez en cando proseguiunas.

Viviu no Morrazo dende que se xubilou como profesor. Compartiu casa con paúles; estivo activo: ministerialmente coa pequena Igrexa galeguizada de Irimia; culturalmente, con colectivos, v.g. Fundación Joan Maragall, Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), ANT e outros; intencionalmente, co BNG. Gustou da investigación e aceptou o ensaio como diálogo cos lectores. Como historiador publicou media ducia de libros capitais para a nosa memoria e unha ducia como coautor. Colaborou en A Trabe de Ouro, Seiva, Confer, Encrucillada, Anales C.M., Cadernos de Cultura ANT, etc. Escribiu semanalmente en ANT; periodicamente en A Peneira e ocasionalmente na prensa en xeral. Investigou sobre a Galiza Moderna e Contemporánea". Finou en Salamanca o 29 de novembro de 2014. Está soterrado na campa de Asadur (Maceda). Hogano a Asociación Amigos de Francisco Carballo mantén acesa a chama da súa memoria, mesmo coa bitácora www.fcarballo.blogspot.es


COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (2)

Escrito por Fcarballo 06-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

O día 14 deste mes de setembro, denantes de comezar o acto ás 13 horas, repartirase entre @s presentes un díptico no que vai  imprentada a Autobiografía que o propio Francisco Carballo tivo a ben inserir na súa entrada na web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (www.aelg.gal). Imos reproducila na bitácora -levemente modificada- en dúas achegas:

    FRANCISCO CARBALLO (1925-2014)

"Nacido o 8 de marzo de 1925 no lugar de Celeirón (parroquia de Asadur, Maceda - Ourense). O cuarto de sete irmáns (4 homes e 3 mulleres). Lembraba a súa infancia como inocencia, xogo e escola á que foi aos 5 anos; fixo a 1ª comuñón aos 6. Montou a cabalo dende sempre, porque o levaban de neno e sabía montar dende os 3 anos. Foi unha infancia divertida; a escola tenra; as feiras de Maceda os 4 e os 20, unha ilusión; os xogos na "carreira" continuos; a familia, un fogar entretido. Perdeu, por falecemento, a irmá maior cando tiña el 7 anos: foi moi amargo. Aos 11 anos pediu estudar nos Milagres -un santuario con preceptoría a 6 km. da casa. No 2º curso, no verán, faleceu seu pai: moi duro trance. Seguiu estudos. Aos 16 anos optou por un noviciado de paúles. 4 anos en Madrid máis 4 en Cuenca no máis puro "nacionalcatolicismo". Internado filosófico atroz. O teolóxico resultou amábel. Presbítero aos 24 anos (3 de xullo de 1949).

Profesor de seminario -cursos de Filosofía- e estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciado en 1954 con sobresaliente. Iniciou o doutorado a compatibilizar como director do colexio San Narciso de Marín, (1954-1958). Logo director en Barakaldo (1958-1965). No 1965 reitor do teologado de paúles en Salamanca. Renovación teolóxica ao ar do Concilio Vaticano II. Así 8 anos decisivos para mudar de mentalidade.

No 1973 decidiu voltar ao País. Vigo como domicilio; profesor da E.U. de Maxisterio e horas no Politécnico. Profesor e animador cultural, político e relixioso. Actividade relixiosa na Igrexa galega dos "Coloquios", de Irimia, etc. En Vigo había cregos obreiros e con eles viviu. Actividade cultural directa no barrio de Lavadores e na Asociación Cultural de Vigo que presidiu varios anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais Galegas (1977), editora d´A Nosa Terra. En política tomou parte na AN-PG e logo no BNG. Como escritor comezou en revistas relixiosas nos anos 1946-49. Logo publicou O Santuario do Monte Medo, que se esgotou nos anos 60. Ademais dos libros referidos na bibliografía, en Salamanca editou outros dous. Ten varias monografías en números extra d´ANT, ensaios en revistas internacionais. Escribiu semanalmente no periódico ANT recensións de libros e columnas de opinión (...)".

N.B.- A ilustración desta achega amosa o deseño definitivo da placa que se vai pendurar o 14 de setembro deste 2019 na Praza Francisco Carballo de Maceda, diante da biblioteca pública que mesmo leva o seu nome.

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (1)

Escrito por Fcarballo 05-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

O Concello de Maceda tivo a ben aprobar recentemente -en pleno- a execución da colocación da placa na Praza dedicada a Francisco Carballo, que xa fora proposta e aceptada ao remate da segunda lexislatura abandeirada por Xabier Oviedo como alcalde de Maceda (2011-15). Ubicada diante da Biblioteca Pública de Maceda, que tamén leva o seu nome, o acto do descubrimento da placa levarase adiante o sábado, 14 de setembro deste 2019, ás 13 horas. Nel intervirá o mantedor desta bitácora (Santiago Prol), na súa condición de presidente da Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC), que fará unha evocación ás súas orixes, ao seu lugar, da súa paixón polos cabalos, a súa fascinación  polas feiras de Maceda, da preceptoría asentada naquela altura no Santuario dos Milagres (Monte Medo); mesmo do seu pensamento, compromiso político, social e relixioso... Outrosí intervirá o actual alcalde presidente do Concello de Maceda, Rubén Quintas Rodríguez que fará o propio no seu recoñecemento institucional ao noso fillo sobranceiro. A Banda de Gaitas de Maceda interpretará o solemne Himno do Antigo Reino de Galiza, que tanto lle gorentaba ao presbítero ilustrado de Maceda. Pechará o acto oficial a banda co Himno Galego e, ao remate, agasallarán aos presentes cun petisco regado cun viño do país, mesmo para compartir o seu legado e a súa memoria con xestos de confraternidade. Dente esta bitácora  e dende a AAFC invitamos aos familiares, amigos, veciños, representantes políticos e xentes de ben vencellados con Francisco Carballo, para que teñan a ben acompañarnos neste acto vindicativo de recoñecemento ao noso teólogo e historiador. Beizón a tod@s! 

B.N.-  Escollemos intencionadamente esta iconográfica foto, autoría do prestixioso xornalista e fotoperiodista Xan Carballa (coautor con Santiago Prol do libro "Conversas con Francisco Carballo", ANT, 2002). Nesta imaxe podemos ollar a Carballo na Rúa Príncipe de Vigo a mediados dos anos 80, quizabes na súa mellor etapa biográfica a todos os niveis. Agracecémoslle dende a bitácora a Xan Carballa a cesión desta imaxe para o cartaz e para o díptico que imos repartir entre os presentes o 14 de setembro en Maceda e que vulgarizaremos en próximas achegas na bitácora. Beizón Xan!

Eis o enlace á marcha procesional do Antigo Reino de Galiza: https://www.youtube.com/watch?v=QiQz9vR0Zts