Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (e 8)

Escrito por Fcarballo 18-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Despois do breve relato do mantedor desta bitácora, o alcalde de Maceda invitou á sobriña de Francisco Carballo, Milagros Calvo, para que descubrise a placa. O texto consensuado foi: "PRAZA FRANCISCO CARBALLO, un referente na conformación dun proxecto histórico, social e cultural para Galiza", nun metacrilato azul como o da nosa bandeira. Logo o rexedor Rubén Quintas invocou a ese espíritu de concordia e colaboración que debemos ter entre todos para obter causas comúns, que mesmo redunden en beneficio da comunidade de Maceda. Que toda a corporación municipal actual estivese representada na súa integridade no acto, significa que se pode chegar a acordos e consensos máis alá das siglas de cada quen. Dende esta bitácora queremos agradecerlle ao alcalde, ao departamento de Cultura, aos representantes políticos presentes, á familia, amigos e veciños en xeral, que o nome de Francisco Carballo amose ese espíritu de concordia do que falabamos antes. Beizón!

N.B.- A primeira e segunda imaxes (e as dúas últimas) foron cedidas polo departamento de Cultura do Concello de Maceda ao que lle queremos agradecer a cesión. Nas primeiras aparece o alcalde, Rubén Quintas e a sobriña de Francisco Carballo. A terceira imaxe, xunto con outras anteriores, foron tiradas polo doutor Celso Sánchez. As dúas últimas amosan a parte do público presente no acto.

Eis algúns enlaces relacionados co evento:

https://axendacultural.aelg.gal/2019/09/13/maceda-colocacion-dunha-placa-de-homenaxe-a-francisco-carballo/

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/maceda-manten-viva-memoria-francisco-carballo/20190911093902083920.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/maceda/2019/09/10/maceda-recuerda-placa-clerigo-francisco-carballo/0003_201909O10C7993.htm

https://www.farodevigo.es/portada-ourense/2019/09/10/maceda-coloca-placa-honor-francisco/2168020.html

https://es.makemefeed.com/2019/09/11/maceda-coloca-una-placa-en-honor-a-francisco-carballo-13036157.html


COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (7)

Escrito por Fcarballo 18-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Lembrou logo o mantedor desta bitácora que no libro de Conversas (ANT, 2002) lle comentaran que había xente que o identificaba cos “Cristiáns polo socialismo” que se crearan en 1974 e que tiñan en Galiza ao crego Celso Montero como delegado principal. Francisco Carballo engadiu: “Naquel tempo eu vía con bos ollos unha recuperación do socialismo, pero nunca me metín nese movemento. Hoxe o socialismo histórico e o comunismo fracasaron, pero a inspiración non. Hai que crear unha alternativa a este capitalismo salvaxe e pódese chamar socialista. Non temos ningunha experiencia mundial, temos o fracaso histórico das formas que adoptou, tanto a comunista como a socialdemócrata, na que queda unha levísima esperanza. Pero non nas formas que adopta a terceira vía, a terceira esquerda, o liberalismo libertario... puro artificio lingüístico. Hai que crear unha alternativa seria de igualdade, de paz, que xa estaba nos pensamentos filosóficos con Marx e despois de Marx. Para min a mellor formulación de todo isto é a da escola de Frankfurt, de Adorno, de Marcuse, como pensamento filosófico-político co que debe dialogar o cristianismo. E, ao lado de todo isto, a fórmula da Teoloxía da Liberación en Latinoamérica. Son as máis avanzadas. Como vedes estou nunha postura, politicamente falando, de búsqueda. Ás veces escribo que o nacionalismo galego debe reelaborar estas cuestións, porque a socialdemocracia non é satisfactoria”. ¡Carballo en estado puro!

N.B.- Na primeira imaxe podemos ollar parte da banda de gaitas de Maceda interpretando -ao comezo do acto- a marcha procesional do Antigo Reino de Galiza. Tamén aparecen o alcalde Maceda, Rubén Quintas e Santiago Prol representando á Asociación Amigos de Francisco Carballo. Na segunda imaxe, coa sobriña Milagros Calvo Carballo en primeiro plano, podemos ollar parte do público presente, entre o que se atopaba xente dos cinco partidos políticos con representación institucional no Concello de Maceda. Beizón a todos el@s pola súa presenza no acto, á familia e ao público en xeral.

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (6)

Escrito por Fcarballo 17-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Sinalou despois o mantedor desta bitácora que Francisco Carballo foi un adiantado en moitas frontes: primeiro paúl licenciado en Historia no Estado español, director do colexio dos paúis en Marín moi novo (tiña 29 anos), director en Barakaldo -colexio dos paúis no barrio de Beurko-  con 33 anos (1958-65) -o seu mellor feito histórico baixo os parámetros daquel nacional catolicismo coas misións populares no día a día da xente-, reitor do teologado de Salamanca  con 40 anos (1965-73) e coa renovación teolóxica ao ar do Vaticano II, que lle axudou a mudar a mentalidade. No verán de 1973, con 48 anos de idade, decidiu dar un xiro copernicano á súa vida e regresou ao Noso País, a Vigo pra vivir nun piso de curas obreiros (el que puido ser bispo e chegar onde chegou outro egrexio relixioso macedán, o cardeal Quiroga Palacios). Alí, na fronteira do eclesial e no corazón do debate social, procurou unha inmersión global na sociedade: política, docencia, investigación histórica, cultura, xornalismo, mundo editorial, inculturación da Igrexa galega arredor de Irimia... 

N.B.- Na primeira imaxe aparece o alcalde de Maceda, Rubén Quintas -coa sobriña do homenaxeado, Milagros Calvo Carballo- e, ao fondo, parte da xente de ben presente no acto: familiares, veciños, amigos e representantes políticos de Maceda. Na segunda imaxe podemos ollar á sobriña de Carballo descubrindo a placa.

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (5)

Escrito por Fcarballo 16-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Despois de escoitar o solemne Himno do Antigo Reino de Galiza que tanto lle gorentaba a Carballo -nunha loábel interpretación da banda de gaitas de Maceda- e de ler a sentida mensaxe do presidente da AELG, repartiuse o díptico entre os presentes. Escollemos unha das fotos iconográficas que lle tirara Xan Carballa na rúa Príncipe de Vigo a mediados dos anos 80, cun Carballo pletórico e transgresor para os parámetros convencionais daquela época. Santiago Prol leu só o primeiro parágrafo da autobiografía (reproducida no díptico e que el publicara na súa entrada en www.aelg.gal). Francisco Carballo falaba da súa infancia no lugar de Celeirón (niño de reiseñores), da parroquia de Asadur, da familia, das feiras de Maceda, dos xogos, da escola republicana e de que montou a cabalo dende sempre, pois sabía montar dende os tres anos. No libro de Conversas (ANT, 2002)  díxonos que o que más botaba en falta no Morrazo naquela altura –tiña 76 anos- era non ter un cabalo: “Os meus curmáns dedicábanse a vender e a mercar gando, como todos os Solveiras. Nós tiñamos cabalo na casa. Os nosos parentes viñan na primavera coas greas de gando, maiormente poldros e cabalos, para que engordasen e se vigorizasen e logo vendíanos na feira de Maceda. Eramos bos xinetes e a miña ilusión, aínda hoxe, sería ter un cabalo. Nós nacemos nos cabalos, era algo consubstancial ao noso tempo”.

N.B.- Inserimos nesta achega dúas fotos tiradas no acto. Na primeira aparece a banda de gaitas de Maceda e na segunda a placa -co fondo azul da nosa bandeira- xa pendurada na praza que leva o nome do presbítero ilustrado de Maceda.

COLOCACIÓN DA PLACA NA PRAZA FRANCISCO CARBALLO (4)

Escrito por Fcarballo 13-09-2019 en homenaxes. Comentarios (0)


Logo de saudar ás autoridades, representantes políticos, familia de Francisco Carballo, veciños e amigos presentes no acto  [unhas 70 persoas] Santiago Prol, en nome da Asociación Amigos de Francisco Carballo, agradeceulle ao alcalde de Maceda, Rubén Quintas e á actual corporación municipal -ao completo- e ao anterior alcalde Xabier Oviedo e á corporación daquela altura (febreiro de 2015), que este recoñecemento sexa unha realidade integral. Denantes da súa intervención, leu a sentida mensaxe que lle enviou o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, ao non poder estar físicamente no acto:

Sinto moito non vos poder acompañar, por estar fóra do País. Parabéns pola iniciativa coa que honrades a súa memoria e facedes que sexa parte do noso presente a determinar o noso futuro, que acalma a nosa orfandade pola súa ausencia. Boto tanto en falta a súa sabedoría, a calidez da súa amizade fraterna, a súa sobria tenrura, a súa afouteza intelectual! A súa implicación en construír proxectos colectivos fixo del o mestre necesario, o bo e xeneroso que di o noso himno nacional dos que día a día constrúen a nación. Parabéns por este acto de celebración da súa vida e da súa obra. A súa fértil conciencia abriu camiños que de certo el sabía nos levarán a que esta terra que el tanto amou, exerza o irrenunciábel dereito a poder determinar o seu futuro. Cunha aperta fraterna e nacionalista, Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

N.B.- Escollemos intencionadamente para esta achega unha foto do 4 de agosto de 2000, ao abeiro do Castelo de Maceda, cando lle fixemos a Francisco Carballo a homenaxe como o FILLO MÁIS SOBRANCEIRO VIVO DO CONCELLO DE MACEDA. Na cea de confraternidade, na que asisiran unhas 130 persoas, Cesáreo Sánchez Iglesias fixera outra loa moi acesa a prol do presbítero ilustrado de Maceda. Beizón! 

Outrosí penduramos o enlace da nova que apareceu -logo do acto- no xornal La Voz de Galicia, xunto coa foto que o acompaña e na que podemos ollar xa descuberta a placa e á sobriña do presbítero ilustrado de Maceda, Milagros Calvo Carballo, co alcalde de Maceda, Rubén Quintas (á esquerda da imaxe) e con Santiago Prol, o mantedor desta bitácora:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2019/09/14/francisco-carballo-placa-maceda/00031568482156290110290.htm# 

Fonte da imaxe: www.lavozdegalicia.es