Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

RECOÑECEMENTO DO HISTORIADOR JOSÉ RAMÓN RODRÍGUEZ LAGO

Escrito por Fcarballo 21-08-2019 en vídeos. Comentarios (0)

A Universidade de Alcalá organizou en abril de 2015 un evento internacional sobre "A historia relixiosa da España Contemporánea". O invitado galego foi o historiador José Ramón Rodríguez Lago, un dos máis salientábeis especialistas na temática relixiosa do Noso País actualmente e novo referente da mesma. A súa ponencia tratou sobre a "Historia relixiosa en Galicia". Comezou falando de tres historiadores capitais na temática relixiosa: o franciscano José García Oro, especialista na Idade Moderna; Francisco Carballo "recentemente falecido, un relixioso da congregación dos Paúles, que non só foi un dos impulsores da historiografía sobre a Igrexa dende un punto de vista valente, mesmo de profundización científica, que ademais impulsou a creación da editorial A Nosa Terra que abordou estas temáticas; outrosí o catedrático Xosé Ramón Barreiro Fernández (director das 4 teses doutorais que nos 90 e primeira década do 2000 abordaron esta temática eclesiástica). Estes tres historiadores (García Oro, Carballo e Barreiro) xa non están ou non están en condicións de asumir a produción historiográfica. Ten que ser o relevo os que asumamos esta temática...". O vídeo que rescatamos hoxe prá bitácora, dura 15 minutos e 53 segundos. De Francisco Carballo fala dende o minuto 2:11. Paga a pena escoitar integramente este documento audiovisual dun dos grandes investigadores actuais galegos sobre temática relixiosa, que mesmo lle ten metido o dente á enorme figura do Cardeal Quiroga Palacios (outrosí orixinario de Maceda como Francisco Carballo).  A foto de José Ramón Rodríguez Lago tirámola de www.farodevigo.es. Beizón!

Eis o enlace a este interesante documento audiovisual: https://www.youtube.com/watch?v=MSCZxCmWefE

REBOIRAS E CARBALLO COA OLLADA DE NEMESIO BARXA

Escrito por Fcarballo 14-08-2019 en cabodano. Comentarios (0)

No xornal SERMOS GALIZA, e con data do 12 de agosto deste 2019, Nemesio Barxa, que fora o avogado defensor de Francisco Carballo, pendura a extensa columna “No quarenta e quatro aniversario do assasinato de Moncho Reboiras”. Un interesante traballo do que imos recuperar a parte na que aparece referenciado o presbítero ilustrado de Maceda: (...) “No ano de 1979 Francisco Carballo colaborou num livro coletivo de “Historia de Galicia” (AN-PG), assumindo Carballo redigir o capítulo correspondente a os últimos anos e referiu-se á morte de Reboiras manifestando que “... a Policia Española asesinou a Xose Ramón Reboiras, um dos dirixentes da UPG”, frase que aproveitou a policia para denuncia-lo por calunias; aberturou-se um sumario que foi arquivado mas, recorrido o arquivo, continuou a tramitação, assumindo eu sua defensa e imediatamente aproveitei para solicitar entre as provas propostas que se requeresse do Tribunal Militar copia do praticado nas atuações seguidas pela morte de Reboiras, alegando que para defender a acusação de calunia precisava demostrar que o feito imputado era certo. Remitiram-nos o expediente e pudemos comprovar o cúmulo de falsidades tanto no declarado pela policia no processo de Carballo como nos comunicados á imprensa no momento dos feitos. Lamentavelmente o expediente completo, incluso o correspondente ao processo de Carballo do meu escritório, desapareceu no incendo do escritório de um colega a quem eu havia prestado. Mas se houvera investigador ou historiador que tivera interesse nele poderíamos obtê-lo na Audiência provincial de A Coruña, nos seus arquivos.

De qualquer jeito a policia havia declarado que o corpo de Reboiras estava fora do portal com a mão estendida, confundindo esquerda com direita, rente da pistola, como se houvera saído pegando tiros. O certo era que o corpo de Reboiras estava no interior do portal com um tiro na caluga que, ao parecer foi o que o matou, e vários na espalda e a porta do portal totalmente acribilhada. A pesar de todo Carballo foi condenado (anedoticamente, Carballo, segundo me confessou, na redação original havia escrito que Reboiras foro “abatido” pola policia e foi o editor o que mudou de abatido a “asesinado”, circunstancia que Paco se negou a utilizar na sua defensa). Os policias intervintes nem forem investigados; mais bem premiados por dar morte a um perigoso terrorista que tinha em carteira cometer novos delitos (...).

N.B.- O retrato de Nemesio Barxa tirámolo de: 

https://barxadvogados.gal/staff-view/nemesio-barxa-alvarez

A salientábel colaboración de Nemesio Barxa en SERMOS GALIZA podemos ollala completa en:

https://www.sermosgaliza.gal/opinion/nemesio-barxa/quarenta-quatro-aniversario-do-assasinato-moncho-reboiras/20190811215327083021.html


O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (9)

Escrito por Fcarballo 09-08-2019 en libros. Comentarios (0)

Engade Abel Yebra, no número de maio / xuño de 2004 da revista "Yuca", un novo apartado: O Cristianismo: "Na Igrexa Católica subsiste a Igrexa de Cristo, sen dúbida; pero noutras comunidades cristiás, ¿quen pode medir a presenza salvífica de Cristo? Francisco Carballo subliña a distinción entre igrexas históricas, evolutivas e o cristianismo. O cristianismo é plural e está por riba dunha ou doutra igrexa. A resurrección de Xesús é o que divide aos cristiáns dos non cristiáns. Xesús é a suprema realización humana... Xesús foi un rebelde relixioso. Neste vieiro de Xesús encarreirase Francisco Carballo (...)". 

N.B.- Na foto -autoría de Xabier Oviedo- podemos ollar a entrada principal do reitorado dos PP. Paúles de Salamanca que dirixiu Francisco Carballo dende mediados dos anos 60 até 1973, nuns anos abondo convulsos logo do Concilio Vaticano II e a súa complicada posta en escea -praxe-, que conlevou unha crise xeralizada nos seminarios e reitorados relixiosos de todo o Estado español e do que Salamanca non foi alleo.

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (8)

Escrito por Fcarballo 02-08-2019 en libros. Comentarios (0)

No número de maio/xuño (2004) da revista "Yuca", Abel Yebra segue peneirando o libro de "Conversas con Francisco Carballo" (Prol / Carballa, 2002). No apartado Relixión e Ciencia, imprenta verbas, que o presbítero ilustrado de Maceda avanzaba sobre un tema abondo salientábel, que nós lle tiñamos formulado: "A Ciencia non me di que existe Deus, nin que non exista. A única instancia miña da miña aceptación de Deus é Xesús, e non teño outra, nin filosófica, nin científica". Históricamente a Igrexa tívolle medo á Ciencia. Hoxe, dende Pío XII ("Divino Affante Spiritu") e Xoán XXIII "Pacem in Terris") xa non. É algo superado. A teoría do "Big-Bang" non contradí as teorías bíblicas dunha Creación. Si dicimos que todo o Universo procede dun primeiro punto que se desprega, estamos admitindo que hai algo que se nos escapa á análise e que dicimos que é Deus".

N.B.- Na imaxe podemos ollar parte do edificio dos PP Paúles de Salamanca, cuxo reitorado estivo abandeirado por Francisco Carballo dende mediados da década dos 60 até o seu regreso a Galiza en 1973.