Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (6)

Escrito por Fcarballo 27-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Nos seguintes parágrafos engade o relator d´ANT que pechou o acto o propio Francisco Carballo, que se presentou coma un mestre que non quixo constreñirse á cátedra [e que mesmo apostou en clave nosa co enorme potencial humano que traballa arreo a prol do Noso País]: “Fun durante máis de 40 anos profesor, exercín como crego e dentro da Universidade Complutense de Madrid, pero destináronme como profesor e recibín unha gratificación grande nese oficio. Os medios de comunicación fan un grande papel, pero os educadores, e eiquí hai moitos, teñen unha función moi importante. Fun durante moitos anos unha persoa que me din conta de que había que participar en movementos de acción social, sindicais e políticos. Penso que hai que ser tecnicamente bos docentes, pero debemos unirlle a acción social. O Noso País precisa ilustración, formación, maduración, confianza en si mesmo. E iso non só se fai a través da escola, senón na participación nos debates da sociedade. Fun un participante casual no proxecto que chamamos A Nosa Terra. A través dun telefonazo vinme nunha notaría para fundar un órgano de prensa  e alí naceu un semanario. Quedariades asombrados se contase a historia polo miúdo [peneiraremos esta fasquía noutra achega]. Porque naceu cunhas enerxías que desafiaban as regras da natureza e destinábano a converterse nun bonsai. Pero o traballo de moita xente durante anos, no que me vin envolto, conseguiu sacar adiante este proxecto que tanto significa hoxe no Noso País. Eiquí aprendín moitísimo. Eu fora educado na época franquista, na xeira dos seminarios, nunha Complutense que nos anos 50 era un cuartel de 2ª categoría. A través destas iniciativas eduqueime na democracia, no traballo colectivo, na actividade cultural, e síntome satisfeito do que fixen. Agora confío en vós, porque esta é unha obra de todos. Moitos xa sodes accionistas, pero hai que comunicar, hai que escribir, porque esta é unha obra importante que o Noso País precisa. Aos que fixeron esta homenaxe, á que eu era reticente, en vista da vosa simpatía e solidariedade, síntome agradecido e brindo pola amizade. ¿Como unha nación con esta xente non vai ir adiante? Beizón a todos e sigamos con paso firme, porque temos todo o futuro por diante.” 

N.B.- A imaxe de Francisco Carballo, na súa intervención de reflexión e agradecemento ao remate da cea no restaurante El Castillo, no Monte do Castro en Vigo [hoxe desaparecido], foi tirada polo reporteiro gráfico Anxo Iglesias (fonte: ANT, núm. 731).

HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (5)

Escrito por Fcarballo 22-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Engaden logo no núm. 731 d´ANT: “Fixo uso da palabra en nome do Consello Nacional do BNG, Lois Pérez Castrillo. O concelleiro nacionalista [sería alcalde de Vigo dende 1999 até o 2003 e -20 anos antes-  alumno de Francisco Carballo na Escola de Maxisterio] lembrou “que el nos ensinou a todos que as organizacións de todo tipo fanse dende abaixo e co esforzo de todos, sen protagonismos, como mellor garantía de futuro. O nacionalismo galego sempre terá que agradecerche a túa entrega, en tempos en que ademais non era a opción política que parecía ter máis futuro”. Alberte Ansede pola Asociación Sociopedagóxica Galega [AS-PG], fíxolle entrega dun agasallo que consistía nun debuxo de Xaquín Marín. Despois Xan Hermida, en nome da Asociación Cultural de Vigo, da que foi presidente Francisco Carballo máis de sete anos, lembrou o seu inxente traballo de divulgación e impulso de iniciativas de base, “sen dicirlle nunca a nada que non, e sabendo facer a síntese das opinións discrepantes”.

En nome da Asociación de Escritores en Lingua Galega [AELG] interviu Manuel María e leuse un  poema de Lois Dieguez, feito cando o homenaxeado foi procesado polo manual Historia de Galicia editado pola Fronte Cultural da AN-PG en 1979, “Louvado e esgrevio patriota / de pluma ben medida, que non trema / cronista do povo / que te chama en cada feito / pra mostrarche o seu sangue derramado: / hai unha estrela espetada en cada peito, / un xardín ofrecido en cada man, / un sorriso, unha pomba e unha espada / que sempre guiarán o teu anseio”. Cesáreo Sánchez Iglesias [daquela presidente de Promocións Culturais Galegas e hogano presidente da AELG], fixo unha loa da actividade de Francisco Carballo, “grazas a persoas da túa integridade moral, grazas a referentes coma ti, podemos celebrar que a colleita sexa abondosa e que a semente do futuro agrome xa dende o máis profundo da Nosa Patria” (...). 


HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (4)

Escrito por Fcarballo 17-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Seguimos coa crónica do semanario: “A homenaxe promovida por A Nosa Terra á figura de Francisco Carballo, un dos fundadores da empresa editora e artífice principal na continuidade do proxecto durante case dúas décadas, xuntou ao seu redor a varios centos de persoas, tanto na mesa redonda como na cea posterior. Na redacción do periódico recibíranse unha manchea de mensaxes de felicitación de organizacións e de persoas que non podían asistir, pero que querían deixar a súa testemuña, algunhas das cales foron lidas durante o acto da noite. Foron lidas mensaxes dunha manchea de organismos de base do Bloque Nacionalista Galego (BNG), organización política na que Carballo tivo sempre unha participación moi intensa, sendo candidato en diversos procesos electorais polas circunscricións de Ourense e Pontevedra... Interviron representantes de organizacións vencelladas á biografía de Carballo. Abriu a rolda, en nome dos traballadores do semanario, Afonso Eiré, que lembrou a anécdota da chegada a Vigo da empresa, despois dunha importante crise económica: “Carballo dicíame que el non vía claro o futuro, pero como tiñamos tanta ilusión, non ía botarse el atrás. Así é Carballo: un home bo”.

Recibíronse pronunciamentos de concellos (Allariz, Cangas, As Pontes e Vilar de Santos) e, en persoa, trouxeron o seu saúdo os alcaldes de Fene, Corcubión, Moaña e Bueu, intervindo o ex alcalde de Maceda, o nacionalista Bieito Seara, que lembrou como estivera na idea inicial da homenaxe, celebrala no propio concello natal de Francisco Carballo: “Non puido ser polas circunstancias que atravesou o goberno municipal” [léase por mor da -exitosa e vomitiva- moción de censura pactada (nas cúpulas provinciais e coa conivencia de "outros poderes" aínda máis arriba) entre o PP e o PSOE para expulsar ao rexedor nacionalista de Maceda da alcaldía]. Logo engadiu Bieito Seara: “Pero xa a biblioteca pública de Maceda leva o teu nome”, dirixíndose a un Carballo que logrou conter a emoción durante toda a noite”. Na próxima achega exhumaremos as intervencións de Manuel María, Lois Pérez Castrillo, Alberte Ansede, Xan Hermida...

N.B.- A primeira imaxe tirámola do núm. 731 do semanario ANT, a de Afonso Eiré de www.elpais.com e a de Bieito Seara de www.laopinioncoruna.es


HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (3)

Escrito por Fcarballo 11-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

Ao acto académico no Centro Cultural Caixavigo, o xornal titulouno: “O impulso da historiografía propia foi paralelo ao rexurdir nacionalista”. Logo engadía: “Francisco Carballo, Anselmo López Carreira, Bieito Alonso e Lois Obelleiro, participaron na tarde do día 15 de xuño nun acto baixo o título “Nacionalismo e historia”, que serviu para reivindicar a construción dun discurso propio nas investigacións históricas [Cesáreo Sánchez Iglesias faría de moderador]. Xunto a Felipe Senén, son os autores do volume Historia de Galicia, que abre a colección do mesmo nome que publica Edicións A Nosa Terra. Anselmo López Carreira explicou como o grande impulso da historiografía galega prodúcese no XIX, “con persoas como Murguía, Vicetto ou López Ferreiro. Xustamente nesa época estase producindo a emerxencia do nacionalismo galego nun fenómeno parello a outros lugares en Europa. Quero reivindicar esas figuras como pais da historia científica na Galiza” afirmou. “Se a evolución historiográfica é parella ao nacemento das nacións, é lóxico que os debates do nacemento da conciencia desa nación se transfiran aos debates sobre a historia. Murguía e Vicetto discutiron moito entre si e hoxe preténdese establecer unha ruptura con eses pais da historia científica de Galiza”.

Francisco Carballo fixo fincapé outra volta nesa coincidencia no emerxer do nacionalismo e o relanzamento da historiografía galega, “á que sempre estiveron alleas as institucións oficiais até os anos 70”, e reivindicou o papel que tivo A Nosa Terra como punto de encontro para buscar enfoques, discutilos e axudar a atopar respostas. Carballo explicou sinxelamente o papel que tivo a desgaleguización da Igrexa a partir dos Reis Católicos como “factor de sometemento: substitución dos bispos, da igrexa monacal, dos cregos das parroquias, etc., toda unha mutación que impuxo un modelo alleo e que deu lugar a unha Igrexa de costas ao País”. Lois Obelleiro reivindicou a “necesidade de facernos con instrumentos propios para transmitir unha historia aos cidadáns e aos estudantes, que centre o coñecemento na realidade do mundo”. Como contraste puxo numerosos exemplos da educación que se recibía no franquismo. Bieito Alonso agradeceulle a Francisco Carballo telo incorporado ao proxecto da Historia de Galicia e lembrou unha anécdota común á xente da súa xeración, nacida na segunda parte dos anos 50, “cando eu fun a Santiago de Compostela a estudar na universidade, polo 74, non ouvira nunca quen fora Castelao ou Suárez Picallo ou Alonso Ríos”, reivindicando perspectivas propias en problemas fundamentais como pode ser o da emigración.  

N.B.- A imaxe do acto académico no Centro Cultural Caixavigo tirouna Anxo Iglesias, que faría o propio co resto da reportaxe gráfica daquela homenaxe (ANT, núm. 731).

HOMENAXE D´A NOSA TERRA EN VIGO, 1996 (2)

Escrito por Fcarballo 07-04-2019 en homenaxes. Comentarios (0)

No número 731 do semanario ANT (20/VI/1996) aparecía na portada un titular: “Homenaxe a Francisco Carballo, historiador e fundador de A Nosa Terra”. Logo imprentaban telegraficamente a súa traxectoria dende que regresara ao Noso País en 1973: “Na tarde noite do 15 de xuño, o historiador Francisco Carballo recibía a homenaxe de máis de 200 persoas chegadas a Vigo dende toda Galiza, Recoñecían nel o maxisterio e o bon facer dunha persoa que resultou clave no desenvolvemento de proxectos como Promocións Culturais Galegas, o asociacionismo cultural de base, a conformación dunha verdadeira escola de historiadores ou a galeguización do cristianismo de base”. Remitíannos logo ás páxinas 26 e 27 dedicadas integramente ao recoñecemento que a xente abeirada ao círculo d´ANT lle facía ao presbítero ilustrado de Maceda. O titular avanzaba: “A homenaxe a Francisco Carballo xuntou a varias xeracións de nacionalistas. Todos recoñeceron a súa capacidade de unir esforzos”. Continuaban despois da entradiña imprentada na portada: “A homenaxe promovida por A Nosa Terra á figura de Francisco Carballo, un dos fundadores da empresa editora e artífice principal da continuidade do proxecto durante case dúas décadas, xuntou ao seu redor a varios centos de persoas, tanto na mesa redonda que baixo o título “Nacionalismo e historia”, reuniu a algúns dos compoñentes do grupo coordinador da Historia de Galicia que Francisco Carballo dirixe, como na cea posterior. Na redacción do periódico recibíranse nos días anteriores unha manchea de  mensaxes de felicitación de organizacións e de persoas que non podían asistir, pero que querían deixar a súa testemuña, algunhas das cales foron lidas durante o acto da noite”. Denantes, desenvolveran o -masivo- acto académico a xeito de mesa redonda no Centro Cultural Caixavigo, que o xornal titulaba: “O impulso da historiografía propia foi paralelo ao rexurdir nacionalista”. Meterémoslle o dente na seguinte achega.  

N.B.- A primeira imaxe apareceu na portada do semanario o 20 de xuño de 1996. A segunda amosa a cabeceira dese número (731).