Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

NA CASA GRANDE DE MANUEL MARÍA

Escrito por Fcarballo 26-03-2019 en lugares. Comentarios (0)

A amizade de Francisco Carballo con Manuel María podemos levala até 1977, cando o presbítero ilustrado de Maceda entra de cheo no mundo da política, mesmo como candidato ao Senado pola circunscrición de Ourense e Manuel María tamén como candidato ao Senado pola de Lugo, os dous baixo as siglas do BN-PG. Mesmo aparecen nun vídeo de peche de campaña no vello pavillón de Sar en Compostela do que xa temos falado [*]. Naquela altura Manuel María residía en Monforte de Lemos traballando como procurador, impartindo aulas en academias e á fronte dunha librería que rexentaba en tándem coa sua compañeira Saleta Goi. Meterémoslle o dente a esa amizade en varias achegas. Desta volta queremos reparar na singular Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei, o seu lugar natal, acaroada á casa do concello (aínda que cun letreiro equívoco...). O poeta chairego deixou inmortalizado: "Eu nacín nunha casa moi fermosa e, nela, deixei o meu pasado, o tempo da nenez, o soño ousado e a miña adolescencia tormentosa". Visitamos esta casa grande -que non ten nada que envidiarlle a outras casas literarias que temos polo Noso País- este domingo pola mañá. Tivemos a fortuna de atoparnos con Antón, un guía moi profesional que amosaba paixón polo poeta da Terra Chá. Fomos percorrendo estancias, mundos e legado do escritor durante case dúas horas. Sabíamos da súa interesante pinacoteca con cadros dos mellores artistas galegos da súa época. Tamén que tiña unha biblioteca con máis de 12.000 libros. Nós fornecémola con outro da nosa autoría: a monografía que lle dedicamos a Manuel Vidal (Prol: 2017). Mobiliario, documentos, obxectos (nomeadamente navallas e cerámica de Sargadelos), primeiras edicións..., metéronnos de cheo na súa traxectoria literaria e vital. Manuel María era catro anos máis novo que Francisco Carballo (nacera en 1929). Ao longo da visita departimos co guía sobre esa relación en distintas etapas das súas vidas. Mesmo nos comentou Antón que el estivera na Homenaxe Nacional que lle fixemos en Maceda a Francisco Carballo, poucos días despois do pasamento do historiador en 2014. Invitamos a quen nos visite nesta bitácoca, se achegue até esa fermosa Casa-Museo Manuel María. Logo que vaia de vagar pola beira do Pai Miño que está ao seu carón, mesmo baixando pola rúa que leva o nome do poeta no seu concello natal. Seguiremos co vencello. Beizón!

N.B.- A primeira imaxe amosa parte do díptico que lle dan aos visitantes, e que nós inserimos cunha imaxe do folleto co que tamén agasallan a quen visite este interesante museo. Na segunda imaxe podemos ollar a placa da rúa que leva o seu nome e na terceira ao Pai Miño, moi perto do berce do poeta chairego, mesmo onde se xunta co río Ladra [e o Río Pequeno -que el colocaba, literariamente falando, ao mesmo nivel que os outros dous]-. Podemos disfrutar dunha ruta de sendeirismo -con muíños acaroados- abondo interesante...

Eis o enlace á moi aqueloutrada páxina web da Casa-Museo de Manuel María en Outeiro de Rei. Paga a pena reparar nela:

http://www.casamuseomanuelmaria.gal/portada.htm;jsessionid=832BED34BE86399D3D9C700A47845A3A

[*] O vídeo referenciado -do que xa temos falado na bitácora e no que aparecen Francisco Carballo e Manuel María, ao comezo e ao remate da inestimábel montaxe audiovisual de Xan Carballa-, inserímolo ao final da achega do 16-09-2018 en vídeos: http://fcarballo.blogspot.es/1537092259/video-de-xan-carballa-na-homenaxe-nacional-marin-2005/



14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (e 16)

Escrito por Fcarballo 14-03-2019 en columnas. Comentarios (0)

A columna “Creativos” foi a última que publicou en Sermos o 15 de xaneiro de 2013. Regresa outra volta espiraliforme ás teimas que tanto lle preocupaban con este capitalismo salvaxe, coas inxustizas, coa vindicación da liberdade, coas revolucións pendentes, coa creatividade, coas tecnoloxías humanizantes... Eis outra exemplarizante columna dun home sabio; dun historiador que estivo ao día até o remate da súa vida: “No barullo en que vivimos, constato: hai numerosos científicos e intelectuais en xeral que dubidan do porvir; hai colectivos ignorantes que se senten seguros neste camiño neoliberal. Como se a ciencia dese inseguridade e a ignorancia inmobilismo. A crise actual afecta a toda a humanidade; incubouse nos anos 70 -do século XX-; leva uns 40 anos e, din sabios, na economía e nas estruturas sociais, que pode durar outro tanto. Imos aviados. Copio de Sermos, 30, p. 7, : “com esta crise encerrou-se a época da expansâo do capitalismo iniciada após a segunda grande guerra, e, consequentemente, estâo a criar-se as condições para un novo ciclo de revoluções sociais á escala mundial” (Fred Goldstein, en Capitalismo num beco sem saída e a destruição dos empregos: uma visão marxista). Segundo estas hipóteses, os cambios tanto na produción como nas estruturas da sociedade imponse. A aceptación destas mutacións é a proba de senso creativo. Todo cambio en profundidade asusta; toda “veneración” do usual conforta, mais é aí onde a fortaleza humana se define. Saber cambiar á tempo é creativo. Unha resistencia “historicista” leva ao atraso. Karl Popper, na súa obra A sociedade aberta e os seus inimigos, aborda, dilatadamente, as consecuencias negativas do historicismo, cuxos país filosóficos son Platón e Hegel. Platón defendeu, na República, un tipo de xustiza que da “a cada quen o seu”. Así estabiliza a sociedade. Hegel, portavoz da oligarquía prusiana, aceptou a guerra como forma de recuperación do statu quo. Para Karl Popper a gran pregunta é: ¿como ten de estar estruturado un sistema político que protexa a liberdade humana e fomente a xustiza social? Eis unha macanuda pregunta a darnos cada día: “a sociedade nunca chega a posuír unha forma definitiva que a encasquete coma un corsé”. Cómpre un sistema crítico que recambie constantemente as estruturas e non permita a permanencia da inxustiza. Esa inxustiza que corroe a sociedade actual e da que, revolucionariamente, necesita liberarse. Uso das tecnoloxías humanizantes, recambio de leis inxustas de tan longa duración que foron os canais da corrupción política e institucional en xeral. Unha “sociedade civil” crítica que teña na man o diario labor da denuncia e da substitución. Cara iso imos a camiñar durante longos anos de debilidade económica. Facelo día a día é creativo”.


PARQUE FRANCISCO CARBALLO DE MACEDA

Escrito por Fcarballo 10-03-2019 en Novas. Comentarios (0)

Estivemos en Maceda este sábado, 9 de marzo, con Bieito Seara, impulsor, socio fundador e un dos motores de explosión da Asociación Amigos de Francisco Carballo. Díxonos [diante dunha 1906 nunha tasca enxebre da Rúa do Medio da nosa vila natal, mesmo departindo co outro socio fundador, o doutor Celso Sánchez] que o actual alcalde Rubén Quintas puxera unha placa no Parque Francisco Carballo de Maceda, co gallo da recente inauguración da nova área infantil, que mesmo está inserida dentro dese recinto. Ao seu carón está a Biblioteca Pública que tamén leva o nome de Francisco Carballo e que fora aprobada por unanimidade na xeira -como alcalde- de Bieito Seara e executada na do rexedor Manuel Rodríguez Carballo. O parque que tamén leva o seu nome fora iniciativa do alcalde Xabier Oviedo na anterior lexislatura. A placa, aínda que ubicada nun lugar abondo discreto e un tanto difuminada no contexto do parque infantil, amosa outro vestixio ao recoñecemento do presbítero ilustrado de Celeirón de Asadur. Beizón aos catro os rexedores. Inserimos desta volta unha breve reportaxe fotográfica que fixemos "in situ" hoxe pola mañanciña...

N.B.- A primeira foto amosa a placa coa "literatura oficial" [mesmo co orzamento]. Na segunda [debaixo do noso texto] pódese ollar a Biblioteca Pública Francisco Carballo [e o cruceiro de Maceda] dende o parque que tamén leva o seu nome. A terceira procura unha visión de conxunto de todo o parque. A cuarta, a quinta e a sexta amosan a área infantil dende diferentes perspectivas.

8 DE MARZO

Escrito por Fcarballo 07-03-2019 en cabodano. Comentarios (0)

Lembra o xornal Sermos Galiza -na súa edición en papel- no seu avance onomástico de personalidades deste mes, que o "8 de marzo de 1925 nace Francisco Carballo no lugar de Celeirón, parroquia de Asadur (Maceda)". Acompáñano coa foto [de Xan Carballa] que inserimos na portada do libro de "Conversas" que tivo a ben facer co propio Xan e co mantedor desta bitácora e que saíu publicado en Edicións A Nosa Terra en 2002, aínda que fora artellado na primavera e parte do verán de 2001, maiormente no Colexio San Narciso de Chan do Monte en Marín. Un libro capital para achegarnos á súa traxectoria. Hogano o 8M tamén é o día grande na visualización, vindicación e dignificación da muller en todas as frontes. Para lembrar que, si Francisco Carballo aínda estivese entre nós, cumpriría 94 anos de idade [deixounos con 89], inserimos esta achega, mesmo acompañada dunha foto que Xabier Oviedo, naquela altura alcalde de Maceda, nos tirou aos dous nun restaurante de Santa Marta de Tormes en Salamanca, cando Bieito Seara, Celso Sánchez, o mantedor desta bitácora [Santiago Prol] e o propio Xabier Oviedo, departimos con el un día inesquencíbel -naquelas terras de Salamanca-, xusto na xornada de reflexión das Eleccións Europeas de 2014 [sábado, 24 de maio]. Seguimos comprometidos -os seus amigos dende esta bitácora e dende a asociación que agroma na súa terra de orixe- co seu legado e coa dignificación da súa obra, que tivo como cerna e como eixo central a nación galega dende o seu regreso en 1973 a Vigo; o crisol do Noso País en verbas súas e o que el mesmo definiu como "Na fronteira do eclesial e no corazón do debate social". Seguimos traballando para fornecer a bitácora con todas as súas fasquías. Beizón a tod@s.

N.B.- Francisco Carballo foi a Roma [e por ende ao Vaticano] bastantes veces ao longo da súa vida, maiormente denantes do seu regreso a Galiza. Gustaba da música da cantante Mina que, naquela altura, triunfaba en todo Europa, aínda que tivera problemas no seu propio país por "ir a contracorrente", mesmo como transgresora naquela Italia tan clerical daquela xeira. Esta cantante e actriz italiana era coñecida como a Tigresa de Cremona. Traemos hoxe á bitácora unha das cantigas de Mina -de 1971-; unha das máis coñecidas que gorentaba -e cantaba con frecuencia- o presbítero ilustrado de Maceda:  

 https://www.youtube.com/watch?v=26AL1MimpsE

14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (15)

Escrito por Fcarballo 06-03-2019 en columnas. Comentarios (0)

O 16 de decembro de 2012 inseriu en Sermos a columna “Saídas do labirinto”. Espiraliforme regresa ao que el denomina “ocaso do capitalismo”, á “incestuosa unión do capital financeiro e os poderes políticos”. Porén, deixa a porta aberta á espranza cunha nova educación, co altermundialismo, coas relixións e con outro sistema económico e social máis xusto. Faino logo da lectura dun solvente ensaio de Georges Corm [historiador, economista e exministro de finanzas libanés] que acababa de saír á rúa: “Este amargo ocaso do capitalismo tennos abraiados. Uns responden con movementos incesantes de protesta, outros con fuxidas cara adiante. Todos -agás os autores das movidas- con ollos musgosos ante un horizonte desdebuxado. Georges Corrn (1940) móvese con análises da realidade en creba e abre carreiros. En El nuevo gobierno del mundo (2012), ideoloxías, estruturas, contrapoderes, desvela o “pensamento único” -ese fandango sen base- e os seus logros estruturadores da economía mundial. ¿Que oferta de saída? Para Corm compre comezar por unha diferente educación. A escola está mergullada nunha ideoloxía trapalleira e vandálica da desigualdade e do narcisismo. É imperioso desfacer este construto académico. Corm é moi sensíbel ás solucións plurais das culturas históricas. Outra barreira a destruír é a incestuosa unión do capital financieiro e dos poderes políticos. O triángulo, finanzas, blocos de poder-G8, G20, Davos,-corrupción-, está a dominar desde a ilegalidade e a inmoralidade. É absolutamente necesario recuperar a ética común; introducir no “Minotauro global” o grito da dignidade humana que impida a esborrallante conduta dos poderosos.  Dous grandes colectivos, o altermundialismo e as relixións, ¿teñen capacidade de abandeiraren a saída deste burato?  Analiza Corm o cristianismo e o islamismo. Non os contrapón, porque teñen grandes diferencias. Corm invita aos cristiáns a liderar outro sistema economico-social. Lembra que, hai anos, as encíclicas Rerun Novarum de León XIII, a Pacem in Terris de Xoán XXII e a Populorum Progressio de Paulo VI, daban no cravo ao denunciaren a realidade económica. Hoxe hai demasiado embrollo nas grandes relixións, ten elas mesmas que rectificaren. O altermundialismo ten moitos pétalos a embeleceren a espranza. Non ten programa, ten perspectivas. ¿Que nos queda? Sen dúbida os intentos dilatados nos cinco continentes, v.g. os de Latinoamérica, Asia, África. Países onde a contradición do desaugue do capitalismo coas necesidades humanas é radical. Tal vez vaiamos de camiño á mesma situación de insufríbel contradición. Invocar reformas profundas, revolucións non violentas, tolerancia, pluralismo, ética, estética… ¿acouga o pranto das masas famentas? Chove, chove na casa do pobre; neva, neva na dos desaloxados e dos milleiros de senteito. Todas as alarmas a soar".