Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

ENTREVISTA EN IRMANDADE TV

Escrito por Fcarballo 26-02-2019 en vídeos. Comentarios (0)

Irmandade TV, da man de Pedro Alonso,  fíxolle unha interesantísima entrevista -para o segundo programa do Caleidoscopio- a Francisco Carballo pouco antes do seu derradeiro exilio en Salamanca. Rescatárona xusto o 29 de novembro de 2014, o día que Carballo nos deixou. Publicado inicialmente o 3 de setembro de 2013, cunha entradiña: "Neste programa do Caleidoscopio entrevistamos a Francisco Carballo. Nado en 1925 en Celeirón de Asadur (Maceda). É historiador, escritor, sacerdote e teólogo galego" (...). Cunha duración de 36 minutos e 39 segundos, repasa boa parte da súa traxectoria vital coa lucidez de sempre. Eis o enlace a este documento capital -nesta canle privada de TV con emisións só en galego e en clave nosa-, no que se amosa optimista, repousado e abondo reflexivo, malia estar xa moi "tocado" pola enfermidade que o levaría ao empardecer o ano seguinte. Paga a pena reparar nela:

Ver vídeo

14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (14)

Escrito por Fcarballo 18-02-2019 en columnas. Comentarios (0)

O 3 de decembro de 2012 inseriu a columna “Ao socairo do 25N”. Coas anticipadas eleccións catalanas [25 de novembro] como pano de fondo, fai outra lúcida análise xeral. Aínda que se publicou nesa data, asinouna o 28 de novembro dende o seu  penúltimo “exilio” en Auria. Nela incide na desestruturación da Transición, do declive do Réxime do 78 que “non respondeu ás realidades das nacións periféricas” e do “café para todos” con 17 autonomías. Mesmo do capital financeiro, da desestruturación social, do neoliberalismo, da submisión, do desprezo aos pobos, o asoballamento aos traballadores...: “Foi sorprendente a atención dos mass media -en concreto da TVE- ás eleccións autonómicas de Catalunya, 25N. As estatais non tiveran tanta mobilidade. Mais a atención social non coincide coa dos mass media. Os medios de información mostran así a súa dependencia dos poderes públicos e empresariais. ¿É tan significativa esta convocatoria anticipada? ¿Son tan significativos os resultados que “conmoveron” aos mass media? É real a desestruturación da Transición política. É crecente a desestruturación social. A primeira era de prever. A Constitución de 1978 non respondeu as realidades culturais das nacións periféricas. O art. 2º é un modelo de contradicións: dun lado recoñece as nacionalidades, doutro afirma a nación única e indivisíbel. Todo un xogo perigoso que se aumentou co “café para todos” das autonomías. A opción nacional dos cataláns ten valor duplo: é da dereita e da esquerda; de CIU e da ERC, da EC e do CUP. Só a cegueira pode desoír esta tan gran maioría dun pobo-nación. Outras nacións, dentro do Estado, teñen a mesma agonía e marcarán os seus itinerarios. Emerxe, igualmente, a desestruturación social. O Pacto da Moncloa fora aceptado polos sindicatos estatais e dera certas garantías ás clases subalternas. Mais a medra constante do neoliberalismo descobre a falsidade de pactos sofisticados. A magna xogada do capital finacieiro que agochou a débeda das grandes empresas e da banca, que utiliza o poder público para recibir sumas inxentes á costa de axustes da clase subalterna, os continuos recortes de salarios e das necesidades sanitarias e educativas, descobre o incumprimento por decenios e decenios dos dereitos humanos e dos dereitos ao benestar social de todos os cidadáns. O instante electoral do 25N está solapado por acontecementos anecdóticos de defensa da identidade do país catalán. Puxan por rebentar as reivindicacións de clase. En Catalunya é visíbel a pobreza emerxente, o desemprego, as chagas dos axustes e recortes salariais. É homoxéneo o malestar social de todo o Estado español: é unha vaga que recorre cidades e aldeas. Pódelle rebentar na man ao PP a desesperación de parte dos seus votantes ate agora crédulos das vantaxes da submisión. Este goberno central neoliberal non se detén ante as privacións económicas nin ante o desprezo con que trata ás clases subalternas. Na Galiza ten un fiel imitador no Sr. Núñez Feixoo. Mais un goberno que minte día a día, que asoballa aos necesitados de traballo e maltrata aos traballadores, está a provocar desestruturación social inevitabelmente. O resultado a vir pode ser tráxico”.

N.B.- A dobre ilustración sobre o mapa electoral do 25 de Novembro de 2012 en Catalunya tirámola de www.wikipedia.org

14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (13)

Escrito por Fcarballo 14-02-2019 en columnas. Comentarios (0)

 

O 29 de outubro de 2012 inseriu en Sermos a columna “Bailando baixo a chuvia”. Ía sobre as Eleccións Autonómicas que se celebraran o 21 de outubro [xunto coas do País Vasco]. Naquela altura o nacionalismo estaba moi fracturado [desangrado con escisións traumáticas e con acoplados estatais que se beneficiaron mareándose entre tod@s e -consonte Carballo- "onde non hai nada creativo"], o PSOE [“unha socialdemocracia que acepta o neoliberalismo económico”] bastante tocado e o PP ["un romance negro pra Galiza"] moi unido e axudado polos grandes poderes fácticos eiquí [logrou a maioría absoluta con 41 deputados -só co 24,2% do censo-]. Francisco Carballo dende 1977 fixo moitas e certeiras análises postelectorais no semanario ANT. Desta volta faino -por penúltima vez- dende as páxinas de Sermos Galiza coa mesma lucidez de antano: “Leo as análises electorais en Sermos do día 25. Aprecio a fondura de algúns. Un bo ensaio de debates políticos. ¿Cabe engadir matices? Primeiro, o fraude informativo das porcentaxes. Non é correcta a equiparación dos votantes do 2109, 64% do censo, co do 2012, 63.8% . De seguir a mesma norma os votantes do 2012 só son o 54.4 %. A abstención é tamén un factor significativo: 238.541 votantes menos que no 2009. Segundo, desde esta conta numérica, o PP só conseguiu o voto do 24.2 % dos galegos; o PSOE un 10.8%; o resto un 12.9 %. Maioría, sen dúbida do PP. Tida en conta a abstención, número de votos negativos ou en branco, ¿como é posíbel a opción dese 47.55 %? Todo o enredo está na incapacidade de convencer da esquerda. Porque a dereita funcionou á perfección desde aos seus intereses económicos, a súa raíz non democrática e o seu intento demoledor das culturas locais e modernas. É pouco serio enumerar como esquerda ao PSOE. É unha socialdemocracia que acepta o neoliberalismo económico e que deriva a solucións culturais da sociedade. Neste intre o PSOE é un fantasma. O BNG foi "LACERADO" polos mass media até límites de fanatismo, especialmente La Voz de Galicia, a RTVE e a RTVG. Socialmente foi levado a unha esquina de rebaixas. Ten unha militancia admirábel. Presentou un programa sensato; careceu de garra para desfacerse das inxurias e mentiras. Un norte frío comeuse o xantar preparado. Os da AGE actuaron; o seu líder serviuse de toda a bagaxe de coñecementos do seu período de voceiro e do seu propio prestixio. EU é a beneficiada con cinco deputados; tres para Anova e un sindicalista. Mais na AGE hai berro e vituperio: ben merecidos. Non hai nada creativo. O resultado conseguido polo PP é un romance negro para Galiza. E, tamén, un funeral para a dereita apodrecida, desinformada e "out of time". A lección: traballo cultural en rede de adultos e desde unha escola galega. Medre militante; diálogo con toda a esquerda, actividade económica contemporánea no agro, mar e industria. Cando se programa "máis produción eiquí" hai que pasar á praxe, concretamente onde se ten o Concello. Sobran os discursos, faltan as creacións, sobra a ortodoxia, falta a ortopraxe e iso con muiñeiras, bailando baixo a chuvia”.

N.B.- A foto -da noite electoral do 21 de outubro de 2012, cos cadros centrais do BNG- tirámola de www.publico.es

14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (12)

Escrito por Fcarballo 13-02-2019 en columnas. Comentarios (0)

O 12 de outubro de 2012 centra a súa columna en dous historiadores capitais, imprescindíbeis e de vangarda, mesmo como referentes de cabeceira. Refírese a Edward Palmer Thomson [un intelectual do pensamento marxista en clave británica co seu socialismo humanista] e a Eric John Ernest Hobsbawm [outro pensador británico central da historia do século XX, plurilingüe, con obras canónicas no campo histórico]. Eis a sempre sabia columna de Francisco Carballo sobre estes dous grandes ilustrados do século XX e as súas teimas [estudo do capitalismo salvaxe e do devalar das clases sociais]: "É xusto referirnos a estes dous historiadores nestes días preelectorais. E. Thompson, 1924-1993, Eric Hobsbawm, 1917-2012, visitábanse periodicamente, tiñan anos de militancia común, preocupáronse polos mesmos obxectivos sociais. Para eles as clases sociais non eran soamente tema de estudo, eran o ritmo histórico do devalar da sociedade. Ningún historiador me ocupou cos seus libros como Eric Hobsbawm; a súa análise dos séculos XIX e XX describe os tempos máis escuros e salvaxes do capitalismo; ao irse, deixa unha adiviñanza: quedan aínda espazos temporais para este capitalismo en vertixe. E. Thompson é decisivo coas obras A formación da clase obreira en Inglaterra e Os costumes en común. A primeira era parte dun proxecto de análise da sociedade británica; só publicou a referente Inglaterra na segunda parte do s. XIX. Inda así un volume de máis de 800 pp. Na segunda, quixo iluminar á sociedade inglesa da 1ª Revolución Industrial, 1776-1830. De Thompson escrebe Hobsbawm: “A formación da clase obreira en Inglaterra”(1963), unha especie de volcán histórico en erupción de 849 pp., que foi acollida inmediatamente como libro de importancia capital polos historiadores profesionais, e que, de noite á mañá, conquistou ao público de xoves lectores radicais dos dous lados do Atlántico, e pouco despois aos sociólogos e especialistas en historia social da Europa continental. Edward era de feito unha persoa cunhas dotes extraordinarias, entre outras esa especie de “calidade de estrela” que facía que todo o mundo volverá os ollos cara a súa apostura. A súa obra conxugaba paixón e intelixencia. As dotes de poeta, narrador e analista (E. Hobsbawm, Interesting Times. A Twentieth-century Life). De Thompson reedítase a Formación; de Hobsbawm temos abundantes publicacións tanto de historia como de análise da sociedade. Os dous son xa historiadores falecidos, uns historiadores imprescindíbeis. Uns historiadores que conxugaron, Thompson a historia cunha actividade política de vangarda, Hobsbawm cun recorrido xeográfico universal. Para min, uns Mestres a ter sempre enriba da mesa".

N.B.- Os retratos de Thompson e de Hobsbawm tirámolas de www.gramscimania.info.ve


14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (11)

Escrito por Fcarballo 11-02-2019 en columnas. Comentarios (0)

O 16 de setembro de 2012 inseriu en Sermos a columna “Da condena á rehabilitación”. Centrábase noutra das súas teimas: Prisciliano e o priscilianismo. Francisco Carballo mesmo estivera como ponente nos tres congresos que se fixeron en Galiza sobre o singular bispo -na primeira década do século XXI- [Pontevedra, Compostela e Ortigueira]. Repasa a bibliografía sobre o priscilianismo e céntrase na monografía do teólogo Victorino Pérez Prieto que acababa de saír do prelo naquela altura ["un libro de interese sumo e de lectura provocativa"]: “Desde 1981 a 2010 os estudos sobre Prisciliano están a interesar, mais nunha dirección diferente a que provocara o GALEGUISMO da Xeración Nós. Tal xeración aceptaba a Prisciliano como herético e como unha das raíces do diferencialismo galego. A actual reivindica a ortodoxia substancial de Prisciliano, ve nel “un mito fundacional”. A publicación de Victorino Pérez Prieto, Prisciliano e o priscilianismo. Da condena á rehabilitación (Biblos, col. Mandaio, 2012), é unha acabada demostración de tal empeño. Mentres un importante número de historiadores desfacían as interpretacións tradicionais dun bispo herexe, na Galiza tiñan lugar tres congresos dese tema. 1981, en Pontevedra, 2006, en Santiago e no 2010, en Ortiguera. Por obra de Xosé Chao Rego e de Pérez Prieto temos unhas biografías solventes. A de Chao Rego subliña a oposición ao poder de tal bispo; a de Pérez Prieto remexe nos “fascículos priscilianistas”. Por fin, Pérez Prieto, profesor principal no congreso de Ortigueira, consegue dármonos, na publicación devandita, as bases documentais e a interpretación elaborada por especialista da vida e obras do bispo Prisciliano. Son cinco capítulos. Comeza coa pregunta “¿Que podemos dicir hoxe de Prisciliano?”. Nunha apretada síntese histórica, aclara a xeira humana e doutrinal do bispo e deduce que, efectivamente, foi un proceso nunhas circunstancias adversas coa condenación civil e lamentábel do gran asceta e bo teólogo Prisciliano. Utiliza unha copiosa bibliografía e remata: “As obras repetidamente citadas, a do holandés Goosen (As bases do ascetismo Cristián de Prisciliano), texto que demostra de maneira clara e tallante que a teoloxía de Priscilianismo non era herética, senón un tanto arcaizante”, p.33. María Xosé Bravo Bosch estuda o proceso e a morte de Prisciliano, pp.40 a 51. Lamentabelmente non temos as actas do xuízo. Andrés Olivares Guillén, pp.52-86, agasalla ao lector cunha esmerada análise de textos medievais relacionados co priscilianismo. A destacar o paralelismo do proceso de Prisciliano e a do “Adopcionismo” de Elipando de Toledo, 717-800, e Felix de Urgel. Nos dous casos interveñen os bispos, o Papa e o Emperador. Nos dous casos as doutrinas denunciadas teñen continuidade na busca dun coñecemento teolóxico de Deus. Suman os restantes capítulos os profesores Ricardo Nuno de Jesus Ventura [Universidade de Lisboa] e Pilar García Negro [UDC]. Ventura con Prisciliano e o Priscilianismo em Portugal; García Negro con Prisciliano, o Priscilisnismo e as mulleres. Un libro de edición moi coidada, de interese sumo e de lectura provocativa. Unha novidade nas Letras Galegas”.


N.B.- ¡¡¡Cumprimos 200 achegas na bitácora coa de hoxe!!! Seguimos traballando a prol da figura de Francisco Carballo para dignificalo e poñelo no lugar que lle corresponde, aínda que a "Galiza oficial" se empeñe en ignoralo... Graciñas mil a tod@s. Beizón!!!