Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (5)

Escrito por Fcarballo 30-01-2019 en columnas. Comentarios (0)

O 14 de xuño de 2012 saíu publicada a columna “¿Hecatombe?”, que Francisco Carballo enviara á redacción de Sermos Galiza dous días antes, dende a súa residencia temporal en Ourense cidade. Nela cóntanos que anda a elaborar unha guía de lecturas sobre Alexandre Bóveda para docentes de mozos ourensáns, mesmo facendo unha reflexión sobre o mundo financeiro de hogano. Eis outra aqueloutrada columna do presbítero ilustrado de Maceda: “Non, mais leo o artículo de Paul Kruhman , hoxe. Extraña o recorte de España. Logo entretense na análise da situación europea e de USA. Sinte malestar, perigo de naufraxios. Cegueira nos dirixentes que se obstinan en gobernar en contra de propostas económicas sensatas. Eu ando, este día, na elaboración dunha guía de lecturas sobre Alexandre Bóveda, para educadores de mozos ourensáns. Aló polos anos 70 do pasado século, observaba en profesores de Secundaria un auténtico calafrío ao leren “Vida, Paixón e Morte” de Alexandre Bóveda. Unha obra ardente, unha epopeia de Xerardo Álvarez Gallego. Pasan os anos; caen as follas; renacen malas herbas. Como palpar fascismos descoloridos, sombras de crocodilos. Como eses que decretaron fusilar a Bóveda un 17 de agosto do 1936, na Caeira, mentres “caían as bagoas como estrelas”. Non son capaz de reler a Alexandre Bóveda sen arrepío deses crocodilos que abren a boca no bosque do poder tiránico. Se a “Transición” do 1978 a hoxe foi, de abismo en abismo, até caer na man do capitalismo financeiro máis submiso á banca; se as institucións culturais, relixiosas, etc estiveron coa boca cerrada ante o cume dos dislates e da opresión de multitudes; se os opios de abundantes “roxas” merendaron masas de fieis e seguen a devorar conciencias; inda así, vexo seres humanos como actuais “Bóveda”. Podemos seren humanos sen carautas, libres , con dereitos patrios, con mar , aire e terra a acompañar e a producir alimentos e vida fraternal. Han caer as follas financeiras da banca, de institucións parasitarias, de organismos tóxicos. É temeroso o arredor corrupto que, cal crocodilo, abre a boca famento , prestes a devorar. Caede sen tregua bagoas como estrelas para un comezo novo”.


14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (4)

Escrito por Fcarballo 29-01-2019 en columnas. Comentarios (0)

Co título “Queer” inspirado nun solvente ensaio de Teresa Moure que saíra á rúa o 10 de maio daquel 2012, menos dun mes despois, o 8 de xuño dese ano, Francisco Carballo insire en Sermos Galiza unha reflexión sobre as ideoloxías de xénero, sobre a tolerancia, sobre o cuestionado masculino [xenérico] de hogano na nosa realidade esteriotipada, mesmo citando a autor@s clave desta poliédrica nación sen estado. Eis o texto completo da súa luminosa columna: “Teresa Moure di que a teoría queer “atrévese a formular que todas as persoas somos de abondo raras como para que nos axustemos a categoría ningunha, que nin o xénero -como suposto social- nin o propio sexo -como base biolóxica do xénero- existen, que son puras construcións inoculadas pola cultura e o contorno social” (Queer-emos un mundo novo, p. 33)). Andrea Araújo escrebe que a ven como “rara”. Indaga cando certa xente emite esa denominación e cre que ao falar galego xa os seis anos, logo na escola, etc. A outr@s ollan@s sempre a camiñaren “contracorrente”. Por que non concordan co comportamento, coa ideoloxía do común: “estades lonxe do pobo; non vos entenden”. E un galopín do poder político multiplica as afirmacións de seren eles os identificados coa xente, de coincidir co “mesmo sentido común”. Xa o Padre Xerome Benito Feixoo viuse obrigado a saír á palestra destas afirmacións do “vulgo”. Un “vulgo de letrados iletrados” que se atrevía a formular: “palabra do pobo, palabra de Deus”. Feixoo rebate desde a Biblia, a filosofía e a ciencia semellante aberración. A historia proba que os poderosos teñen a capacidade de inocular as súas ideacións nos súbditos. O mass media logran amordazaren a conciencia persoal e multiplicaren a masa dos submisos aos seus construtos mentais. É a iso chaman “sentido común”, cando só é a “escravitude común”. Coa Teresa Moure estou de acordo ao aceptar unha identidade negociada entre indicios diversos de masculinidade e de feminidade (p. 37). Coa Andrea Araújo vexo ao varrido das que teñen personalidade de seu por escuras masas submisas. Con Benito Feixoo sei que a palabra de Deus non ten conexión algunha coa do común dicir popular. Entendo tal palabra divina con Xoan da Cruz:” Ou chama de amor viva que eternamente fires da alma no máis profundo centro”. Ese encontro da consciencia que busca a verdade, que se entrega de por vida a investigación do ben contra o mal; para facer ese ben e destruír o mal. Un mal que no “poder” ten a súa guarida e que pretende inocular na cidadanía co canto de serea de ser o “sentido común”...


14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (3)

Escrito por Fcarballo 28-01-2019 en columnas. Comentarios (0)

 

Baixo o título "Folerpas", e con data do 26 de abril de 2012, Francisco Carballo, que naquela altura vivía en Ourense cidade e daba moitos paseos polos arredores, mesmo para atenuar a doenza que o levaría dous anos e sete meses despois, comezaba as súas colaboracións -con 87 anos de idade- en Sermos Galiza, un novo medio dixital en clave galega, do que el fora un dos promotores. Amosa  esta columna visión de adiantado sobre o mundo das enerxías fósiles e sobre as enerxías alternativas, que xa están na cerna de case todo o que nos atinxe a nivel mundial. Eis a sempre lúcida columna do presbítero ilustrado de Maceda: "Caeron as folerpas coas que eu soñaba. Olleinas no curuto de Montealegre [Ourense] e tirei monte abaixo ata Cruz Alta. Elas dixéronme o que segue. A etapa do petróleo remata e con ela adeus a financierización, ese vértice virtual do poder; adeus ás multinacionais que acumularon a riqueza de tres cuartos do planeta Terra. Que Repsol faga as maletas e abandone o “Cono Sur”: memoria colonialista deixa abondo. Hai enerxía sostíbel para séculos sen saír deste planeta. A eólica, a solar, a da biomasa, a xeotérmica… Producide hidróxeno como forza limpa e ilimitada. Esas enerxías son vosas, dos cidadáns: facede tellados de placas solares, sumádevos aos veciños para servos capaces de vivir fora das pirámides. Tedes sabedoría para formas laterais de convivencia. Sentei no meu “estudio” convencido e leo para vós os cinco piares da terceira revolución industrial de J. Rifkin: 1) a transición cara a enerxía renovábel; 2) a transformación do parque de edificios de cada continente en microcentrais eléctricas que recollan e reaproveiten “in situ” as enerxías renovábeis; 3) despregue da tecnoloxía do hidróxeno; 4) o uso da tecnoloxía do Internet para transformar a rede eléctrica de cada continente nunha “interrrede” de enerxía compartida; 5) a transición da actual flota de transporte cara vehículos de motor eléctrico con alimentación en rede e/ou con pilas de combustíbel (J. RIFKIN, La tercera revolución industrial, p. 60). “SermosGaliza” leva baixo a letra a esperanza dun tempo novo, dun tempo de convivencia lateral sen pirámides de cadáveres".

N.B.- A imaxe do miradoiro de Montealegre, coa cidade de Ourense ao fondo, tirámola de www.turismo.gal


14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (2)

Escrito por Fcarballo 27-01-2019 en columnas. Comentarios (0)

Engade con gran acerto e con eloxiosas verbas Carme Vidal: “A humildade, a xenerosidade, a valentía e a entrega de Francisco Carballo fan del un exemplo de dignidade e honestidade que cobran maior valor aínda neste tempo convulso. Na súa biografía non se coñecen  tachas nin intereses particulares máis alá da confianza nun país que tiña que construír o seu propio futuro. Desas intencións vaise tecendo a súa traxectoria enteira, desde as iniciais accións políticas daquel Vigo dos anos setenta no que volve como un cura obreiro e no que será presidente da Asociación Cultural de Vigo, no inicio da dinamización da cultura de base coa que se comprometerá durante toda a súa vida. “Francisco Carballo, presbítero, reitor do teologado dos PP Paúles en Salamanca, persoa respectábel, vida honesta, profesor de Historia, residente en Vigo, actual presidente da Asociación Cultural de Vigo, niño de separatistas”, reza a ficha da brigada político social da policía española daquel tempo, como nos lembra o seu biógrafo Santiago Prol, autor canda Xan Carballa do libro de “Conversas con Carballo” que publicara A Nosa Terra, proxecto do que o historiador era fundador e un dos seus principais impulsores. Durante moito tempo, o nome de Francisco Carballo estivo unido ao de A Nosa Terra, xornal do que participou na fundación e no que asumiu a presidencia do Consello de Administración. Vía con claridade pouco usual no nacionalismo, a necesidade de contar con medios propios. Desde A Nosa Terra, Carballo sería tamén un dos protagonistas, canda outros investigadores, do impulso a uns estudos históricos contados desde nós mesmos. Nese ámbito, o labor de Carballo foi inxente e desde A Nosa Terra naceron coleccións editoriais e mesmo se desenvolveu -afastados da Universidade- un grupo de historiadores entre os que se atopaban Lois Obelleiro, Bieito Alonso ou Anselmo López Carreira, ademais del mesmo que contribuíron non só a contar a historia desde nós mesmos, senón tamén a difundila. O libro colectivo “Historia de Galiza” é un exemplo dese duplo obxectivo do grupo de historiadores que se creou arredor de ANT. Nese labor, Francisco Carballo era pioneiro e mesmo chegou a ser procesado e xulgado coa condena de seis meses de cárcere polos contidos do seu libro Historia de Galicia [1979]. O libro rematou sendo secuestrado e Carballo recibiu apoios de figuras do mundo da cultura de todo o Estado. “Precisamos liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza”, dicía e así resumía os obxectivos do seu traballo como investigador e escritor”.

N.B.- A foto de Carme Vidal que empregamos para ilustrar esta achega, tirámola de www.sermosgaliza.gal. Nas próximas iremos espigando as 14 columnas en Sermos Galiza, as últimas que el escribiu en galego.


14 COLUMNAS EN SERMOS GALIZA (1)

Escrito por Fcarballo 26-01-2019 en columnas. Comentarios (0)

Baixo o título Francisco Carballo, nun feixe de artigos e coa entradiña: “Unha das primeiras firmas que apareceu na sección de opinión de Sermos”, datada o 30 de novembro de 2014, xusto un día despois do seu pasamento, o novo diario dixital en clave nosa que el axudara a impulsar e que agora anuncia que xa xuntou as 3.000 sinaturas necesarias para facelo unha realidade en papel e a diario, recuperaba as 14 colaboracións que o presbítero ilustrado de Maceda tivera a ben imprentar nese medio e que iremos achegando na bitácora. Eis o texto que o contextualiza, que vai asinado pola xornalista Carme Vidal [antano formara parte do staff do proxecto d´ANT e coñecía, apreciaba e respectaba -mesmo como referente- a Francisco Carballo]: Sermos Galiza leva baixo a letra a esperanza dun tempo novo, dun tempo de convivencia lateral sen pirámides de cadáveres”. Así remataba o historiador e teólogo nacionalista o seu primeiro artigo publicado na sección de opinión cando o xornal comezaba a súa andaina na rede. Titulábase “Folerpas” e daquela, Francisco Carballo superara xa os 85 anos mais continuaba ilusionándose con novos proxectos que seguiran na liña do ideario que levaba mantido durante boa parte da súa vida. Formaba parte do Grupo Promotor de Sermos Galiza, convencido como estaba da necesidade de medios de comunicación propios para unha Galiza libre, obxectivo que ocupara grande parte do labor da súa vida. “É un pobo alegre que sabe superar as dificultades: resiste, busca, aguanta, “é quen máis ordena”. Non ten sentido os debates entre xordos e cegos. “E hora de actuaren”, dicía pouco despois no artigo “Ollos a miraren”, un texto de calado político no que o historiador afirmaba que “somos nación e queremos gobernarnos”

Carballo confiaba na vontade popular, na enerxía colectiva da que partillou a través de numerosos proxectos na intensa actividade social, político e cultural que desenvolveu durante toda a súa vida.  “Co diálogo boca a boca, cos redes de asociacións culturais, coas manifestacións, coa resistencia diaria; nunha loita crucial desesmascarizadora. O futuro está nas nosas mans, a marcha liberadora pode ser longa, pero é inevitábel”, escribía nun artigo de elocuente nome “Camiño longo”. Dicía Carballo que era preciso para “liberar” -palabra que formaba parte do seu vocabulario- un país polo que el traballara con valentía, serenidade, compromiso e entusiasmo. Francisco Carballo era o home que confiaba no País e, para iso, desenvolveu as ferramentas tanto teóricas como prácticas para construír un futuro desde nós. A súa intensa actividade militante nas distintas plataformas do nacionalismo organizado non deixan lugar a dúbida do seu compromiso na loita pola liberación do país. Que na hora da súa morte organizacións como Galiza Cultura, a MNL, o BNG ou a AELG lamenten a perda dun dos seus fronte ao silencio que se sinte noutros ámbitos evidencia, máis unha vez, a solidez da figura de Francisco Carballo, un dos máis claros e admirados referentes do nacionalismo contemporáneo (...)”. 

N.B.- O documento gráfico que inserimos tirámolo do artigo referencial de Sermos Galiza. Datado en marzo de 2014 en Salamanca, nunha das frecuentes visitas que -naquela altura- os amigos e amigas galegos, tivemos a ben facerlle a Francisco Carballo no seu derradeiro "exilio" en Santa Marta de Tormes, denantes de regresar definitivamente á terra nai, á campa de Asadur, no corazón do Val do Medo.