Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

APÉNDICE. A IDADE CONTEMPORÁNEA DENDE 1939 ATÉ 1979 (4)

Escrito por Fcarballo 30-12-2018 en libros. Comentarios (0)

“A importante actividade pesqueira de Galicia exprésase en tres direccións: marisqueo, pesca de baixura e pesca industrial. A política centralista privou ao marisqueo de praias comunais, privilexiou a concesión de bateas para o mexillón a persoal alleo (...). Esta fonte primordial da riqueza galega ten sido estragada ou utilizada a prol dos centros do poder. A industrialización como contrapartida foi insuficiente. A crise dos estaleiros, como as das empresas privadas, é consecuencia dunha industrialización desintegrada e especulativa. Acusa unha dependencia e un raquitismo que incapacita a Galicia para todo desenvolvemento de fondo. Redúcese a Galicia á triste situación de colonia provedora de man de obra barata e de materias primas. Nesa mesma perspectiva foi tratado o sistema de comunicacións (...). A autoestrada do Atlántico, obra de peaxe, reforzará o entreguismo aos monopolios de escura utilidade. O sistema de comunicacións é unha proba máis do sometemento do Noso País ás multinacionais e unha barreira para a integración comercial e industrial galega.

As modificacións laborais do período que estamos historiando fundamentaron as novas relacións de clase. Dentro dun forte clasismo, a sociedade galega viviu agudos conflitos nunha tendencia á aglutinación das clases populares en antagonismo coa oligarquía monopolista (...). Consignamos os fitos da conflitividade. En 1968, en Santiago de Compostela, a folga estudantil revelouse crisol da politización dos estudantes. En 1972, as grandes folgas obreiras do Ferrol e de Vigo; no Ferrol, as mortes de Amador Rei e Daniel Niebla, a intervención solidaria dalgúns cregos e a forte represión da patronal e da policía, rubricaron infaustamente os derradeiros anos franquistas. En 1977 creouse a ING. En Compostela no 72 naceu ERGA. O ano 1973 é o da aparición de Comisións Labregas, sindicato nacionalista que probou a súa forza nas Encrobas no 76, ante unha agresión de monopolio (...). Galicia converteuse en zona conflitiva pola toma de conciencia que os traballadores fixeron, tanto da súa explotación persoal, como da da colectividade. No conxunto, o máis notorio nesta etapa foi a corrupción desatada dende o poder a través das institucións públicas: estraperlo, contrabando na raia de Portugal [tanto de mercadorías como de persoas en tránsito clandestino a Europa], as extorsións das axencias de emigrantes galegos, a falsificación de produtos, a malversación de fondos públicos e colectivos (...)”. 


APÉNDICE. A IDADE CONTEMPORÁNEA DENDE 1939 ATÉ 1979 (3)

Escrito por Fcarballo 29-12-2018 en libros. Comentarios (0)


Mételle o dente despois no Apéndice ao período de 1955 até 1979 que imos peneirar en varias achegas: “O réxime autárquico do franquismo comezou a modificarse co recoñecemento político que supuxo o Concordato co Vaticano e os pactos con USA [1953]. Este paso ao capitalismo monopolista do Estado español das décadas dos 50 e 60, tivo en Galicia efectos catastróficos. Reflectiuse unha ruína demográfica máis acusada co envellecemento da poboación, maiormente no agro e cunha baixa natalidade e cunha persistencia no fluxo migratorio. A emigración foi a contribución máxima da nación galega á industrialización do Estado español; verificouse pola absorción de man de obra barata e de divisas utilizadas fóra de Galicia. O Instituto Español de Emigración foi o lúgubre canal deste saqueo (...). A maioría dos emigrantes abanaban entre os 24 e os 45 anos, mesmo de procedencia rural, o que trouxo desastrosas consecuencias na vida do Noso País. A captación de divisas destes emigrantes foi unha das formas de descapitalización constante (...). Se case a metade do aforro galego emigra de Galicia, emigra todo o que procede das divisas dos emigrantes. O campo foi abandonado a prol da emigración. Os montes veciñais foron repoboados con especies arbóreas inadecuadas. Desapareceron ou minguaron os rabaños de gando menor e maior solto. Fértiles vales foron asolagados [Belesar, Castrelo de Miño e outros]. A concentración parcelaria foi ineficaz. Non provocou un aumento da riqueza nin da transformación agrícola. Igual política desastrosa se infrinxiu nas praias galegas. Unhas padeceron contaminación [v.g. Celulosas de Pontevedra]; outras apropiación de particulares.

En balde o historiador buscará neste período unha soa medida económica do goberno español que favoreza ás clases populares galegas. A década dos 60 foi a da penetración no agro das formas típicas do capitalismo monopolista (...). A produtividade da UTECO ourensá e a súa eficacia técnica foron indiscutíbeis, mais estaba sometida ao autoritarismo e ao poder omnímodo da xerencia; os socios carecían de formación cooperativista, e a dirección utilizaba a rede administrativa como poder do partidismo político procedente do franquismo. UTECO contribuíu decisivamente á ruína do labrego de propiedade máis reducida e de capacidade gandeira inferior a seis vacas (...). Os organismos estatais do IRYDA realizaron algunhas obras de transformación agraria. A desecación da Lagoa de Antela borrou a riqueza gandeira dos lugares da redor e a compensación agrícola aínda é incerta. Trouxéronse colonos de fóra de Galicia para a explotación das novas terras, sen ningún respecto á unidade socio-cultural da zona (...)”.

N.B.- Empregaremos para ilustrar as achegas que faltan do Apéndice da -pioneira- "Historia de Galicia" da ANPG [1979], unha publicación gráfica abondo interesante que imprentaran naquela altura e que mesmo contara co asesoramento de Francisco Carballo.

APÉNDICE. A IDADE CONTEMPORÁNEA DENDE 1939 ATÉ 1979 (2)

Escrito por Fcarballo 28-12-2018 en libros. Comentarios (0)

Insire logo Francisco Carballo no Apéndice, sempre apoiado nas estatísticas demográficas e sectoriais das que tanto gorentaba: “Período de 1939 a 1955. Inscríbese nunha situación económica de depresión que arranca da década dos 20. A contribución da nación galega ao conflito estatal da Guerra Civil foi alta. Dun lado o “terror branco” ensanguentou a terra extirpando aos líderes e sementando o medo como factor decisivo de dominación; doutro, as riquezas foron esgotadas ao servizo do exército franquista, da reconstrución da zona danada pola guerra e das arcas estatais. Unha propaganda de todos os medios de comunicación de masas, a predicación relixiosa e a intimidación, lograron apoderarse dos bens de consumo e doutras riquezas persoais. A poboación só dispuxo da terra e do mar como fonte de provisión (...). Certa protección estatal permitiu o enriquecemento dalgunhas familias da burguesía industrial.

Na década dos 30 produciuse o maior aumento da nosa poboación, malia as baixas da guerra. A causa foi o cese migratorio. Na década seguinte renóvase o fluxo migratorio ao interior da península e cara América. A ruralización evidénciase. A realidade económica traduciuse en miseria xeral da poboación traballadora. A resistencia ao sistema autoritario e fascista desta etapa acochouse en dúas frontes: o da guerrilla que pasou por dúas etapas: 1936-43 e 1943-50. En ámbalas dúas mantivo o seu carácter autóctono (...). A dependencia do PCE [Partido Comunista de España] levou á guerrilla ao desarme en 1951.

Outrosí o dos exiliados. A ocupación militar de Galicia en 1936 precipitou o exilio a moitos galegos de esquerda. Fuxiron a través de Portugal, en embarcacións, etc. Non sempre chegaron a terra libre; moitos foron apresados ou enganados por falsos organizadores. Os de mellor sorte conseguiron chegar a México, Uruguai e Arxentina. A relación dos seus nomes sería infinda. En 1944 constituíuse o Consello de Galiza en Montevideo. Logo trasladouse a Bos Aires. Presidiuno Castelao até 1950. Os exiliados mantiveron aceso o lume da protesta, organizaron centros culturais e crearon prensa e publicacións. Non faltou oposición clandestina tanto en Galicia como en conexión cos exiliados, nomeadamente por membros do Partido Galeguista. Arredor de 1950 comezou un esforzo cultural a longo prazo. Fundouse en Vigo a Editorial Galaxia. As condicións semellaban moi difíciles: censura implacábel e ambiente desnortado pola opresión ideolóxica. As institucións do Estado e da Igrexa rivalizaban en adoutrinamento autoritario e medievalizante: campamentos da Falanxe [abouxando a ladaíña do Imperio español], as misións e os exercicios espirituais de índole necrófila, pretendendo sumir ao pobo en noxentas prácticas relixiosas dominicais, de primeiros venres e primeiros sábados (...)”. 


APÉNDICE. A IDADE CONTEMPORÁNEA DENDE 1939 ATÉ 1979 (1)

Escrito por Fcarballo 27-12-2018 en libros. Comentarios (0)

Con ese título imprentou Francisco Carballo 11 páxinas dese período recente da Nosa Historia que mesmo trouxo consecuencias que peneiraremos logo e das que xa temos falado na bitácora. No pioneiro libro Historia de Galicia promovido pola Fronte Cultural da ANPG [novembro de 1979], colaboraron historiadores moi solventes e do máximo nivel: Felipe Senén López encargouse da Prehistoria e a Idade Antiga, Anselmo López Carreira da Idade Media, Francisco Carballo da Idade Moderna e Xosé Ramón Barreiro Fernández da Idade Contemporánea até 1936. Imos reparar xa que logo no Apéndice. A Idade Contemporánea dende 1936 até 1979, que elaborou ad hoc o presbítero ilustrado de Maceda.

Eis a contundencia do primeiro parágrafo: “Os vencedores da Guerra Civil (1936-39) propuxéronse someter a Galicia á función de simple provedora, extremando a opresión das clases traballadoras. Imos relatar en breve este intento do grupo dominante e a resistencia dun pobo á súa aniquilación. Dous son os períodos desta etapa: un dende 1939 até mediados dos 50, e outro dende mediados dos 50 até hoxe [1979]. Porque o conflito prosigue”.  


RACHAR A DÉBEDA CON FRANCISCO CARBALLO (e 2)

Escrito por Fcarballo 19-12-2018 en homenaxes. Comentarios (0)

Unha figura brillante. Santiago Prol lembra a volta de Francisco Carballo a Galiza, “hai que ter en conta que cando vén de Salamanca era reitor do Teologado, estaba na cúpula máxima dos Paúles a nivel Estado. Propóñenlle ser bispo, mais prefire vir a Vigo e romper con todo o ouropel e a oficialidade”. O punto de inflexión, afirma Prol, foi un Terra e Tempo, editado clandestinamente pola Unión do Povo Galego. “Estando no Trastévere (Roma), deu cun Terra e Tempo e iluminóuselle o maxín. Viu que existía xente organizada no mundo do nacionalismo, ao redor da UPG. En 1973 marchou ao mosteiro de Sobrado dos Monxes para pensar sobre o seu futuro e foi cando tomou a decisión drástica: ir cara Vigo a un piso con -outros- curas obreiros”, engade. Por que Vigo? Vigo era  un crisol, “a cidade onde se cocía todo na Galiza naquela altura”, di Prol. Foi alí onde “revolucionou a Asociación Cultural de Vigo” e, en 1977, por iniciativa de Francisco Rodríguez, concorre na candidatura do BN-PG ao Senado pola circunscrición de Ourense, “iso para a Igrexa xa foi o non vai máis”. “Aí empeza un novo Carballo que despois fai moitas máis cousas, o Carballo que artella esa escola de historiadores e que considera fundamental crear a nosa propia historia desde Galiza” [Outrosí o Carballo que alenta o xornalismo en clave nosa co proxecto d´ANT que el avalou economicamente, mesmo respaldando créditos bancarios considerábeis].

Falta de recoñecemento. O membro  fundador da Asociación Amigos de Francisco Carballo lamenta que “a Galiza oficial” o ignore. “Carballo morre en novembro de 2014 e seguimos esperando -cartro anos despois- que a Galiza oficial dea, cando menos, un pésame, ou un agradecemento polos servizos prestados ao País. Ninguén o fixo”, denuncia. Coa “Galiza oficial” refírese ás institucións políticas, relixiosas e universitarias. “Loitamos durante anos polo recoñecemento de Carballo como doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, mesmo estando el en vida, mais seguimos sen conseguilo”, agrega, “o País ten unha débeda con Carballo e mesmo o nacionalismo debería ter máis xestos con el”. A asociación, modesta [agromada na súa Maceda matricial], intenta manter vivo o legado e a memoria de Carballo, un home que, malia non se considerar creador, “escribiu toda a vida, ensaios e columnas de tipo político e histórico”, salienta Prol. Os seus referentes: o Padre Sarmiento, Alexandre Bóveda e Afonso Daniel Rodríguez Castelao.”

N.B.- Na primeira imaxe -tirada por Xabier Oviedo- estamos, no Teologado dos PP Paúles en Salamanca, de esqueda a dereita, Santiago Prol, Celso Sánchez, Francisco Carballo e Bieito Seara [primavera de 2014]. Na segunda imaxe -autoría de Xan Carballa- aparece o Carballo máis combativo, cunha oratoria engaiolante e rexa, nun mitin do Bloque a comezos da xeira do réxime do 78.