Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

A NOSA TERRA NA ARAÑEIRA

Escrito por Fcarballo 29-10-2018 en Novas. Comentarios (0)

Cóntanos Xan Carballa que xa arrincaron outra volta con www.anosaterra.com, procurando un xornalismo que non sexa de día a día, senón de máis longo percorrido. Lemos en SERMOS GALIZA a nova baixo o título “A Nosa Terra volve á rede sete anos despois”. Eis a nova completa, mesmo coa imaxe que penduraron. Tanto no proxecto d’ANT como no de SERMOS, Francisco Carballo tivo un papel central. Na primeira cabeceira durante moitos anos na xeira democrática e no segundo na súa creación:  “A histórica cabeceira, fundada en 1907, desaparecera en setembro de 2011, un ano despois de fechar o semanario en papel. Naquela altura, o conselleiro delegado e ex director Afonso Eiré agoiraba o retorno do proxecto: "A Nosa Terra é unha constante de supervivencia, seguro que voltará a aboiar e voltará ao mercado". Se imos á rede e escribimos anosaterra.com o que imos achar de entrada, na súa capa, son artigos de Afonso Eiré, Manuel Veiga e Xan Carballa, o núcleo histórico da redacción dun medio que, até a súa desaparición primeiro no quiosque e despois na rede, foi todo un referente no espazo galego de comunicación. O dixital presenta como un dos "atractivos" do seu retorno a disponibilización na rede da colección contemporánea do semanario (1977-2010), até o momento do seu fechamento o único medio galego impreso nos quiosques con esa periodicidade [Sermos tomou o relevo en xuño de 2012]”.

4º ROTEIRO / VILA DE MACEDA (2)

Escrito por Fcarballo 28-10-2018 en roteiros. Comentarios (0)

O segundo lugar que visitamos neste 4º Roteiro foi o Museo do Médico Rural, que aínda que non está inaugurado oficialmente, puidemos ollalo -como deferencia á Asociación Amigos de Francisco Carballo- da man do seu artífice, o doutor José Manuel Lage Parente, que xa fixera o mesmo xesto coa familia Vidal quince días antes. Os descendentes de Juan Vidal Rodríguez [boticario, químico e irmán do presbítero ilustrado de Maceda, Manuel Vidal Rodríguez do que hai pouco o Grupo Academia Postal tivo a ben publicarnos un libro transversal sobre a súa traxectoria (Santiago Prol, 2017)], xenerosamente cederon aparellos, fotografías, pastilleiros de comezos do XX, documentos e  outros materiais para este senlleiro museo. Neste espazo museístico tamén podemos ver unha botica de hai cen anos, unha colección de fonendoscopios, xiringas reutilizábeis (naquela altura non había as desbotábeis de hogano que foran inventadas polo enxeñeiro logroñés Manuel Jalón Corominas, que tamén inventou a fregona, tal e como nos lembrou o doutor José Manuel Lage na súa brillante exposición). Outrosí moreas de obxectos, máis de cincocentas pezas relacionadas co eido da medicina rural de antano...

O resto dos materiais expostos foron cedidos polo propio doutor José Manuel Lage. Outrosí polos outros dous médicos de Maceda, os doutores Manuel Blanco e Manuel Pascual, xunto co material cedido por outros facultativos, mesmo por descendentes do médico rural da Rúa de Petín, o doutor José Quiroga Suárez, o segundo presidente da Xunta de Galicia preautonómica, xeira na que se aprobou o Estatuto de Autonomía do 81. Salientou o doutor José Manuel Lage que houbo un tempo no que a medicina en Maceda estaba a cargo dos tres médicos locais nomeados.

Logo falou da heroicidade daqueles médicos rurais e dos de hai cen anos, que ían en besta a lugares como Celeirón, aldeas e cabezas parroquiais para facer unha medicina moito máis humanitaria, de contacto directo co paciente no seu propio medio e non como hogano, que a maioría do seu traballo se desenvolve arredor do centro de saúde... Cunha intervención abondo didáctica e ilustrativa, foinos amosando estancias, aparellos e vitrinas deste singular espazo museístico. Detívose no material cedido pola familia Vidal; nos produtos farmacéuticos fabricados polo emprendedor Juan Vidal que non había no mercado [Magen, X2, Peruscabino..., vencellados con problemas dixestivos, epidérmicos, sífilis...]. Tamén reparou no aparello de Radioloxía Volante, un equipo de RX transportábel [un Nanos Siemens] co que percorría a provincia de Ourense o seu fillo Indalecio Vidal Lombán nun Fiat Balilla arranxado como laboratorio de revelado. Outrosí reparou na vitrina “matricial e terminal”, pois o médico rural, até ben entrados os anos 60, facía de todo: traía aos nenos ao mundo, mesmo realizaba autopsias. Salientou o despacho do doutor Manuel Pascual, unha das estancias nucleares deste máis que interesante Museo do Médico Rural de Maceda... Queremos agradecer dende a AAFC ao doutor José Manuel Lage a súa deferencia neste 4º Roteiro, que mesmo contou con representación institucional do grupo de goberno local e que tamén agradecemos. Ao remate da visita agasallamos ao artífice deste Museo do Médico Rural cun exemplar do libro Conversas con Francisco Carballo (Prol / Carballa, 2002). Beizón a tod@s! 

N.B.- Na primeira imaxe podemos ollar ao doutor José Manuel Lage explicándonos os contidos deste singular espazo museístico en Maceda. As outras fotografías amosan diferentes intres da xente que tivo a ben acompañarnos neste 4º Roteiro OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO.

Eis o enlace á nova vencellada a este Museo do Médico Rural que saíu nos informativos da TVG (23/VII/2018):

http://www.crtvg.es/informativos/a-piques-de-abrir-en-maceda-un-museo-con-mais-de-500-pezas-relacionadas-cos-medicos-rurais

4º ROTEIRO / VILA DE MACEDA (1)

Escrito por Fcarballo 27-10-2018 en roteiros. Comentarios (0)

Comezamos o 4º Roteiro OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO na Cafetería Castillo [agora tamén tapería], Rúa As Canteiras, 1, na vila de Maceda, que rexenta o Cesáreo [Borrajo García], histórico militante nacionalista dende o último terzo dos anos 70 do século pasado, co que Carballo tamén mantiña amizade dende aquela. Logo do encontro inicial, saúdos e apertas dentro do local arredor duns cafés, con xente chegada de diferentes lugares do Noso País, comezamos o roteiro na parte exterior.

Alí tomou a palabra Bieito Seara, que fora amigo de Carballo dende que Bieito comezara a súa andaina na vida política a mediados dos anos 80 do século pasado. Lembrou que quedaba nesta cafetería co presbítero ilustrado de Celeirón de Asadur (Maceda) cada vez que Carballo se achegaba “á súa vila” [aquela vila das grandes feiras e mercados de antano que tanto lle seducía a el de neno]. Mesmo coincidiu esta xornada / roteiro noutro día de feira en Maceda [4 e 20 de cada mes]. Evocou Bieito que Carballo inicialmente escoitaba, que quería saber o que se cocía por eiquí. Logo comezaba o sempre ameno e ilustrado parladoiro arredor del ao que, ás veces, nos sumabamos outras persoas se coincidiamos en Maceda naquela altura.

Inserimos nesta primeira achega varias fotos de parte da xente de ben que comezou o 4º Roteiro, ao que logo se irían sumando máis persoas [até medio cento] na segunda parada: o Museo do Médico Rural do que falaremos en chegando...

N.B.- Na primeira imaxe deste 4º Roteiro podemos ollar a Bieito Seara comezando a súa intervención. Detrás del vai camiñando Manuel Peleteiro [vencello e nexo en diferentes fasquías entre Bieito e Carballo]. Na segunda vemos ao ex alcalde de Maceda, Xabier Oviedo a carón da entrada da Cafetería Castillo coa rúa As Canteiras como pano de fondo. Na terceira imaxe ollamos parte da xente de ben que quixo acompañarnos pra rememorar a figura de Francisco Carballo. Na cuarta outra volta Bieito Seara rematando a súa sentida evocación sobre o noso fillo sobranceiro.

ENCONTROS NO MORRAZO

Escrito por Fcarballo 26-10-2018 en Novas. Comentarios (0)

Logo da homenaxe que lle fixemos en Maceda o 4 de agosto de 2000, que Francisco Carballo agradeceu fondamente "por vir dos que máis quero e por artellarse dende as miñas orixes", os amigos que tiveramos a ben organizar aquel recoñecemento, decidimos manter, cando menos un encontro anual co Paco Carballo [así lle chamaban Bieito e Celso, xunto con moita xente da súa órbita máis acesa]. Esta foto que hoxe penduramos na bitácora, datada nun restaurante do Morrazo o 5 de abril de 2002, está contextualizada nun daqueles encontros. Escoitar a Carballo sempre era un luxo, departir con el nun parladoiro ou nunha cea, sempre era un privilexio. Durante varios anos seguimos fixando unha data arredor da primavera para aqueles encontros no Morrazo. Eis o documento gráfico que queremos recuperar dende a Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC). Na foto aparecen, de esquerda a dereita, Celso Sánchez, Santiago Prol, Francisco Carballo e Bieito Seara. Beizón!

N.B.- Xa pasamos das 100 visitas ao vídeo que proxectamos o 20 de outubro deste 2018, no 4º Roteiro OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO, na Biblioteca Pública de Maceda que leva o seu nome. Graciñas mil!!!
Eis o enlace:
https://www.youtube.com/watch?v=xfP-pZiKAj8

ARREDOR DE NÓS. FRANCISCO CARBALLO

Escrito por Fcarballo 22-10-2018 en vídeos. Comentarios (0)

Na primavera de 2006 recibimos unha chamada telefónica da xornalista María Tareixa Navaza. Puxérase en contacto con nós (a través de Xan Carballa, coautor do libro Conversas con Francisco Carballo, ANT, 2002), para artellar o último programa da serie “Arredor de nós” que dirixía ela e que emitía a TVE-2 eiquí. Mesmo nos contou que ían prescindir dos seus servizos e dos doutros compañeiros, nunha reestruturación á baixa do cadro de persoal. Quería que o último programa fose para Francisco Carballo por todo o que representaba para o Noso País, algo que dende a Asociación Amigos de Francisco Carballo queremos salientar e agracecer. Quedamos en San Marcos (no edificio da TVE). Achegámonos cun bo feixe de documentación, con fotos, con case todos os libros que publicara Carballo e, por suposto, cun exemplar do libro de Conversas, que lle deixamos como agasallo e que logo sairía no programa, mesmo como eixo central. Perfilamos con ela até empardecer as fasquías posíbeis de Francisco Carballo, para desenvolver logo na entrevista, que ía durar arredor duns 30 minutos. Mesmo nos propuxo participar, xunto con outras persoas (que tivesen que ver con el en diferentes eidos), naquel programa cunha breve intervención. Teríamos que sintetizar todo o que significaba para nós Francisco Carballo nun minuto como máximo e, a poder ser, mirando á cámara ser ler.

As outras persoas invitadas por María Tareixa Navaza para participar naquel xa histórico programa foron Afonso Eiré, director do semanario A Nosa Terra, xornal do que Carballo fora un dos máximos artífices da súa recuperación na xeira democrática; outrosí Alfredo Suárez Canal, naquela altura Conselleiro de Medio Rural do Goberno Bipartito (PSOE / BNG); Engracia Vidal, teóloga e figura central da revista Encrucillada e tamén Anselmo López Carreira, medievalista egrexio e un dos máximos representantes da Escola de Historiadores abeirados ao proxecto editorial d´ANT que creara e dirixira Carballo durante moitos anos.

Logo dunha moi lograda entradiña -fotos, texto e imaxes- que sintetiza boa parte da súa traxectoria vital, a conversa foi transcorrendo de vagar, mais coa profundidade que Francisco Carballo lle imprimía, xa que logo a xornalista era consciente de que estaba diante dun dos ilustrados máis salientábeis do Noso País. Invitamos a quen nos siga nesta bitácora, repare durante 29 minutos e 56 segundos neste documento audiovisual que rescatamos agora para a memoria colectiva (coa imprescindíbel colaboración dos amigos de MACEDA NA REDE, aos que lles queremos salientar publicamente o noso agradecemento). O programa foi emitido por TVE-2 no mes de abril de 2006. Recuperámolo nós por primeira vez -por iniciativa do alcalde Xabier Oviedo- ao abeiro do 25 de Xullo de 2014 en Maceda, para tributarlle recoñecemento na Biblioteca Pública Francisco Carballo. Mesmo lemos daquela un bo feixe de textos dos seus libros e celebramos que aínda estivese con nós, aínda que -xa moi magoado- no seu “exilio derradeiro” en Salamanca.

N. B.- As imaxes tirámolas no 4º Roteiro que, desta volta, se centralizou na vila de Maceda. Na primeira aparecen en pantalla Carballo e a Navaza ao comezo da entrevista da TVE-2. Na segunda podemos ollar parte do case medio cento de persoas que asitiron. Na terceira aparece en primeiro plano Manuel Peleteiro, un cura progre dos Milagres, que logo interviría na súa condición de teólogo, presbítero e alumno de Carballo no teologado de Salamanca e que sempre o tivo como referente na súa vida. Para a última escollemos a nota de prensa e a foto que tivo a ben publicar o xornal ourensán La Región o 21 de outubro, ao día seguinte do roteiro. Beizón!

Ver Vídeo