XX CONGRESO DE TEOLOXÍA (1)

Escrito por Fcarballo 02-08-2018 en eventos. Comentarios (0)

 

Nunha das visitas que lle fixemos a Francisco Carballo en 2001 (Marín, 17 de febreiro) por mor da planificación do libro de Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002), agasallounos co libro “El Cristianismo en un mundo plural y conflictivo”. Era a memoria imprentada do XX Congreso de Teoloxía da Asociación de Teólogos Xoán XXX, que presidía Enrique Miret Magdalena e que se celebrou en Madrid entre o 7 e o 10 de setembro de 2000. Ademais da presentación do congreso asinada por Miret Magdalena, houbo ponencias de Mayor Zaragoza, Jacques Gaillot, Shimpanga Matala, Rafael Aguirre, Ivona Gebara e Juan A. Estrada. A maiores estaban as mesas redondas. Nelas participaron Joseba Arregui (político – Bilbao), Casimir Martí (historiador – Barcelona) e Francisco Carballo (teólogo e historiador – Vigo). Titulárona “Papel da relixión nos nacionalismos”. 

O historiador de Maceda comezou: “A imbricación da relixión no clan, a tribo, a cidade antiga e as formacións políticas máis complexas, é ben coñecida. A nación nace como entidade política soberana cuestionando á relixión. O proceso de constitución nacional foi de varias clases; nalgúns casos a apelación á relixión, por exemplo nos Estados nación: Irlanda, Polonia, España, Bélxica, etc., nalgúns períodos da súa historia é constatábel. Aínda hoxe en Grecia faise constar a confesión á que se pertence no DNI (90% son cristiáns ortodoxos). Se isto acontece nos estados nación, non debe estrañar a ambivalencia do relixioso noutros territorios que se reclaman nación.

Na análise das teorías sobre a nación, así como na historia das construcións nacionais, a relixión aparece ben ao lado dos seus elementos étnicos, ben como un factor engadido ou, simplemente, como achega simbólica. ¿Que acontece en Galicia? Procurarei mostrar a presenza e ausencia relixiosa nos tres intres que escollo como representativos do nacionalismo galego e na controversia no intermedio 1922-36 [“O nacionalismo na época de M. Murguía, 1833-1923” / “Intermedio do debate” / “O Partido Galeguista e Daniel Afonso Castelao” / “O nacionalismo actual”] (...)". 

 N.B.- A primeira imaxe corresponde á portada do XX Congreso de Teoloxía da Asociación de Teólogos Xoán XXIII, á que estaba abeirado Francisco Carballo. A segunda é da páxina 179. A terceira tiroulla Xan Carballa (mesmo forma parte dun fermoso vídeo que Xan artellou para a Homenaxe de Galiza a Francisco Carballo, celebrada en Maceda por mor do seu pasamento, o 27 de decembro de 2014, e que paga a pena ollar de cando en vez: https://www.youtube.com/watch?v=5DatGXa0KZQ ).