Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

50 ANOS DO DÍA DA PATRIA GALEGA

Escrito por Fcarballo 05-07-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Onte [4/07/18] o Bloque Nacionalista Galego [BNG], organización política á que pertenceu Francisco Carballo dende a súa fundación, presentou a campaña “50 anos do Día da Patria Galega. Sumar por Galiza e pola defensa da nazón galega”. Ao abeiro desta salientábel data [25 de xullo], Francisco Carballo publicou varias columnas n´ANT ao longo da súa vida. Exhumamos hoxe a -sempre lúcida e antolóxica- que titulou “Matria”, o 23 de xullo de 2009, que mesmo se debería vindicar e vulgarizar alén desta bitácora: “A pertenza humana á colectivos soa á nai. Das nais temos as primeiras relacións: no seu útero existimos, crecemos e atendemos. Desde o nacer camiñamos en relacións. Imposíbel sermos persoas fóra de redes de correlacións. E a máis complexa correlación dise Patria-matria: espazo de liberdade, de solidariedade, de fartura.

O Día da Patria énos único: acougo nunha vida errante, ledicia dos que “loitan pola paz e pola xustiza”. “Patria ou morte” din en Cuba. “Socialismo ou barbarie”, din na ecúmene. ¿Din parecidamente? Din liberdade, din esperanza, din fraternidade. Non paga a pena vivir en submisión, en colonias, en subordinación. Tal vivir é padecer, morrer; non é posíbel sermos persoas libres sen Patria. Mais contra estes sentires viñeron as monarquías, logo as oligarquías e os estados. Estados imperiais, monárquicos ou constitucionais; todos naceron sobre a cinza das patrias invadidas. Escribiu o Padre Feixoo: “Todo conquistador é un azoute da humanidade”. Todo estado destrutor de patrias é un azoute da humanidade.


A patria é as correlacións: de igualdade; desde si mesma; sen invasións lingüísticas, económicas, culturais. As patrias de correlacións voluntarias son posíbeis; é unha patria que vive en defensa da liberdade. É unha patria a ser nación sen mulidas. Libre coma o vento das gaivotas. Por iso o 25 de Xullo, ese día da Matria-Patria, da Galiza nación de Breogán, soberana e ceibe, trae todo o vento salobre do océano. “Chove en Santiago, meu doce amor”, caen pingas douradas, caen “sombras que sempre me asombran”, caen os suspiros en alalás da “Alba de gloria” de Castelao. Si, en patria libre hai emprego, fala, cultura; “hai unha terra liberada do Courel a Compostela”.

N.B.- A primeira imaxe tirámola de www.contrainformacion.es. A segunda de www.marin.bng.gal (cando lle fixemos a Homenaxe Nacional a Francisco Carballo en 2005). A terceira, no Día da Patria de 2016, de www.elpais.com.

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA (4)

Escrito por Fcarballo 04-07-2018 en conversas. Comentarios (0)

Seguimos nós nas Conversas (ANT, 2002): En 1963 (12 de decembro) a Igrexa Conciliar (Vaticano II) recoñecía aos pobos expresarse liturxicamente nos seus propios idiomas. En Galiza interpretouse sesgadamente. Os cataláns e os vascos adiantáronse. Quiroga Palacios fixo xestións perante o Vaticano e soportou unha presión enorme. Mesmo publicaron eiquí documentos acusando á Igrexa de todos os males de Galiza [dende o nacionalismo ultraortodoxo]. Orabén, o 7 de xaneiro de 1969, aprobouse o galego na liturxia e Quiroga Palacios foi o primeiro cardeal na historia de Galiza que oficiou unha misa en galego, o 15 de xullo de 1971, en Iria Flavia [co gallo do cabodano do pasamento de Rosalía de Castro].

Francisco Carballo contestounos: “É un feito a salientar. Hai que engadir que o proceso de ralentización da entrada do galego na liturxia debeuse non só á causa de Galiza, senón tamén de fóra. O secretario da Congregación de Liturxia, Bugnini, retardou o proceso. Foi tal o aluvión de peticións a Roma, de elaboración de libros litúrxicos en tantas linguas, que se viron desbordados. Entón cortaron. Pero se os vascos e os cataláns chegaron a tempo, o noso retrasouse”.

Non había tampouco eiquí nada publicado, nin catecismos, nin Biblia, nin misal... algo que os vascos e cataláns si tiñan dende os tempos da II República. Eis a resposta: “Non tiveramos nunca liturxia, nin catequese en galego. A ese retraso cultural noso uniuse o fenómeno global da Igrexa de ralentización do proceso. Eiquí foi interpretado como unha causa interna exclusivamente. Pero tamén foi un tema externo. En África había un montón de idiomas quer non tiñan gramática nin nada. Entón en Roma optaron pola lentitude. Iso hai que telo en conta, porque en Roma non houbo ningunha obstaculización ao problema galego en particular. Bugnini botaba as mans á cabeza cando llo dicían. El era un paúl que vivía con nós cando eu fun a Roma no 1967. Falei persoalmente con el varias veces sobre o tema da liturxia en galego, mesmo cando a presión dende Galiza era intensa nos sectores máis progresistas, tanto da Igrexa como da sociedade civil”.

N.B.- Desta volta as imaxes tirámolas do interesantísimo  e imprescindíbel libro [pola documentación gráfica que manexa sobre o fillo predilecto de Maceda] "Fotobiografía del Cardenal Quiroga Palacios" (2004) de José Leonardo Lemos Montanet [actual bispo de Ourense] e de Pilar de Torres Luna. Na primeira ollamos varios recortes de prensa sobre o tema do galego na liturxia. Na segunda aparece Quiroga Palacios inaugurando o monumento a Rosalía de Castro en Padrón, en presenza da súa filla Gala e dalgúns dos galeguistas do "interior". Na terceira está con Filgueira Valverde en Pontevedra, outro home da "galeguidade" co que o Cardeal Quiroga tiña amizade.

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA (3)

Escrito por Fcarballo 03-07-2018 en conversas. Comentarios (0)

Seguimos preguntando nas Conversas (ANT, 2002): Ti deches un titular no centenario: “Quiroga Palacios foi o verdadeiro tribuno do pobo galego perante o franquismo”, pero a Quiroga algúns sectores téñeno acusado de franquista. Francisco Carballo respondeu: “¿Como se explica a amizade de Fernando Quiroga con Franco a pesar das diferenzas tan grandes que manteñen? Non é doado. Quiroga antes do Vaticano II, antes do seu cambio tan grande, tiña no fondo unha mentalidade compatíbel cun réxime autoritario. Posuía unha educación dentro dun sistema que recorda un pouco ao Despotismo Ilustrado do século XVIII: axudar ao pobo pero sen o pobo. De xogarse o tipo polo pobo, pero dende un senso paternal. A imaxe de Franco nese tempo encaixaba algo dentro diso. Segundo: Quiroga sabía que nas mortes que houbera en Galiza, foran antes de gobernar Franco. Case todas. Na súa mentalidade non estaba responsabilizar globalmente ao réxime de Franco de todas aquelas catástrofes que houbo eiquí, contra as que se loitou tanto. Pode ser que non houbese tal confianza: un era cardeal, o outro Xefe do estado, e estaba polo medio a liña política de Pío XII, a dos Papas... Habería que ter máis datos.

Para a maior parte do clero galego vivo, o do 36 é unha labazada, porque eles non fixeron o que fixo Fernando Quiroga. E a dereita témeo porque quere monopolizar o relixioso na Galiza. O que máis aborrece a dereita é que un clérigo, ou un teólogo, defenda aspectos ligados ao nacionalismo de esquerdas. É moi lóxico que a dereita non desexe que Fernando Quiroga sexa recoñecido na súa integridade. Non están de acordo co seu ideario último (1964-71)”.

N.B.- A primeira e a terceira fotos pertencen ao fondo documental do Concello de Maceda. Están datadas en setembro de 1964 no Santuario dos Milagres do Monte Medo. Nelas aparece o Cardeal Quiroga con Carmen Polo de Franco, naquela altura muller do Xefe de Estado español, nun acto relixioso-institucional moi na liña do nacionalcatolicismo imperante. A segunda imaxe, na que aparece Franco bicándolle o anel cardenalicio [que lle regalara Pío XII] ao fillo predilecto de Maceda, cardeal e tribuno de Galiza, está datada en 1958, na inauguración oficial do Seminario Menor de Belvís en Santiago de Compostela. Tirámola da documentadísima haxiografía que Gil Atrio (1993) escribiu sobre o Cardeal Quiroga Palacios.

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA (2)

Escrito por Fcarballo 02-07-2018 en conversas. Comentarios (0)

No libro de Conversas (ANT, 2002) fixémoslle a Francisco Carballo un bo feixe de preguntas sobre Quiroga Palacios. A primeira ía sobre a entrevista que tivera con el no pazo arcebispal en Compostela. Dous relixiosos egrexios de Maceda xuntos. Un cardeal e o outro naquela altura director do colexio dos Paúles en Marín: “A entrevista debeu ser no 1957 e foi unha experiencia bonita. Eu tiña a imaxe de Quiroga que tiña a diocese. Dicían que era un home pastoralista, pero que non tiña preparación doutrinal, que non escribía libros, que non era un teólogo. Por outra parte aparecía como un home solemne, cheo de interese de tipo patriarcal. Era dialogante, espontáneo, moi coñecedor do País e, mesmamente, moi interesado na defensa de Galiza. El afirmou naquela longa entrevista que tiven con el que non toleraría, en ningún sitio que el estivese, que ningún galego fose discriminado. Díxome “se coñeces algún caso, comunícamo, que eu farei todo o posíbel para reparar iso”. Era ademais un home xeneroso e dunha sobriedade espartana”.

Logo incidimos que no centenario do seu nacemento, Francisco Carballo apostara publicamente en Maceda pola beatificación de Quiroga Palacios: “No sentido que se considera hoxe a beatificación como afán de dar relevancia aos personaxes que significan algo. Se seguimos na perspectiva de colocar unha lista de personaxes simbólicos, dentro do episcopado galego, non teño ningunha dúbida. Dos que houbo no século XX elixiría a Fernando Quiroga, pero non para convertelo nun mito. Quiroga fixo cousas importantes: cambio constante, evolución. Non adoptou unha postura determinada. Foi dócil ao cambio aínda que foi duro para el.

O Concilio Vaticano II supúxolle un auténtico temporal. Afectoulle pero acolleuno. Foi un home auténtico que viviu na pobreza, na xenerosidade. Comía como os campesiños de Galiuza como ben lembraba Otero Pedrayo cada vez que ía xantar con el ao pazo arcebispal. Un home que dá o pouco que ten, que non se enriquece, ¡que máis lle vas pedir! Ademais está a súa decantación a prol da xente oprimida e represaliada no 36 e isto é moi valioso. A súa actitude no fusilamento do poeta comunista Gómez del Valle e doutros perseguidos, dignifícao. Tamén é importante o interese pola inculturación dentro das posibilidades que había daquela. El aguanta, pero cando chega o momento, opta para que a lingua do País chegue ás igrexas. Que máis lle vas pedir. Fernando Quiroga é unha persoa con grandes virtudes e grandes valores. ¡Non falta nada para beatificalo!”.

N.B.- As fotos pertencen ao fondo documental do Concello de Maceda (previamente foran cedidas polos veciñ@s para unha exposición sobre a nosa memoria colectiva).

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA (1)

Escrito por Fcarballo 01-07-2018 en cabodano. Comentarios (0)

En decembro de 2000, no centenario do nacemento de Quiroga Palacios en Maceda, artellamos unha exposición na igrexa parroquial. Francisco Carballo e Santiago Prol celebramos unha mesa redonda no salón de actos da Casa do Concello. Escribimos daquela columnas sobre o Cardeal de Galiza en varios medios (A Nosa Terra, La Región, La Voz de Galicia...). Exhumamos nesta primeira achega sobre o fillo predilecto de Maceda, a columna que F. Carballo imprentou no semanario ANT (21/XII/2000):

 “O 7 de decembro de 1971 falecía o cardeal Quiroga en loor de multitudes. Está sepultado ao pé do Santo dos Croques, na catedral de Sant Iago. Aos 100 anos do seu nacemento, volta a pregunta pola significación deste cardeal na historia de Galiza. Fernando Quiroga naceu en Maceda no 1900. Viviu en Ourense desde os 8 anos até o 42. Foi bispo de Mondoñedo do 45 ao 49 e arcebispo de Sant Iago de Compostela do 49 ao 71. Cardeal dende o 52. Escribira en Logos (1931-36) artigos en galego; nun deles afirmaba que era imposíbel unha pastoral rural noutra lingua da galega. Nos anos 60 intentou e conseguiu legalizar o galego na liturxia e oficiou xa no 71 na nosa lingua. O seu andar pastoral na arquidiocese axustouse aos tempos do Concordato de 1953. Fíxoo con grandeza, maxestade, moderación e amor aos humildes (...). Foi ante todo un construtor; inzou de tempos novos a arquidiocese, levantou o seminario de Belvís e reparou o de San Martiño.

No 63 sentiu que aquel tinglado brillante de misións, Acción Católica, exercicios, novenarios, etc, afundía. Membro activo do Concilio Vaticano II, interveu 8 veces en sesións conciliares. Non estaba na órbita dos progresistas; tivo dificultades de aceptación da liberdade relixiosa e na desmontaxe do “nacional-catolicismo español”. Fora amigo de Franco; defendera sempre aos galegos e a Galiza, estimaba o seu poder tribunicio. O Vaticano II crebou o seu ánimo e aceptou cambiar.

Elixido presidente da Conferencia Episcopal Española (1966-69), buscou a paz, o diálogo; acolleu con coraxe os principios da Asamblea Conxunta de clero e bispos no 71. Deu pasos firmes cara o Concilio Pastoral de Galiza. Sentiuse galego sempre, falou na nosa lingua, transmitiu o desexo da súa normalización, acolleu con sorriso e amor aos que apostaban polo cambio. Morreu acoitelado pola dereita e pola esquerda: aberto, comprensivo, leal, non daba un paso de cambio sen que o empurraran. Mentres el tendía a man, outros bispos, de Ourense, de Lugo ou Vigo, vexetaban no máis cru integrismo e ignorancia da terra que lles daba de comer”.

N.B.- A primeira imaxe tirámona do xornal La Región. A segunda e a terceira amosan mala calidade, pero teñen valor como documentos gráficos para a memoria de Francisco Carballo. A última tirámola do semanario ANT co gallo dos actos que celebramos en Maceda arredor do centenario do nacemento de Quiroga Palacios na vila. En próximas achegas, iremos pendurando outras intervencións, textos e actos nos que participou F. Carballo sobre o Cardeal de Galiza.