Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

O DÍA DA PATRIA GALEGA

Escrito por Fcarballo 22-07-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Imprentaba Afonso Eiré este sábado en El Correo Gallego unha columna sobre os 50 anos do Día da Patria Galega. Dicía que esa denominación “seica foi idea de Bautista Álvarez, redactor das follas voandeiras (...). Pero a primeira denominación do Día da Patria, como tal, aparece en 1935 no Mitin de Arengas, celebrado, como o ano anterior, na Praza da Quintana na véspera da Festa Nacional (...). En 1978 institucionalízase a manifestación e o seu remate na Quintana". No libro de Conversas (2002), falamos con Francisco Carballo sobre iso, ao tocar o asunto do seu xuízo [pola verba “asasinou” no pioneiro Historia de Galiza (AN-PG, 1979)]. Aportamos nós: Aquel ano [1981], o 25 de Xullo, ti fuches o encargado de pronunciar o discurso do Día da Patria. Carballo respostou: “Aquel ano prohibírannos entrar no casco vello de Santiago. Era a segunda vez. Como estaba recén feito o xuízo, escolléuseme a min para dicir o discurso, como unha reivindicación a prol da miña persoa. Visto desde hoxe, coido que actuei como un personaxe simbólico. Eu representei alí o acoso ao nacionalismo”.

En 1981 ti xa eras un cadro moi relevante dentro do nacionalismo galego... “Eles querían meterse co nacionalismo. Como pretexto saín eu de portaestandarte. O BN-PG encargoume o discurso. Foi un 25 de Xullo complicado, porque nos impediron o acceso á Praza da Quintana, pero fixemos a manifestación igual. Había unha petición previa. Denegáronnola xustificando que había moitos actos litúrxicos... O gobernador Pedro Aguerre utilizou esa disculpa. Non creo que houbese influencia eclesiástica, aínda que sei que non lles gustaba nada, nin a Suquía [o arcebispo que substituíra a Fernando Quiroga] e logo a Rouco Varela [o seguinte arcebispo], que o acto central do Día da Patria fose na Quintana. Aínda nos lles gusta hoxe. Eu ía na cabeceira da manifestación con Pedro Luaces, que xa anunciara o seu abandono da UPG. Resistimos na Praza de Galicia, mentres os máis atrevidos forzaban a entrada na Rúa das Orfas. Sentámonos e ollamos a represión policial. Houbo intento de abrir camiño por varias rúas. Botáronnos da praza. Fomos até a Ferradura onde caeron mesas e bancos polo chan no enfrontamento coa policía. Houbo contusións e un final gozoso: ¡non nos sometemos!” ¿Cambiaches o discurso por mor dos acontecementos? “A carga foi pola tarde. O discurso fora pola mañá na Praza de Galicia, coa policía de fronte. Dixen: ¡temos que resistir, porque o que resiste, vence! Houbo xente que despois cuestionou iso. Un drama. Era un ataque fortísimo contra o nacionalismo galego. Foi unha xornada de loita grande. Serviume de endurecemento, de realismo”.   


N.B.-  A primeira imaxe e tamén a última [debaixo desta nota] tirámolas nós hai uns días. Pendurouse esa simbólica pancarta [tantas veces retirada polas "autoridades" con pretextos absurdos] na entrada da Alameda compostelá, co gallo dos 50 anos do Día da Patria [dende 1978 no que xa asistiu Francisco Carballo. Naquela altura había moita represión policial -mesmo estaban os jeeps do exército-, tensión e medo... Ao remate entoábase o Himno Galego e tamén o "Venceremos Nós"]. A outras dúas fotos son da autoría de Xan Carballa. Na segunda -xa histórica e capital na súa biografía- aparece Francisco Carballo intervindo no mitin central do Día da Patria de 1981, na Praza de Galicia en Santiago de Compostela. A terceira tiroulla Xan na Quintana de vivos, no último Día da Patria Galega ao que Francisco Carballo puido asistir, denantes do seu "exilio concluínte" e "penúltima viaxe" a Salamanca... 

 


A OFRENDA DO DÍA 25

Escrito por Fcarballo 19-07-2018 en columnas. Comentarios (0)

No núm. 1.233 do semanario ANT (27/VII/2006), Francisco Carballo imprentou unha columna moi aqueloutrada sobre a -hogano anacrónica- ofrenda do 25 de Xullo [Día do Apóstolo Santiago para a Igrexa, Día de Galicia para as institucións e unha beira do pobo galego ou Día da Patria Galega para o nacionalismo e o independentismo]. Eis o luminoso texto dun ilustrado na súa privilexiada condición como relixioso, teólogo, docente, historiador e político nacionalista; mesmo nun intre no que eiquí estaba a gobernar o Bipartito (PSOE/BNG):

“Dúas ofrendas teñen relevancia entre nós, a “real” o día do Apóstolo Santiago, e a “sacramental”, en Lugo. As dúas teñen antigüidade e foron formalizadas no século XVII. A sacramental ten referencia no escudo de Galiza, é realizada por un dos representantes dunha das sete cidades cabeceiras do Antigo Reino de Galiza. A real correspóndelle á Monarquía en persoa ou en delegación. É unha ofrenda para significar o padroado santiagués de España. A forma de emitirse a ofrenda na misa pontifical do 25 de Xullo, contén simboloxías arcaicas. Quere manter a alianza entre o trono e o altar. Diríxese ao Apóstolo como poder protector de España e da Coroa. Soa todo o discurso a fetichismo.

Debemos entender que unha misa é un acto estritamente relixioso. Que toda invocación cristiá se dirixe a Deus e que aos santos os homenaxeamos. O poder político, como tal, non ten senso nunha celebración eucarística; a asistencia de dirixentes políticos crentes da confesión que celebra, é persoal e non política. España é un estado aconfesional. Galiza unha nación cun goberno bipartito [naquel intre] aconfesional e unido, mais con diversidade ideolóxica e relixiosa. Alégrame que neste 25 de Xullo, a misa pontifical da ofrenda exprese a diversidade ideolóxica do Bipartito e suxira a urxencia de modificar ese rito arcaico para que sexa conforme Ás esixencias dun catolicismo actual e dunha Galiza que celebra a súa festa con dignidade e sen submisións rituais contrasignificantes. A Igrexa galega que se manifesta o Día do Apóstolo, na festa da Patria, ten necesidade de expresar a súa identidade católica que acepta o Vaticano II e non desmerece con ritos trasnoitados de significación autoritaria”. 

N.B.- Decantámonos desta volta, por imaxes vencelladas con Fernando Quiroga. As tres primeiras imaxes tirámolas da "Fotobiografía del Cardenal Quiroga Palacios" (2004). A segunda corresponde á ofrenda do Ano Santo de 1971, con Franco [suplindo á Monarquía na invocación] na súa condición de xefe do Estado e "xeneralísimo dos Exércitos de España". Na terceira aparece o Cardeal respostando ao xefe do Estado [o acto fora retransmitido por TVE en directo para todo España, ao igual que -sete meses antes- o intre dos tres martelazos de rigor para abrir a Porta Santa, que inauguraba o Xubileo de 1971, o último que presidiu Fernando Quiroga]. Na última, de www.bandeiragalega.com, aparece o escudo de Galiza coas sete cruces das sete cidades cabeceiras do Antigo Reino de Galiza.

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA (7)

Escrito por Fcarballo 15-07-2018 en cabodano. Comentarios (0)

“¡Abride a fiestra, que quero ver o mar!”. Estas foron as derradeiras verbas que Rosalía de Castro pronunciou denantes de pasar á outra banda do esquezo, tal día coma hoxe, o 15 de xullo de 1885, hai agora 133 anos. Foi na Casa da Matanza en Padrón, que visitou -xa como Casa Museo de Rosalía de Castro- máis dunha vez o Cardeal Quiroga Palacios e tamén Francisco Carballo. Co gallo dese cabodano celébranse alí unha morea de actividades (teatro, música, proxeccións, mini-concertos co piano de Rosalía, visitas guiadas, recitais poéticos, regueifas, monicreques e o peche estelar con Mercedes Peón...

Outrosí, tal día coma hoxe, en 1971, hai agora 47 anos, o Cardeal Quiroga Palacios, oficiaba en Iria Flavia (Padrón), a primeira misa en galego que un príncipe da Igrexa tivera a ben levar adiante e que fora retransmitida por Radio Nacional de España eiquí. Xa dixemos que fora co gallo do 86 aniversario do seu pasamento, que mesmo coincidiu coa conmemoración da restauración da Casa Museo. Naquel histórico acto vindicativo a prol do noso idioma, o Cardeal Quiroga Palacios pronunciou unha entrañábel homilía. Recolleu parte daquel sermón na lingua nai de Rosalía, o egrexio Antón Fraguas [ao que lle dedicarán as Letras Galegas en 2019] na entrada correspondente da GEG e que Francisco Carballo considerou como un feito a salientar na súa biografía:

“Os contemporáneos a Rosalía de Castro chamábanlle a santiña. A santiña porque tiña fe e quería a Deus; a santiña porque sentía amor profundo á humanidade, sobre todo aos máis necesitados; sobre todo aos que estaban ansiosos de encontrar unha man que os erguese (...). Quizais o dinamismo da fe que levou a Rosalía a escribir esas páxinas belísimas, nos leve a nós; nos force a nós a traballar por conseguir o rexurdimento de Galicia e a axuda a todos os necesitados dela”. 

N.B.- A primeira imaxe, xa histórica, tirámola do libro de Diego Bernal (1996) sobre Quiroga Palacios. Nela aparece o Cardeal na entrada da igrexa de Iria Flavia, o 15 de xullo de 1971, cos doutores Agustín Sixto Seco e Xerardo Fernández Albor [1º presidente da Xunta de Galicia, que nos deixou hai uns días con 100 anos de idade]. Os dous formaban parte da cerna matricial do patronato (agora fundación) vencellado á memoria de Rosalía de Castro. A segunda imaxe tirámoila da GEG, da entrada correspondente a Quiroga Palacios, asinada por Antón Fraguas. Aparece o príncipe da Igrexa macedán, oficiando en galego dentro do nomeado tempo padronés o 15 de xullo de 1971. A terceira tirámola da xa imprescindíbel "Fotobiografía del Cardenal Quiroga Palacios" (2004) de Lemos Montanet e Torres Luna. Nela aparece Fernando Quiroga cos directivos da editorial vencellada aos temas relixiosos en clave nosa (SEPT), que tivera a ben publicar o "Misal" en galego a finais dos anos 60 e outros moitos libros na lingua vernácula, abondo vindicativos coa "inculturación" da mesma. Por certo, Fernández Albor fora un dos fundadores de SEPT, a editorial dos católicos na órbita da galeguidade.

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA (6)

Escrito por Fcarballo 10-07-2018 en Novas. Comentarios (0)

En maio de 2008 [do 17 ao 25] o Cardeal Quiroga Palacios quedou inmortalizado coa emisión dun histórico selo de correos; mesmo presentado -ao mundo e con moito nivel- en Maceda, na súa vila natal. Fora iniciativa do altruísta e tamén fillo predilecto de Maceda, Paco Nóvoa, que fora xefe provincial de Correos. O Grupo Academia Postal editara un fermoso libriño no que participaran Xabier Oviedo, alcalde de Maceda; José Luis Baltar, presidente da Deputación Provincial; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno; Luis Quinteiro, bispo de Ourense; Xosé Carlos Sierra, delegado de Cultura da Xunta; Francisco Nóvoa, ex xefe provincial de Correos e director xeral do Grupo Academia Postal; Valentín Suárez, presidente da FEGASOFI; Teresa Seara, directora de Correos de Maceda; José Barros Cachaldora, presidente da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño; Santiago Prol, investigador...  

No programa de actos, ao abeiro das Letras Galegas de 2008, no Castelo de Maceda, artellouse, entre outras moitas actividades [presentación oficial do selo, apertura da estafeta temporal de Correos, mataselos especial, inauguración da exposición filatélica, certame de música coral...] unha conferencia -a dúas bandas- impartida por Francisco Carballo e Santiago Prol, baixo o título “O Cardeal Quiroga Palacios e o seu legado cultural”. Denantes, proxectáranse 100 imaxes da traxectoria vital e pastoral do Cardeal e un anaco do NO-DO [do seu mellor ano santo (1965) no que aparecía -o 25 de xullo- Quiroga Palacios como figura central naquela Compostela de mediados dos 60 en festas xubilosas].

Naquela conferencia, Francisco Carballo centrou a súa disertación sobre dous parámetros: A organización do Noso País nos tempos de Fernando Quiroga [Carballo sempre o denomina así] e a vivencia da fe cristiá en Galiza nos tempos do Cardeal. Lembrou a afectuosa entrevista persoal que tivera con el no Pazo Arcebispal en 1957, que o atopara moi avellentado malia ter só 57 anos naquela altura, que vivía na austeridade e na sinxeleza máis absoluta, que os dez últimos anos do cardeal foran moi duros para el, que tivera unha vida moi laboriosa e complexa, mesmo con actividades abondo interesantes e transcendentais, etc, etc. Ao longo dos últimos 15 anos de vida de Francisco Carballo, gravamos todos os actos nos que participamos con el ou nos que asistimos invitados por el. Deste encontro na torre da homenaxe do Castelo de Maceda, daremos cumprida conta no novo proxecto no que estamos mergullados e do que estamos a vulgarizar nesta bitácora pequenos bosquexos...

N.B.- A primeira imaxe é a portada do libriño que imprentou o Grupo Academia Postal Editores co gallo do selo conmemorativo dedicado ao Cardeal Quiroga Palacios. A segunda e a cuarta forman parte do dossier de prensa da Sociedade Filatélica Miño de Ourense daquel evento. Na terceira aparece o Selo do Cardeal, o cuño conmemorativo e o sobre ilustrado co Cardeal Quiroga Palacios e o escudo de Maceda.

QUIROGA PALACIOS, CARDEAL E TRIBUNO DE GALIZA (5)

Escrito por Fcarballo 09-07-2018 en conversas. Comentarios (0)

Fixémoslle a Francisco Carballo un par de preguntas máis nas Conversas (2002) sobre o Cardeal de Galiza, aínda que o seu nome saíu máis veces noutros capítulos do libro. ¿Morreu entón Quiroga Palacios incomprendido? Moi reflexivo contestou: “A dereita non daba ningunha chance ao cambio do Vaticano II. Como Fernando Quiroga o acepta, fanlle xogadas fortísimas. Cando a folga dos seminaristas no 1971 en Santiago, os que estaban á fronte, que eran de dereitas, decidiran expulsar aos líderes. Quiroga quería mandalos estudar a Comillas [Cantabria] e a dereita negáballe os certificados. O Cardeal tivo que chamar a Miguel Anxo Araúxo para que os admitise no seu seminario [Mondoñedo]. Estábano acoitelando; non o deixaban mover. E a esquerda   presionaba para que se puxese en práctica o decidido na Asamblea Conxunta do 71, que introducise o galego, que cambiase de raíz o seminario... Desde o 1965 tivo un acoso constante. Mesmo desde algúns centros galegos de Latinoamérica. Como querían executar xa todo iso, acusaron a Quiroga de franquista. Algúns curas foron castigados con multas, un entrara no cárcere e todo aquilo rematou por levalo á tumba. Quiroga Palacios parou as encarceramentos dalgúns curas con amoestacións públicas na prensa que se interpretaron mal, porque o facía para evitar que o gobernador civil os metese na cadea. Había un sector da esquerda que lle esixía máis e había un sector da dereita que o boicoteaba. O sufrimento del nos últimos anos foi moi grande. Agora acaban de crear unha cátedra co seu nome no Instituto Teolóxico Compostelán. Oxalá que non sexa só teórica e transcenda ao País”.

O lema de Quiroga Palacios era “Omnia in caritate fiant” [Fágase todo en caridade]. ¿É a caridade a que pon os alicerces da inxustiza social? “A caridade, biblicamente tomada, significa amor e sen caridade non se fai nada. É unha disposición de aprecio, de axuda, de diálogo, de colaboración cos demais. A caridade invádeo todo. Pero entendida como beneficencia pode ter eses efectos que vós dicides, mais a caridade do escudo de Fernando Quiroga non ten nada que ver con iso. A frase de San Paulo que toma el, significa: todo se ten que facer con amor. Orabén, a palabra connota, a nivel social, formas de beneficencia e iso sería pernicioso se substituíse á xustiza. O sistema político que usa a beneficencia para ocultar a inxustiza, non ten nada que ver co lema de Fernando Quiroga”.

N.B.- As dúas primeiras imaxes tirámolas do imprescindíbel volume "Fotobiografía del Cardenal Quiroga Palacios" (2004) xa citado noutra achega. Na primeira aparece co ministro de Información e Turismo, o galego Manuel Fraga Iribarne, en 1966, facendo a ruta fluvial dende Vilagarcía de Arousa até Padrón, camiño de Compostela. Na segunda ollamos ao daquela príncipe Juan Carlos [no medio dos dous aparece de esguello Francisco Franco], o 25 de xullo de 1971, bicándolle o anel cardenalicio na Praza do Obradoiro en Santiago. A terceira é o recordatorio que se imprentou no primeiro cabodano do seu pasamento. Nel aparece a lápida, un retrato de Felipe Criado, o seu lema manuscrito [Omnia in caritate fiant] e a súa sinatura.