Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

ALEXANDRE BÓVEDA (3)

Escrito por Fcarballo 10-05-2018 en libros. Comentarios (0)

Logo do clarificador introito, Francisco Carballo dividiu o libro dedicado a Alexandre Bóveda (ANT, 1999) en capítulos breves. O primeiro ía dedicado ao seu Ourense natal (4 de xuño de 1903). Bóveda procedía dunha familia modesta. Fixo cursos de peritaxe mercantil no colexio dos Irmáns Vilar. Estivo na Coral de Ruada e no Orfeón Unión Orensana. Coñeceu a Risco e a Basilio Álvarez (no seu xornal La Zarpa publica o primeiro artigo). Aprobou as oposicións de contabilidade de Facenda e decantouse polo destino de Pontevedra: “Entre 1927 e 1936 transcorrerían nove anos de paixón e nove anos de creación”. Na Coral Polifónica daquela cidade coñeceu a Amalia Álvarez Gallego coa que casaría en 1930 (20 de outubro). Logo viría o vencello aceso cos galeguistas Otero Pedrayo, Gómez Román, Enrique Peinador, Ánxel Casal, Castelao, Ramón Cabanillas, Nuñez Búa...

Cando se artellou o Partido Galeguista, en nadal de 1931, Bóveda foi nomeado secretario de organización do PG. Dende aquel intre centrou case todas as súas enerxías no proxecto nacionalista e nas súas mocidades: “A Nosa Terra serviu de boletín do Partido e na súa etapa pontevedresa, baixo a dirección de Vitor Casas, foi a preocupación constante de Bóveda, tanto no seu mantemento económico como na liña editorial”. No capítulo Facer Galiza o historiador macedán amenta a expresión de Castealo: “Bóveda era o motor de explosión do Partido”.  En 1930 Bóveda fora invitado polo Seminario de Estudos Galegos para redactar un anteproxecto de Estatuto. Galiza sufría discriminación fiscal. A autonomía traería vantaxes. Amosaba unha “excelente formación facendística”. Aprobouse o anteproxecto -de máximos- en decembro de 1932 co 77% dos delegados dos concellos...

Logo viría o Bienio Negro, o desterro a Cádiz (e o de Castelao a Badaxoz), a excisión do PG coa creación da Dereita Galeguista (con Risco, Filgueira e o macedán Xosé Lois Parente -co que polemizou publicamente- entre outros), a Fronte Popular, o protagonismo central de Bóveda na  campaña do Estatuto (xuño do 36), a sublevación militar, a prisión, o xuízo militar, o fatídico 17 de Agosto (hogano Día da Galiza Mártir) e a semente de futuro, que diría Castelao. Un libro breve pero intenso, no que o historiador se amosa como un dos biógrafos máis solventes de Alexandre Bóveda, un galego bo e xenroso que perdeu a vida con 33 anos, logo dun xuízo ignominioso que hogano se debería anular como tantos outros daquela xeira.

N.B.-  A primeira imaxe tirámola do libro co que estamos. A segunda de www.nuevatribuna.es e as dúas últimas, tamén do libro de Francisco Carballo, exhuma as históricas verbas que Alexandre Bóveda pronunciou na "farsa" de xuízo que o condenou a morte e que mesmo quedaron imprentadas para a memoria colectiva de Nós. Dende a bitácora Amigos de Francisco Carballo tamén queremos alicerzar esa arela. 

Mesmo para completar esta achega, incorporamos a cantiga "Silencios na memoria" que A Quenlla lle dedicou o Día da Galiza Mártir (en 2012), cun vídeo moi evocador, con imaxes e verbas que chegan ao fondo dos corazóns das xentes de ben do Noso País.

Ver vídeo 

ALEXANDRE BÓVEDA (2)

Escrito por Fcarballo 06-05-2018 en libros. Comentarios (0)

Entre 22 de maio e o 29 de xuño de 2003, co gallo do centenario do nacemento de Alexandre Bóveda, o Concello de Pontevedra e a Fundación Bóveda artellaron unha grande exposición no Pazo Mugártegui, que tivemos a fortuna de ollar de vagar da man de Francisco Carballo que asesorara aos promotores. Alí volvemos falar do seu libro sobre o galeguista martirizado (Carballo, ANT,1999), nomeadamente do nuclear introito centrado naquela cidade (pp. 7 e 8): “Pontevedra, 1927. Alexandre Bóveda, mozo de 24 anos, toma posesión como Xefe de Contabilidade na Delegación Provincial de Facenda. De contado toma contacto cos sectores activos dunha “vila” que amosa boa actividade cultural.

Ingresa na Sociedade Coral Polifónica, un coro con maioría de membros compañeiros de Facenda e onde canta Amalia Álvarez, a súa futura muller. Anima tamén a Sociedade Filharmónica que enche o Teatro Principal con artistas internacionais. Simpatiza co Eiriña F. C. Mesmo participa das actividades tanto do recén creado Museo de Pontevedra como da Misión Biolóxica de Cruz Gallástegui. No triángulo da rúa Oliva, ruínas de San Domingos e a praza da Ferrería repara en paseantes que espertan a súa admiración: Daniel Castelao cruza a diario estas rúas; Antón Losada Diéguez, xa doente, filosofa no Instituto e nas tertulias. Son acreditados representantes da intelectualidade do Noso País, Ao seu arredor mozos e maiores: Filgueira Valverde, Fontela, Xerardo Álvarez, Iglesias Vilarelle, Álvaro Xil... De seguido fraternizarán nos parladoiros do café Méndez Núñez, ao pé da Peregrina ou nas do Moderno, o tamén café da praza de San Xosé.

De inmediato participa nas actividades daquel emerxente nacionalismo galego da Boa vila que prepara a confluencia nunha formación unitaria. Iso chegaría en 1931. No 1928 aínda domina en España a Ditadura do xeneral Primo de Rivera e a vida política daquela Pontevedra de comerciantes e funcionarios vese mergullada e silente. Con todo afloran as inquedanzas culturais -pintura, música, literatura- ou as deportivas. Tempos nos que Pontevedra intentaba formar con Compostela, A Coruña e Ourense un rectángulo de accións capaz de dinamizar Galiza. Durante oito anos Pontevedra é o escenario da vida de Alexandre. Ninguén máis ca el axustou un vivir laborioso e soñador a unha cidade na procura de futuro (...)”.

N.B.- As imaxes tirámolas do libro referenciado (Carballo, ANT, 1999). Na primeira aparece como membro do Orfeón Unión Orensana [ao que tamén tivemos a fortuna de pertencer nós]. Na segunda aparece coa súa compañeira Amalia Álvarez Gallego nos xardíns de Méndez Núñez, na Coruña. Na terceira con colegas de Facenda en Pontevedra.

ALEXANDRE BÓVEDA (1)

Escrito por Fcarballo 05-05-2018 en libros. Comentarios (0)

Nunha fermosa colección de Promocións Culturais Galegas [comprimidas monografías de peto], Francisco Carballo publicou varios libros. Desta volta imos deternos no que escribiu sobre Alexandre Bóveda (ANT, 1999). No libro de Conversas dixémoslle que tiña feitas varias incursións en Bóveda [Encrucillada, Irimia, semanario ANT, monográficos varios...] e que a máis recente era ese libro. Mesmo sabiamos da súa boa relación con Xosé Luís Bóveda, o fillo do galeguista martirizado e coa viúva Amalia Álvarez Gallego. Engadíamos nós (Prol / Carballa, 2002), “nese libro afirmas que Alexandre Bóveda (Ourense, 1903- A Caeira, Pontevedra, 1936) é un dos máis lúcidos políticos católicos practicantes da historia do nacionalismo”. O historiador contestou:

“Na súa época non hai ninguén máis lúcido nesa materia. Castelao dá o salto pero consulta con dous cóengos galeguistas: Xesús Carro e Paulino Pedret. Bóveda é máis decidido, está ao tanto da literatura cristiá da época. Tiña conciencia do valor autónomo da persoa sen a necesidade de someterse aos mecanismos de consulta tan típicos daquela idade e daquel tempo. El e a familia da súa muller son moito máis progresistas que o sector de Ourense, co que ligara Castelao e co que terá que romper.

Bóveda era un autodidacta e coincide con Keynes, que formula unha reforma do liberalismo para reivindicar a intervención do Estado na solución dos grandes problemas económicos. Despois era un grande organizado; Bóveda e os que estaban na súa posición logran vencer a resistencia do Partido Galeguista a facer un partido de masas, e teñen unha grande influencia en Castelao, que atopa no grupo galeguista de Pontevedra a solución ás súas ideas políticas e ao seu proxecto vital.

É determinante a decisión de Bóveda e Castelao para darlle a Galiza unha capacidade de autodeterminarse. Outros non aceptaban iso. Pensaban en mellorar Galiza, facela parte do suxeito de España e mandar, dentro dese suxeito político, unha parte alícuota. Para Bóveda e paras Castelao, Galiza é suxeito per se, ten que andar por si. Esa era a diferenza, e esa segue sendo en certo sentido. Os que din “somos unha nación, temos que desde nós poñernos ao día, estamos conectados xeográfica e historicamente cun mundo no que nos interesa apoiar e ser apoiados, e outros din “somos parte dun conxunto no que nos movemos, el é o sol e nós os satélites”.

N.B.- Todas as imaxes proceden do libro referenciado. A primeira é a portada. A segunda insire as páxinas 4 e 5. A terceira é da páx. 35 cunha caritatura de Carlos Maside e parte do texto imprentado de Francisco Carballo. A cuarta é a dedicatoria que nos escribiu, nunha visita que lle fixemos ao Colexio San Narciso de Marín, uns amigos de Maceda (Bieito Seara, Celso Sánchez e Santiago Prol) para perfilar con el os últimos detalles sobre a sentida  homenaxe que lle tributamos na súa terra de orixe, no verán de 2000 (4 de agosto). Agasallounos aos tres con este libro, mesmo con dedicatoria personalizada a cada un.

DISOLUCIÓN DE ETA

Escrito por Fcarballo 03-05-2018 en Novas. Comentarios (0)

Por mor do atentado da T4 en Barajas (Madrid), Francisco Carballo imprentou unha columna moi clarificadora sobre ETA no semanario ANT (11/01/2007). Imos recuperala co gallo do anuncio de disolución da organización armada vasca hoxe mesmo: “A fins da década de 1950, cando a ETA deu en cavilar na loita armada, eran moitas as organizacións anticoloniais con tal práctica de liberación. Na de 1960 acadaron a independencia numerosos países. Dende aquela até hoxe cambiaron as tecnoloxías militares e a cultura mundial. Os pobos en desacordo co seu status político han de arbitraren o camiño axeitado para obteren o que desexan. A ETA é un fósil (...). Só ten unha vía de saída: a rendición (...).

Síntome saudoso do 1950, cando ollei nos claustros de San Vicente (Bilbao) nas primeiras siglas de ETA, que expresaban amor ao éuskaro e ás culturas oprimidas. Que aquela vía liberadora se armase nos anos 60 foi xa unha mágoa. Que non se reconvertese nos anos 80, unha incógnita. Que agora se despece en “kale borroka”, que se encastele en adegas, que se mergulle nas lagamortas do tempo, é unha consecuencia da súa atemporalidade.

Mais non é ETA só un vagalume apagado nos itinerarios libertarios, un dos feitos máis para lamentar na España das nacións e a impasíbel ignorancia histórica dos mass media, da escola, da universidade mesetaria, etc. Ese empeño en negar a realidade do pasado e do presente que grita liberdade, que ama a diversidade e que admite unidades voluntarias gratificantes”. 

N.B.- As fotos tirámolas da edición dixital do xornal El País (Fotogalería. 50 anos de ETA en imaxes). A primeira que seleccionamos é da 1ª vítima de ETA, un garda civil galego (7/06/1968). A segunda amosa milleiros de mans brancas co gallo do asasinato de ETA a Francisco Tomás y Valiente, ex presidente do Tribunal Constitucional (15/02/1996). A terceira é da Terminal 4, logo dun dos últimos atentados mortais de ETA (30/12/2006). Fonte: www.elpais.com