Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

ISRAEL

Escrito por Fcarballo 30-05-2018 en columnas. Comentarios (0)

No núm. 1.032 d´ANT, cinco semanas antes de inserir a súa columna sobre Palestina, Francisco Carballo escribiu un texto -tamén moi clarificador, esperanzador e positivo- sobre Israel, co pretexto dunhas lecturas poéticas -nas que el participou- a prol do pobo palestino: “Dentro duns días teremos un recital de poemas palestinos en Pontevedra.  Palestinos masacrados por Israel. ¿Por Israel? Por Sharon, polo Likud..., mais non polo pobo xudeu. Israel estado democrático, realización de ilustrados no fío da máis avanzada modernidade. Un estado para descanso dos xudeus. Di E. M. Cioran, “cada home é un drama; ser xudeu, outro. Deste modo o xudeu ten o privilexio de vivir dúas veces a nosa condición”.

Cada xudeu carga con milenios de historia; aguanta milenios de sufrimentos; soporta séculos de esperas frustradas. Xudeus son eses soldados que rexeitan as batallas de Sharon, os obxectores da milicia e tantos outros. Nós, sen case memoria histórica, sen conciencia de participar na depredación hispánica do mundo, agora submisos á forza a un presidente axeonllado ante Bush. Nós, ¿que lle imos dicir a Israel? Mais Israel é utilizado como torpedo na liña de flotación contra os palestinos e a prol dos proxectos imperiais de USA. Como xendarme de USA-UE. Eran 25.000 xudeus a principio do século XX en Palestina, hoxe son millóns. Teñen claustrofobia. A sociedade máis avanzada da terra mergullada na Palestina con séculos de desfase. Unha concesión ao sionismo a contrapelo de toda sensatez.

Soño cun Israel distendido: no fío da navalla cara humanismos desmitificadores, para descanso da fatiga de milenios de exasperación. Aguias  a voar por si mesmas, non ao lombo dos Ganimedes da antropofaxia da “globalización”. Recitarei poemas palestinos e na mente un salouco: que os fillos do islam abran os ollos á ilustración e voen á par das aguias israelitas. Vós, os palestinos, inocentes e vítimas dunha política imperialista e terrorista. Xa está ben: cesen as armas; canten os xílgaros no Xordán, en Tiberíades e nas serras de Qumrán. ¿Por que non na Palestina xuntos, non revoltos, cristiáns, xudeus, musulmáns... todos igualmente palestinos?”  

N.B.- As imaxes tirámolas de www.clearias.com [mapa de Israel e países abeirados], www.aurora-israel.co.il [centro de Xerusalén] e de www.reflexionesmarginales.com [Émile Michel Cioran (1911-1995), que foi un ensaísta de orixe rumano que desenvolveu boa parte da súa vida como filósofo de referencia -e como escritor en lingua francesa- en París. Un dos grandes pensadores -a contracorrente- do século XX].

PALESTINA

Escrito por Fcarballo 26-05-2018 en columnas. Comentarios (0)

En 2002, cando xa tiñamos o libro de “Conversas” na rúa, quedamos con Francisco Carballo -un día de primavera- en Marín. Comentámoslle que o noso fillo -naquela altura estudante de 2º da ESO- estaba a facer un traballo sobre Palestina; un tema histórico en conflito espiraliforme (en bucle como se di agora) dende  hai máis de 2000 anos. Sorprendeulle que un rapaz de 13 anos encarase un asunto tan revirado. Suxerímoslle unha columna no semanario ANT que afrontou axiña [núm. 1.037, 6/06/2002]. Eis o lúcido resultado:

“Palestina é un anaco de historia que sintetiza a da humanidade. Unha terra de paso ollada como “mel e leite”, máis de seu espida e infértil. Posta a xardín por cultivadores aguerridos, co sacho e a espada na man. Hoxe até o cumio da ferocidade. Palestinos foron os cananeos, os filisteos, os hebreos e tantos máis: os sectores dominantes destes colectivos marcharon, voltaron... Dende finais do Imperio Bizantino residen na Palestina populacións pacíficas, pacientes ante sucesivas dominacións, sempre sufridores. Son musulmáns, cristiáns, xudeus. Convivir é unha necesidade, unha riqueza.

¿Que fado sinistro está a converter en inferno un país de cruce de culturas , de pacientes campesiños? A luz, un duplo “fundamentalismo”; detrás, o Imperio. Os “sionistas” exacerbados e os infiltrados “wahabistas” islámicos. Sharón e o Likud son inicuos, desvarían; a intifada degradouse en “kamikacismo”, un martirialismo paranoico. A política de USA sérvese deste antagonismo para dominar o espazo xeopolítico. Os colectivos israelitas-palestinos pola paz, os xudeocristiáns e os palestinocristiáns, milleiros de xudeus e de palestinos demostran que son humanos e poden saír do “inferno” dos erros de Arafat, dos “falcóns” israelitas e rirse do Imperio”.

N.B.- Os documentos gráficos tirámolos de: www.palestinalibre.org, www.infotalcual.com, www.teinteresa.es e de www.palestinasoberana.info. Sharón (1928-2014) foi un destacado militar e político israelí de liña extremadamente dura. Arafat (1929-2004) foi o 1º presidente da Organización para a Liberación de Palestina. O Estado de Israel "inventouse" pola ONU en 1948 (14 de maio) trocando a Palestina nun Estado de "inexistencia formal". Eis o cerne dun conflito de hogano (e de antano) que non acouga. 

JOÃO DA NOVA, O NAVEGANTE DE MACEDA

Escrito por Fcarballo 20-05-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Durante cinco intensos anos mergullámonos nunha das máis apaixonantes incursións da nosa vida de investigador. Cando tiñamos o mecanoscrito orixinal rematado, pasámosllo Francisco Carballo para que nos aconsellase. Non só lle gorentou, senón que fixo a contraportada do que logo sería o pioneiro libro “João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal”, que tivo a ben editar a Deputación de Ourense, mesmo co bo facer do -naquela altura- alcalde de Maceda, Manuel Rodríguez Carballo, que tamén sufragou a nosa exposición permanente sobre o navegante. Outrosí Francisco Carballo imprentou unha clarificadora columna cando o volume (Prol: 2002) saía á rúa, no número 1.035 d´ANT [23/05/2002] e que mesmo coincidía co 500 cabodano da descuberta de Santa Helena por parte de João da Nova. Eis o vindicativo e loábel texto do historiador e ilustrado de Maceda:

“O 21 de maio hai festa de descubrimento en Santa Helena. Fora descuberto este paradisíaco enclave por João da Nova á volta da súa primeira viaxe á India, 1502. João da Nova é un dos exemplos da perda de memoria de nós os galegos, sendo un dos catro máis importantes navegantes das descubertas lusas do XV-XVI con Vasco da Gama, Cabral e Almeida. Dirixiu a III expedición no 1501 con froitos considerábeis: descubre a illa Ascensión, dobra o Cabo de Boa Esperanza e arriba en Juan de Nova Island. Tivo o honor de fixar un “padrão” como primeiro europeo na illa de Ceilán [Sri Lanka]. Recorreu o Malabar indio, cargou gaños en abundancia e regresou a Lisboa. Nesa volta descubriu Santa Helena. Participou nunha segunda viaxe e permaneceu en Oriente. Foi decisiva a súa actuación na Batalla de Diu, 1509, coa nao Frol de la Mar, que deu a Portugal unha efémera hexemonía no Índico. Faleceu na India naquel 1509.

Datos estes que non constan nin nas historias hispanas, nin sequera nas de Galiza. Pero máis: João da Nova era da familia dos Nóvoa de Maceda (Ourense); un dos numerosos nobres que abandonaron Galiza ante a conquista dos Reis Católicos. No 1480 xa está camiño de Lisboa. É alcaide da fortaleza; xoga un papel político cos reis João II e con don Manuel. Focar o momento histórico da invasión dos Reis Católicos, da fuxida de nobres a Portugal uns, outros á conquista de Granada, é rescatar un capítulo necesario para comprender o pasado aínda presente na devaluación de tantos aspectos de Galiza. Un historiador novo, experto, compenetrado coa memoria do País e da súa vila natal, Santiago Prol, elaborou unha biografía orixinal en todos os aspectos; unha biografía de João da Nova: fascinio das navegacións; sorpresa do descoñecido, ilusión dos protagonistas, deseños de naos e caravelas, unha novidade historiográfica a saír do prelo axiña”.

N.B.- A primeira imaxe é un selo (de coleccionista) emitido dende a demandadísima oficina de correos da illa Santa Helena, no Atlántico Austral, co gallo do quinto centenario da súa descuberta por parte do macedán João da Nova, o 21 de maio de 1502. A segunda e terceira imaxes amosan portada e contraportada do libro "João da Nova, un mariño galego ao servicio da Coroa de Portugal (Prol: 2002, Deputación de Ourense) e a cuarta é do noso libro "Nobres vencellados ao Castelo de Maceda" (Prol: 2009, Difusora edicións), no que lle dedicamos o capítulo "João da Nova, o galego máis relevante do século XVI" . Engadir que hogano compartimos unha interesante bitácora -en tándem coa axuda técnica e solidaria do amigo Juan José Pérez Ramos que sempre exerce de macedán- na que imos pendurando paseniñamente boa parte do universo vencellado arredor do navegante João da Nova, orixinario da casa nobiliaria de  Maceda (bispado de Ourense): http://www.blogoteca.com/joaodanova/

17 DE MAIO / MARÍA VICTORIA MORENO

Escrito por Fcarballo 17-05-2018 en cabodano. Comentarios (0)

Co gallo deste 17 de Maio, imos rescatar a primeira aproximación que fixemos -dende esta bítácora- sobre a homenaxeada deste ano. Incluímos unha segunda achega [as dúas datadas o 16 de xaneiro deste 2018]. Invitamos a quen nos siga de cerca, retome a lectura da columna que Francisco Carballo fixo sobre a mellor obra desta escritora "alófona" xenerosa e boa. Eis o texto primeiro que inserimos naquela altura: "Neste 2018 a Real Academia Galega (RAG) vai dedicarlle as Letras a unha muller (4ª en 55 anos logo de Rosalía de Castro, 1963; Francisca Herrera, 1987 e María Mariño, 2007). Estamos a falar de María Victoria Moreno, estremeña de nacemento (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939), pero galega de todo o demais e que finou na cidade de Pontevedra en 2005. Francisco Carballo coñecía persoalmente á escritora e tamén á súa obra. No núm. 1.053 do semanario ANT (24/10/2002) escribiu unha interesante columna titulada “Anagnórise” que imos rescatar en dúas achegas:

“Este é o título dunha primorosa obra de María Victoria Moreno, Anagnórise, agnición, descubrimento dun mesmo. Anagnórise, breve novela desa autora, ten, ao menos, dúas virtualidades: levar da man ao protagonista, un adolescente que fuxe de si mesmo e que acaba reconciliándose coa súa personalidade e, á vez, desvelar bocados autobiográficos da autora. Hai só días, nunha entrevista de prensa, Victoria Moreno expresaba as súas inquedanzas e a febra da súa intimidade. Ao chegar a Galiza, dinme conta da súa lingua e ameina; comprendín con esa decisión que optaba ao mesmo tempo polos sectores pobres e excluídos, afirma. Merecemento digno de congratulación.

 A xa vella novela Anagnórise [1988] fíxome lembrar a miña infancia. A mestra dos meus cinco a once anos [1930-36] foi dona María, unha mestra da mesma febra que o seu marido, solidarios do campesiñado, amorosos, excelentes pedagogos. Vivían nunhas dependencias da mesma escola, unha casa rural do meu lugar [Celeirón de Asadur]. A influencia positiva de tales mestres supera canto se poida dicir. Desafortunadamente hai e había na Galiza mestres e mestras, uns desertores do agro, outros miméticos imitadores da burguesía rancia das vilas e cidades, colonizadores do castrapo e de valores antigalegos. Estes seudoeducadores son os máis funestos elementos dos males de Galiza (...).

N.B.- Continúa na achega "Anagnórise / María Victoria Moreno (2)" publicada o 26 de xaneiro deste 2018 eiquí. Eis a nosa contribución dende a bitácora Amigos de Francisco Carballo:  http://fcarballo.blogspot.es/1517001563/ 

ALEXANDRE BÓVEDA (4)

Escrito por Fcarballo 11-05-2018 en vídeos. Comentarios (0)

En 2013, cando Francisco Carballo xa estaba moi “tocado” pola enfermidade, fixo unha importante -e lúcida- colaboración para o documental “A fazaña da liberdade” de algo máis de 90 minutos dedicado a Alexandre Bóveda. Aparece o presbítero ilustrado de Maceda en dez intervencións abondo interesantes (minutos 5:26 / 6:45 / 12:36 /17:15 / 28:14 / 58:12 / 70:58 / 72:00 / 73:49 e 75: 52). ¡¡¡Conforma este un dos últimos documentos videográficos dos que temos constancia de Francisco Carballo en vida!!! Mesmo o presentan como sacerdote e biógrafo de Bóveda.

Imos recuperar parte do texto que pendurou FilmikaGalaika en Youtube: “É un documental que amosa o periplo vital dun dos personaxes máis salientábeis de Galiza. Un documental que reconstrúe a vida e actividade de Alexandre Bóveda (1903-1936): facendista, economista, deseñador das Caixas de Aforros de Ourense e Pontevedra, impulsor do Estatuto de Galiza, integrante do Seminario de Estudos Galegos, fundador e Secretario Xeral do Partido Galeguista e, ante todo, un bo e xeneroso “entregado á causa galega”. “A fazaña da liberdade” conforma unha visión áxil, que mesmo vai acompañada dunha explicación do contexto histórico, lugares, axentes e causas que deseñaron o espazo e o tempo de Alexandre Bóveda. Testemuñas e contexto aportados por Francisco Carballo, Uxío Breogán Diéguez Cequiel, Francisco Rodríguez, Carlos Velasco, Fernando Quintela, Xosé Manuel Beiras, Xavier Vence, Avelino Pousa Antelo, Isaac Díaz Pardo, Justo Beramendi. Outrosí os fillos de Bóveda (Xosé Luís e Amalia) e o neto (Valentín García Bóveda)".

Engadimos os créditos. Título orixinal: “A fazaña da liberdade”. Tipo: Documental. Xénero: Biográfico. Director: Seném Outeiro. Produtor Executivo: Roi Carballido. Son: Oskar López. Narrador: Suso Pando. Coprodución. Axuda: Concellos de Pontevedra, Poio e Ourense e Deputación de Lugo. Colaboración: Fundación Alexandre Bóveda, Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda (CEDAB), Cátedra Alexandre Bóveda (UVI), Fundación Sempre en Galiza e Revista Murguía. Duración: 94´. Orixe: Galiza. Ano: 2013. Idioma V.O.: galego. Infografía e Lila gráfica: Nano Besada. BSO: ARNAL. Arte Mural: CRAWLER. Créditos Musicais: "Bos e Xenerosos" (A Nosa Cinza). KELTOI. FILMIKA GALAIKA (2013). 

N.B.- Imaxes: www.santiagoturismo.com / www.farodevigo.es (a do director Seném Outeiro en Bilbao, Universidade de Deusto, presentando o documental) / www.afazanhadaliberdade.wordpress.com e a imaxe de Francisco Carballo  exhumada do propio documental (2013).


Ver vídeo