Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

XOSÉ LOIS PARENTE, POETA E GALEGUISTA (2)

Escrito por Fcarballo 28-04-2018 en cabodano. Comentarios (0)

 

Dixemos na achega anterior que a presentación primeira do libro (Prol: 2006) fora na Torre da Homenaxe do Hotel-Monumento do Castelo de Maceda. Participaran no acto Manuel Rodríguez Carballo (alcalde de Maceda), Bieito Seara (director xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta), Ramón Caride (escritor), Francisco Carballo (historiador), Francisco Nóvoa (editor e director do Grupo Academia Postal –hogano fillo predilecto de Maceda-) e Santiago Prol (autor do libro). Francisco Carballo incidiu na liña amosada na súa colaboración periódica no semanario A Nosa Terra sobre a figura de Xosé Lois Parente:  

“A lei de confesións e congregacións relixiosas de 1933, afondou o sectarismo gobernamental. O artigo 24 prohibíalles ensinar. Un sector dos nacionalistas galegos declararon en “Logos”, 25/X/1931: “Na loita que se está rifando no corazón mesmo da vella Cristiandade, entre a concepción laica e materialista..., afirmamos o propósito de loitar sen descanso con todos os medios lícitos, pola concepción católica do mundo...”. Xosé Lois Parente entendíao así. Dende esa perspectiva, Risco, Parente, Filgueira, Fernández Borrajo, Goyanes, Guede, Martínez Doval, etc., escindíronse do Partido Galeguista que pactara coa Fronte Popular e buscaba unha revisión constitucional pero non confesional.

Na polémica Parente-Bóveda [Prol: 2006, pp. 41-49], este pedía o mesmo respeito aos cristiáns que permaneceron no Partido Galeguista como o que se autoconcedían os escindidos e a mesma respeitabilidade nas opcións estratéxicas. Xosé Lois Parente con Vicente Risco en Ourense, Filgueira Valverde e outros en Pontevedra, non aceptaban tan convivencia relixiosa sen subordinacións. Fundaron a Dereita Galeguista. Castelao e Bóveda reprocháronlles vanos pretextos e unha táctica inoportuna. Estaba en cuestión a autonomía integral de Galiza”.  

N.B.- As imaxes e documentos recuperámolos do libro "Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República" de Santiago Prol (Postal Editores, 2006). Este 3 de maio de 2018 cúmprense 70 anos do pasamento do poeta e telegrafista macedán. Francisco Carballo seguía de cerca e con interese as nosas investigacións sobre este egrexio, que morreu en condicións físicas e psíquicas lamentábeis naquel Ourense bretemoso -en todos os sentidos- dos anos 40 do século XX. Eis a nosa aportación para non esquecelo (mesmo con verbas aqueladas do presbítero ilustrado de Maceda).



XOSÉ LOIS PARENTE, POETA E GALEGUISTA (1)

Escrito por Fcarballo 27-04-2018 en cabodano. Comentarios (0)

O 3 de maio é unha data sinalada -en negro- na Historia dos Egrexios de Maceda, xa que logo é o día no que morre Manuel Vidal, o -outro- presbítero ilustrado de Maceda [1941, en Compostela] e o bardo telegrafista Xosé Lois Parente [1948, en Ourense]. Cando fixemos a biografía de Parente, Francisco Carballo participou gustoso na presentación do noso libro “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República” que tivo a ben editar o Grupo Academia Postal con Paco Nóvoa á fronte [Castelo de Maceda, 24 de febreiro de 2006]. Carballo escribiu anos antes [ANT, 27 de febreiro de 2003] unha colaboración moi aqueloutrada que titulou “Parente e o conflito relixioso” que imos pendurar en dúas achegas, mesmo como homenaxe ao poeta, agora que se cumpren 70 anos do seu lamentábel pasamento, cando contaba con só 45 anos de idade. Eis a clarificadora -e sempre ilustrada- columna no núm. 1.071 do semanario nacionalista:

“Santiago Prol está a prestar atención a un dos galeguistas máis interesantes dos anos 30. Trátase de X. L. Parente (Maceda, 1903), que participou como militante no Partido Galeguista na vida política da II República. Faleceu en Ourense no 1948. X. L. Parente era un “nacionalista” galego de igual ideoloxía que V. Risco: uns nacionalistas autodeterministas. Recollían nas súas formulacións doutrinais os idearios progresistas da “nación” como suxeito político e do cristianismo como cosmovisión. Mais bailaban na corda frouxa dunha certa esquizofrenia: ¿podía existir con dignidade Galiza sen a confesionalidade católica?

O Partido Galeguista elaborou un programa integrador en continuidade básica co nacionalismo das Irmandades da Fala e dotouno de aspectos progresistas, mesmo de sabor socialdemócrata: unha nación, Galiza, na que collen todos, un partido sen confesionalidade senón na fórmula europea dunha “Igrexa libre nun Estado libre” que traducían como neutralidade relixiosa. A constitución republicana de 1931 era laica; o artigo 26 era sectario: recoñecía a liberdade relixiosa, pero “disolvía aquelas ordes relixiosas que estatutariamente impoñían voto especial de obediencia á Santa Sede”. Así o Goberno de 1932 disolveu a Compañía de Xesús.

N.B.- As imaxes están collidas todas do libro "Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na II República" de Santiago Prol (Grupo Academia Postal, 2006).

OS PAPAS DA SÚA VIDA (8b)

Escrito por Fcarballo 21-04-2018 en papas. Comentarios (0)

Para fechar o subcapítulo dos papas do seu tempo (Prol / Carballa, ANT, 2002), preguntámoslle ao presbítero ilustrado de Maceda: “O papa goza dunha dobre prerrogativa: primacía e infalibilidade. ¿Pódese cuestionar a infalibilidade do papa cando fala ex cathedra dende dentro da Igrexa? ¿É infalíbel?” Francisco Carballo respondeu:

“Sabido é que Hans Küng afrontou o problema da infalibilidade eclesial con ocasión da Humanae Vitae de Paulo VI. Só a Igrexa católica ten definido como dogma a afirmación de que o papa, supostas as debidas condicións, goza da mesma infalibilidade de que goza a Igrexa no ámbito da fe. O texto definitorio do Concilio Vaticano I (1869-70) é insuficiente. As cautelas son tales e tan imprecisas, que nos deixan confusos. Teólogos que publican con licenza episcopal como J. L. Segundo, afirman que as declaracións “dogmáticas” de Pío IX e Pío XII (sobre a Inmaculada e a Asunción de María) non son infalíbeis, porque non responden ás esixencias conciliares. Nunha coordenación ecuménica das Igrexas, tales afirmacións papais non acadarían valor universal; algo expresan e merecen atención dos fieis da Igrexa romana”.

N.B.- A primeira imaxe atopámola na entrada correspondente da wikipedia ao Concilio Vaticano I. A segunda, do actual papa arxentino, en www.leccionesparaamar.blogspot.com.

OS PAPAS DA SÚA VIDA (8a)

Escrito por Fcarballo 15-04-2018 en papas. Comentarios (0)

Sobre un dos papas que máis pisadas deixou Francisco Carballo, está o actual emérito Benedicto XVI [papa dende o 19 de abril de 2005 até o 28 de febreiro de 2013, que renunciou, converténdose no segundo de toda a historia que fixo ese singular xesto]. O presbítero ilustrado de Maceda fíxoo profusamente mesmo cando Joseph Ratzinger (Baviera, Alemaña, 1927) era un dos teólogos de referencia dende o Vaticano II, con Hans Küng. Imos achegar algunhas fasquías exhumadas dalgunhas columnas  imprentadas en ANT. En “O rol papal” (19/X/2006) detense telegraficamente nos papas da súa vida. Sobre o alemán di:

“Agora exerce Joseph Ratzinguer, Bieito XVI, teólogo máis agustiniano que tomista, bo eséxeta, admirador da cultura clásica; ten ensaios breves de sabor histórico, pouco afortunados. Parece intentar unha orientación da política relixiosa dende un diálogo serio: interior coa ortodoxia e exterior co pensamento actual europeo. Ratzinger ensaia unha dirección da Igrexa sobre novas cadencias: rigor teolóxico, secundariedade ritual, estética cultural, saúde moral e sutileza diplomática”.

Denantes, na columna “Joseph Ratzinger e Hans Küng” (ANT, 6/X/2005), fala da histórica entrevista entre os dous teólogos o 14 de setembro daquel ano: “Os dous foron teólogos consultores do Concilio Vaticano II. No 1966, Küng, profesor de Teoloxía en Tübingen, reclamou a presenza de Ratzinger naquela universidade. Os dous estaban a presentar novos camiños da reflexión católica. Os acontecementos do Maio Francés do 68 e dos coexistentes na Alemaña do 68 provocaron unha reacción diferente nestes teólogos. En Küng de confianza e permanencia no diálogo, en Ratzinger de certa prevención ante a relativización doutrinal. Ratzinger foi designado bispo de Munich e, seguidamente, cardeal prefecto da Congregación Romana da Doutrina da Fe. Küng permaneceu na cátedra até ser destituído polo Vaticano. Fiel ao catolicismo e incansábel escritor e conferenciante, é na actualidade, presidente da Fundación Weltehos [Ética Mundial] (...). O actual diálogo persoal do papa Ratzinger e o teólogo Küng intenta superar tensións na Igrexa; tensión entre conservadores e progresistas, e máis, entre integristas e aperturistas”.  

N.B.- As dúas primeiras imaxes de Ratzinger tirámolas da súa entrada na Wikipedia. A montaxe gráfica da terceira, na que aparece Benedicto XVI co teólogo Hans Küng, aparece en www.periodistadigital.com

OS PAPAS DA SÚA VIDA (7c)

Escrito por Fcarballo 08-04-2018 en papas. Comentarios (0)

O 7 de abril de 2005, cinco días despois da morte de Xoán Paulo II, o presbítero ilustrado de Maceda publicou unha clarificadora columna no semanario ANT, titulada “O Papa Wojtyla”, que imos peneirar: “A repercusión mundial do seu  falecemento está a rachar todos os parámetros. E no aspecto popular, mesmo supera a do gran Papa Xoán XXIII. O Papa Wojtyla elevou o teito da influencia a un nivel dificilmente superábel (...). Hans Küng [sacerdote suízo e teólogo vangardista, mesmo como referente mundial] subliña as súas contradicións: apertura exterior e peche interior, defensa dos dereitos humanos da sociedade e opaca discriminación no interior da Igrexa. Crítica do marxismo e do capitalismo, pero non do atraso na percepción do sexo na institución eclesial; regresismo teolóxico e neoescolasticismo (...).

Unha análise das realizacións eclesiais impulsadas por Xoán Paulo II atopa novidades e obxectivos dubidosos. Desenvolveu, sobre os alicerces de Paulo VI, a estrutura diplomática da Igrexa e a comunicativa. Co apoio da Fundación Ampere e dos institutos locais, obtivo un salto cualitativo nos mass media e instrumentación de axuda económica. O que fixeron os papas da “reforma gregoriana” dos ss. XI/XII, coa axuda dos cluniacenses e do Císter, estase a facer agora cos laicos organizados. A reacción mundial que observamos ante a morte de Wojtyla é a resposta a esa influencia.

Mais a desconexión destas mediacións das estruturas episcopais  sen diálogo sen diálogo local é perigosa. Igualmente a orientación teolóxica  que levou Xoán Paulo II: abeirouse a teoloxía francesa, debilitou a latinoamericana, mantivo multiplicación de seminarios con números insignificantes de alumnos e guetos ahistóricos que se observan en vocacións escasas, preferentemente de refuxiados psicolóxicos. Todo o devandito empequenece a personalidade de Karol Wojtyla; persoa xenerosa, deportista, intelixente, sincera e profundamente convencida da súa misión. Foi un papa de influencia excesiva”.  

N.B.- A primeira e a terceira foto [esta con Ali Agca] collémolas de www.guioteca.com. A segunda, na que aparece Hans Küng cunha máxima lapidaria é de www.azquotes.es. Na cuarta aparece con Teresa de Calcuta (www.pinterest.es).