Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

OS PAPAS DA SÚA VIDA (6)

Escrito por Fcarballo 29-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Un dos papas máis breves da historia foi Xoán Paulo I, secularmente coñecido como Albino Luciani (Canale d´Agordo, 1912 – Cidade do Vaticano, 1978) e que só foi papa dende o 26 de agosto do 78 até o 29 de setembro dese mesmo ano. A súa morte prematura con só 65 anos, disparou as teorías conspirativas... Teremos que demandar das monxas de Tioira (Maceda) -que custodian os arquivos secretos do Vaticano-, que teñan a ben deixarnos mergullar no que pasou verdadeiramente, xa que logo a morte oficial foi por infarto de miocardio (non lle fixeron autopsia, unha norma anacrónica que se aplica aos pontífices...).

A introdución foi breve pola nosa banda e a resposta  abondo telegráfica, por parte de Francisco Carballo: “Unha aura de misterio e de especulacións acompañaron o pasamento de Xoán Paulo I. Só foi papa 33 días... Piadoso e disciplinado, as súas costas non puideron cunha Curia voraz e uns problemas acuciantes. Foise polo escotillón”.

N.B.- A imaxe de Xoán Paulo I tirámola da wikipedia. Porén, engadimos o enlace á película titulada "O Vaticano. O poder dos papas. Vida e morte de Xoán Paulo I" de 44 minutos, que aporta claves abondo interesantes sobre o enigma...

Eis o enlace

OS PAPAS DA SÚA VIDA (5)

Escrito por Fcarballo 28-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Ao longo das Conversas (ANT, 2002) Francisco Carballo falou de Paulo VI [Giovani Battista Enrico Antonio María Montini (Concesio, Lombardía, 1897 – Castel Gandolfo, 1978), papa dende xuño do 63 até o seu pasamento en agosto do 78]. Fíxoo en varias ocasións, mesmo cando peneiramos a Teoloxía da Liberación en Latinoamérica e a Igrexa que vive e se identifica cos pobres... No subcapítulo “Os papas do meu tempo” centramos máis a figura de Montini. Sabemos que a Paulo VI coñeceuno e tratouno persoalmente cando era reitor do teologado dos PP Paúles en Salamanca (1965-73). Naquela altura Francisco Carballo era toda unha autoridade dentro do organigrama da súa congregación, mesmo con moito prestixio alén dos Pirineos. Ía a Roma [mellor dito á Cidade do Vaticano e de paso á capital de Italia -e ao Trastévere onde mercou un Terra e Tempo que lle abriu os ollos a “outra realidade”...-] todos os anos a xuntanzas ao máximo nivel.

A pregunta ía -outra volta- logo dunha breve introdución nosa: “De Paulo VI tes escrito que foi o máis intelectual do século XX. Deulle un impulso decisivo ás tres derradeiras sesións do Concilio Vaticano II: Vertebrou o diálogo cos non católicos e cos non cristiáns; universalizou e renovou a curia; rachou co sedentarismo e converteuse no primeiro papa viaxeiro, maiormente ao que se deu en chamar o Terceiro Mundo. ¿Era tan progresista como se dicía nos anos 70?

Moi reflexivo contestou: “Era un intelectual. Movíase na nova teoloxía francesa e alemá. Tres das súas encíclicas son a afirmación máis rotunda do cambio introducido polo Vaticano II, a saber: Populorum Progressio, Ecclesiam Suam e Evangelli Nuntiandi. Entendía o proceso de cambio estrutural da Igrexa pero, angustiado ante as resistencias, dubidaba da velocidade a imprimir; optou por un lento reformismo no interior da Igrexa e pola diplomacia de concertos a nivel mundial. Frustrou esperanzas e non impediu o cismo dos ultras. Abriu un camiño discutíbel na política de influencias do Vaticano. Para min é o papa máis entrañábel desta Igrexa, na que os ritmos tan diversos esixen marxes de manobras. Ao non atreverse a demoler o organigrama curial da Igrexa de Roma, para un pensador como el, o exercicio do poder supuxo unha crucifixión”.

N.B.- A primeira imaxe é do cartaz da película "Pablo VI, El Papa incomprendido" distribuida por Goya producciones eiquí. A segunda tirámola da web lusófona www.acidigital.com. A terceira é de www.eldiarioalerta.com no que sae retratado con Ratzinger que, naquela altura era xa un dos cardeais con máis relevancia dentro da Igrexa católica.

Eis o enlace ao trailer do film referenciado

OS PAPAS DA SÚA VIDA (4)

Escrito por Fcarballo 27-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Xoán XXIII e Paulo VI foron os papas aos que máis querenza amosou Francisco Carballo. Xa falamos da Pacem in Terris noutra achega [24/02/18] pola súa vixencia (e resistencia ao paso do tempo). Hoxe imos recuperar o que o presbítero ilustrado de Maceda pensaba sobre Angelo Giuseppe Roncalli (Bérgamo, 1881 – Cidade do Vaticano, 1963), que mesmo foi papa dende outubro do 58 até o seu pasamento en xuño do 63. Nas Conversas (ANT, 2002) preguntámoslle: “Aínda que Xoán XXIII tivo un papado breve, revolucionou a Igrexa ao convocar o Concilio Vaticano II no 1962, acadado unha enorme popularidade. ¿Debemos conceptualo como un dos grandes pontífices da historia do catolicismo?”

Francisco Carballo respondeu: “Xoán XXIII tiña formación de historiador, era comprensivo e seguro. Coñecía á perfección as interioridades da diplomacia vaticana e distinguía ben os valores cristiáns das circunstancias locais e temporais. Pacem in Terris é a encíclica máis importante da Igrexa católica dende 1800: pon fin ao enfrontamento entre fe e ciencia, porque senllas vías do saber se complementan e se interrogan.

O Vaticano II é un concilio xeral con talante ecuménico. Tratou de abrir canles para un cristianismo que respondese á Ilustración e ao “postmodernismo”. Está in nuce na Pacem in Terris de Xoán XXIII e na Divino Afflante Spiritu de Pío XII. Supuxo o abandono da escolástica, a apertura á Historia e a aceptación do pluralismo teolóxico. O cambio de modelo eclesial é de tal envergadura que só un pequeno sector o está a asimilar, pero é seguro que sobre ese paradigma se vai mover o cristianismo no futuro. A Gadium et Spes [constitución pastoral do Concilio Vaticano II, 1965] define as relacións da Igrexa no mundo; un mundo en creación e unha Igrexa sempre en reformulación”.

“¿Coidas que é axeitado trocar en “papa-reliquia” a quen non tivo ningunha veneración especial polas reliquias? Moi serio díxonos: “O traslado á basílica de San Pedro dos restos de Xoán XXIII obedece a formas cúlticas do catolicismo popular amante das reliquias. Agora os “consumistas” do cinema, os vídeos e fotografías acaparan a atención e converten as visitas en sesións de celuloide. A relixiosidade popular é sempre ambigua: busca modelos, expresa inquedanzas, pero cae no fetichismo e dá ocasión aos mercaderes”. 

N.B.- A primeira imaxe é o cartaz dunha das películas que se fixeron sobre este singular pontífice  -na que aparece Fernando Euloxio Quiroga Palacios (Maceda, 1900) que fora proclamado cardeal por Pío XII o 12 de xaneiro de 1952, o mesmo día que Roncalli- (www.goyaproducciones.com). Na segunda aparece Xoán XXIII co macedán Cardeal Quiroga Palacios. Levábanse moi ben, mesmo gozaban dunha fonda amizade. Quiroga invitou a Roncalli -cando este era cardeal e patriarca de Venecia- a visitar Compostela en 1954 (www.pinterest.cl). As dúas últimas fotos tirámolas nós nunha das viaxes que fixemos a Italia. Estas coinciden co verán de 2001, mesmo cando xa tiñamos as Conversas moi avanzadas e cando o papa polaco Xoán Paulo II acordou expoñer a Xoán XXIII -momificado nunha vitrina- na basílica de San Pedro (Cidade do Vaticano), con moreas de persoas facendo cola moito tempo para poder ollar, tocar -ou bicar- o pé da vitrina e retratar ao "papa bo". A Francisco Carballo non lle gorentaba absolutamente nada aquela exposición mediática. 

Eis o enlace ao trailer da película referenciada

OS PAPAS DA SÚA VIDA (3)

Escrito por Fcarballo 26-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Imos desta volta con Pío XII, secularmente coñecido como Eugenio María Giuseppe Giovani Pacelli (Roma,1876 – Castel Gandolfo, 1958) e que foi papa dende marzo de 1939 até a súa morte en outubro do 58. Recoñecido como “venerábel” dende 2009, o actual papa Francisco está a valorar a posibilidade de declaralo santo, mesmo reorientando a súa biografía [“o pioneiro que sentou as bases do que logo sería o Vaticano II”, dixit]. Nas Conversas (ANT, 2002) preguntámoslle -cunha pequena introdución- a Francisco Carballo: “A Pío XII tocoulle vivir a convulsión da Segunda Guerra Mundial [1939-45]. Hoxe cuestiónase o seu papel perante o nazismo e o exterminio dos xudeus, e tamén o seu silencio sobre a represión do fascismo croata contra os serbios, xudeus e xitanos. Orabén, creou a “Comisión Pontificia de Asistencia” e deu asilo a numerosos hebreos. Tentou cristianizar todos os aspectos do mundo moderno. ¿Podemos consideralo como o último “soberano-pontífice” no senso autocrático do termo?”

Cando chegou ao papado Pío XII, o presbítero ilustrado de Maceda tiña 14 anos e xa comezaba a decatarse da transcendencia papal na Igrexa. Moi reflexivo contestounos: “Lémbroo maxestático, solemne e místico. Era tímido e indeciso; freou a “Nouvelle Théologie” coa encíclica Humani Gereris (1950), pero abriu insospeitados horizontes ao estudo bíblico coa Divino Afflante Spiritu. Politicamente compracente cos réximes autoritarios (incluído o de Franco), viuse no medio dos piores conflitos na Segunda Guerra Mundial e nunha gran soidade persoal. Segue aberta a investigación da súa responsabilidade na denuncia da persecución nazi. Talvez non coñeceu en profundidade o holocausto xudeu ou estivo indeciso sobre a forma de actuar a favor das vítimas”.

N.B.- A primeira imaxe collémola de www.abc.es. a segunda da súa entrada na wikipedia e a terceira de www.aciprensa.com

AOS 40 ANOS DA LEGALIZACIÓN DA ANPG

Escrito por Fcarballo 23-03-2018 en cabodano. Comentarios (0)

En Sermos Galiza podemos ler -e lembrar- que o 23 de marzo de 1978 se legalizou a ANPG. Francisco Carballo xa estaba naquela altura en primeira liña no eido da política. O ano anterior achegaran os estatutos ao Ministerio do Interior para poder operar como partido. Adiouse a resolución e non puideron presentarse “así” ás Eleccións do 77. En outubro denegaron a legalización. Demandaron un troco na declaración ideolóxica. Logo da omisión “dos principios de autodeterminación e de anticolonialismo”, puido avanzarse...

Imos achegar algúns parágrafos da nova que sae hoxe no diario dixital nacionalista, nos que aparece o presbítero ilustrado de Maceda: “A presión popular rematou por dobregar o goberno. Ao tempo que unha comisión da dirección da ANPG, formada por Francisco Carballo, Lois Diéguez, Pilar Allegue e Teresa Conde Pumpido, mantiña contactos cos responsábeis do Ministerio de Interior e co propio Jesús Sancho Rof [subsecretario de Interior naquela altura e número dous de Martín Villa, o ministro] persoa ligada familiarmente a Galiza, os militantes da organización desenvolvían unha forte campaña a favor da legalización ao longo do país. Máis de 38.000 sinaturas recollidas na práctica totalidade das localidades da nación, acordos favorábeis de corporacións municipais, declaracións públicas de colexios profesionais ou comités de empresa, colexios de arquitectos de Galiza, colexio de doutores e licenciados de Pontevedra, ou manifestos de asociacións culturais ou veciñais, como O Galo, a Agrupación Cultural de Vigo (...).

A Asemblea Nacional Popular Galega é unha organización política chave da historia de Galiza. Presentada publicamente en abril de 1975 en Porto, baixo o paraugas solidario do Portugal revolucionario, significaba a concreción practica dunha fronte patriótica, ficando asociada a súa traxectoria á extensión do nacionalismo ao longo e ancho do país e a conversión nun auténtico movemento de masas. Deixou pegada nas grandes loitas populares da Galiza de finais do franquismo e dos primeiros anos da II restauración, a xogar un papel central e decisivo na fundación do Bloque Nacionalista Galego, a quen lle legou os seus principios ideolóxicos e o groso da súa militancia. Sen historiar a ANPG, unha tarefa pendente, non se poden explicar na Galiza os inicios do réxime actual, nin é posíbel entender o proceso de asentamento da alternativa nacionalista, nin comprender os movementos sociais dun tempo e dun país, nin coñecer o corpo doutrinal e programático do nacionalismo galego (...)”.

N.B.- O primeiro documento gráfico tirámolo de www.sermosgaliza.gal. O segundo, cun número do voceiro da ANPG de setembro de 1977, aparece en www.todocolección.es. O terceiro documento, que é da autoría de Xan Carballa, é abondo salientábel na biografía do presbítero ilustrado de Maceda. Nel podemos ollar coa cabeza agachada lendo un documento- e coa sempiternas gafas- na segunda fila, a Francisco Carballo [con 54 anos] no Kiosco Alfonso (A Coruña) en 1979, nun plenario da UPG.