Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

100 ACHEGAS NA BITÁCORA

Escrito por Fcarballo 06-12-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Comezamos esta apaixonante aventura hai pouco máis dun ano (29 de setembro de 2016). Dende aquela fomos incorporando, na bitácora da Asociación Amigos de Francisco Carballo, achegas con diferentes fasquías da súa poliédrica personalidade, até esta que conforma o primeiro cento. A lograda foto de Xan Carballa, que escollemos intencionadamente para subliñar esta nova, tiroulla ao presbítero ilustrado de Maceda o 25 de xullo de 1986, Día da Patria Galega, no posto que daquela tiña instalado A Nosa Terra (ANT) en Compostela [Carballo tiña 61 anos]. Naquela altura aínda non existía o Festigal. O boa parte do camiño estaba por facer. Hoxe mesmo recuamos... Carballo finou sen ver cumprida a súa arela derradeira. No libro de Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) díxonos, na penúltima pregunta, que "sería unha morte marabillosa ver a Patria liberada e gobernada por persoas dende unha esquerda real, na que a igualdade fose o primeiro obxectivo do goberno". No ramo da conversa, que tamén aparece na contraportada do libro, quixo deixar imprentado, a xeito de epitafio: "Son galego de nación; cristián por convicción; rezo: "Xesús, marana ta; vén, Señor". Amo a miña Patria, Galiza: o mar salobre dos poemas de Manuel Antonio e Blanco Amor; a liberdade da Estirpe que di Méndez Ferrín; a esperanza dun pobo enaltecido por Rosalía e Castelao. Levo nos ollos a melancolía de Virxilio, de Bernanos, dos dramas procelosos de Sófocles e Shakespeare (...)". En 2025 cumpriranse 100 anos do seu nacemento e máis de dez do seu pasamento. A RAG -naquela altura- mesmo debería ir pensando en dedicarlle o Día das Letras Galegas e facerlle o recoñecemento que a Galiza oficial aínda ten pendente con el. Quedamos emprazados. ¡Longa vida á bitácora e á memoria de Francisco Carballo!


FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (6)

Escrito por Fcarballo 03-12-2017 en roteiros. Comentarios (0)

O Castelo de Maceda, de orixe real, só era nas súas orixes unha torre defensiva (séc. XI/XII) que se erixira para controlar os embates dos veciños do sur e protexer a sé do bispado de Ourense, naquela altura fortemente militarizado. Pola Torre de Maceda pasaron María Fernández, filla do conde de Traba e primeira propietaria, Afonso X o Sabio e o seu preceptor Garci Fernández, o prelado pirómano Pedro Iáñez de Nóvoa, o galego universal João da Nova e logo os condes de Maceda (dende 1654). Para quen teña interese remitímonos ao ensaio “Nobres vencellados ao Castelo de Maceda” (Santiago Prol, Difusora: 2009), que mesmo está pendurado en google books en dúas partes.

O vencello de Francisco Carballo co castelo vén de lonxe. Xa o cita no seu primeiro libro de 1963. Logo compartiría con nós palestra en conferencias varias, inauguración de exposicións e presentacións de libros. Nunca nos dixo que non ao que lle demandabamos dende eiquí. En 2001, mesmo foi o pregoeiro na Festa Medieval. Alí, diante da Banda de Gaitas de Maceda, confesounos que o que verdadeiramente lle emocionaba era o Himno do Antigo Reino de Galicia (que acababan de interpretar).

Na comida de confraternidade no restaurante do Hotel Monumento Castelo de Maceda (26 de novembro de 2017), sumáronse novos socios a este fermoso proxecto, a esta Asociación Amigos de Francisco Carballo, que pretende vindicalo e dignificalo, mesmo até que a Galicia oficial teña a ben recoñecerlle os servizos prestados ao Noso País. Seguiremos traballando. 

N.B.- A primeira foto tirouna Xabier Oviedo. Ao fondo ollamos a Serra de San Mamede en toda a súa inmensidade. Beizón! 

FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (5)

Escrito por Fcarballo 02-12-2017 en roteiros. Comentarios (0)

O mantedor do roteiro indicou -telegraficamente- que en Maceda acháronse abondosos vestixios de mámoas, asentamentos castrexos, a Vía Nova, Salientibus,  torre medieval, estancia de Afonso X o Sabio, feira dende 1401, revolta irmandiña, castelo fortaleza, condado de Maceda, tropas napoleónicas, guerras carlistas co xeneral Sabariegos, Revolución do Consumo, convulsa Segunda República, represión na Guerra Civil, Cardeal Quiroga Palacios, Benigno Álvarez, Manuel Vidal, García Mosquera, Xosé Lois Parente, Gómez Gayoso, Xoán Babarro, Francisco Carballo, Paco Nóvoa... A iso leva dedicada a súa vida de investigador e esa foi unha das fasquías coas que coincidía con Francisco Carballo, ao que tiña ao día dos seus traballos e cun mesmo norte: procurar pescudar ben para dignificar mellor e logo vulgarizalo para que transcenda.

Diante da Biblioteca que leva o seu nome, hoxe áchase un cruceiro barroco que foi desprazado varias veces do seu cruce de camiños orixinal... Seguimos a Vicente Risco no libro referenciado (1930): "O cruceiro de Maceda presenta no hastil a Adán e Eva, a serpe do Paraíso e os atributos da Pasión do Señor, amosando un compendio simbólico da historia da nosa caída e redención. Desgraciadamente un raio derrubou a figura de Cristo". Engadir que en Tioira temos outro cruceiro, un dos máis fermosos e mellor conservados de Galicia.

Na terceira foto podemos ollar a entrada ao espazo dedicado a Francisco Carballo, que fora deseñado polo equipo do alcalde Xabier Oviedo. O 4 de agosto de 2000, diante de máis dun cento de persoas de ben, na homenaxe que lle tributamos en Maceda, Francisco Carballo dixo -contundente- na biblioteca: "Na miña familia non había autoodio. Eu sentinme sempre feliz polo feito de ser galego e das miñas orixes. Non teñades medo. Loitemos pola nosa dignidade. Este é un País grande e con moitas posibilidades. Maceda tamén".

Xa temos dito outras veces que o arquivo fotográfico de Francisco Carballo está en mans de Xan Carballa. As mellores fotos publicadas del fíxollas Xan, que é para o noso presbítero ilustrado, o que foi Alberto Korda para o Che Guevara. Xan non aparece nas fotos. Sempre está detrás da cámara. Os dous fixemos o libro de "Conversas con Francisco Carballo"  (Prol/Carballa, ANT, 2002). Un privilexio que tivemos os dous, aprendendo e disfrutando co mestre e referente. Os dous seguimos comprometidos en manter viva a súa memoria. Neste roteiro de 2017 proxectamos un vídeo moi combativo de Carballo e, outra volta, o que tivera a ben artellar Xan para a homenaxe póstuma en Maceda, en Nadal de 2014. A xente emocionouse ao ollar os documentos audiovisuais. Mesmo houbo bágoas...

N.B.- Eis os enlaces ao vídeos proxectados e que xa referenciamos noutras achegas:

Vídeo 1

Vídeo 2

FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (4)

Escrito por Fcarballo 01-12-2017 en roteiros. Comentarios (0)

O seguinte lugar do roteiro deste 2017, foi na Biblioteca Pública Francisco Carballo, unha iniciativa de Bieito Seara cando era alcalde de Maceda [acordo por unanimidade do pleno municipal o 11 de decembro de 1995]. Executouse en 2000 [4 de agosto] con Manuel Rodríguez Carballo como alcalde, que leu unha fermosa declaración institucional. Naquela altura fixéramos una homenaxe na que el participou emocionado, con máis dun cento de persoas arroupándoo, e á que lle meteremos o dente noutras achegas.  Francisco Carballo tivo a ben doar a maioría dos seus fondos bibliográficos. Outrosí boa parte das primeiras edicións dos seus libros de autor e coautor.

Este domingo, 26 de decembro de 2017, o fillo predilecto de Maceda, Paco Nóvoa evocou a súa relación co presbítero ilustrado de Maceda, nomeadamente na xeira de Carballo en Ourense, un par de anos antes da súa "fuxida" a Salamanca. Paco Nóvoa tamén se referiu ao seu nomeamento como socio de honra de Setestrelo. Outrosí avanzou que o muíño do río Maceda, que pasa moi perto de Francos (polo paseo fluvial) e que el tivo a ben reconstruír con esmero, levará o nome de Francisco Carballo, iniciativa que foi moi aplaudida polos presentes.

Logo o excalcalde Xabier Oviedo pendurou os cartaces enmarcados do roteiro do ano pasado por Vigo, Marín e Pontevedra, o cartaz deste ano polo Val do Medo e unha achega desta bitácora (www.fcarballo.org) sobre o 50 cabodano da morte do Che Guevara. Logo evocou a súa iniciativa dun espazo singular dedicado a Carballo alí na biblioteca, do seu vencello durante os oito anos que foi alcalde e da praza que lle dedicou o Concello e que se acha diante da propia biblioteca. Mesmo lembrou cando fomos a Salamanca para compartir con el unha xornada moi intensa na primavera de 2014 [24 de maio, día de reflexión das Eleccións Europeas]. Tamén o día seguinte ao seu pasamento que nos achegamos -con el como alcalde-, os amigos de Maceda para darlle o penúltimo adeus.

Ao remate do acto, Antón Gómez entregou -para os fondos vencellados a Francisco Carballo- un agasallo moi singular. El fora recoller a "Navalla de Manuel María", que a Irmandade vencellada ao poeta da Terra Cha tivera a ben concederlle a título póstumo [8 de setembro de 2016]. Cunha presentación de Rubén Aramburu e unha lámina inspirada nunha tira de Xosé Lois que tamén nos permitira reproducir a nós na Homenaxe de Galicia a Francisco Carballo (Maceda, 17/XII/2017). O Concello de Maceda, da man da bibliotecaria Avelina Losada, recolleu a navalla e a lámina para poñela nun lugar destacado da biblioteca que leva o nome de Francisco Carballo e que ao actual alcalde (Rubén Quintas) lle pareceu moi aqueloutrada. Beizón!