Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

ACONTECERES DA VIDA

Escrito por Fcarballo 29-12-2017 en libros. Comentarios (0)

O libro “Conversas con Francisco Carballo” (ANT, 2002), xunto coas “Memorias” e “Lembranzas” mecanoscritas que nos pasou a Xan Carballa e Santiago Prol, son o cerne dun bo feixe das achegas que imos pendurando. Ao pouco de saír o libro do prelo, foron aparecendo recensións, comentarios, cartas ao director, críticas, mesmo diseccións -a fondo- por capítulos dende o mundo relixioso, etc. Iremos meténdolle o dente á maioría delas paseniñamente. Desta volta imos recuperar -e verter- unha sentida referencia ao libro, no xornal La Región de Ourense, asinado por Mª Pilar Quintas Blanco, que titulou “Aconteceres da vida”, imprentado o 26 de xuño de 2002:

“Chega ás miñas mans o libro “Conversas con Francisco Carballo”. Eran as tres da mañá e a curiosidade e o interese do contido non me deixaban durmir. Nas primeiras páxinas reflíctese o acontecer dunhas vivencias xeneralizadas. Unha estampa da nosa época, daqueles anos. Esténdese no cotián vivir dun lugar, dunha vila, dunha contorna. Voltar á infancia, lembrar paisaxes, esencias, datas, festas, as feiras. Algo así como subir aos Altos do Rodicio e contemplar ensarilladas, eiquí e alá, as casas asentadas pola aba da Serra de San Mamede. Entrar en moitas delas e coñecer as ledicias e as tristezas, pois unha grande familia constituímos cantos vivimos nos lugares do val de terras altas da comarca de Maceda.

Na segunda parte, o libro é todo un tratado de experiencias e coñecementos abondo interesantes que compoñen a biografía do entrevistado e, á vez, unha fecunda e sincera información, nunha lectura que transcorre de présa e sen cansazo. A terceira parte constitúea a bagaxe de coñecementos na se observa unha gran cultura, cun profundo sentido de autocrítica, sorprendente pola súa naturalidade. Na cuarta parte, reflexión. Toda unha conversa amena e unha exposición da realidade vivida, chea de coñecementos. Vaia a miña felicitación aos entrevistadores e ao entrevistado, pois o libro encheume de satisfacción. O volume “Conversas con Francisco Carballo” é unha realidade e un recordo dos anos centrais do século XX vividos por un veciño nacido neste recuncho de Galicia”.  

N.B.- Na primeira imaxe ollamos a Serra de San Mamede dende a vila de Maceda. Na segunda aparece a casa de Asadur na que se achan enigmáticos vestixios da xeira romana [miliario incluído], que tanto lle seducían a Francisco Carballo. 

NADAL, A SABEDORÍA

Escrito por Fcarballo 22-12-2017 en columnas. Comentarios (0)

 

O 24 de decembro de 2003, imprentaba Francisco Carballo unha columna no semanario ANT (núm. 1.110) moi aqueloutrada para as datas nas que estamos: “Non hai datos históricos dos primeiros anos de Xesús de Nazaret. Hai sobradas probas históricas da súa vida e morte. Mais o nacemento de Xesús foi enseguida poetizado e os evanxeos apócrifos agasallaron aos cristiáns con lendas marabillosas. Delas obtivo a liturxia elementos para o santoral (...). A piedade cristiá nutriuse deses factores na Idade Antiga. No Medievo foi Francisco de Asís o axente dos cambios na relixiosidade popular. El propagou os “nacementos” e con iso a fonte literaria das panxoliñas. Nos séculos XV e XVI apareceu unha relixiosidade intimista e culta que se afastou da popular medieval e que incorporou un sincretismo barroco.

 

O Nadal contemporáneo responde á relixiosidade popular; seculariza a inspiración simbólica, traduce en consumismo a coiraza relixiosa protectora da tradición cristiá. Parece oportuno petar na sensibilidade dos crentes para que se interroguen sobre estas celebracións familiares e sociais de Nadal (...). Xesús de Nazaret apostou pola fraternidade pola esperanza de transcender o presente. Só unha hermeneutica dos acontecementos bíblicos e dos signos da totalidade creada, nos pode orientar cara un cristianismo de liberación. O Nadal cristián ten que englobar esta dimensión (...). Para que Xesús de Nazaret sexa o gran intérprete da realidade cómpre usar a intelixencia, desenvolver todas as capacidades do ser na vía de peregrino: vivir na sabedoría”.  

N.B.- Para a primeira ilustración decantámonos polo malogrado escultor Arturo Baltar -que acaba de finar- a carón do seu iconográfico Belén (¡que lle sexa leve a terra!). Na segunda podemos ollar a capela da Praza de San Cosme, onde se asenta o Belén de Baltar que todos deberiamos visitar cada Nadal ao achegármonos a Ourense (foi inaugurado no Nadal de 1967, hai agora cincuenta anos). Para rematar escollemos un pequeno vídeo que o recrea axeitadamente con música de fondo de Víctor Manuel. Francisco Carballo tamén visitou este Belén na capital ourensá máis dunha vez.

Ver Vídeo

MÉNDEZ FERRÍN E FRANCISCO CARBALLO (2)

Escrito por Fcarballo 09-12-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

“Persoalmente nunca esquecerei as horas roubadas ao sono en que Carballo, Domingos Blanco e máis eu debatiamos, nunha casiña dos Paúles  sita en Lavadores, dos asuntos da teoría e práctica da esquerda nacionalista. Era aquela unha célula da UTEG (Unión de Traballadores do Ensino de Galicia), organización sindical clandestina. Logo, ao se crear a ANPG, ingresamos todos no novo organismo e, cando centos de militantes fomos purgados en 1977 pola actual xefatura do BNG, Carballo e eu perdemos o contacto político. El permaneceu co que é hoxe o BNG, eu fiquei naturalmente cos amigos independentistas que hogano conforman a FPG.

Todo o cal non impediu que, no xuízo derivado da detención masiva de independentistas en setembro de 1980, Francisco Carballo fose declarar perante a Audiencia Nacional, o cal revela magnanimidade e, por qué non dicilo, un valor pouco común. Foi declarar en favor dos que os poderes públicos chamaban “terroristas”. Certo, estas cousas non se esquecen nunca. Como nunca esqueceremos a Francisco Carballo, hai pouco por certo, dando o peito na Delegación do Goberno para pedir a liberdade dos presos e das presas independentistas actuais.

Alén diso, alén da súa xenerosidade e apertura de ánimo, Francisco Carballo é un home profundo, sensíbel, intelixente e traballador. Autor dunha obra importante en materia teolóxica e de Historia da Igrexa Católica, a partir dos anos setenta a súa curiosidade e a súa pluma vérquense sobre Galicia e convértense ao idioma galego para sempre. ¡Feliz conversión!

Desde os anos 70, dúas lealdades de Carballo conflúen: a Patria e a fe católica que el, coma os mellores dos seus, prefire, cunha táctica moi comprensíbel, chamar a penas cristián. A isto habería que unir unha sensibilidade e un desexo de igualdade no mundo que aproxima a Francisco Carballo á teoloxía da liberación e ao socialismo como horizonte no mundo real. Unha obra abundante e varia, na que o pensamento e a desvelación histórica se alían a unha dicción directa e fonda, fai que este varón amigo e sabio, de setenta e cinco potentísimos anos, campe no panorama da cultura galega contemporánea coma un carballo (velaí a maxia da onomástica), dispensador de paz, doutrina e cordialidade” [Faro de Vigo, 4/VIII/2000].

N.B.- Na primeira foto aparece Ferrín en Vilanova dos Infantes en maio do 2015 (fonte: www.atlantico.net). Na segunda [de Xan Carballa] vemos a Francisco Carballo participando nunha campaña a prol da galeguización da toponimia en 1982. Na terceira podemos ollar a fachada do edificio -buque insignia- do Grupo Academia Postal en Ourense. Nesa casa (Rúa Reza, 3) naceu Méndez Ferrín o 7 de agosto de 1938. Francisco Carballo estivo nese edificio (en 2013) invitado polo fillo sobranceiro de Maceda, Paco Nóvoa (director do GAP). Os dous consideraron que Ferrín debería ter unha placa conmemorativa na fachada do edificio. Disque o escritor lle comentou a Paco Nóvoa que para cando el finase [na mostra artística e divulgativa sobre Ferrín "Parahomenaxearte", que estivo pendurada no edificio de Academia Postal -e casa natal do escritor-, en outono de 2006].

MÉNDEZ FERRÍN E FRANCISCO CARBALLO (1)

Escrito por Fcarballo 08-12-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

Cando artellamos a homenaxe a Francisco Carballo en Maceda, o 4 de agosto de 2000, puxémonos en contacto epistolar con Xosé Luís Méndez Ferrín para invitalo aos actos programados. Mesmo lle suxerimos tivese a ben facer unha evocación nunha das súas columnas semanais no Faro de Vigo. Sempre que lle pedimos algo nesa liña aceptou (Benigno, Gayoso, Carballo, Felos...). ¡Beizón! Aínda que non puido vir a Maceda aquel sábado, imprentou unha sentida columna que imos recuperar en dúas achegas. A relación dos dous viña de lonxe. Ao pouco de chegar Carballo a Vigo, contactou con Ferrín [Cultural e UTEG]. Esa columna, xunto coas demais escritas naquel ano 2000, acadaron o II Premio “Roberto Blanco Torres” de Xornalismo de Opinión. Foran publicadas en formato libro en 2001 pola USC [hogano, mesmo podemos atopar ese volume en google books]. Eis unha senlleira columna para enmarcar:

“Celébrase hoxe na vila de Maceda unha homenaxe a Francisco Carballo, a quen os promotores do acto consideran, con moita razón, o fillo máis sobranceiro vivo do concello de Maceda, limitando eles prudentemente o eloxio ao mundo dos vivos. Este cronista, que tanto soñou de neno coa Serra de San Mamede e coa súa fauna mítica, únese cordialmente á homenaxe. Desde o Castromao estivera outeando ao lonxe os altores do San Mamede, en cuxas neves morrera o Benigno no 37, e mandeille apertas etéreas ao meu amigo Francisco Carballo, da Congregación de San Vicente de Paúl. Congregación nada ao abeiro dos rigores de Trento, que tanta importancia sociolóxica revestira na reacción neocatólica na provincia de Ourense no XIX. Os Paúles señoreaban o Santuario dos Milagres e rexentaban o Seminario Menor e maila capela, simbólica do meirande arcaísmo relixioso, de Santa María a Madre, a carón do pazo episcopal.

Mudaron os tempos e os Paúles decidiron facerse presentes no mundo actual. Tomaron un certo partido polas esquerdas políticas e sociais destacando membros nas súas angueiras de avanzada democrática no mundo. Así apareceu en Vigo unha comunidade de Paúles consagrados ao que eles chamaron sacerdocio obreiro e ao galeguismo de vangarda. Coñecinos eu na década do 1970 a 1980 e sempre lembrarei a sinceridade deses cregos honrados e traballadores, que crían sen dobrez na necesidade de cambiar o mundo tanto desde Galicia somo desde Sudamérica. Desde aquela quedou sempre nun espazo próximo a min, a nós, Francisco Carballo (...)”. 

N.B.- A primeira foto [de Xan Carballa] na primeira Carreira da Lingua, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galegas. Carballo presidía naquela altura a Asociación Cultural de Vigo. A segunda foto -da mesma época- recuperámola de www.literaturagalega.as-pg.gal.

ASOCIACIÓN CULTURAL DE VIGO (1)

Escrito por Fcarballo 07-12-2017 en Novas. Comentarios (0)

Na web www.literaturagalega.as-pg.gal atopamos unha entrada abondo interesante sobre o presbítero ilustrado de Maceda. Francisco Carballo chega a Vigo en 1973 cunha teima central: inserirse en todas as frontes posíbeis para "facer camiño", para dignificar Galiza e para que o pobo galego tome conciencia de seu. Así contacta con persoeiros centrais dentro do mundo nacionalista: Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Camilio Nogueira, Nemesio Barxa, Francisco Rodríguez... No libro de Conversas (ANT, 2002) e nas Memorias que tivo a ben pasarnos a Santiago Prol e a Xan Carballa, dedícalle varios parágrafos á súa xeira na Cultural de Vigo. Desta volta imos seguir o que a Asociación Pedagóxica Galega insire na web referenciada e que sintetiza aquela etapa. Noutras achegas ampliaremos esa fasquía:

“Impulsada por un fato de persoas de perfil ideolóxico diverso, mais con predominio do nacionalismo, no ano 1965 fundouse a Asociación Cultural de Vigo, coa vocación de constituír un foro de debate político e do ser galego na cidade, ao tempo que servir de cobertura á clandestinidade fronte á ditadura. Estas liñas orientaron a súa primeira xeira, dende a fundación até os estertores do franquismo, relevándose na presidencia Camilo Nogueira, Méndez Ferrín, Nemesio Barxa ou Bautista Álvarez, entre outros. Ademais de servir de cobertura ao nacionalismo organizado, a “Cultural” realizou unha intensa actividade visualizada na convocatoria de cursos de lingua galega, audicións radiofónicas, recitais e presentacións musicais, representacións teatrais, multitude de conferencias dos vellos referentes nacionalistas e actos multidisciplinares como os festivais celtas celebrados no auditorio de Castrelos.

Nun segundo período, entre 1979 e 1986, a directiva -presidida por Francisco Carballo- asumiu o reto de achegar a cultura galega á sociedade, co obxectivo claro de identificar á xente coa súa Patria. Foi a xeira de meirande proxección: convocouse ao asociacionismo de base vigués para a recuperación do Entroido e organizáronse actividades como o cineclub, as excursións culturais, mostras de arte popular, cursos de lingua, literatura, historia, xeografía, ciclos de conferencias e palestras (Mario Benedetti, monseñor Araúxo Iglesias, Costa e Gómes...), a creación dun obradoiro de audiovisuais [pioneiro], cuxas producións percorreron todo o país presenciadas por milleiros de espectadores, e a organización de grandes eventos como o concerto do "Canto General" con Theodorakis ou a homenaxe multitudinaria “Galiza a José Afonso”, aínda en vida do artista”.

N.B.- Todas as fotos desta achega son de Xan Carballa. Coméntanos Xan que na primeira aparece con Barxa de Quiroga, nun ciclo de conferencias titulado "A Paz no mundo" en 1983, no antigo auditorio da Caixa de Aforros de Vigo. A segunda é  no Festival Homenaxe a José Afonso, con Suso Vaamonde no escenario en 1985. Na terceira está con Francisco Rodríguez e Xavier Alonso nun acto no local da Asociación Cultural (en Vigo na mesma altura).

Eis o link ao "Canto General" de Pablo Neruda consonte a extraordinaria cosmovisión musical de  Mikis Theodorakis [en directo  dende Santiago de Chile -desta volta- en 1993], e que tanto lle gorentaba a Francisco Carballo [el escoitaba a cotío o concerto -nunha cassete que lle gravamos- no seu "carro"]. El contábanos -a gargallada limpa- a anécdota do que lle sucedera en Vigo cando trouxera -nun potentísimo evento- a Theodorakis, os seus vocalistas, músicos e coros para interpretar o "Canto General". Cando saíu ao escenario para presentalo, boa parte do público coidaba que o músico grego era Francisco Carballo (con aplausos interminábeis que non lle permitían solventar o equívoco). Merece a pena escoitar -outra volta- esta fermosa versión musicada (e recita) do "Canto General". Mesmo escribimos esta achega co concerto de fondo. Beizón:

Ver Vídeo