Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

MISIONEIROS PAÚLES / "RECUERDO-AGRADECIDO"

Escrito por Fcarballo 24-09-2017 en Novas. Comentarios (0)

Co título “Francisco Carballo” a web www.misionerospaules.org pendurou unha telegráfica nota biográfica sobre o fillo sobranceiro de Maceda. A “Congregación da Misión”, que F. Carballo prefería chamar “Lazaristas”, xa que logo a casa matricial remóntase ao antigo Priorato de San Lázaro en París, tamén se coñece por outros nomes: “Misioneros Paúles” en España, “Vicentinos” en América Latina, “Vicentians” nos países anglófonos... A web (que conmemora os 400 anos dos “Vicencianos”) é abondo interesante. Na sección “Recuerdo Agradecido” aparece unha galería de Padres Paúles. Mesmo varios da nosa contorna e, por suposto, Francisco Carballo. Imos verter o texto íntegro (orixinariamente escrito en castelán), pois sintetiza bastante ben (con algunha fasquía matizábel e a omisión doutras) a traxectoria vital do noso fillo egrexio. Eis o texto completo:  

“Naceu en Celeirón de Asadur (Maceda-Ourense) o día 8 de marzo do ano 1925. Ingresou na Congregación da Misión o día 3 de outubro de 1941, en Hortaleza (Madrid). Foi ordenado sacerdote o día 3 de xullo de 1949. Despois de obter a licenciatura en Historia na Universidade Complutense, e comezar o doutorado, foi destinado, como director, ao Colexio San Narciso, de Marín (Pontevedra) dende 1954 a 1958. A continuación, de 1958 a 1965 foi enviado ao Colexio San Vicente de Paúl, de Barakaldo, tamén como director. En 1965, ocupou o cargo de reitor do Teologado de Santa Marta de Tormes (Salamanca). En 1973, foi destinado a Vigo, onde exerceu de profesor da Escola Universitaria de Maxisterio e do Instituto Politécnico. En 1985, xa xubilado como profesor, foi destinado á Comunidade do Colexio San Narciso, de Marín (Pontevedra). Foi superior desta Comunidade dende o ano 2002 até o 2009. No año 2012, foi enviado á Comunidade da parroquia da Milagrosa da cidade de Ourense. Finalmente, foi á enfermería de Santa Marta de Tormes (Salamanca). Figura sobresaínte e moi destacada das Letras Galegas. Autor de diversas obras de Historia. Fundador, con outros, do semanario “A Nosa Terra”. Faleceu o día 29 de novembro do año 2014.

Un último adeus”.

N.B.- Inserimos a mesma foto que penduraron na web www.misionerospaules.org

BAUTISTA ÁLVAREZ (San Amaro, 1933-Beariz, 2017)

Escrito por Fcarballo 17-09-2017 en Novas. Comentarios (0)

Lembramos a Bautista Álvarez en varias das homenaxes que, dende Maceda tivemos a ben facerlle a Francisco Carballo. Sabiamos da súa fonda amizade dende que Carballo regresou a Vigo en 1973. Bautista estivo na homenaxe que lle tributamos ao presbítero ilustrado de Maceda o 4 de agosto do ano 2000, ao abeiro da nosa torre medieval, na súa casa natal en Celeirón de Asadur e na biblioteca que hogano leva o nome de Francisco Carballo. Alí Bautista reencontrouse cun antigo compañeiro do Seminario de Ourense e da Facultade de Filosofía e Letras na Complutense en Madrid. Era o noso tío Agustín Blanco Garrido que nos tiña falado cumpridamente del e que mesmo seguía a súa traxectoria política dende a distancia. ¡Levaban case medio século sen verse! Bautista mesmo foi a Salamanca para acompañalo na última xeira da súa vida e darlle alento. Ollamos a Bautista outra volta –xa moi enfermo- cando inhumamos a Carballo [el foi o que nos aguilloou a todos os presentes para que cantásemos con fonda carraxe o Noso Himno, mentres as cinzas do historiador macedán se reencontraban coa terra que o vira nacer na campa de Asadur]. Outrosí volveu Bautista á nosa vila para estar presente na inmensa Homenaxe Nacional póstuma que organizou o Concello de Maceda, co alcalde Xabier Oviedo á fronte, poucos días despois do soterramento de Carballo, naquel mes de  Nadal de 2014. Cando fixemos o libro de Conversas [Xan Carballa e nós (ANT, 2002)], Paco Carballo falounos de Bautista en varios capítulos. Imos recuperar o intre no que o nomea por primeira vez no volume, xa que logo dende aquela mantiveron unha acesa relación persoal e ideolóxica que endexamais se fendeu: “Inscribinme na Asociación Cultural aos quince días de chegar a Vigo. Estaba de secretario un mozo que me dixo que non funcionaba. Pouco despois foi cando Bautista Álvarez empezou a funcionar alí. Coñecino na Cultural. Ao comezo só participei en conferencias que se convocaban, pero desde o 1976 xa intervín máis desde dentro. A Asociación Cultural utilizouse como plataforma política naquela época. Primeiramente por todo o galeguismo e o antifranquismo en xeral. Logo foi indo na liña da UPG (...)”.

N.B.- Dende a Asociación de Amigos de Francisco Carballo [AAFC] arelamos lle sexa leve a terra a Bautista Álvarez que, ao igual que o presbítero ilustrado de Celeirón de Asadur (Maceda), loitaron dende a mesma trincheira por un mundo mellor en clave nosa [léase a Patria liberada] e endexamais perderon o norte.


MANUEL VIDAL, UN PRESBÍTERO ILUSTRADO DE MACEDA

Escrito por Fcarballo 15-09-2017 en Novas. Comentarios (0)

Con ese suxerente título acaba de saír do prelo [agosto, 2017] o novo libro do investigador Santiago Prol; mesmo coa xenerosidade de Paco Nóvoa -fillo predilecto de Maceda- e da man do seu Grupo Academia Postal Editores. Neste sólido volume do ensaísta macedán, aparece citado Francisco Carballo na “Nota preliminar” (I), no capítulo “O rexionalismo” (II) e en “Última xeira e recoñecementos” (III). Imos avanzar os tres fragmentos, agora que o libro de Santiago Prol (363 páx.) está xa na rúa: “Ao longo da primavera de 2001 traballamos en Marín (Pontevedra) -con Xan Carballa- nas Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002). Un dos temas que queriamos peneirar era a figura de Manuel Vidal, co que o historiador amosaba non poucas concomitancias: presbíteros, ilustrados, docentes, motivadores, empáticos, investigadores, ensaístas, escritores comprometidos con Galicia -aínda que dende cosmovisións diferentes-... Ademais os dous exercían de macedáns dende o “seu exilio” (I).


“Na reflexiva columna O rexionalismo de Manuel Vidal, imprentada no semanario A Nosa Terra (20/12/2001), Francisco Carballo salienta que este crego ilustrado aparece retratado nos Contos d´antano e d´hogano (1920) cun galego popular que rexeita os enxebrismos e os cultismos, non os dialectalismos. Sempre empeñado no uso do galego tal e como se fala e preservando o castelán culto para outros mesteres. Logo encadra sinóptico o pensamento ideolóxico do presbítero ilustrado de Maceda, dentro do convulso contexto histórico que lle tocou vivir: “Vidal é un home do rexionalismo, da canteira ourensá de 1880 e seguintes, entre o integrismo teolóxico de Casas e os aires renovadores de Basilio Álvarez, Rei Soto, Vales Faílde, Marcelo Macías. Amigo de Lamas Carvajal e de López Ferreiro. Todos baixo o paraugas do Padre Feijóo a quen Ourense honrou con estatuas, actos e concursos literarios en 1887. Vidal asina un manifesto a prol da Autonomía en 1932, pro aférrase ao rexionalismo: un galeguismo costumista, dunha cultura menor, unha alfaia familiar para uso nas festas ao son da gaita e o tamboril. Vidal, nos días do trebón de 1936 e perante a morte de tres familiares (un cuñado e dous sobriños na órbita da Falanxe), adoece; busca consolo na evocación dos anos de capelán de Emilia Pardo Bazán en Meirás, e loa ao xeneral Franco que xa posuía aquel pazo. Ah, os nosos rexionalistas: fixeron a decrúa, conservaron o idioma; bailaron a muiñeira; viron, mais non entraron no tempo da nazón” (Carballo: 2001)” (II).


“No libro de Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002), preguntámoslle -ao outro presbítero ilustrado- por Manuel Vidal, un dos fillos sobranceiros de Maceda que se asentara en Santiago de Compostela, que presidira o acto inaugural da Irmandade dos Amigos da Fala de Santiago e que apoiara publicamente o Estatuto de Autonomía en 1932, feito relevante que o historiador macedán dera á luz. Francisco Carballo contestou: “Citeino no meu libro La Iglesia gallega en la Galicia contemporánea (1978). Lera a súa obra La Salve explicada de estudante de Filosofía en Hortaleza. Manuel Vidal é un polígrafo: teatro, narrativa, ensaio, didáctica. Catedrático de Literatura Española no instituto de Santiago de Compostela até o seu falecemento en 1941, estendeu o seu quefacer á cidade con representacións teatrais e bos estudos sobre o Apóstolo  e a Catedral. Utilizou o galego popular de Maceda en obras como Contos d´antano e d´hogano e Don Porrazo, que son xoias lingüísticas de ambiente local” (Prol / Carballa: 2002)” (III).   

N.B.- Na primeira ilustración aparece a portada do libro "Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda" (GAP, 2017) de Santiago Prol, baseada na "pentafoto" (ca. 1900) que tivo a ben cedernos a xa centenaria Concepción Requejo Domínguez (Mimí) -memoria viva de Maceda-, na segunda o debuxo do sobriño do protagonista (Pedro Vidal Lombán) sobre as Torres de Meirás (1939), na terceira inserimos un retrato de Vidal de comezos do século XX e na última outro retrato de estudio publicado na revista "Galicia" (Madrid, 1907).


O SANTUARIO DO MONTE MEDO (8)

Escrito por Fcarballo 07-09-2017 en libros. Comentarios (0)

No apéndice primeiro insire as indulxencias aos confrades e peregrinos do Santuario dos Milagres, as que poden ganar todos os fieis, as indulxencias locais por ser Igrexa dos PP Paúles... No apéndice segundo imprenta o “elenco de prodixios atribuídos á Virxe dos Milagres”. Para rematar, no apéndice terceiro aparece a “himnoloxía” en honor da Santísima Virxe dos Milagres. Entre eles está -extractado- o poema que lle dedica o bardo e telegrafista de Maceda, Xosé Lois Parente [do que investigador Santiago Prol publicara un libro monográfico capital sobre a súa figura e que tivera a ben editar o Grupo Academia Postal en 2006].

 

Eis un anaco do “Himno a Nuestra Señora de los Milagros” do poeta e galeguista na II República, Xosé Lois Parente del Riego: “Un monte solitario, / sin árboles ni casas / ni sombras ni refugios / del frío en la invernada, / ni fuentes, que en estío / refresquen la garganta / del cansado sudoroso caminante / con la linfa cristalina de sus aguas. / ¡Un arido desierto / cercado de montañas! / La augusta soledad que hay en el aire / convida a recogernos en el alma... / cuando comienza a despuntar la luz del alba. / Como un ansiado oasis, / sobre un pequeño otero se levanta / el viejo santuario / que guarda en sus entrañas / la Virgen Milagrosa, / resumen de la fe de la comarca. / La antigua Virgencita / conoce las desgracias, / las dulces ilusiones, / las lágrimas, las ansias; / las flores que se abren, / los pétalos caídos de las almas (...)”.

Desta volta inserimos, ademais da portada -xa pendurada na primeira achega desta serie-, o resto dos debuxos que aparecen neste primeiro libro de Francisco Carballo e que tivo a ben artellar Xosé Conde Corbal; un dos mellores pintores da memoria de Galiza [mesmo fixo un traballo pictográfico moi impactante sobre a morte de Benigno Álvarez]. As súas acuarelas e gravados son do mellor que deu este País no século XX. Outrosí mantiña contacto aceso co círculo aqueloutrado aos persoeiros centrais daquel Ourense dos anos 50 e 60, incluído Vicente Risco e o director do xornal La Región, Ricardo Outeiriño, mesmo arredor de certas tertulias no "Tucho", no "Miño", no "Alaska", no "Parque"... Os  extraordinarios debuxos sobre o Santuario do Monte Medo levan a sinatura de Conde Corbal e -a carón- a data de 1963.