Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

O SANTUARIO DO MONTE MEDO (7)

Escrito por Fcarballo 16-08-2017 en libros. Comentarios (0)

Na segunda parte céntrase no Santuario, as edificacións, institucións, persoal e no predio. Outrosí no templo, os edificios circundantes, o culto á Virxe dos Milagres, ás asociacións piadosas: Confrarías de Nosa Señora dos Milagres e de Nosa Señora do Monte Carmelo e Fillas da Caridade. Logo mételle o dente ao apostolado da oración, ás Irmandades do San Mamede e de San Roque e Adoración Nocturna, á comunidade dos PP Paúles, á preceptoría dos Milagres, ao Colexio Misioneiro ou Escola Apostólica, aos eremitas e cuestores...

Remata coa paisaxe que se pode ollar dende o Monte Medo: “Dende a Glorieta, ou dende as torres miradoiros do Santuario, ollamos unha atmosfera limpa e recendente, os queixumes dos piñeirais, os sons dos chocallos do gando, as voces lonxanas dos pastores, o tanxido das campás dos igrexarios que riman coas gamas de vexetación que cambia e se mestura cos asentamentos apiñados en grupos reducidos, ao longo da aba da Serra de San Mamede e das súas corgas. De noite a beleza non mingua. Nada falta aos peregrinos para absorber o goce estético (...)”.

Desta volta ilustramos a achega con tres documentos gráficos abondo salientábeis. Francisco Carballo adquirira un compromiso coa Comunidade de PP Paúles dos Milagres para ter rematado o seu volume denantes dunha data clave: a Coroación da Virxe o 6 de setembro de 1964. Presidira aquela masiva celebración outro macedán, o Cardeal Quiroga Palacios, axudado polo bispo de Ourense, monseñor Temiño e demais bispos de Galicia, de boa parte de Portugal e as Azores, incluído o arcebispo de Braga. A madriña fora Carmen Polo de Franco, a muller do xefe do Estado, que mesmo fixera unha confidencia: ela e o seu marido estiveran de incógnito no Santuario dos Milagres. Ademais estaban dous ministros: o de Gobernación, Camilo Alonso Vega e o de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne. Tamén estaba presente Francisco Carballo [o seu libro fora un dos agasallos ás autoridades eclesiásticas, civís e militares presentes]. Consonte o comisario xefe de Tráfico, cuantificáronse máis de 60.000 persoas no Santuario dos Milagres aquel histórico día.

N.B.- Na primiera foto, a carón da Virxe dos Milagres, están o Cardeal Quiroga Palacios -á esquerda- e monseñor Temiño -á dereita-. Na segunda aparece a madriña Carmen Polo de Franco coa Virxe ao fondo. Na terceira, a dona do xefe de Estado -cos seus sempiternos colares- a carón do Príncipe da Igrexa, o macedán Quiroga Palacios. Detrás o ministro Manuel Fraga Iribarne).

O SANTUARIO DO MONTE MEDO (6)

Escrito por Fcarballo 15-08-2017 en libros. Comentarios (0)

O resto dos capítulos da primeira parte do libro céntranse na ermida de Nosa Señora da Defensa, a Virxe do Carballo, o eremitorio do Medo no século XVII, o Santuario dos Milagres, as grandes rendas e bens que adquiren, os intentos de desamortización, os días do Pobre, os PP Paúles á fronte dos Milagres, o Seminario Menor e o Colexio de Segundo Ensino, o Padre Juan Gabriel, o Padre Ricardo Estévez e a crónica de seis anos centrada no Padre José García, que estaba curtido nos ministerios parroquiais en Venezuela e en España. El regresou á "súa casa natal": a súa infancia transcorrera no Medo, onde estudara cos seus irmáns Serxio, Luís e Valentín (este último rexentaría logo una panadería artesanal en Maceda); todos eles a carón de seu pai, o organista don Pablo.

Do capítulo cuarto, centrado na Virxe do Carballo, vertemos a pasaxe -uniforme- de transmisión popular en toda a freguesía e que mesmo chegou até os nosos días: “Certo día unha pastorciña de Outeiro, do lugar de Froufe, na parroquia de San Xoán de Vide, internouse no Medo. O seu gando ascendeu até o cumio e ela, axexando no arboredo, deu coa efixie de María, resgardada no oco do troco dun carballo. As ruínas da ermida primixenia case non se ollaban. Ditosa, a pastorciña chama aos restantes pastores, obrígaos a subir e amósalles o achado. Logo comunica ao vicario de Vide este feliz descubrimento, sen lograr suscitar o interese –inicial- do sacerdote (...)”.

Andando o tempo os vicarios de Vide e de Lamamá comproban a veracidade do achado e organizan actos de culto. Mesmo intentan trasladar a imaxe e fracasan, polo que se decide a construcción definitiva dunha ermida no Medo. Non hai memoria do nome da pastorciña nin do seu soterramento. O historiador escribe que pode oscilar entre os séculos XIII e XV. Logo os peregrinos comezaron a afluír ao Medo e o seu eremitorio -andando o tempo- “constitúese no foco más forte de devoción mariana e de espiritualidade vivísima da contorna de Maceda (...)”. 



O SANTUARIO DO MONTE MEDO (5)

Escrito por Fcarballo 06-08-2017 en libros. Comentarios (0)

O capítulo segundo vai sobre as orixes do primeiro eremitorio do Medo. Comeza dicindo que a bisbarra de Maceda viviu xunguida a todos os acontecementos culturais e relixiosos de Galicia e que o antigo eremitorio -o mesmo que o actual Santuario- semella centrar a súa vida relixiosa e acredita, ao mesmo tempo, o seu avoengo e vencello ás orixes do Cristianismo nesta contorna. Amenta aos vestixios da romanización, ao Medulio, á evanxelización en Galicia -de orixe apostólico- xa dende o século IV, á vida parroquial no bispado de Ourense nos séculos VI e VII, a conversión dos suevos (entre 464 e 550), que mesmo estendeu e fixou a fe definitivamente.

O eremitismo confluíu nos vales do Sil e do Miño. O fervor relixioso na Ribeira Sacra iniciase naquela altura con fortes agrupacións eremíticas e cenobíticas. A avalancha do Islam desfixo só puntualmente a organización eclesiástica que xa, en tempos de Afonso III (866-910), volvía estar en puxante florecemento. Outra volta se estende o eremitismo e a vida cenobítica nos vales e montañas de todo o territorio de Galicia. Os cistercienses e os bieitos multiplícanse por todo o Noso País. Logo engade: “Ese esplendor repercute en Maceda, onde é posíbel que vivise Afonso X o Sabio na súa infancia. As terras de Maceda eran xa un mosaico de señoríos eclesiásticos e segrares”.

Centrado xa na nosa contorna, aporta: “O eremitismo penetrou na comarca de Maceda. O antiquísimo culto ao San Mamede semella unha pisada eremítica. En Asadur existiu un cenobio feminino no século X. Outros eremitorios comarcais deron lugar a mosteiros (...). No centro desta bisbarra agromou, no século IX, un eremitorio que ía ser famoso: o da Nosa Señora do Medo. A súa localización no vértice dos municipios de Maceda, Baños de Molgas e Vilar de Barrio e no punto de interferencia de señoríos, fai que se beneficie da liberdade tan aqueloutrada aos eremitas. Posteriormente ao século IX, tres señoríos acaparan as terras de Maceda; son o mosteiro de Ambía e os señoríos e logo condados de Monterrei e  Maceda. A súa duración aínda é visíbel nos efectos económicos até o século XIX (...)”.


O SANTUARIO DO MONTE MEDO (4)

Escrito por Fcarballo 03-08-2017 en libros. Comentarios (0)

A primeira parte do libro dividiuna en 14 capítulos e titulouna globalmente Evolución histórica del Santuario de los Milagros. No primeiro capítulo -Las Tierras de Maceda- fai un breve percorrido polo Val do Medo. Vertemos a foto fixa que el ollaba ao comezo da década dos 60; unha radiografía abondo interesante sobre a nosa contorna -hai máis de medio século-, do presbítero ilustrado de Maceda, nesta súa primixenia incursión ensaística:

“O Santuario de Nosa Señora dos Milagres atópase situado no Monte Medo, centro xeográfico das Terras de Maceda ou Limia Alta, na freguesía de San Xoán de Vide, concello de Baños de Molgas, Ourense (...). A Serra de San Mamede, unha das de maior cota de Galicia, de 1.617 m., garda as ruínas da ermida de San Mamede, de posíbeis pisadas visigóticas. Ao norte, a prolongación do Rodicio, con soberbios horizontes, até Cabeza de Meda. As faldras do San Mamede, do Rodicio, das do norte e do este, cóbrense con vexetación e, no fondos vales, prodúcese millo e agroman ricas hortas, como nas mellores terras de Ourense. Os prados alíñanse ao longo dos ríos e regatos; o bosque e o mato envolven o humus da gándara (...). A paisaxe agrícola e pastoril enriquécese con minas de estaño e as fábricas de cerámica de Niñodaguia. O caolín é rico en toda a gándara; os aluvións máis recentes e a terra de cultivo, posúen casiterita, cuxas mellores vetas se explotan no Rodicio. Percorre este Val do Medo o río Arnoia (87 km).

A máxima altura do Medo (617 m.) está dedicado ao Santuario de Nosa Señora dos Milagres. O Medo, antes esquilmado polos veciños da contorna, terra de pastos e mato consumíbel ao forno, é hoxe terreo de cultivo e bosque de piñeiros. A súa maior parte está explotada polo Patrimonio Forestal do Estado para bosque e semilleiros. Os pasteiros do comunal reducíronse excesivamente. A extracción de caolín e da casiterita en tempos remotos, modificaron o aspecto do Medo na ribeira do afluente que rega Vilardecás e Tioira, onde se observan curiosos amoreamentos. Uns 120 pobos, lugares e aldeas de 30 parroquias, miran en círculo cara o Santuario dos Milagres, sobre o escabel do Medo”. 

(N.B.- Esta -impresionante- terceira foto é da autoría de Xabier Oviedo, que amabelmente lla cedeu ao mantedor desta bitácora. Pódese ollar -co Castelo de Maceda en primeiro plano- a inmensidade da nosa terra de orixe. Beizón! Na primeira foto aparece o San Mamede dende o mirador d´Os Milagres. A segunda é un plano de situación do Santuario. Nel pódese visualizar que os límites municipais, a respecto de Maceda non chegan aos 300 metros de distancia...).

O SANTUARIO DO MONTE MEDO (3)

Escrito por Fcarballo 01-08-2017 en libros. Comentarios (0)

Dividiu o libro en dúas partes, tres apéndices e unha protesta. Si, “unha protesta” na que fai constar que: “De conformidade coas disposicións da Santa Sede, fago constar que as palabras milagre, prodixio, santo, etc., empregadas neste libro, non teñen outro sentido nin outra autoridade que a miña persoal, e sométoas en todo ao xuízo da Santa Nai Igrexa, cuxa fe e autoridade admito e recoñezo”.

No libro de Conversas (2002), que tivo a ben facer con Xan Carballa e Santiago Prol, preguntámoslle se naquela altura estaba de acordo integramente co contido do libro e se o milagre que se lle atribúe á Virxe se podería sustentar en algo verosímil ou inserirse no fenómeno de alucinacións colectivas. Lembramos que el -moi pausado pero contundente- contestou: “O libro é o máis crítico que se podía escribir naquela época. Unha cousa que lle sentou pesimamente aos curas e aos Paúles, foi que eu non falo da aparición da Virxe. Digo que ese fenómeno do Santuario obedece a uns modelos que existían de predicación e que situaban as aparicións en distintos sitios. ¡Era unha afirmación moi grosa para entón! Eu naquel intre, a nivel teolóxico, non cuestionaba aínda demasiado a posibilidade do milagre. Tampouco o Padre Feijoo o cuestionaba na época da Ilustración. Receaba do número de milagres, pero non da posibilidade dalgún”.

Logo, xa moi metido no tema, mesmo con teimosía, seguiu aínda máis vehemente: “Hoxe si que o cuestiono. ¡Os milagres non existen! Pertencen ao mundo precientífico. Eu falo moito -na vida relixiosa- contra o milagrismo porque é unha alienación”. Insistimos nós que na parte final do libro recollía bastantes prodixios atribuídos á Virxe. Mesmo lle preguntamos se moitos deles poderían ter explicacións lóxicas ou máxico-animistas. Respostou na mesma liña: “Todos teñen algunha explicación: autoxestión, reacción do organismo, etc. Ignoramos até onde chegan as forzas da natureza. Pero en cada caso existiu un acontecemento significativo para as persoas que o leron á luz da súa experiencia. Hai sectores da Igrexa que fomentan iso. Débese a unha falta de esexese bíblica e á credulidade tan estendida na relixiosidade popular (...). Coido que a carga mítica nestes temas aínda é excesiva”.