Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

3º ROTEIRO. BARAKALDO (7)

Escrito por Fcarballo 14-06-2017 en roteiro. Comentarios (0)

Seguimos complementando este roteiro coas Conversas: “Cando caín en Barakaldo a vida era durísima e afectoume moito. Estabamos pegados ás vías do tren cunha sucidade impresionante. Ademais dos catarros, perdín parte da audición. Cando cheguei alí, ao superior tomáballe o pelo todo o mundo. Era unha especie de domine cabra [reminiscencias ao persoeiro da novela satírica e picaresca El Buscón de Quevedo, 1626]. Metíase en todo. Mantiña un autoritarismo tremendo. Todos os curas xogábanlle as cartas; unha especie de xogo de nenos que semellaba unha comedia. Dicía que quen escribise unha carta e non a pasase pola habitación, cando lle viñese a contestación, romperíalla. Cando chegaba o correo os frades abrían as cartas, líanas, cerrábanas e deixábanas na habitación. Despois preguntábanlle ao superior se non chegaran cartas para eles. Púñase todo rubio, negábao e eles dicíanlle que mentía (...).

Cando me nomearon superior e director convertinme nun burócrata. Algúns pensaban que era avogado, pois facía oficios. Como hai moitos inútiles na vida que non saben facer nada, eu pasaba por un xenio. O colexio novo tiña un pavillón para a comunidade. Os rapaces eran case todos fillos dos obreiros das empresas asentadas en Barakaldo, que lles costeaban os estudos. Tiñamos unha organización moi ao día, sen romper as pautas dun franquismo avanzadiño. Entón tiñas éxito perante o bispo porque non eras un integrista, senón que eras aperturista. Tiñas boas relacións co clero  obreirista e progre de Bilbao. En Madrid todo eran parabéns e aquela casa de Barakaldo colleu fama; en virtude daquilo enviáronme a Salamanca (...)”.

(Na primeira foto podemos ollar a Ría de Bilbao -en toda a súa inmensidade-  dende o Bizkaiko Zubía (Ponte Colgante) de Getxo de 1893, totalmente operativo como ponte transbordador de peaxe, logo dun século e cuarto. Na segunda ollamos un lateral do museo de arte contemporáneo Guggenheim Bilbao, inaugurado en 1997 e deseñado por Frank O. Gehry. Na terceira, exteriores do novo estadio de fútbol San Mamés do Athletic, inaugurado en 2013; un dos máis modernos do mundo, que mesmo dispón de pista de atletismo subterránea, un centro de innovación deportiva e outro de medicina deportiva...).


3º ROTEIRO. BARAKALDO (6)

Escrito por Fcarballo 11-06-2017 en roteiro. Comentarios (0)

Co pretexto do roteiro de Barakaldo, imos complementar as súas estadías no País Vasco, ademais de coas Lembranzas e as Memorias, co que engadiu no libro de Conversas (ANT, 2002), que tivo a ben facer con Xan Carballa e Santiago Prol: “Ofrecinme para ir ás misións da India. Mesmo me inscribiron para ir estudar a Roma (...). Quedei en Madrid. En 1954 acabei coa tesina en Historia (sobresaínte). Daba clases de matemáticas aos “filosofillos” e as materias que me botaban enriba a chou. Foron anos felices, de forza xuvenil. En 1953 mesmo saín a xornadas de misión a Algemesí (Valencia) e tamén á ría de Bilbao. Esta foi célebre. Dirixín o sector de Santurtzi. Tivemos un final na Gran Vía de Bilbao multitudinario. Seguiron uns días dedicados aos problemas sociais dos que falou a prensa e houbo duras críticas. As misións duraban uns quince días.

Eu era un estudante e o éxito da misión anterior en Algemesí, fixo que pensasen en min para dirixir esta de Bilbao. Púxenme como un pingo. Non levaba roupa apropiada, chovía a esgalla e paseinas canutas. Saíu moi ben pero había cousas que contradicían o máis elemental. Puñan para o rosario da aurora altofalantes nas xanelas. Viña xente botando chispas porque non  podían durmir. Suprimín os altavoces. Eramos tres no meu centro: un cóengo bilbaíno que predicaba á antiga usanza, un estremeño máis eu. Nós predicabamos máis moderno. Non largabamos bravatas. Explicabamos os sacramentos, os mandamentos, como se désemos unha clase. Contrastábase unha predicación tremebunda cun ensino catequético. O predicador apocalíptico dicíanos que eramos uns “chicuelos” que non tiñamos idea do que era a Historia Sagrada (...). Foi célebre aquela misión”. 

(Na primeira foto aparece o iconográfico edificio do BBVA de Bilbao. Na segunda o histórico café Iruña, fundado en 1903, lugar de encontro gastronómico e cultural, mesmo premiado como o mellor café de España. Na terceira ollamos o edificio de Iberdrola que amosa, co anterior, o Guggenheim Bilbao e o novo estadio do Athletic, o enorme pulo económico desta cidade. A distancia entre Barakaldo e Bilbao -andando- é duns 7 quilómetros e por estrada case chega aos 12. Hogano comunícanse cunha modernísima rede de ferrocarril suburbano -Metro Bilbao)- en poucos minutos).


3º ROTEIRO. BARAKALDO (5)

Escrito por Fcarballo 10-06-2017 en roteiros. Comentarios (0)

“No ano 1963 saíu o meu primeiro libro, O Santuario do Monte Medo [ao que lle meteremos o dente en novas achegas]. Ao pouco un folletiño, Espíritu misionero de la constitución litúrgica (1965). Era a primeira referencia miña ao Vaticano II (...). No 1963, a morte da miña nai, 20/XI/63. Despraceime dende Barakaldo e asistín algúns días na súa enfermidade, o que ela agradecía sen límite. Lía o meu libriño [sobre Os Milagres do Monte Medo] e acariñábao como a un fillo meu. A morte dos pais para un célibe é máis amarga que para os que teñen familia propia: quedas practicamente sen familia (...). O 22 de novembro daquel 1963 foi o enterro da miña nai en Asadur (Maceda). Extraordinaria presenza de veciños, familiares, amigos. Algo rompeu dentro de min (...). Dende entón certa soidade inda é maior e a familia máis lonxana (...).

Nos anos de Barakaldo madurei un pouco; maduración que non ía acadar até os anos 80 [xa en Galiza]. O exceso de activismo obstaculizou esa maduración. Non me sentía realizado nin na comunidade, nin na profesionalidade. Seguía a soñar con outros quefaceres: houbera preferido estar de misioneiro na India ou de escritor nun centro de investigación. O que tiña era confuso e pouco significativo. O Diario ofrece unha maior paz e satisfacción vital nos anos 1962/65. Empezaba a aceptarme a min mesmo(...)”.

(Na primeira foto ollamos un monumento vencellado coa metalurxia no centro de Barakaldo. Na segunda e terceira, referencias ao Athletic Club de Bilbao en Barakaldo -a primeira na cristaleira dunha cafetería (con vínculos galegos) e a segunha nuns soportais da rúa Gernikako Arbola-. O fenómeno do Athletic xa se vivía na xeira de Francisco Carballo alí. El non foi alleo a aquel movemento sociolóxico. Mesmo tivo simpatía por este clube vasco toda a súa vida (tamén polo Celta de Vigo). En 1965 xa despuntaba José Ángel Iribar Kortajarena e unha plantilla mítica. A xente berraba:"Iribar, Iribar es cojonudo, como Iribar no hay ninguno". Cando xoga o Athletic, engalanan pobos, vilas e cidades de todo Biskaia e moitos siareiros -nenos incluídos- van coa camiseta vermella e branca polas rúas, prazas, bares e cafeterías.

O Colexio San Vicente de Paúl fixo un vídeo en 2015 de apoio explícito ao Athletic Club de Bilbao.

Ver vídeo

3º ROTEIRO. BARAKALDO (4)

Escrito por Fcarballo 03-06-2017 en roteiros. Comentarios (0)

“Comezaba o abandono da sotana, a participación maior na vida civil, nos espectáculos. A televisión contaba na distribución horaria e ía contribuír a cambios máis sutís. Foron tres anos innovadores e, relativamente satisfactorios. Unha actividade tan plural e absorvente que empezaba a fatigarme. Había consenso na renovación dos meus cargos [superior e director], mais eu prefería reducir as competencias. Contra todos os pronósticos meus e dos compañeiros, sen pensalo, aos 40 anos, vinme abocado a un novo modo de vida: recibín o nomeamento de rector  do teologado San Vicente de Paúl de Salamanca (...).

 

Ao chegar a este intre das Memorias, releo o Diario dos anos anteriores, que inda conservo. Comeza en 1961. O referente aos vinte anos anteriores destruíno. Agora laméntoo. Atopo no Diario dos anos anteriores a 1962 un cheiro desagradábel; está en español até 1973 e xa me sona raro (...). En 1962, mes de setembro, saín do piso para vivir no colexio de Beruko. En 1963, 22 de novembro, enterro da miña nai en Asadur. Extraordinaria presenza de veciños, familiares, amigos (...).  ”

 (Na primeira foto aparece o patio do colexio dos Paúles de Barakaldo. Na segunda o seu logotipo e na terceira ollamos a Ponte Colgante -Bizkaiko Zubia- (Getxo), construída entre 1887 e 1893. Hogano un dos símbolos do Gran Bilbao, que mesmo se acha perto de Barakaldo e xungue as dúas marxes da ría. Foi declarado Patrimonio da Humanidade en 2006).