Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

XA SOMOS MÁIS

Escrito por Fcarballo 12-05-2017 en Novas. Comentarios (0)

O 29 de novembro  de 2016, tivemos xuntanza do grupo matricial que conformamos a Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC). Ademais de Santiago Prol, Celso Sánchez, Xabier Oviedo, Bieito Seara e Milagros Calvo Carballo, contamos formalmente xa cun bo feixe de socios, aos que tivemos a ben dar de alta. 

Eis os nomes dos amigos: Xan Carballa Alonso, Afonso Eiré López, Olaia Fernández Davila, Francisco Nóvoa Rodríguez, Antón Fernández Álvarez, Antón Gómez González, Bieito Peleteiro Rodríguez, Cesáreo Borrajo García, Fernando Cuñarro Pintos, Lucía Santos Omil, Luis Alfonso Vázquez Fernández, Manolo Peleteiro Rodríguez, Manuel Conde Gómez, María Esther Crespo Iglesias, Marina Pérez Costas, Mercedes Otero Rodríguez, Xulio Gómez Rodríguez, Xulio Xosé Conde Blanco...  

Sabemos que moitos máis amigos de Francisco Carballo se irán sumando a esta fermosa iniciativa que só ten un norte: vindicar o seu legado, manter viva a súa memoria e aceso o seu compromiso a tempo completo na dignificación do Noso País. O presbítero ilustrado de Maceda puido ser bispo e seguir carreira eclesiástica. Mesmo chegar até onde chegou outro macedán sobranceiro, como foi o cardeal Quiroga Palacios ao que coñeceu e tratou en vida. Optou por Galiza con todas as consecuencias. Este País ten unha débeda con Francisco Carballo que nós debemos vulgarizar até que sexa reparada.

(Nas fotos aparecen algúns amigos de Francisco Carballo no 2º Roteiro que fixemos por Vigo, Marín e Pontevedra en 2016).

X PREMIO GALIZA MÁRTIR (2015)

Escrito por Fcarballo 04-05-2017 en premios. Comentarios (0)

Na bitácora www.irimegos.wordpress.com [da Asociación Irimia á que pertenceu o presbítero ilustrado de Maceda], ollamos unha apaixoada achega de Engracia Vidal, co gallo da vindicación anual a Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir (17 de agosto) en Poio e Pontevedra.  No tradicional xantar organizado pola Fundación Alexandre Bóveda, fíxose entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo (2015). Eis parte da intervención da historiadora e teóloga -amiga persoal del- que sempre loitou pola fe e a galeguidade dende a súa condición de muller comprometida: 

“Un ano máis, xuntámonos para celebrar a VIDA de Alexandre Bóveda (...). Hoxe traemos algo novo. Neste mesmo acto Pontevedra  quérelle render homenaxe tamén a Francisco Carballo. Seguramente que todos os presentes estivemos con el en Salamanca, Maceda, Vigo, Marín, Santiago, A Coruña, onde puidemos  lembrar e agradecer a súa vida, a súa fidelidade a Deus,  a Galiza e a todas as mulleres e homes cos que compartiu os seus 89 anos de vida. No Deus en quen Paco e Alexandre creron, cabemos todos nós, aínda que non teñamos a fe e as obras que eles tiveron.

Estou convencida da súa ledicia por se veren aquí, xuntos, recordados por nós e celebrando moito do que ambos os dous compartiron: a súa terra ourensá, que os recibiu e os ensinou a falar; Pontevedra, a onde chegaron da man do seu traballo; a súa paixón por Galiza, na que gastaron a vida; a súa fe, que os fortaleceu ata a morte, aceptando un a excesiva brevidade e a violencia, e outro, pola contra, unha longa etapa que incluíu tamén a dureza e limitación da enfermidade (...) E, aínda máis, Carballo foi estudoso de Bóveda.  Lendo os seus escritos percibimos a admiración que espertaba nel e a sintonía co seu pensamento. Bóveda nacera 22 anos antes. Pero compartiron en diferentes idades as dificultades da escaseza económica, a inestabilidade política e a persecución relixiosa. Todo acabou na inxustiza da súa morte.

Co tempo, Carballo viviu a “persecución” polos dous lados. Sufriu do réxime civil e tamén do eclesiástico porque non sempre foron comprendidas as súas opcións políticas e sociais. Pero non o derrubaron. E seguiu adiante coa súa fe comprometida na causa política en todo aquilo que a el lle parecía identificado coa causa evanxélica. Se hai que seguir a Xesús na loita pola liberación da pobreza, haberá que asumir as consecuencias… E se hai que “obedecer a Deus antes ca ós homes”, -principio evanxélico-, “os pobres” teñen que ser sempre os primeiros… tamén principio evanxélico… (...) Na vida de Carballo podemos ver a realización que moitos poetas soñaron e cantaron. Unha vida longa entregada a Deus, á xuventude, a toda persoa que se achegaba a el, ao pobo, anhelando aquilo que o puider facer máis libre, máis galego e de máis proveito para a HUMANIDADE”.

(Na primeira foto aparece a viúva de Alexandre Bóveda (Amalia Álvarez Gallego) e un familiar na anual ofrenda floral perante o monumento da Caeira. A segunda -de www.farodevigo.es-, amosa un primeiro plano de Engracia Vidal,  persoa comprometida coa inculturación da Igrexa galega, amiga persoal de F. Carballo e alma da publicación Encrucillada).

HOMENAXE DO BNG EN MARÍN (e 4)

Escrito por Fcarballo 01-05-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

 

No dixital www.pontevedraviva.com aparecía, o domingo, 18 de xaneiro de 2015, o titular “Homenaxe a Francisco Carballo en Marín”. Vertemos do orixinal a crónica que ía acompañada dunha galería fotográfica de Diego Torrado. Naquel nobre acto vindicativo e de lembranza tamén se volveu proxectar o fermoso vídeo de Xan Carballa que, semanas antes, fora visualizado na Homenaxe de Galiza a Francisco Carballo en Maceda. Eis o texto do dixital pontevedrés:

“Francisco Carballo falecía en Salamanca o pasado 29 de novembro de 2014 aos 89 años. A súa figura deixou fonda pisada en Marín onde residiu durante boa parte da súa vida. O profesor asumiu dende 1954 a 1958 o cargo de director técnico do colexio dos Padres Paúles "San Narciso" e, despois de xubilarse, exerceu como Superior de la Comunidade dos Paúles en Marín.

 Durante a tarde do sábado (17/01/2015), destacados membros do BNG de Marín e de Pontevedra realizaron un acto de homenaxe á figura do nacionalista no Multiusos da Praza de Abastos de Marín, coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais de varios concelleiros de Pontevedra como Carmen Fouces, Luis Bará e outros de Marín. Francisco Carballo foi un dos grandes ideólogos do nacionalismo galego, mesmo participou na constitución do BNG e militou na ANPG. O Padre Carballo, como era coñecido por moitos alumnos na vila marinense, dedicou a súa vida á investigación e á recuperación da historia de Galicia. Ao longo da súa vida colaborou coa publicación A Nosa Terra e coa revista Encrucillada, ademais de ter escrito diversas obras sobre nacionalismo y sobre teoloxía”.

Este é un bo intre para ollar -outra volta- o emotivo e intenso vídeo de Xan Carballa, que mesmo titulou Francisco Carballo, sempre no corazón, que abeira as 1.100 visitas mentres escribimos esta achega. Animamos ao lector/a para que nos axude a superar esa cifra. Beizón! Eis o link:

Visualizar Vídeo