Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

HOMENAXE DO BNG EN MARÍN (3)

Escrito por Fcarballo 29-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

O xornal Faro de Vigo titulaba -en galego- o 14 de xaneiro de 2015, "Tributo ao pai Francisco Carballo". Logo subtitulaba: "O BNG organiza unha homenaxe ao recordado mestre e crego".

O pai Francisco Carballo, recordado crego e mestre do colexio San Narciso de Marín, recibirá unha homenaxe organizada polo BNG o vindeiro sábado 17, no Multiusos da Praza de Abastos. O acto está promovido polas asembleas de Marín e Pontevedra da organización na que militou e colaborou fondamente o pai Carballo, "unha persoa implicada na defensa deste país", como o recordou o concelleiro nacionalista Xosé María Vilaboa ao presentar a actividade.

 

O pai Carballo morreu o pasado 29 de novembro en Salamanca, aos 89 anos de idade. Ainda que nacera en Maceda, tivo unha forte vinculación con Marín, onde exerceu como docente no colexio San Narciso e cubríu as ausencias de todos os cregos do concello cando fixo falta. Por iso os organizadores deste tributo fixeron un chamamento á participación de todos os veciños, de calquera ámbito social e ideolóxico, en recoñecemento a unha persoa "xenerosa, honesta, que deixou unha pegada profunda en todo aquel que o coñeceu", como dixo o concelleiro pontevedrés Luís Bará. A homenaxe contará con varias actuación musicais e comezará ás 18.30 horas. 

 (Na primeira foto -farodevigo.es- aparece o actual deputado no Parlamento Galego, Luís Bará cos outros dous compañeir@s nacionalistas da contorna na presentación aos medios da homenaxe. Na segunda está Anselmo López Carreira, un dos membros máis egrexios da Escola de Historiadores que impulsou Francisco Carballo, na súa intervención como historiador moi vencellado a el dende 1979. Fonte: www.pontevedraviva.com).

HOMENAXE DO BNG EN MARÍN (2)

Escrito por Fcarballo 29-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

(...) "Unha persoa que representa, de maneira radical, o sentido de ideas como ética, compromiso, nacionalismo ou Galiza. Palabras que máis alá da retórica son ferramentas imprescindibeis para o traballo organizativo, para o labor político, para a responsabilidade institucional. Ética e compromiso para defender unha sociedade máis xusta e igualitaria, na que desaparezan os privilexios duns poucos e se poñan por diante os intereses e os dereitos da maioría. Termos necesarios nun tempo coma o actual no que o gran capital e os gobernos que os serven queren condenarnos á precariedade, á intemperie, á miseria. Ética e compromiso tamén como antídotos contra a submisión, a resignación ou do medo, que son as consignas da orde global dominante para gañar a batalla das ideas. Ética e compromiso para denunciar un sistema cruel e corrupto que saquea o público, que destrue o territorio, que emprobrece e dilúe a diversidade, que globaliza a inxustiza, a probreza e a guerra. Ética e compromiso para facerlle fronte á ofensiva contra as liberdades e os dereitos democráticos. Para combater o ataque os dereitos da clase traballadora; a utilización da policía, da xustiza e da política para perseguir con multas, con detencións e coa cadea aos discrepantes, aos que defender na rúa dereitos fundamentais aos que non podemos renunciar.

Nacionalismo e Galiza para facerlle fronte a eses mesmos designios e politicas que nos negan como nación, que coutan o desenvolvemento das nosas capacidades e recursos, e que queren condenarnos á dependencia e á pobreza. Nacionalismo e Galiza para defender a lingua que nos une, a nosa identidade cultural, a nosa historia, o territorio, unha forma xenuina de ser e estar no mundo. Nacionalismo e Galiza, en fin, para crer en nós memos, para actuar con coraxe, con determinación e orgullo, para defender o país e traballar polo seu futuro con todas as forzas. El tamén entendeu que o instrumento para andar ese camiño era o BNG, o espazo de encontro dos anceios de xustiza social e de autogoberno. Francisco Carballo era merecedor desta homenaxe, de todas as homenaxes. Honremos pois a súa memoria traballando para cumprir as ideas polas que el loitou, para facer realidade os seus soños. O deseño dunha Galiza próspera, acolledora e solidaria, un país soberano, igualitario e xusto”. MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES, Marín, 17/01/2015.

(Na primeira foto -pontevedra.bng.gal- aparece Xan Carballa, o alcalde Lores e as outras persoas que interviron no acto en primeiro plano, mesmo coas xentes de ben de Marín, Pontevedra e contorna que estaban presentes e que reflicte o gran poder de convocatoria que tivo aquela sentida homenaxe. Na segunda imaxe aparece -no centro- o retrato dun Francisco Carballo, xa moi "tocado", pero que endexamáis perdeu o seu sorriso contaxioso).

HOMENAXE DO BNG EN MARÍN (1)

Escrito por Fcarballo 22-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

Logo da Homenaxe de Galiza a Francisco Carballo celebrada en Maceda en Nadal de 2014, foi adiante o 17 de xaneiro de 2015, coa iniciativa do BNG, outra acesa homenaxe en Marín (Pontevedra), na que imos reparar en varias achegas. Comezamos coa sentida intervención do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amigo -no senso máis profundo-, do presbítero ilustrado de Maceda e que imos diseccionar en dúas partes:

"Estamos eiquí para celebrar unha vida de compromiso, de loita, de xenerosidade, de vitalismo. Unha vida de renuncias, de sacrificios no plano persoal, de entrega absoluta a causas xustas, nobres, que engrandecen a condición humana. En todas as facetas da súa existencia, que foron múltiples e frutíferas, Francisco Carballo entregouse con humildade, con nobreza, con unha humanidade desbordante. Foi un home sinxelo, sobrio, xeneroso. En Pontevedra sabémolo ben, porque disfrutamos do seu saber, do seu talento, das súas ensinanzas e consellos. Lembrámolo nas asembleas, nos debates, nas actividades do Ano Castelao, do Ano Bóveda, en conferencias polas parroquias, espallando o amor a Galiza, o coñecemento da súa historia, a importancia vital do nacionalismo, a confianza no Noso País. Foi un mestre no sentido amplo da palabra. Un ensinante apaixonado, un comunicador eficaz, un transmisor de enerxía e activismo, unha desas persoas que deixa unha profunda pegada, que non se esquece nunca (...).

As fotos, de www.pontevedra.bng.gal, corresponden á intervención do alcalde Lores e, a segunda, aos membros da Quenlla,  Mini e Mero, que tamén foran fundadores de Fuxan os Ventos [Mini actualmente é deputado no Parlamento galego polo BNG]. Achegamos o link da Rumboia, cantiga que gorentaba Francisco Carballo e que mesmo cantaba -e bailaba coralmente- nos encontros e romaxes de cristiáns que arelaban unha inculturación da Igrexa galega: https://www.youtube.com/watch?v=GObspzxSgRU


DÍPTICO DA HOMENAXE DE GALIZA A FRANCISCO CARBALLO (e 4)

Escrito por Fcarballo 17-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

"(...). Colaborou en revistas científicas e de divulgación: Cadernos ANT, A Nosa Cultura, Grial, Encrucillada, A Trabe de Ouro, Terra e Tempo, Seiva, Irimia, Lumieira, Alcatruz, A Peneira, publicacións da USC… Outrosí coa Fundación Joan Maragall e diversas asociacións: Cultural (Vigo), Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), Os Cabaceiros e Aira das Mantas (Maceda)… Foi fundador e presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas. Outrosí coordinador da colección Historia de Galicia de ANT e socio fundador do xornal Sermos Galiza. Hogano está considerado como un dos referentes do ensaísmo sociohistórico; especialista na Idade Moderna, na Igrexa galega e en senlleiros persoeiros: Martín Sarmiento, Castelao, Alexandre Bóveda… 

Foi recoñecido co “Premio pola defensa da Terra” da Irmandade Moncho Valcarce (2001), co Facho de Ouro (2012) e co “Bos e Xenerosos” da AELG (2012). En 1996 recibiu en Vigo a homenaxe do círculo de A Nosa Terra. En 2000 foi homenaxeado como o “Fillo máis sobranceiro vivo do Concello de Maceda”. En 2005 fíxose a homenaxe nacional, “Francisco Carballo, 80 anos na defensa de Galiza” en Marín. Finou aos 89 anos en Salamanca o 29 de novembro de 2014. Foi soterrado no cemiterio de Asadur o 13 de decembro de 2014. Maceda perde ao seu fillo máis senlleiro; todo un referente na conformación dun proxecto político, historiográfico, social e cultural centrado no Noso País".

 (O texto -editado polo Concello de Maceda- ía asinado por Santiago Prol e datado o 27 de decembro de 2014. A primeira foto recuperámola de www.sermosgaliza.gal. Na segunda de www.lavozdegalicia.es, aparece a súa sobriña na sentida intervención en Maceda). A nova da homenaxe tamén fora recollida pola TVG. Ver o vídeo

DÍPTICO HOMENAXE DE GALIZA A FRANCISCO CARBALLO (3)

Escrito por Fcarballo 12-04-2017 en homenaxes. Comentarios (0)

(...) En 1981, Francisco Carballo foi xulgado por imprentar no libro colectivo Historia de Galicia -editado pola ANPG- (1979), que a policía española “asasinara” ao dirixente da UPG, Xosé Ramón Reboiras Noia [12 de agosto 1975]. A Audiencia da Coruña condenouno a seis meses de cárcere e unha multa de 20.000 pesetas. Foi privado de “todo cargo público, profesión ou oficio e dereito a sufraxio”. Trinta e dúas personalidades da cultura -a nivel de Estado- asinaron en Madrid un manifesto de repulsa contra o secuestro do libro e o proceso a Francisco Carballo, xa que atentaba “contra a liberdade de expresión, contra a divulgación científica e contra a nosa propia historia”. Ía encabezado polo filósofo José Luís López Aranguren.  [F. Carballo coñecía a Aranguren (1909-1996). Mesmo quixera ser alumno seu en Madrid nos anos 50 na Complutense. Todo un referente ético no mundo intelectual e político da Transición].

En Galiza houbo actos de vindicación na órbita do nacionalismo e outro manifesto. O Día da Patria daquel 1981 [lonxe da Praza da Quintana], Francisco Carballo foi o orador principal. Os nacionalistas foran duramente reprimidos polos corpos de seguridade do Estado. Despois do -non tan frustrado- golpe do 23-F, apareceu nas “listas negras”. En 1982 presentouse ao Congreso por Pontevedra, logo de artellarse o BNG na Asamblea de Riazor, onde aparece como membro do Consello Nacional. En 1990 xubilouse da docencia. Continuou cun traballo intenso como activista e como investigador, consolidando unha paradigmática Escola de Historiadores (...).