Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

13 DE MARZO DE 1937, AOS 80 ANOS (II)

Escrito por Fcarballo 10-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

O orixinal mecanoscrito que artellou Francisco Carballo para a Homenaxe a Benigno levaba data do 16/02/1997. A exposición decidimos titulala "A mirada de transparencias cordiais" coa axuda de Benavides, cando o veterinario comunista de Maceda se fixo lembranza. Retomamos o texto do presbítero ilustrado de Maceda; un magnífico traballo para a reconciliación e para a cicatrización das feridas: 

(...). Benigno era un intelectual que lideraba un proxecto de cambio e unha utopía de esperanza para campesiños e vilegos máis desposuídos. Inda se estaban a redimir os foros en parte das parroquias do municipio, inda os seguros eran incipientes para obreiros e aprendices: o problema social era grave no Concello de Maceda. En rigor era a primeira vez que a democracia parlamentaria se impuña no  Estado español e a sociedade ía entrando na decisión de inscribirse en partidos, mentres os asalariados se sindicaban e os campesiños retomaban forza nas sociedades agrarias. Había un ambiente de competencia entre as diferentes solucións aportadas polos sectores sociais. ¿Como tal competencia pasou a conflicto? Sen dúbida polo propio antagonismo, pero tamén por influxos externos. Galiza movíase por si mesma, e sentíase igualmente empurrada polos ventos de azoutaban á nosa sociedade. A aceleración histórica era posíbel naquela Maceda: aumento demográfico, salto cualitativo e cuantitativo no ensino, mitins nas feiras, eleccións moi competitivas, folgas de compradores de gando, proximidade do ferrocarril en constantes paros na súa construcción, etc. Axitación social nunha palabra.

Todas as alternativas políticas daquel tempo se ventilaban en Maceda: capitalistas e socialistas, estatalistas e galeguistas, confesionalistas e laicistas. Despois de séculos de uniformismo relixioso, só cuestionar tal tradición resultaba impactante. Parecido efecto tiña poñer enriba da mesa o centralismo estatal. O conflicto interno estaba servido, pero acabou en violencia pola demagoxia dos multimedia (prensa e radio), pola influencia persoal de certos líderes e polo contaxio exterior que v.g. en 1934 deu á Revolución de Asturias un carácter de ameaza relixiosa e social. Desde tal data axitaron os sectores conservadores o mito do comunismo soviético como invasión da Península (...)".

(A primeira foto -de Antón Gómez- cando logramos lle dedicasen unha praza no centro da vila de Maceda. Aparece o empregado municipal, no intre no que estaba poñendo a placa dous meses antes da homenaxe, que fóra adiante con gran afluencia de xente comprometida en todos os actos programados, o sábado, 15 de marzo de 1997. Na segunda foto aparece Bieito Seara lendo o manifesto no acto cívico que fixemos aquel sábado, na Praza de Benigno Álvarez de Maceda, logo do recital poético).

13 DE MARZO DE 1937, AOS 80 ANOS (I)

Escrito por Fcarballo 09-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Cúmprense nestas datas 80 anos do pasamento de Benigno Álvarez en Maceda. En 1997, aos 60 anos da súa morte, artellamos os amigos Bieito Seara, Celso Sánchez, Xulio Conde e Santiago Prol, unha homenaxe a Benigno e aos martirizados do 36 na nosa contorna: ofrenda floral, recital poético, acto civil, exposición e mesa redonda. Mesmo convidamos para a mesa redonda a Marcos Valcárcel e a Francisco Carballo, que fixera un introito para un -daquela infructuoso- libro sobre o veterinario de Maceda. Gardamos o mecanoscrito orixinal que nos remesou dende Marín (logo conseguimos imprentalo coa súa sinatura no xornal Faro de Vigo). Titulouno “A homenaxe necesaria”. Recendía erudición, sentimento e concordia a esgalla. Un documento imprescindíbel que imos recuperar en varias achegas: 

“Unha homenaxe a Benigno Álvarez pode e debe ser bisagra dun xiro na convivencia municipal de Maceda. O noso Concello ten unha longa historia: no Antigo Réxime a Xurisdicción de Maceda estendíase dende o Rodicio até a Torre e mesmo se introducía en terreos de Guamil; desde a creación do Municipio no século XIX ocupa a cabeceira dos afluentes do Arnoia e enche a gándara da comarca do San Mamede ao Couso. Antes e agora é terra de gandería e comercio e apuntan gromos industriais. Até 1960, vila e aldeas tiñan as súas contradiccións; nos anos da II República foi a vila a que máis se viu escindida en tendencias relixiosas, civís e políticas. Proba de vitalidade. Benigno Álvarez e a súa familia estaban no ollo do furacán (...)”.

(Foto: propiedade da familia de Antón Gómez. Nese retrato aparece Benigno, arriba o segundo pola dereita, cos seus amigos de Maceda cara o ano 1920. Na segunha imaxe un "collage" sobre os actos de dignificación que mesmo foi inserido nun panel da exposición "A mirada de transparencias cordiais" ).

8 DE MARZO DE 1925 (1)

Escrito por Fcarballo 04-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Cúmprense, nestas datas, 92 anos do nacemento do presbítero ilustrado de Maceda. No libro de Conversas (ANT, 2002), Santiago Prol e Xan Carballa preguntábanlle, no capítulo inicial “Maceda, os anos primeiros”, pola infancia no niño de reiseñores, polas lecturas á luz do candil e pola aldea que se perdeu: “Naciches o 8 de marzo de 1925. Bautizáronte ao día seguinte en Asadur. A casa na que viñeches ao mundo era do avó materno, ¿non si?: –Era, logo foi da miña nai e herdeina eu. Quedou como casa familiar. Era unha casa grande para os parentes da avoa e unha casa normal para os parentes do avó. Os parentes da miña avoa materna, que eran de Couzada, viñan xantar e merendar, porque tiñan unha situación económica difícil. A min iso chocábame moitísimo. Cando fun a Montevideo (Uruguai) nunha visita aos curmáns, eles dicían: ¡a túa casa grande! Eu non tiña conciencia diso. Era unha casa normal de Celeirón, pero tiña esa tradición. A casa do avó era máis potente que a da avoa. 

 

Sempre que escribes do teu lugar, salientas que pertences a Celeirón de Asadur: –Celeirón é un lugar da parroquia de Asadur (Maceda). Había uns campesiños que traballaban terras desa parroquia. Cando veu a miña familia, mercou algunhas terras e fixeron casa en Celeirón. A última, a de máis arriba. Así empezou a medrar o meu lugar. O nomenclátor do século XIX enumeraba casais, aldeas, lugares, pobos, vilas e cidades. Para a parroquia de Asadur había casais (A Parrocha, Amedo...), aldeas e lugares. Celeirón é un lugar. Pertenceu no Antigo Réxime ao señorío do mosteiro de Montederramo” (Conversas / ANT, 2002).    

(Na foto de Xan Carballa aparece Celso Sánchez facendo unha evocación no exitoso 1º Roteiro polos Lugares de Francisco Carballo (21/XI/2015), na súa casa natal en Celeirón de Asadur).

Metáforas (1). Coresma / ANT (6)

Escrito por Fcarballo 01-03-2017 en columnas. Comentarios (0)

No nº 1258 do semanario ANT e con data do 1 de marzo de 2007, insería unha nova achega que mesmo complementaba á anterior: “Os psicólogos, desde Sigmund Freud, andan a escaravellar no psiquismo á caza dun eixo dinámico da conducta humana. Freud acode á líbido. Alfred Adler, ao complexo de inferioridade. Carl Jung, aos arquetipos  e Viktor Frankl, á busca de sentido. No texto dominical que inicia a Coresma hai unha interesante resposta. Xesús, despois do bautismo, retírase ao deserto durante corenta días. É un tempo de estratexia. Os “sinópticos” (Marcos, Mateo e Lucas) recollen nas “tentacións” de Xesús o espírito sapiencial da súa vida. A tres insinuacións responde con tres aporías. Desfaise do engado do poder, da riqueza e da maxia (...).

As respostas de Xesús amosan o sentido pleno que el asume para a súa existencia. Xesús provocou desde o primeiro día a estupefacción; logo o escándalo; despois a conspiración contra a súa vida e a liberación dos maltratados. No deserto coñeceu o silencio. Desde o silencio adquiriu a sabedoría. Un saber moi superior ao da ciencia que daquela estaba no berce. Posuía un corazón de amor que non aguanta discriminacións. Porque rexeitou o poder, era capaz de amar. Cando o centro máis profundo do ser está posuído polo sentido da unidade humana e cósmica, toda opresión é desbotada; toda discriminación é imposíbel. Esa é a gran Coresma cara á Pascua”.