Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

O REXIONALISMO DE MANUEL VIDAL

Escrito por Fcarballo 25-03-2017 en Novas. Comentarios (0)

Adianto editorial. Do libro "Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda" de Santiago Prol, que axiña irá ao prelo, avanzamos para esta achega un fragmento do mesmo: "Na reflexiva columna O rexionalismo de Manuel Vidal, imprentada no semanario A Nosa Terra (20/12/2001), Francisco Carballo salienta que este crego ilustrado aparece retratado nos Contos d´antano e d´hogano (1920) cun galego popular que rexeita os enxebrismos e os cultismos, non os dialectalismos. Sempre empeñado no uso do galego tal e como se fala e preservando o castelán culto para outros mesteres. Logo encadra sinóptico o pensamento ideolóxico do presbítero ilustrado de Maceda, dentro do convulso contexto histórico que lle tocou vivir:

 

“Manuel Vidal é un home do rexionalismo, da canteira ourensá de 1880 e seguintes, entre o integrismo teolóxico de Casas e os aires renovadores de Basilio Álvarez, Rei Soto, Vales Faílde, Marcelo Macías. Amigo de Lamas Carvajal e de López Ferreiro. Todos baixo o paraugas do Padre Feijóo a quen Ourense honrou con estatuas, actos e concursos literarios en 1887. Vidal asina un manifesto a prol da Autonomía en 1932, pro aférrase ao rexionalismo: un galeguismo costumista, dunha cultura menor, unha alfaia familiar para uso nas festas ao son da gaita e o tamboril (...)

(...) Manuel Vidal, nos días do trebón de 1936 e perante a morte de tres familiares (un cuñado e dous sobriños na órbita da Falanxe), adoece; busca consolo na evocación dos anos de capelán de Emilia Pardo Bazán en Meirás, e loa ao xeneral Franco que xa posuía aquel pazo. Ah!, os nosos rexionalistas: fixeron a decrúa, conservaron o idioma; bailaron a muiñeira; viron, mais non entraron no tempo da nazón” (ANT, 20/12/2001).

(Fotos: Portadas de dous dos seus libros. A segunda con ilustración de Afonso Rodríguez Castelao. A última é un documento gráfico da vila de Maceda en 1904, á que Manuel Vidal se achegaba sempre que podía para visitar á familia e impartir conferencias e charlas de contido social e relixioso. Naquela altura o alcalde de Maceda era Matías Bobillo Bazal que admiraba ao presbítero ilustrado e do que iría adquirindo a maioría dos seus libros publicados. Logo faría o propio o seu fillo Matías Bobillo Bobillo, que fora alcalde de Ourense na xeira de Primo de Rivera).

MANUEL VIDAL

Escrito por Fcarballo 23-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

O 30 de marzo de 1871, ás dez e cuarto da noite, veu ao mundo Manuel Carlos Vidal Rodríguez na vila de Maceda [nesta altura cúmprense 146 anos]. Cando fixemos o libro de Conversas (Prol/Carballa, ANT, 2002), preguntámoslle a Francisco Carballo sobre este outro presbítero ilustrado de Maceda, do que Santiago Prol remata de poñerlle o punto final á súa extensa e fructífera biografía e que axiña irá ao prelo. Francisco Carballo tamén faría unha columna complementaria -abondo interesante- no xornal ANT (20/XII/2001) titulada “O rexionalismo de Manuel Vidal”, á que lle meteremos o dente noutra achega. 

Desta volta peneiramos a das Conversas: “Manuel Vidal Rodríguez foi un eclesiástico que se asentou en Compostela e que apoiou publicamente o Estatuto de Autonomía, xa en 1932, feito relevante que ti deches á luz...: -Citeino no meu libro “A Igrexa na Galiza Contemporánea. Análise histórica e teolóxica do período 1931-36. II República”. Lera a súa obra “La Salve explicada” de estudante de Filosofía en Hotaleza (Madrid). Manuel Vidal é un polígrafo: teatro, narrativa, ensaio, didáctica. Catedrático de Literatura española no Instituto de Santiago até o seu falecemento en 1941, estendeu o seu quefacer á cidade con representacións teatrais e bos estudos sobre o Apóstolo e a catedral. Utilizou o galego popular de Maceda en obras como “Contos d'antano e d'hogano” e "Don Porrazo”, que son xoias lingüísticas e do ambiente local” (Conversas, 2002).

(Fotos: Na primeira aparece a Praza das Toldas, que mesmo se debería chamar Praza de Manuel Vidal -nese recuncho da parte alta-, xa que logo naceu -este egrexio persoeiro- na casa que está ubicada entre a Farmacia Milia e a Mercería Pepita. Na parte baixa estableceu a familia matricial de Manuel Vidal unha botica na segunda metade do século XIX, e nela naceu o presbítero ilustrado o 30 de marzo de 1871. Fonte foto da praza: www.douroaleo.blogspot.com.es. No retrato -do que recuperamos un primeiro plano- aparece Manuel Vidal como catedrático de Literatura en Santiago de Compostela abeirado de alumnos, cara o ano 1920).

PERIKO SOLABARRÍA

Escrito por Fcarballo 19-03-2017 en Novas. Comentarios (0)

Francisco Carballo estivera no País Vasco (Bilbao) en 1953, nunhas xornadas de misión relixiosa. Fora o primeiro contacto. Logo regresou en 1958 a Barakaldo. Alí permaneceu até 1965. No libro de Conversas comentábanos: “Detectábanse xa reivindicacións nacionalistas, a ETA de TXillardegi de 1958 tiña moitos letreiros por alí, pero non había ningún aspecto violento. Iso foi de 1965 en adiante. Tiña tintes culturais e xa chegaban mensaxes. A min fóronme ver algúns dicindo: vostedes galegos non son maketos, son celtas. Maketos chamábanlle alí aos que non eran vascos (...). Empezaban a traballar pola recuperación do euskera.

155qv0h.jpg

Naqueles tempos puxémonos en contacto coa parroquia que estaba ao lado (Santa Teresa). No Barakaldo vello había un clero moi obreirista e nunha parroquia nova que fixeran pegada ao noso colexio, a ónde iamos á misa, estaba Periko Solabarría (1930-2015). Era un vicario parroquial radical, obreirista e nacionalista. Levaba unha vida durísima: vivía nun soto, malcomía, traballaba de albanel e tiña consolo na miña casa. Viña onda nós, bañábase, comía, xogaba ao fútbol e tiña unha confianza connosco absoluta. Falaba e daba clases de euskera a pequenos grupos. Xa estaban montando os alicerces das ikastolas. Ía todo moi remansado e moi en plan cultural. Non había nin remota referencia a ningún tipo de violencia” (Conversas, 2002).

No capítulo dedicado á conciencia de País, introducimos que o BNG se definiu, nos seus principios fundacionais de 1982, como pacifista, antimilitarista e antiimperialista. Tamén lle comentabamos que o antiterrorismo estaba a causar estragos nas liberdades de pensamento e expresión, mesmo demonizando aos nacionalismos periféricos. Logo preguntámoslle: "¿Fíxolle ETA dano ao nacionalismo galego?: ETA naceu no 1958 como un fenómeno de reivindicación cultural, como outros colectivos en Europa e na península. Pero o uso da violencia é negativo para todos os nacionalismos. Hai que distinguir moito o que é a loita activa non violenta (Gandhi), ou as loitas activas de rebelión como a Intifada palestina e a violencia asasina, que é danosa e ilexítima. Os atentados de morte son terrorismo; nunca é lícito dar morte. A pena de morte é inmoral sempre” (Conversas, 2002).

 (Fotos da homenaxe póstuma a Periko Solabarría en Barakaldo. Na segunda imaxe, a parroquia de Santa Teresa de Barakaldo na que exerceu o seu maxisterio pastoral o cura obreiro, logo líder abertzale, deputado de Herri Batasuna nas Cortes do Estado e no Parlamento Vasco, concelleiro en Barakaldo e xunteiro das Xuntas Xerais de Biskaia...). (Fonte: www.nodo50.org).

BNG (I)

Escrito por Fcarballo 15-03-2017 en columnas. Comentarios (0)

No núm. 1283 do semanario ANT (4/10/2007), titulou a columna “25 anos”; o tempo do BNG dende a conmemoración de Riazor (1982). Discrepaba de politólogos (X. L. Barreiro) e historiadores (J. Beramendi) que apostaban por camiñar cara un partido convencional dentro do BNG. Seguimos a F. Carballo nesta aquelada achega que, dez anos despois, mesmo podería estar de actualidade no debate de hogano na organización nacionalista:

“(...) Hoxe eses partidos convencionais son amplamente desestimados, son transmisores da ideoloxía da democracia formal; son moitos deles internamente antidemocráticos e clónicos. O BNG é outra cousa: é o país pasado, presente e a construír, desde o territorio, os cidadáns, o posíbel. É a cidadanía do común, non contaminada pola mentalidade de dominación. Aquela minoría de longa historia de opresión, de castración de seres humanos ao seu servicio, non forma parte dos que temos sentimentos de liberación. O BNG ten de vivir democraticamente na súa casa, mesmo espallar democracia porque é democracia. Para iso vai organizándose con elementos dos partidos, dos sindicatos, das frontes de liberación, da propia experiencia. Iso leva consigo tensións, busca de acerto, revisións, correccións.

O BNG ten elementos a contracorrente dos partidos convencionais. Iso sorprende, desacouga algúns. Mais cómpre reflexionar: moito ten que recuperar, crear, inventar, conseguir e transformar un colectivo, o BNG, que é o latexo dun pobo que, desde 1480, non tivo liberdade de facerse desde si mesmo, senón soamente de asimilarse a outros. É hora de sermos nós!”  

(Fotos: Na primeira -de Xan Carballa-, aparece Francisco Carballo na Homenaxe Nacional en Marín en 2005, agradecendo o recoñecemento. Na segunda -de www.lainformacion.com-, aparece Ana Pontón, que hogano lidera o BNG, o partido ao que pertenceu Francisco Carballo dende a súa creación, do que foi fundador e do que endexamais se arredou).

13 DE MARZO DE 1937, AOS 80 ANOS (e III)

Escrito por Fcarballo 10-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Benigno Álvarez apareceu morto o 13 de marzo de 1937 en Vixuexes, moi perto da súa casa familiar en Maceda. Anos despois imprentouse a súa biografía -autoría de Santiago Prol-, que levaba por título "Benigno Álvarez. Un comunista na Galiza dos anos 30" (ANT, 2008), seguindo o consello de Francisco Carballo sobre a longa materia de análise daquela xeira en Maceda. Rematamos coa terceira e última parte do fermoso artigo demandado sobre o veterinario de Maceda, que el mesmo tivera a fortuna de escoitar abraiado nun mitin, un día de feira na nosa vila, na época da Fronte Popular (Carballo tiña 11 anos):

 "(...). A traxedia do 36 marcou con lume a historia do Concello de Maceda; Benigno e a súa familia sufriron o terror más despiadado. Despois o silencio. A casa familiar pechada expresaba ben a soidade e a dor. Quedaban pendurados os interrogantes ante as penas de morte sumarísimas, os paseos, as vinganzas atroces. Á vez a Guerra Civil nas provincias de España con numerosas víctimas que gardan memoria todas e cada unha das parroquias do Concello de Maceda. O maquis sucesivo veu a expresar que seguían abertas as feridas. Gómez Gayoso foi un significado dirixente da guerrilla. Hai longa materia de análise para historiadores e sociólogos dos anos 36 a 50 da vida de Maceda.


¿Cicatrizaron por fin as feridas? Foron demasiados anos de silencio; non se aclararon os feitos, así non se puido establecer diálogo entre as partes. É hora de abrir Maceda a unha convivencia saudábel; no pasado temos unha lección indelébel para o presente. O sectarismo é perigoso, xera violencia. O uniformismo mental é xa imposíbel. Compre aceptar con coraxe o pluralismo ideolóxico e conxugar no debate as variadas tendencias sociais existentes. Así recuperamos a responsabilidade colectiva e a urxencia de novos parámetros de solidariedade social.

A homenaxe a Benigno é unha débeda aos que sufriron a traxedia. Ao cumprir con este deber, apostamos por un presente superador e por un futuro posíbel. Maceda ten que aproveitar a oportunidade de recrear o seu tecido social de potencia agrogandeira, comercial e industrial. Todo pode ser novo e mellor, se recoñecemos o pasado sen ira, sentimos o presente con paz e preparamos o futuro coa intelixencia de todos". (Faro, 16/03/1997).

(Na primeira foto aparece a fachada do Concello de Maceda e a pancarta vertical anunciando a Exposición sobre Benigno Álvarez, pendurada no salón de actos. A segunda foto é a lexendaria imaxe de Benigno que aparecera na publicación republicana Nueva Galicia en 1937, e logo noutras posteriores).