Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

Metáforas (I). Entroido / ANT (5)

Escrito por Fcarballo 18-02-2017 en columnas. Comentarios (0)

No núm. 1.256 do semanario ANT e con data do 15 de febreiro de 2007, encetaba Francisco Carballo un rexistro diferente nas columnas xornalísticas. Comezaba cunha "metáfora primeira" sobre o Entroido, mesmo evocando a terra de orixe ao pé do Val do Medo e a súa mascara ancestral (o Felo). Esta "metáfora", moi aquelada nestas datas, semella un contrapunto abondo interesante:  

 “As miñas cavilacións de febreiro responden ao ruído das chocas dos Felos de Maceda e á cor lila da Coresma. Un agudo contraste: Entroido fronte á Coresma, lupanda fronte a xaxún, consumo fronte a fame. É o horizonte desde o meu miradoiro. A civilización consumista que nos “consome” produce a constante fuga da realidade. Anda a suprimir a Coresma: que ninguén a expoña. Así non existe (os mass media non a refiren). Fan entrevistas do ramadán: é máis exótico. A Coresma antepuxo o Entroido como un adestramento e un anuncio: cómpre escalar o monte Tabor da Pascua durante 40 días, máis 6 de campamento. Para tal maratón debe preceder un fondo alimentario de resistencia. O Entroido é banquete, baile e carautas. É unha acción teatral de escenas sucesivas. As larpeiradas son as vitaminas. As carrozas son para os langráns. Todo o Entroido galego é un drama a vivir deportivamente.

¿Como perverte o Entroido o consumismo? Suprímelle a fin: impide o ritmo das escenas cara a secuencias aloucadas. ¿Para que se queren as carautas se andamos con elas todo o ano? Porque o consumismo é a civilización da trampa: gasta ti para que amoree eu (o banco). Ti non tes que xaxuar porque non tes nada a escalar; eu acumulo nos “paraísos fiscais” para a túa xubilación. Tal non vas precisar: esquece montes de Tabor, aumenta o azucre.

Lémbrome cando nos levaban aos seminaristas a actos de “expiación” nas capelas nos días de Entroido. Outra maneira fementida de acelerar o desgaste óseo. Que fermoso é o Entroido se é Entroido. Entrada á escalada anual cara ao Tabor” (ANT, 15/02/2007). 

(Fotos: Entroido de 2013 en Celeirón de Asadur, a carón da casa natal do presbítero ilustrado de Maceda. Tirounas Santiago Prol, que ía co alcalde Xabier Oviedo e con Bieito Seara -aparecen os dous de costas na primeira foto-, no enigmático percorrido dos Felos -o Sábado de Entroido- polo cordal da Serra de San Mamede e polos lugares e aldeas abeirados ao Val do Medo).

ESCOLMA DE POESÍA RELIXIOSA / ANT (4)

Escrito por Fcarballo 12-02-2017 en columnas. Comentarios (0)

O 10 de maio de 2007, metíalle o dente a un tema preferente nas súas arelas. Aseveraba que Rosalía de Castro foi, xunto con Cabanillas, Díaz Castro e Rei Romero, os que mellor intentaron a poesía relixiosa: “Non tiñamos antoloxías de poesía relixiosa en galego, agora temos tres: a do Diurnal, a de Vitorino Pérez Prieto e a de Felix Villares. O Diurnal -libro de rezo en galego- foi o primeiro en escoller un feixe de poemas de autores actuais. Libro soporte para orar, que enternece. A Escola poética de Mondoñedo” de Felix Villares estuda desde o século XVIII a hoxe, unha realidade galega de poesía en gran parte relixiosa. A antoloxía “Os ríos pasan cheos de Deus” de Vitorino Pérez recolle unha ampla mostra desde o medievo a hoxe. Como toda escolma ten estrelas e lunares (...).

Houbo un esforzo grande na busca deses poemas. Para min, que os que mellor intentaron poesía relixiosa, amais de Rosalía de Castro, son Ramón Cabanillas, Xosé María Díaz Castro e Faustino Rei Romero. Neles cabe atopar grandes achados. Cabanillas e Rei intentaron, a propósito, poesía relixiosa (...). “Os ríos pasan cheos de Deus” cubre unha urxencia: Cantos acudiamos a un soporte poético na vivencia oracional e de animación cristiá, tiñamos que andar sempre á caza e pesca de poesía galega dispersa. O autor desta escolma dános unha boa axuda: Auga fresca a beber. E, igualmente, fornece de material os crentes que beben na “relixiosidade popular”, devocionista e recitativa. Así as panxoliñas son tenrura, símbolos provisorios para aguante da xeada da vida” (ANT, 10/05/2007). (Foto: cervantesvirtual.com)

VOX POPULI / ANT (3)

Escrito por Fcarballo 08-02-2017 en columnas. Comentarios (0)

O 12 de febreiro de 2001, na contraportada d´ANT aparecía outra interesante columna de Francisco Carballo sobre a democracia e a constitución, inserindo paralelismos de contido relixioso: “O Padre Feixóo dedica un  dos seus ensaios do Teatro Crítico ao adaxio : “Vox populi, vox Dei”. Categórico afirma: a voz do pobo non é a voz de Deus. Sabe dar probas indiscutíbeis. Cando nos servimos do “principio de analoxía” para falar de Deus, non acertamos, inventamos deuses. Toda palabra sobre Deus é unha palabra humana. Nin as palabras do pobo, nin as dos seus dirixentes son palabra de Deus (...). Mais a vox populi é “o que máis manda”. Dicir que a voz do pobo é a voz de Deus, é unha transferencia; é a linguaxe dos autócratas. Transfírenlla ao pobo por eufemismo. Castelao di nos seus apuntes que o crego de Viascón lle recomendaba: “Ten moito coidado en que ninguén queira facer xustiza contra ti en nome de Deus”. Quen di ser dono da palabra de Deus é un Moloch, un ídolo. (Foto: www.cultura.gal)

E todo isto a que vén? A advertir que a democracia é o mellor dos sistemas políticos, pero non é palabra de Deus; que a constitución é un documento básico, non palabra sagrada; que cando ela afirma “a patria como única e indivisíbel” mitifica, irracionaliza, sacraliza. Cando nos veñen con esas “andrómenas” de que o pobo é  voz de Deus, están a mostrar o seu “cesaropapismo”, abuso do relixioso, idolatría usual das teocracias e dos ditadores. E no anverso da medalla, cando alguén fala de “secularización” e a entende como autonomía da ciencia, da política, da ética, etc. vai ben; axuda a conquistar espazos de liberdade. Cando trata de sitiar, desprazar da realidade social a dimensión relixiosa, é un sectario. Ollo cos extremismos, coas visións unilaterais, cos anticorpos de indixestións de tempos tristes”. (ANT, 22/02/2001) 

A LECCIÓN DO EXILIO / ANT (2)

Escrito por Fcarballo 04-02-2017 en columnas. Comentarios (0)

O 25 de xaneiro de 2001, imprentaba Francisco Carballo unha columna sobre un tema polo que tiña querencia como historiador e no que partillaba: "O exílio galego está a ser estudado nestes días e aproveitando para lembrar a un dos alcaldes de Pontevedra, don Bibiano Osorio Tafall, e homenaxear a tres mulleres representantes dese exilio, as señoras Maruxa Seoane, Mariví Villaverde e Chonchiña Comesaña. Tal exilio, 1936-75, e un dos sismógrafos que miden o terremoto dos anos da represión falanxista-militar. Con el as numerosas víctimas dos asasinatos, dos que se defenderon no maquis e dos que soportaron o estraperlo e a senrazón durante corenta anos. Nas tres frontes houbo milleiros de persoas que agardan dos seus descendentes unha aclamación reivindicativa. Tamén nos casos dos exiliados, a América maiormente, compre medir a súa colaboración á recuperación dunha Galiza salvada da aniquilación. No exilio lograron moitos galegos gardar os valores máis positivos da nosa cultura: crearon editoriais, padroados e centros lingüísticos que racharon o silencio da Galiza interior. Remesaron diñeiro, apoiaron iniciativas, voltaron algúns con proxectos inda en curso.

Nestas xornadas son estudados varios persoeiros: Basilio Álvarez, Suárez Picallo, os dous curmáns Carlos e Pepe Velo, Luís Seoane... A lista dos destacados é moi longa, irredutíbel a tres días. Tampouco se esquece o obradoiro de ideas para erguer o eixo político da Galiza actual: arredor do Consello de Galiza que presidira Daniel Castelao había labaradas de entusiasmo, de conexións intercontinentais. De tal manancial participamos hoxe, tanto por seguimento como por contraste. Na xénese do galeguismo desta nación do 60 para acá, hai moitas fontelas; unha está no exilio. Afortunadamente o exilio contou co guieiro de Daniel Castelao: deulle unidade, dirección; profundou nas raíces culturais dun pobo para abeirar nel a esperanza e conducilo ao traballo de superar o pasado e dignificar o presente. Detrás das comunicacións e debates destas xornadas, está o sorriso evocado en todo o ano 2000 do mestre da Nación Galega”.  (ANT, 25/01/2001).

NO CAMPUS / ANT (1)

Escrito por Fcarballo 01-02-2017 en columnas. Comentarios (0)

Regresaremos en futuras achegas aos documentos videográficos... Abrimos hoxe unha nova sección: unha escolma das columnas e traballos que imprentou no semanario A Nosa Terra dende 1977 até 2010 durante 33 anos. Coa xenerosidade inmensa de Xan Carballa, que nos pasou boa parte delas, comezaremos pola última columna asinada por Francisco Carballo. Leva data do 29 de xullo de 2010; un día mouro na historia do xornalismo do Noso País, pois foi a última vez que apareceu o semanario -até o de agora- na xeira democrática. Naquela derradeira achega facía unha evocación ao Día da Patria daquel 2010 en Compostela, e á súa participación pola tarde nun debate a catro bandas sobre laicidade no Festigal (ao que tivemos a fortuna de asistir). Naquela altura el contaba con 85 anos de idade. A foto de Xan Carballa conformou a portada do libro de Conversas (ANT, 2002). Logo apareceu na columna del -na última páxina- dende xaneiro de 2007. Eis a lucidez do presbítero ilustrado de Maceda:

"Primeiro na Quintana dos Mortos: un poder contrapoder. Estivo pechada a porta das peregrinacións no intre da presentación do pobo común; abriu, de seguida, e bracearon as correntes de aire como sinais de encontros difíciles: "sabedes que os reis e os poderosos dominan aos pobos e os escravizan; entre vós non sexa así, quen queira ter autoridade que serva; quen é primeiro que se poña ao final". Son verbas do rabbi Xesús. Galiza precisa de cristiáns xesuáticos. Os da ofrenda real son desaxustes.

Logo no Campus, entre San Lourenzo e os colexios maiores, ríos de carpas; gaiteiros de Galiza e de Portugal. Nunha das carpas, ás 18:30, con cheo de ouvintes e de interpelantes, disertaron catro poñentes: laicidade na escola, na familia; estado laico ou sexa unha tautoloxía, porque dicir estado é dicir laicidade. E tamén cristianismo de liberación, sen poder, coa autoridade da busca da verdade e da proba de servizos sempre en loita contra a pobreza e a discriminación. Todo moi lindo, moi ocorrente até para oír propostas anglicanas. Uns galegos en tensión, porque acosan ventos mesetarios de unidimensión e sopra o Atlántico brisiñas de aire leve, o da felicidade. 

 Santiago é sempre melancolía, o que puido ser e só foi nas estrelas do anacoreta que intenta pechar o canto a Santiago sen cabeza por orde de Herodes, a Prisciliano sen cabeza por orde de Máximo en Trier, a Bóveda sen cabeza por orde dos sublevados no 36 e a todos os enterrados nas cunetas: eses heroes da Galiza real: reino, nazón e terra prometida" (ANT, 29/07/2010).