Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

NA VIDEOTECA DA AELG (2) / O autor fala da súa obra (1b)

Escrito por Fcarballo 28-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

Na segunda achega desta extensa conversa para os fondos audiovisuais da AELG, Francisco Carballo incide nas publicacións que tivo a ben imprentar ao comezo da súa dilatada traxectoria como ilustrado: "A obra primeira que publiquei realmente estaba na perspectiva do doutoramento en Historia (1954). Estaba preparando unha tese sobre unha derivación da Ribeira Sacra, que ía sobre os territorios abeirados ao Arnoia . Esa obra non a cheguei a facer, pero si un capítulo dela que é a historia do Santuario dos Milagres do Monte Medo. Publicouse no Faro de Vigo. Vendeuse no Santuario e esgotouse. Posteriormente fun profesor de colexios, director. En 1965 mandáronme ao Teologado de Salamanca. Alí escribín obras de Teoloxía. Publiquei dúas e algúns artigos. Unha sobre a Oración (pódese atopar nunha antoloxía sobre o Catolicismo) e outra sobre a Congregación dos Paúles. Era unha dedicación accidental, secundaria. Daquela eu exercía fundamentalmente de profesor. Traballei 43 anos na docencia. Creo que a miña vida é iso: profesor de Historia e profesor de Espiritualidade Teolóxica (...)". (foto: www.galicias.com)

"En 1973 voltei a Galiza, a Vigo, á misión obreira cunha serie de curas, xesuítas, paúles, seculares, etc. Alí entrei no mundo das inquedanzas deste País. Fun presidente da Asociación Cultural de Vigo. En 1977 fun dos fundadores de dúas publicacións: A Nosa Terra e Encrucillada. Manexan as dúas afeccións miñas: ANT a cultura galega / Encrucillada a cultura cristiá en Galiza. Son pois paralelos: o teolóxico e o histórico. Publiquei unha serie de obras coñecidas hoxe sobre a Historia de Galiza, sobre a Igrexa galega, sobre persoeiros como Castelao e Bóveda. Pero onde máis participei, até chegar a un volume alto de traballos, foi na revista ANT. Dende 1977 até 2010 (durante 33 anos), nalgúns periodos semanalmente, noutros mensualmente, estiven a publicar sobre todo o que a min me podería ser obxecto: nomeadamente  unha visión crítica da realidade actual de Galiza" (fonte: www.aelg.org).

N.B.- Como referencia audiovisual remitimos ao lector aos enlaces das achegas máis recentes. Beizón!

NA VIDEOTECA DA AELG (2) / O autor fala da súa obra (1a)

Escrito por Fcarballo 23-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

Moi na liña do que Francisco Carballo aportou no libro de Conversas (Prol / Carballa, 2002); mesmo engadindo novas fasquías que fornecen a súa biografía, imos sintetizar a longa charla que gravou en 2013, para os fondos documentais da AELG.  Desta volta fíxoo -con 88 anos de idade- na residencia temporal que o presbítero ilustrado de Maceda escolleu nos últimos tempos (un centro relixioso vencellado coas Irmás da Caridade en Ourense cidade). A primeira parte titulárona "Entre a docencia, a historia e a espiritualidade". Eis a transcrición do primeiro "factor", no que mesmo recoñece que fixo de "negro literario". O enlace é o mesmo das anteriores achegas: 

Enlace



"A miña infancia rural no concello de Maceda foi moi enriquecedora naquela escola da Segunda República. Era moi diferente da que houbo no franquismo e incluso actualmente. Creou en nós un espírito de amor ao territorio, de lectura de escritores galegos. Na miña casa (en Celeirón de Asadur) mercáranse daquela as obras de Curros, Rosalía, etc. Ese xermolo foi un factor determinante de toda a miña vida. Logo estudei en centros dos Paúles: no Santuario dos Milagres, despois en Madrid (...). Cando era estudante de Teoloxía dirixín o primeiro grupo da miña vida. Tiñamos unha asociación a prol das misións estranxeiras. Coleccionabamos selos de correos. Aqueles misioneiros trouxéronme documentación para facer un libro. Foron as miñas primeiras páxinas publicadas. Titulábase "En la selva del Ganjam" (Odisha, India). Está publicado baixo o nome dun misioneiro, pero case todo é meu. É de 1947 ou por aí..." 



NA VIDEOTECA DA AELG (1b): Por que comecei a escribir?

Escrito por Fcarballo 14-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

Tres anos despois daquela primeira gravación para a súa entrada na web da AELG, fixo outra na que profundizaba e perfilaba matices sobre a pregunta inicial. Desta volta gravouse no Pazo de Congresos e Exposicións da cidade de Pontevedra en 2009. Naquela altura o presbítero ilustrado de Maceda tiña 84 anos, militaba no BNG da cidade do Lérez, colaboraba asiduamente con proxectos culturais do goberno local e ollaba con gran satisfacción a evolución da "vila boa" a prol dos cidadáns, abandeirada polo seu amigo Miguel Anxo Fernández Lores e todo o seu equipo. O enlace volvemos localizalo na entrada do socio: Carballo, Francisco, na web www.aelg.org

Ver Vídeo

Eis a transcrición do minuto e sete segundos deste documento audiovisual que remata cunha lapidaria consigna: "Empecei a escribir artigos de prensa ao rematar o bacharelato e nos anos universitarios. Vivía en Madrid. Escribía en castelán, pero xa escribía para min en galego. Á miña volta a Galiza en 1973, toda a miña actividade de profesor, de conferenciante e de escritor, desenvólvese na lingua galega, porque é o vehículo principal de cultura; é a luz e a forza que crea solidariedade entre os seres humanos, que se unen para ser libres; é dicir, para ser Nación; que escapan da subordinación e das ditaduras".

NA VIDEOTECA DA AELG (1a): Por que comecei a escribir?

Escrito por Fcarballo 12-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

Logo dun vídeo combativo, outro máis reflexivo... A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) convidou aos socios para que participásemos en varios documentos videográficos curtos sobre tres fasquías fundamentais: Por que comecei a escribir? (1) / O autor le a outro autor (2) / O autor le ou fala da súa obra (3). Imos reparar hoxe no primeiro que tivo a ben deixarnos para a posterioridade Francisco Carballo: "Empecei escribindo en revistas internas. Daquela era considerado máis como un científico que como home de letras. Era difícil nos anos 50 estudar Matemáticas en Madrid na miña situación. Escollín Historia. Fun atrapado por este tipo de saber. Tiña bastante relación co que é a Biblia para os cristiáns e a reflexión teolóxica". [Temos dous enlaces para este vídeo: o da web da AELG e o que penduraron en youtube. Filmouse en Vigo en 2006, -coidamos que na sede do semanario ANT na rúa Príncipe, 22 baixo- cando o presbítero ilustrado de Maceda tiña 81 anos de idade]:


Ver Vídeo Youtube

Ver Vídeo web AELG


"O primeiro libro que escribín por encargo foi unha monografía sobre o Santuario do Monte Medo en Ourense en 1963. A continuación fixen moitos traballos monográficos en revistas de certo nivel. Non me dediquei propiamente á Historia até chegar a Vigo en 1973. N'A Nosa Terra (ANT) aproveitei un equipo de historiadores que tiñan que unir investigación e capacidade de divulgación seria. De aí veñen os meus traballos que teño, tanto a nivel de prensa (xornais, revistas...) como de manuais".

(Fonte: www.aelg.org).

Francisco Carballo, NA NOSA MEMORIA

Escrito por Fcarballo 06-01-2017 en vídeos. Comentarios (0)

O 12 de agosto de 2013, o cemiterio de Imo (Dodro, A Coruña), acolleu a homenaxe anual a Moncho Reboiras que organiza o Movemento Galego ao Socialismo (MGSgaliza). Francisco Carballo estaba alí como invitado central, xa que logo fora represaliado por defender a memoria (nomeadamente por denunciar o asasinato) de Xosé Ramón Reboiras Noia, no libro colectivo "Historia de Galicia" (ANPG, 1979) ao que voltaremos. No camposanto de Imo artellara -o presbítero ilustrado de Maceda- un discurso moi incisivo e abondo combativo, malia ter naquela altura 88 anos e o "bicho dentro"... Aquel histórico acto foi un dos últimos en vida. Podemos atopalo en "youtube" co título "Francisco Carballo, na nosa memoria". Merece a pena visualizar o case minuto e medio que penduraron, para ollar a lucidez da súa enerxía doutrinaria, a súa forza moral, o seu o amor á Nosa Patria e o alento cara un futuro mellor para os máis desfavorecidos. Eis o link:

Enlace Vídeo


"Navegade a contracorrente. Hai que crear outro mundo. Galiza ten que liberarse porque está subordinada e escravizada. Os galegos están alimentados coa mentira, coa falacia, coa indecencia... Vivimos nun mundo detestábel, pero cheo de sementes de vitoria. Ganade colaboradores. Non teñades medo ao neocapitalismo; o máis brutal da Historia do mundo. Tede esperanza". (Fonte: www.mgs.gal / Foto inferior: www.sermosgaliza.gal


N.B.- Xa superamos as 1000 visitas ao vídeo de Xan Carballa (ver post anterior). Beizón a tod@s!!!