2º ANIVERSARIO RECORDANDO A LOA DE FELIPE SENÉN (III)
O xornal La Opinión da Coruña, o 7 de decembro de 2014, imprentaba unha extensa loa do arqueólogo Felipe Senén, que mesmo tiña compartido co presbítero ilustrado de Maceda, o volume "Historia de Galiza" (ANPG, 1979). Titulou a loa "Francisco Carballo, vello sabio que non envelleceu". Apareceu logo no Terra e Tempo (25/XII/14), o voceiro da UPG. Imos recuperar o primeiro parágrafo e o último: "O pasado 29 do mes dos magostos finou, nunha residencia da congregación dos Paúles en Salamanca, Francisco Carballo. Para nós o imprescindible Padre Carballo. Seguidor do Cristo que bota do templo aos mercaderes do paciente Mestre escarnecido. Sólido crente na súa Terra. Referente en canto significa o nacionalismo popular galego de hoxe. Deuno todo por estes seus eidos imperfectos, divididos e recoñecémolo como druída oficiante cando celebramos festas, vodas, bautizos ou loito. Correspondémonos no seu funeral (...). Francisco Carballo non envelleceu, foi parte sólida do final desa ponte que vén da xeración Nós aos máis novos. Carballo foi home de feitos, leal aos seus e á súa terra, a que de seguro lle será leve, parte xa do ronsel de luz, compaña espiritual que sinala camiños dende o Ceo". (Na foto as cinsas de Francisco Carballo e -ao fondo- o retablo da igrexa de Asadur o día do funeral).
Debaixo: ilustración que complementa o traballo de Felipe Senén no Terra e Tempo o 25 de decembro de 2014, doce días despois do soterramento do presbítero ilustrado de Maceda na campa de Asadur.