Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

31 DE DECEMBRO DE 1936, AOS 80 ANOS...

Escrito por Fcarballo 30-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)

"¿Á túa casa chegaban noticias dos que paseaban en Maceda e dos nove que fusilaran o 31 de decembro de 1936, despois dun consello de guerra ignominioso? Si. Vixiábase a casa e nós estabamos en espectativa constante. Había medo de que houbese reaccións. Teño na memoria con todo detalle os acontecementos do 36. Deses nove martirizados, que hoxe teñen un monolito de lembranza na Praza de Benigno Álvarez en Maceda, escoitei falar na casa. Estabamos horrorizados, a avoa non paraba de chorar, aquilo impactou en nós dunha forma tremenda. Pero na aldea a guerra era unha cousa remota. A represión foi moito máis forte en vilas como Maceda e nas cidades. O bon senso de meu pai e estes fenómenos de crueldade, están no fondo da miña posterior relación co franquismo" (Conversas, ANT: 2002).

Na foto a lápida de lembranza (que sempre ten flores) dos nove martirizados de Maceda e contorna. Francisco Carballo sempre nos recordaba que a Historia non se repite, pero que pode reproducir erros semellantes, por iso é necesario reescribir a que fixeron os vencedores e vulgarizala. Exhumamos parte dun documento demoledor, logo do consello de guerra -sen garantías legais- e sentenza posterior, que mesmo se debería revisar 80 anos despois, para facer xustiza daquela inxustiza: "Ás 16:30 horas do 31 de decembro de 1936, hora sinalada pola autoridade militar, foron pasados polas armas os reos Andrés Gálvez López, Serafín Poza Prol, Antonio Souto Nieto, Juan Manuel Garrido Touriño, Demetrio Álvarez González, Manuel Senra Salgado, Fernando Garrido Fontela, Modesto Vidal Fernández e Ricardo Lemos González, facéndose a correspondente descarga polo pelotón encargado da execución e certificando a súa defunción o médico don César Saco" (Acta do secretario Manuel Casado Nieto co visto e prace do xuíz militar Ramón Ulloa Sotelo. 31/XII/36). Eis a Historia...

PREMIO BOS E XENEROS DA AELG, 2012

Escrito por Fcarballo 25-12-2016 en premios. Comentarios (0)

 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega [AELG] concedeulle o Premio Bos e Xenerosos a Francisco Carballo. A solemne entrega fíxose o 3 de marzo de 2012, no salón de actos do Museo do Pobo Galego. Asistiu unha ampla representación do eido político e cultural de Galiza. Outrosí moitos amigos de Maceda, encabezados polo alcalde Xabier Oviedo. Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, dixo que Francisco Carballo tivo a “vontade de liberarse dunha historia imposta e iso foi o que vertebrou o seu traballo nun tempo no que a Universidade non cubría as necesidades da historiografía nacional”. Carballo entregouse de vez “á constitución dunha elaboración en clave nosa da historia galega e á vindicación do cristianismo como espazo de loitas contra as inxustizas, e mesmo de subversión e crítica ao poder”. (Na foto: Xabier Oviedo, Santiago Prol, Bieito Seara, Mercedes Queixas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Francisco Carballo, Paco Nóvoa, Vitorino Pérez Prieto e a súa dona, Antón Gómez e a súa dona, Celso Sánchez, Mercedes de Manuel e Chus Teijeiro, na comida posterior coa que agasallamos os amigos ao presbítero ilustrado de Maceda no restaurante Porta Faxeira de Compostela).

A loa fíxoa Anselmo López Carreira, que o coñece dende 1978, cando estaban a elaborar o manual Historia de Galicia (ANPG, 1979). Lembrou a “súa honestidade persoal, a fidelidade aos proxectos que emprendeu e o seu compromiso social”. Á fronte dunha camada de historiadores novos, Francisco Carballo impulsou e mesmo asinou publicacións transcendentais para a historiografía de Galicia, a través da editora do semanario A Nosa Terra (ANT), da que foi presidente. Ao recoller o premio, o teólogo e historiador macedán  afirmou con contundencia que “Galiza é obxecto dun experimento para destruír a súa identidade”, ao que engadiu: “Somos un País ao que se lle quere impoñer unha cultura, destruíndo a que el xera e que mesmo arela continuar”. Tamén fixo unha reflexión sobre Igrexa: “A cúpula eclesiástica é máis un problema que unha solución, fronte ao cristianismo de base que é un elemento positivo, unha forza viva e rexeneradora”.

2º ANIVERSARIO CO INSERIDO NO XORNAL SERMOS GALIZA (VI)

Escrito por Fcarballo 22-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)

No xornal dixital Sermos Galiza titulaban o 13 de decembro de 2014: "Francisco Carballo, na memoria: A nosa obriga é destapar os relatos falsos do poder".  Referíanse á entrevista que lle fixera Xan Carballa para o xornal El País o 29 de xuño de 2007. Denantes inserían un introito acompañado dunha das últimas fotografías do presbítero ilustrado de Maceda. Facían coincidir en Sermos a data co día no que as súas cinzas eran soterradas eiquí. Engadían que na entrevista de Xan se puñan de manifesto os trazos -historiador crítico, teólogo da liberación, activista incalsábel da causa nacional- que caracterizaran a longa e fecunda vida do autor de "Historia Xeral de Galicia".

 

Lembraban que "o sábado, 13 de decembro de 2014, as súas cinzas acharan acubillo no panteón familiar do cimeterio da súa parroquia natal en Asadur (Maceda). Será unha cerimonia íntima, relixiosa. Xa o día 27 está programado un acto cívico, unha homenaxe popular en Maceda, para render tributo a quen, durante ben máis de medio século, se constituíu nunha das figuras máis relevantes e referenciais do nacionalismo galego. Carballo foi tamén un entusiasta animador e impulsor de proxectos xornalísticos. Foino após a morte do ditador, cando se converteu en peza clave do lanzamento da nova etapa de A Nosa Terra, e foino décadas despois cando puxo toda a súa paixón ao servizo do grupo fundador de Sermos Galiza. Tamén foi unha das primeiras sinaturas na sección de opinión" (...). Eis o link coa entrevista de Xan Carballa na que repararemos polo miúdo noutras achegas da bitácora:

http://elpais.com/diario/2007/06/29/galicia/1183112327_850215.html

2º ANIVERSARIO HOMILIA FUNERAL EN SALAMANCA (V)

Escrito por Fcarballo 17-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)

O día 1 de decembro de 2014, concelebraron a homilía funeral polo falecemento do presbítero ilustrado de Maceda, no megacentro que a Congregación da Misión Vicente de Paúl ten en Santa Marta de Tormes, perto da cidade de Salamanca. A mediados dos anos 60, Francisco Carballo deixou Barakaldo para asumir un novo reto como reitor do teologado dos Paúles en Salamanca, ao abeiro do Vaticano II. Vertemos algúns parágrafos da emotiva homilía funeral: "Estamos despedindo nesta celebración ao P. Francisco Carballo, que vivíu os últimos anos padecendo unha grave enfermidade que mesmo lle obrigou a escribir ao Padre Visitador, o 25 de setembro de 2013, estas conmovedoras verbas remitidas dende Ourense: "Estou acorralado polo cáncere dobre, a espondilitis e os 88 anos. A miña situación é de dor, cansanzo e mágoa por non poder cumprir os meus deberes do oficio. Estou esgotado e abandonado á miña soidade. Pídolle auxilio, ben en Salamanca, ben en hospitais en calquera sitio. Úrxeme, disculpe, confío; que Deus nos acolla no seu corazón" (...). Estas verbas súas defíneno perfectamente, son testemuña para todos nós e poñen de manifesto os valores que articularon toda a súa vida: "Son galego de nación; cristián por convicción; rezo: Xesús, marana ta; vén, Señor".

 

"(...) Esta casa, que te acolleu como reitor do teologado, despídete hoxe con dor de corazón, e damos grazas a Deus pola túa vocación e consagración, o teu amor, dende o noso carisma, cuxo lema orientou a túa vida: "Fun enviado para evanxelizar aos pobres" (...). Querido P. Carballo, confiaches no Señor; que El te acolla no seu corazón. Agora agárdache a coroa da Gloria. Sacerdote, profesor, político, historiador, escritor, etc.; o máis grande, dinos San Pablo, é o amor a Deus; a forza que te impulsou a loitar contra todo tipo de inxustiza. Descansa en paz e no amor do Señor, P. Francisco Carballo, misioneiro Paúl". (Foto: www.paulessalamanca.es. Vista xeral frontal do edificio da Congregación San Vicente de Paúl en Santa Marta de Tormes (Salamanca), onde finou o presbítero ilustrado de Maceda, o 29 de novembro de 2014, con 89 anos de idade). 


2º ANIVERSARIO COA EVOCACIÓN DE MONCHO RAMOS (IV)

Escrito por Fcarballo 14-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)


O 16 de decembro de 2014, o sociólogo Moncho Ramos imprentaba no xornal La Región unha sentida evocación sobre o presbítero ilustrado de Maceda. Os dous compartiran experiencia docente no colexio dos Paúles en Barakaldo -a comezos dos anos 60-, cando Carballo estaba á fronte do novo centro radicado no barrio de Beurko (foto superior) e que el sempre considerou como o seu mellor feito histórico. Imos verter algúns parágrafos da misiva do sociólogo macedán: "Moito do que se ten escrito sobre Francisco Carballo ignora ou non aporta explicación suficiente dun aspecto arredor do cal orientou toda a súa actividade: a súa pertenza á Congregación de San Vicente de Paúl (...). O punto de ruptura coa" tradición" comezou coa dirección do colexio de bacharelato de Barakaldo. Alí enfrontouse  cunha nova realidade, que lle esixía tamén novas respostas. Unha sociedade orixinaria en gran parte da emigración e, nomeadamente, da emigración galega; un sector do clero vasco nacionalista con especial proxección no mundo obreiro. Francisco Carballo desenvolveu no noso tempo a filosofía de Vicente de Paúl: ao servizo dos pobres. Iso requería  non só medidas paliativas, senón cambios estructurais; demándábase un novo modelo de acción para unha nova sociedade, na que a pobreza se manifesta ademais doutro xeito (...). Francisco Carballo foi un buscador, até o último intre, de novos xeitos de proximidade aos problemas das persoas. Custoulle pagar un forte tributo de incomprensión, mesmo daqueles que deberían estar máis próximos ás súas inquedanzas".

(Fonte foto: www.paulesbarakaldo.com. Alumnos á saída do novo centro a comezos dos anos 60 e logotipo do Colexio San Vicente de Paúl. Ikastetxea). Nesta páxina web dos Paúles de Barakaldo penduraron: "O pasado día 29 (de novembro de 2014) faleceu en Santa Marta de Tormes (Salamanca) o P. Francisco Carballo, aos 89 anos. Entre os moitos servizos que prestou na súa ampla vida de misioneiro, debemos lembrar que foi o primeiro Director deste colexio de San Vicente de Paúl de Barakaldo. Dende eiquí unímonos á dor da familia do P. Carballo e aos nosos compañeiros da Provincia Canónica de Salamanca. Descanse en paz para a vida eterna!!!".