Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

OS PETROGLIFOS DE MOGOR

Escrito por Fcarballo 14-11-2016 en Novas. Comentarios (0)

Preto da praia de Mogor (Marín) podemos ollar sete esculturas en rocha circulares que se relacionan con tradicións atlánticas e mediterráneas. Atópanse estas composicións gravuradas en tres penedos: Pedra dos Campiños, Pedra dos Mouros e Pedra do Labirinto. Teñen semellanzas cos atopados en Cornualles, Islandia, Finlandia, Laponia, etc. Tamén aparecen en moedas da civilización minoica e en gravados rupestres. (Eiquí -no terceiro lugar do 2º Roteiro- a que fora concelleira de Cultura en Marín, Esther Crespo, fixo unha sentida evocación sobre as pisadas que deixou o presbítero ilustrado de Maceda por estas terras do Morrazo -dende 1985- durante 27 anos).

Os petroglifos son gravados rupestres en penedos, ao aire libre, con motivos xeométricos ou seminaturalistas: cazoletas, círculos concéntricos, espirais, cérvidos, etc. Hai paralelos noutros países e pouco sabemos do seu significado. Corresponden a épocas diferentes: megalíticas, do bronce e incluso posteriores. Os autores eran cazadores, quizais practicaban o pastoreo e algunha agricultura (BREVE HISTORIA DE GALIZA, ANT, 2000).


Localización: https://goo.gl/maps/wZ2nQJZgND52


VOLTA AO CONVENTO NO MORRAZO

Escrito por Fcarballo 10-11-2016 en Novas. Comentarios (0)

Ao morrer o seu compañeiro de piso Serafín en agosto de 1985, a vida en Vigo ou tiña que ser en solitario ou tería que modificar o esquema dos 12  intensos anos pasados alí. Sen pensalo demasiado pedíu incorporarse á congregación dos PP Paúles de Marín, en Chan do Monte. No curso académico 1985-86 aínda imparte docencia na Escola de Maxisterio en Vigo. A saúde non lle axuda ren naquela altura. No curso seguinte empeza na Xunqueira en Pontevedra. Outrosí participa nas tertulias no Carballinés de Marín e colabora co abade da parroquia de San Xulián que oficia todo en galego. Chan do Monte é o lugar onde logra centrar a súa actividade como historiador; o lugar onde escribe -durante 27 anos- boa parte dos ensaios, columnas, biografías e traballos polos que o Noso País está en débeda con el.

En Marín xa preparara o 1º libro publicado sobre o Santuario dos Milagres (1963), aínda que aparecera na rúa cando estaba en Barakaldo. Agora sigo tendo presenza frecuente no relixioso de Irimia  e na comunidade de Marín. A actividade parroquial en San Xulián situoume no eixo do catolicismo popular. Procurei navegar nese tipo de relixiosidade sen renuncias da miña conciencia e sen forzar os hábitos do pobo: unicamente resistín canto puiden ao supersticioso, tan presente neste tipo de mentalidade. Aprendín a navegar en tal mar con coidado; así logrei unha grande estima da xente e certa evolución cara un cristianismo máis depurado (MEMORIAS / CONVERSAS, ANT, 2002).

Localización Colexio S. Narciso Marín: https://goo.gl/maps/H4gmu3eyQam

CHAN DO MONTE, MARÍN

Escrito por Fcarballo 09-11-2016 en Novas. Comentarios (0)

Os PP Paúles trasladaron o colexio a Chan do Monte a mediados dos anos 70 do século pasado. Denantes, dende 1926 establecéranse nun edificio no Campo da Feira de Marín, doado por Narciso Nores Salgado. Entre 1954 e 1958, Francisco Carballo exerceu alí como director técnico (tiña 29 anos). Naquela altura o colexio empezou a funcionar como autorizado comezando o seu prestixio educativo. [O documento gráfico volve tiralo Bieito Seara ao comezo desta fase do  2º Roteiro. Alí falaría con fondo afecto Antón Gómez -á esquerda- sobre a dimensión relixiosa do presbítero ilustrado de Maceda].

Iniciei a vida profesional sen máis programa que a dispoñibilidade para os intereses dos PP. Paúles. Creo que por pura razón de carencia de títulos universitarios, fun enviado durante once anos a dous centros de ensino medio (Marín e Barakaldo). Só dous paúles tiñamos titulación civil en todo o Estado español en 1954, o Padre Gutiérrez máis eu. En Marín as condicións escolares eran febles, o ambiente bo e o horario soportábel. Impartía clases tamén en Praceres e na Inmaculada en Pontevedra para compartir titulacións (...). No Morrazo xa se falaba de renovación do galeguismo. No noso colexio había algún libro de Galaxia. Perdín a oportunidade de incorporarme á Galiza que empezaba a espertar. Sempre lamentei aceptar o cambio a Barakaldo en 1958. (MEMORIAS / CONVERSAS, ANT, 2002)


VIGO; NA FRONTEIRA DO ECLESIAL E NO CORAZÓN DO DEBATE SOCIAL

Escrito por Fcarballo 07-11-2016 en fcarballo. Comentarios (0)

Amigos de Francisco Carballo na rúa Príncipe de Vigo, iniciando ás 12:15 p.m., do sábado 5 de novembro de 2016, o segundo roteiro vencellado aos lugares do presbítero ilustrado de Maceda. De esquerda a dereita: Santiago Prol, Alfredo Suárez Canal, Olaia Fernández Davila, Afonso Eiré, Xan Carballa e Xabier Oviedo (Bieito Seara é quen tira a foto). Xuntámonos arredor dunhas 30 persoas diferentes, sumando as que se foron incorporando ao longo do roteiro polas rúas de Vigo, en Chan do Monte e nos petroglifos de Mogor en Marín e na ágora máis emblemática de Pontevedra. Unha xornada en positivo para a evocación, a confraternidade e a lembranza. Unha ledicia!, como diría el coa súa risa contaxiosa.


¿Que botaba en falta en 1973 para abandonar Salamanca? Parecíame que debía experimentar o que predicabamos. Estaba tamén o tirón de Galiza: era hora de voltar definitivamente ás raíces (...). Fixen de súpeto unha inmersión global na sociedade: clero, obreiros, intelectuais, campesiños, estudantes, etc. Despois de estar encerrado no mundo clerical dende 1941 até 1973, isto -que inicialmente comecei en Vigo-, supuña un cambio radical. Tardei en equilibrar os factores psicolóxicos e teolóxicos. Recuperei a dedicación á Historia e metinme de cheo no mundo do xornalismo (e tamén no da política dende as primeiras eleccións do 77) (LEMBRANZAS / CONVERSAS, ANT, 2002)