Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Bo e Xeneroso

LEMBRANZA POLO FALECEMENTO

Escrito por Fcarballo 29-11-2016 en cabodano. Comentarios (0)

Xosé Manuel González Pérez, profesor de Lugo que a finais dos anos 70 do século pasado traballou n'ANT, fixo unha lembranza no Facebook, o 29 de novembro de 2014, xusto o día no que Francisco Carballo nos deixaba. Rescatou o texto Xan Carballa e decidimos penduralo na bitácora: "Rexo sempre, sorriso e voz de labrego cando viña pola redacción compostelá d'A Nosa Terra, na República del El Salvador, mediando a costa. Conducíu o mitin final na campaña do BN-PG no Pavillón das Travesas en Vigo, cando as Primeiras Eleccións Xerais (1977), e foi súa a expresión máis intensa. Pasaba, no nacionalismo, por ser probabelmente un dos homes máis formados; ora que tamén discreto. Case nunca máis o vin, desde finais dos 70, pero velaí a lembranza aproximante a aquel final de conferencia, en Lugo, fronte a un auditorio mozo predicando a coherencia: Se non cristiáns, polo menos, ¡sede marxistas! En paz estea".

Eis o documento gráfico, que xa forma parte da Nosa Historia e da súa biografía. De esquerda a dereita: Leopoldo (cura de Melide), Francisco Rodríguez, Ramón López Suevos, Elvira Souto, Lois Ríos Paredes, Ramón Valcárcel, Manuel María, Camilo Nogueira (de pé), Pedro Luaces, Bautista Álvarez e Francisco Carballo, no mitin central do BN-PG no Pavillón das Travesas (completamente abarrotado de público), en Vigo de cara as Primeiras Eleccións Democráticas do 15 de xuño de 1977. Naquel mitin o presbítero ilustrado de Maceda defendeu a unidade do nacionalismo de esquerdas nunha soa organización a prol da defensa da nosa identidade. (Fonte fotografía: Camilo Nogueira e outras Voces. Suso de Toro. Xerais, 1991).

SEGUNDO CABODANO DO PASAMENTO, 29 DE NOVEMBRO

Escrito por Fcarballo 27-11-2016 en cabodano. Comentarios (0)

O 29 de novembro de 2014, finou Francisco Carballo con 89 anos lonxe da súa terra de orixe. Até Salamanca fomos, para acompañalo no fatal desenlace, amigos e familiares co alcalde de Maceda (Xabier Oviedo) representando institucionalmente ao concello que o vira nacer. Arelaba o presbítero ilustrado descanso derradeiro en Asadur, na campa parroquial, nun cemiteiro silencioso, de sepulturas no chan, cuberto de herbas e flores que significaban a paz, o encontro coa natureza e -en verbas súas- co Creador. Mesmo se decantaba pola incineración como derradeiro acto de rebeldía.  Voltar á terra da que formamos parte. Abofé que o conseguiu pola teimuda intervención da súa sobriña Milagros perante os PP Paúles de Salamanca que o querían deixar alí. ¡Que lle sexa leve a terra e que se manteña viva a súa memoria!


A vida non ten sentido sen a morte, a morte é consubstancial á vida. ¿Que hai despois da morte?  Toda a tradición cristiá e toda a educación recibida, ten unha perspectiva de que algo queda despois da morte. Unha sobreexistencia, un encontro co "Absoluto", algo que non somos capaces de definir con precisión. Nos textos revelados é moi imprecisa a referencia (...). Na pastoral dos cristiáns dende o século XII até onte, o medo á morte e ás súas consecuencias foi capital. Iso hai que superalo. Hoxe dicimos que a morte é unha proba. A relixión pretende darlle sentido á vida e á morte. Enmárcase na busca do sentido da vida e da superación da morte (CONVERSAS, ANT 2002).

OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO POLAS TERRAS DE MACEDA, 2015

Escrito por Fcarballo 20-11-2016 en roteiros. Comentarios (0)

O 21 de novembro de 2015 empezamos os roteiros vencellados cos lugares de Francisco Carballo. Comezamos pola súa terra de orixe. (A iconográfica foto deste 1º Roteiro tirouna Xan Carballa na rúa Príncipe de Vigo, na xeira máis transgresora e vindicativa do presbítero ilustrado de Maceda a prol do Noso País).

A infancia é a patria primeira do ser humano. É como un pan que se amasa e dá vida. Ao meu lugar de nacemento chameille niño de reiseñores, unha imaxe nostálxica aos vinte anos sobre a infancia. Inventeino cando estudaba Teoloxía. Escribín os primeiros artigos nunha revista que se chamaba "La reina de las Misiones" e colaborei nun libro sobre a India, cousas moi románticas. Un deses artigos dediqueillo á miña aboa materna que morreu en 1949. Daquela eu asinaba co pseudónimo Daniel do Souto (...) (CONVERSAS, ANT, 2002).

A FELICIDADE EN PONTEVEDRA

Escrito por Fcarballo 17-11-2016 en roteiros. Comentarios (0)

O vencello de Maceda coa Boa Vila vén dende hai máis de 500 anos co navegante João da Nova. Logo co III Conde de Maceda (Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa) e a súa suntuosa residencia (hogano parador de turismo, rúa Barón, 19, fronte á actual rúa Maceda). Outrosí con Francisco Carballo que comisariou exposicións e biografías sobre Martín Sarmiento e Alexandre Bóveda nos anos 90 do século pasado. (Na foto ollamos parte do grupo de amigos que fixemos o 2º Roteiro, con Luís Bará -filólogo, concelleiro en Pontevedra e hogano deputado nacionalista no Parlamento Galego- á fronte como anfitrión, nesta ágora tan emblemática da Boa Vila).

Dende que trasladei a praza de profesor a Pontevedra (curso 1986-87) asisto periodicamente ás xuntanzas do BNG e colaboro en campañas e noutros quefaceres. Alí son tido en conta. Esta actividade resúltame satisfactoria, pero non me enche como debería, porque a legalidade eclesiástica, absurda e fóra de tempo, non me permite unha entrega total a algo que vale a pena, e que podería darme máis capacidade de acción no Noso País (...) O grao máximo de felicidade tíveno en Pontevedra cos alumnos da Xunqueira. Para eles e para o profesorado foi unha sorpresa a miña xubilación en 1990. Para min foi unha gracia; podía, por fin, dedicarme a escribir e ao ministerio cristián. (MEMORIAS / CONVERSAS, ANT, 2002).

MOGOR E A HISTORIA

Escrito por Fcarballo 16-11-2016 en Novas. Comentarios (0)

A historia foi a profesión á que Francisco Carballo lle dedicou boa parte dos 25 últimos anos da súa vida. Agradáballe investigar, sistematizar e coordinar unha obra necesaria que removeu a mentalidade de sectores sociais relevantes, incluída a USC. Todo iso estaba imbrincado na editora d´ANT. Creou toda unha escola de historiadores paralela. Outrosí unha colección de volumes capitais na procura da nosa identidade, de reelaboración de quen somos, de onde vimos e de analizar cientificamente como chegamos até esta realidade que non lle satisfacía. (En Mogor lembramos esa fasquía -e as arelas de futuro- os amigos que vindicamos o seu legado).


Vivo en Galiza -Europa-. Os colectivos históricos máis firmes deste continente son as nacións. Galiza é unha delas. Ao longo dos 500 últimos anos apareceron monarquías absolutas e os estados que se edificaron á costa de diferentes nacións (...). Paréceme que chegou a hora da liberdade: que cada nación asuma o poder político e que se confedere con quen queira. Unha Europa federal parece o óptimo a buscar. Nada de estados onde triunfan as oligarquías! Si ás nacións libres! Tal liberdade traerá unha mellor orde mundial. Por iso alégrame traballar por Galiza, dentro dun proxecto democrático, solidario e igualitario. (MEMORIAS / CONVERSAS, ANT, 2002).