Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

roteiros

3º ROTEIRO. BARAKALDO (2)

Escrito por Fcarballo 27-05-2017 en roteiros. Comentarios (0)

“A Congregación constituíu un novo colexio no barrio de Beurko en 1962. Fun designado para inauguralo como superior e como director. Tres anos de ilusionado intento de acertar na educación nunha cidade obreira, de emigrantes e con pequenos espazos de reivindicacións nacionalistas. A parroquia de San Vicente era avanzada na pastoral, de diálogo obreiro e de inculturación en Euskadi. Estaba a uns pasos do colexio. Ao pé deste xurdiu a parroquia de Santa Teresa con clero traído de perto do Val de Somorrostro [unha das dez repúblicas nas que se dividía a comarca das Encartacións, no territorio histórico de Biskaia. Hogano é unha das subcomarcas do Gran Bilbao, na marxe esquerda / Ibai-Ezkerraldea]. 

Naquela altura era vicario Pedro Solabarría [ao que xa amentamos noutra achega], sacerdote obreiro; máis tarde sería coñecido pola súa participación como dirixente de Herribatasuna. Establecemos relacións coas dúas parroquias e non perdemos as anteriores co templo do Carme e coa parroquia de don Simón, no centro de Barakaldo (...)”

(Na primeira foto aparece a igrexa de Santa Teresa, na que exercía Solabarría como vicario. Na segunda aparece a placa da Comunidade dos PP. Paúles. Na última ollamos o extremo do Colexio San Vicente de Paúl de Barakaldo, inaugurado -como superior e director en 1962- polo presbítero ilustrado de Maceda, que contaba daquela con 37 anos de idade).


3º ROTEIRO. BARAKALDO (1)

Escrito por Fcarballo 25-05-2017 en roteiros. Comentarios (0)

Imos meterlle o dente aos 7 anos que Francisco Carballo pasou en Barakaldo (1958-65), mesmo seguindo as Memorias e Lembranzas inéditas que tivera a ben pasarnos a Xan Carballa e a Santiago Prol para o libro de Conversas (ANT, 2002). Facemos así o terceiro roteiro; desta volta virtual sobre os seus lugares.  No ano 1958 trasladárano dende Marín ao colexio San Vicente de Paúl de Barakaldo. O cambio de destino fora co pretexto de incompatibilidade co superior da comunidade ao que tamén cesaran. Tamén primaban a estratexia de non residenciar no propio país, senón fora do ámbito familiar. F. Carballo tiña a maioría da familia en Maceda e curmáns en Pontevedra:

“O colexio estaba en estado ruinoso, nunha planta dun edificio municipal perto dos Altos Hornos de Biskaia. Viviamos nun piso a uns 200 metros do centro de ensino e ao pé da vía do tren de “cercanías”. Os sete anos de Barakaldo foron fondos en experiencia. Os catro primeiros durísimos. O compañeirismo bo. Non había internos nin mediopensionistas. A capela do Carme, a trescentos metros do colexio, servía para os actos relixiosos. A convivencia nun piso resultaba moi austera, pero enriquecía o trato mutuo. Eramos tres grupos. Os maiores de corenta anos, os de trinta a corenta e os máis novos recén ordenados. Estes non toleraban a intromisión do superior na súa vida e forzaron a súa destitución (...).

(Neste 3º Roteiro -virtual-, pretendemos achegarnos ás pisadas do presbítero ilustrado de Maceda en Barakaldo, unha cidade que medrou coa industrialización (hoxe é a cuarta en poboación de todo Euskadi con máis de 100.000 habitantes). Antano mantívose coa industria siderometalúrxica -até o remate do século XX-. Hogano -moi reconvertida- vive do sector servizos (turismo, comercio e ocio). As fotos da Casa do Concello, a do plano da cidade e a do Palacio de Xustiza -debaixo-, xunto coas que incorporaremos nas seguintes achegas, tirámolas nós, nunha viaxe recente a este "lugar" de Francisco Carballo, que históricamente se coñecía como Anteiglesia de San Vicente de Barakaldo).


OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO POLAS TERRAS DE MACEDA, 2015

Escrito por Fcarballo 20-11-2016 en roteiros. Comentarios (0)

O 21 de novembro de 2015 empezamos os roteiros vencellados cos lugares de Francisco Carballo. Comezamos pola súa terra de orixe. (A iconográfica foto deste 1º Roteiro tirouna Xan Carballa na rúa Príncipe de Vigo, na xeira máis transgresora e vindicativa do presbítero ilustrado de Maceda a prol do Noso País).

A infancia é a patria primeira do ser humano. É como un pan que se amasa e dá vida. Ao meu lugar de nacemento chameille niño de reiseñores, unha imaxe nostálxica aos vinte anos sobre a infancia. Inventeino cando estudaba Teoloxía. Escribín os primeiros artigos nunha revista que se chamaba "La reina de las Misiones" e colaborei nun libro sobre a India, cousas moi románticas. Un deses artigos dediqueillo á miña aboa materna que morreu en 1949. Daquela eu asinaba co pseudónimo Daniel do Souto (...) (CONVERSAS, ANT, 2002).

A FELICIDADE EN PONTEVEDRA

Escrito por Fcarballo 17-11-2016 en roteiros. Comentarios (0)

O vencello de Maceda coa Boa Vila vén dende hai máis de 500 anos co navegante João da Nova. Logo co III Conde de Maceda (Joseph Benito de Lanzós e Nóvoa) e a súa suntuosa residencia (hogano parador de turismo, rúa Barón, 19, fronte á actual rúa Maceda). Outrosí con Francisco Carballo que comisariou exposicións e biografías sobre Martín Sarmiento e Alexandre Bóveda nos anos 90 do século pasado. (Na foto ollamos parte do grupo de amigos que fixemos o 2º Roteiro, con Luís Bará -filólogo, concelleiro en Pontevedra e hogano deputado nacionalista no Parlamento Galego- á fronte como anfitrión, nesta ágora tan emblemática da Boa Vila).

Dende que trasladei a praza de profesor a Pontevedra (curso 1986-87) asisto periodicamente ás xuntanzas do BNG e colaboro en campañas e noutros quefaceres. Alí son tido en conta. Esta actividade resúltame satisfactoria, pero non me enche como debería, porque a legalidade eclesiástica, absurda e fóra de tempo, non me permite unha entrega total a algo que vale a pena, e que podería darme máis capacidade de acción no Noso País (...) O grao máximo de felicidade tíveno en Pontevedra cos alumnos da Xunqueira. Para eles e para o profesorado foi unha sorpresa a miña xubilación en 1990. Para min foi unha gracia; podía, por fin, dedicarme a escribir e ao ministerio cristián. (MEMORIAS / CONVERSAS, ANT, 2002).