Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

roteiros

FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (3)

Escrito por Fcarballo 29-11-2017 en roteiros. Comentarios (0)

Asadur é un lugar extraordinario para a investigación, cheo de enigmas e claves para entender a súa centralidade. ¿Foi Asadur a capital dos interánmicos? ¿Foi epicentro militar na xeira romana ao abeiro da Vía Nova? ¿Pasou a ser un centro de culto relixioso gobernado polos suevos? Consonte o historiador Rodríguez Colmenero, Asadur representa un poboado romano importantísimo con moitos vestixios: epígrafe, miliario, moedas de ouro, pedras labradas, tellas, antigo convento de monxas, igrexa, relevo prerrománico...

O vencello de Francisco Carballo con este lugar é vizoso: bautizo o 9 de marzo de 1925, primeira escolarización aos cinco anos en 1930, primeira comuñón aos seis anos en 1931, oficiou unha das primeiras misas en 1949, sempre imprentaba nos seus libros que era de Celeirón de Asadur e, o máis salientábel, descanso derradeiro o 13 de decembro de 2014 (incinerado: último acto de rebeldía). Asasur era o señorío relixioso e Maceda o señorío civil. O primeiro esmoreceu e o segundo fagocitouno.  

O epígrafe é un dos documentos máis importantes da época romana e da Vía Nova. Está relacionado coa grandísima explotación mineira do Val do Medo. Foi estudado por moitos especialistas, mesmo do extranxeiro. Colmenero coida que non é unha ara. Que forma parte dun pedestal dunha columna ou o pé dunha estatua. Eis a transcrición do latín: "A república interánmica dedícalle (este monumento) a Quinto Licinio, tabulario [encargado da explotación] que conseguiu contratos xustos e desvelouse con infatigábel traballo e intelixencia". A conclusión para Colmenero é clara: eiquí houbo un castro, foi a capital dos interánmicos e eiquí está Salientibus".

Nunha das paredes de fóra da igrexa hai un importantísimo relevo prerrománico [séc. IX / X] cunha cruz e unha figura no centro. É o vestixio máis evidente que  nos queda do mosteiro das monxas bieitas. Dentro da igrexa de Asadur está, nunha estatua xacente, o bigotudo Pedro Vázquez de Castro, comisario do Santo Oficio [Inquisición] e "señor de soga e coitelo", cunha data: 1656.  Este domingo, 26 de novembro, no camposanto de Asadur, o gaiteiro vasco Jose Cid, fillo do Pepe Cid de Castro de Escuadro, interpretou sentida e virtuosamente o himno do Antigo Reino de Galicia, que tanto lle gustaba a Francisco Carballo. Celso Sánchez depositou as flores e o doutor Luís Alfonso Vázquez, que tivera a Carballo de titor en Vigo un ano, xunto con outros antigos alumnos dos Milagres, contounos que o presbítero ilustrado de Maceda lles levaba ao piso xente moi importante, incluído Méndez Ferrín e que estaban de tertulia con eles boa parte da tarde. Tamén que os invitaba aos actos da Asociación Cultural de Vigo. ¡Todo un luxo para uns estudantes de COU!

N.B.- Na última foto, o mantedor do roteiro (Santiago Prol) procura achegar parte do enigma que amosa o relevo prerrománico; outro documento pétreo abondo salientábel dos vestixios achados no Val do Medo.

FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (2)

Escrito por Fcarballo 28-11-2017 en roteiros. Comentarios (0)

Desta volta escollemos como segundo lugar do roteiro a Ponte Romana de Baños de Molgas, que a maioría dos historiadores levan ao século II. Durante bastante tempo barallouse a posibilidade de que a mansión Salientibus estivese eiquí. O enxeñeiro de camiños e historiador Manuel Diez Sanjurjo fixo un trazado -pioneiro- da Vía Nova [publicado en 1904]; a Rota Romana número 18 que pasa polo corazón do Val do Medo, mesmo situando esa mansión en Molgas. Da época romana atopáronse nesta vila termal anacos de estatuas, ás de bronce e outros vestixios que demostran que sería o balneario das elites que por estas terras se asentaran no século I. Hoxe o trazado da Vía Nova polo Val do Medo -consonte os especilistas- non pasa por Molgas [sería unha vía secundaria] e a mansión Salientibus ubícana abeirada a Xinzo da Costa (Alvarado/ Rivas e Vega) ou en Asadur (Colmenero). Eis o enigma e o seu atractivo.

Declaradas augas termais de utilidade pública en 1873, consonte Vicente Risco en "Geografía General de Galicia. Provincia de Orense" (1930), hai dous mananciais: a Charca que agroma a 28ºC e a Quente a 49,5ºC. Son augas radioactivas, bicarbonatadosódicas, silicatadas e hipertermais. As accións fisiolóxicas e terapeuticas son -consonte Risco- sedación, artritis, gota e reuma. Dispoñen dun balneario dende o ano 1873, con 29 habitacións e 48 prazas. Na web www.balneariodemolgas.com amplian as indicacións terapéuticas e programas.

Francisco Carballo viña a Baños de Molgas a coller o tren ou a baixarse del na estación de ferrocarril que a nosa xeración lembra con nostalxia. Hogano eiquí áchase o Museo dedicado a Moncho Borrajo, cuns fondos abondo interesantes. A carón da Ponte Romana, o alcalde Xaime Iglesias vindicou ese lugar e o parque abeirado, mesmo para poñelo en valor de cara a un turismo sostíbel e sustentábel. Eloxiou a laboura de Francisco Carballo como historiador e referente e tamén a de Elixio Rivas que tanto leva feito a prol da nosa contorna. O mantedor do acto [Santiago Prol] lembrou unhas verbas de Francisco Carballo do seu primeiro libro, no que dicía que "a comarca de Maceda viviu unida a todos os acontecementos culturais e relixiosos de Galicia", ao que engadiu que só lle falta que o Camiño de Santiago pase por estas terras.

Nas fotos aparece o alcalde de Baños de Molgas coa Ponte Romana  de fondo, vindicando a potencialidade de todo o Val do Medo. Ademais do turismo e as súas diferentes vertentes, e nisto coincidindo con Francisco Carballo, nas posibilidades dunha agricultura e gandeiría extensiva, malia os atrancos das autoriades europeas para o seu óptimo desenvolvemento. Outrosí agradeceu á Asociación Amigos de Francisco Carballo que contasen con el para este roteiro. O agradecemento é noso. Beizón.


FOTONOTICIAS / ROTEIRO, 2017 (1)

Escrito por Fcarballo 28-11-2017 en roteiros. Comentarios (0)


Con ese título que tivo a ben imprentar un medio de comunicación (La Región, 27/11/2017), imos reparar -con documentos gráficos- no Roteiro vital e cultural polo Val do Medo, dentro do que quixemos chamar "Os lugares de Francisco Carballo". Arredor de 40 persoas de ben, incluidos os alcaldes de Maceda (Rubén Quintas), de Baños de Molgas (Xaime Iglesias), do fillo predilecto de Maceda (Paco Nóvoa), exalcaldes de Maceda (Bieito Seara e Xabier Oviedo), presbíteros (irmáns Peleteiro), excuras (Antón Gómez), familiares e un bo feixe de amigos, xuntámonos no Santuario dos Milagres do Monte Medo para vindicar a súa memoria; para manter vivo o facho e o legado deste fillo sobranceiro de Maceda, que viñera ao mundo en Celeirón de Asadur en 1925.

Houbo un Medo pagán até o século IX, cunha grandísima explotación mineira abeirada [na xeira dos romanos] e logo un Medo relixioso até os nosos días, cun centro de culto mariano [maiormente dende o século XVIII], que hogano conforma un dos máis concorridos de Galicia. Logo dunha breve explicación xeolóxica, xeográfica, histórica e demográfica por parte do mantedor do roteiro (Santiago Prol), achegámonos até o Carballo da Santa; unha árbore centenaria que mesmo pode sobordar os cincocentos anos e que aparece salientada na web www.patrimoniogalego.net; un carballo cun perímetro na base de 12, 2 metros, cunha altura duns 22 metros e cun estado sanitario aceptábel, no que vexetan silvas e un sanguiño na parte alta do tronco.


Nos Milagres houbo un proxecto inicial dun calvario con 14 capelas  co Vía Crucis, inspirado no do Bom Jesús de Braga (Portugal). Só se erixiron 7 capelas que fomos percorrendo os amigos de Francisco Carballo, nunha mañá outoniza abondo agradábel. A carballeira actual foi iniciativa de don Melitón Rodríguez, avó do outro presbítero ilustrado de Maceda, Manuel Vidal. Os carballos que a conforman teñen uns 150 ou 160 anos a maioría deles (Prol: 2017).


Aínda que no vello santuario houbo unha preceptoría de latinidade e logo un colexio [Francisco Carballo estudou eiquí dende 1936 até 1938, dous anos de seminario menor], no ano 1969 encetouse unha nova etapa cun colexio novo (premiado arquitectonicamente a nivel de Estado). Alí, diante da entrada e do fatídico "paredón", o exalcalde de Maceda e alto cargo da Xunta no goberno Bipartito, Bieito Seara, fixo unha evocación ao primeiro libro de Francisco Carballo ("El Santuario del Monte Medo, 1963), do que tiña un exemplar orixinal; alfaia que tamén fora entregada en 1964 a Carmen Polo de Franco [a muller do xefe de Estado naquela altura], ao Cardeal Quiroga Palacios [orixinario de Maceda], aos ministros Alonso Vega e Fraga Iribarne, ao arcebispo de Braga, aos bispos das dioceses galegas, aos gobernadores civís, aos alcaldes da contorna... Logo o primeiro libro do presbítero ilustrado de Maceda fora todo un éxito de vendas (os PP Paúles non quixeron reeditalo porque Francisco Carballo non facía énfase no milagrismo). Bieito Seara tamén falou dun ambicioso proxecto que tiña a Xunta para este complexo educativo [hoxe pechado]. Tamén o fixo Paco Nóvoa na mesma dirección. A lembranza ao que puido ter sido e non foi o colexio novo, fíxoa Manuel Peleteiro, un dos protagonistas centrais no intento de inculturación do centro de ensino.


Localizacións Roteiro "Os Lugares de Francisco Carballo, 2017"

Escrito por Fcarballo 24-11-2017 en roteiros. Comentarios (0)


Santuario dos Milagros: 42.232467,-7.629018

https://goo.gl/maps/VwNBkSHP2U12

Ponte Romana Molgas: 42.242752,-7.672185

https://goo.gl/maps/1UaQC8jZrLM2

Igrexa de Asadur: 42.293581,-7.611377

https://goo.gl/maps/r2NhnRN54VC2

Biblioteca de Maceda: 42.269956,-7.654581

https://goo.gl/maps/AWPxXRasMAv

Castelo de Maceda: 42.270302,-7.659016

https://goo.gl/maps/hUZu4MBNxD22

ROTEIRO VITAL E CULTURAL POLO VAL DO MEDO, 2017

Escrito por Fcarballo 05-11-2017 en roteiros. Comentarios (0)

Estamos antellando o 3º Roteiro vital e cultural polo Val do Medo, vencellado aos "Lugares de Francisco Carballo". Desta volta imos facer algunhas variacións co de hai dous anos (2015). Porén, seguiremos vindicando as súas pisadas, a súa memoria e o seu legado dende a súa terra de orixe. Pretendemos un roteiro participativo, no que todo o que o desexe, deixe o seu testemuño sobre o presbítero ilustrado de Maceda, do que se van cumprir tres anos do seu pasamento (Santa Marta de Tormes, Salamanca, 29/XI/2014). Desta volta escollemos para a foto do roteiro, unha vencellada ao Castelo de Maceda [torre da homenaxe], onde Francisco Carballo compartiu con nós tribuna varias veces. A foto tirouse ao remate da conferencia que impartimos [Francisco Carballo e Santiago Prol]  co gallo da Exposición Filatélica e do selo dedicado ao Cardeal de Galicia, que tivo a ben promocionar o altruísta Paco Nóvoa, fillo predilecto de Maceda, ex xefe provincial de Correos e Director xeral do Grupo Academia Postal. Titulábase "O Cardeal Quiroga Palacios e o seu legado cultural", impartida o día 23 de maio de 2008, e da que daremos cumprida conta noutra achega. Invitamos dende esta bitácora a tod@s os interesad@s, que teñan a ben concentrarse con nós o 26 de novembro deste 2017, ás 11.30 da mañá na hospedería dos Milagres (Monte Medo) para facer o roteiro, que durará unhas tres horas. Ao remate faremos unha comida de confraternidade no Hotel Monumento Castelo de Maceda. Eis o cartaz co programa do roteiro: