Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

roteiro

AUTOBIOGRAFÍA / BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA (2)

Escrito por Fcarballo 13-10-2018 en roteiro. Comentarios (0)

 

"(...). Como escritor comecei en revistas relixiosas, nos anos 1946-49. Logo publiquei "El Santuario del Monte Medo", que se esgotou nos anos 60. Ademais dos meus libros [en galego] referidos na bibliografía, en Salamanca editei “La oración cristiana” na "Enciclopedia do Catolicismo e a Congregación da Misión” - PP. paúles, en EPESA.  Teño varias monografías en números extra d´ANT, ensaios en revistas estatais e internacionais, etc. Escribo semanalmente no periódico ANT recensións de libros ou / e columnas. 

Desvelei a miña interioridade en “Conversas con Francisco Carballo” (ANT, 2002), obra de Santiago Prol e Xan Carballa. A iso me remito. Toda a miña actividade podo dicir que está sempre arredor da historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente. Mais amo a montaña, o mar, o silencio das noites de luar e os días de choiva quente. Pero só en casos isolados tentei o ensaio literario e nin sequera o conservo. Nos artigos en ANT e en varios outros medios, procuro combinar pensamento e bo expresar. Teño consciencia da lingua galega na que me ubico e que debo coñecer e usar con rigor e estilo.

Conservei o diario "de melancolía e soños" desde os 16 anos que, aos sesenta, botei ao lume; gardo algo dos anos 1963 e seguintes. Nos anos 1990 redactei unhas “Memorias” que serviron a Santiago Prol e a Xan Carballa para as "Conversas"; de vez en cando prosígoas. Vivo no Morrazo desde que me xubilei como profesor. Comparto casa con paúles; estou activo: ministerialmente coa pequena Igrexa galega de Irimia; culturalmente, con colectivos v.g. Fundación Joan Maragall (Barcelona), Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), ANT (Vigo) e outros; intencionalmente co BNG. Intento dar remate a unha monografía s. XVI de Galiza e a un ensaio sobre "inserción do cristinanismo" na nosa nación.

Son asiduo de canto virtual se publica en galego, e non virtual, por suposto; coñecía a Biblioteca Virtual Galega (BVG) e felicítovos por tal facto. Inda que son da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), non creo literatura e non me considero chamado a tan egrexia categoría de creadores literarios. Gosto da investigación e acepto o ensaio como diálogo cos lectores. Marín, 8/XI/2004".

 N.B.- As tres imaxes datámolas o 4 de agosto de 2000, en Celeirón de Asadur (lugar matricial de Francisco Carballo) e na vila de Maceda. Na primeira aparece el diante do seu berce atendendo a un medio autiovisual (TVG). Na segunda, a carón do Castelo de Maceda, nun toldo de feira artellado para a cea de confraternidade con máis de 120 persoas, ollamos ao teólogo Manuel Peleteiro facendo unha loa do seu mestre e referente, xunto con Anxo Quintana, naquela altura senador do BNG e -axiña- futuro líder da organización nacionalista. Na terceira podemos ver a entrada da Biblioteca Pública Francisco Carballo, xusto o día no que o recoñecían publicamente como "O Fillo máis sobranceiro vivo do Concello de Maceda"; homenaxe e nova que foron cubertas por moitos medios de comunicación.

AUTOBIOGRAFÍA / BIBLIOTECA VIRTUAL GALEGA (1)

Escrito por Fcarballo 12-10-2018 en roteiro. Comentarios (0)

Para o díptico do Roteiro OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO, 2018, decantámonos pola Autobiografía que tivo a ben inserir na Biblioteca Virtual Galega (BVG) en novembro de 2004, e que imos pendurar en dúas achegas: 

"Son de Celeirón de Asadur (Maceda - Ourense). Nacín o 8 de marzo de 1925. O cuarto de sete irmáns (catro homes e tres mulleres). Lembro a miña infancia como inocencia e xogo. Fun á escola aos cinco anos; fixen a 1ª Comuñón aos seis. Montei a cabalo desde sempre porque me levaban de neno e sabía montar desde os tres anos. Era unha infancia divertida: a escola tenra; as feiras de Maceda os 4 e os 20, unha ilusión; os xogos na "carreira" continuos; a familia, un fogar entretido. Perdín, por falecemento, a irmá maior cando tiña eu sete anos: foi moi amargo. Aos 11 anos pedín ir estudar aos Milagres, un santuario cunha preceptoría a seis quilómetros da miña casa. No 2º curso de bacharelato, no verán, faleceu meu pai: moi duro transo. Seguín estudos. Aos 16 anos optei por un noviciado de "paúles" en Madrid. Catro anos en Madrid máis catro en Cuenca de estudos filosófico-teolóxicos. No máis puro "nacionalcatolicismo", nun internado filosófico atroz, mentres o teolóxico resultou amábel. Presbítero aos 24 anos, o 3 de xullo de 1949 na catedral de Cuenca. 

Profesor de seminario —cursos de filosofía— e estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciado no 1954 con Sobresaliente. Iniciei o doutorado a compatibilizar como director do colexio San Narciso de Marín, 1954-1958. Deste a Barakaldo, 1958-1965. No 1965 reitor do Teologado de paúles en Salamanca. Renovación teolóxica ao ar do Concilio Vaticano II. Así 8 anos decisivos para mudar de mentalidade. En 1973 decidín voltar ao meu país. Vigo como domicilio; profesor da E.U. de Maxisterio e horas no Politécnico. Profesor e animador cultural, político e relixioso. Actividade relixiosa na Igrexa galega dos "Coloquios", de Irimia, etc. En Vigo había cregos obreiros e con eles vivín. Actividade cultural directa no barrio e na Asociación Cultural de Vigo que presidín uns anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais Galegas, 1977, editora d´A Nosa Terra. En política tomei parte na ANPG e logo no BNG (...)".

N.B.- Desta volta ilustramos as dúas achegas con documentos gráficos da homenaxe que lle fixemos na súa terra de orixe. Na primeira aparece Francisco Carballo, logo da descuberta da placa vindicativa na súa casa natal en Celeirón, co -daquela- alcalde de Maceda, Manuel Rodríguez Carballo e con Bieito Seara, ex calcalde e amigo dende a militancia e o compromiso. Na segunda tamén está a súa sobriña Milagros Calvo Carballo, que fixera unha evocación acesa da súa figura. Na terceira imaxe podemos ollar a Francisco Carballo con familiares que o felicitan. Tamén podemos ver a Bautista Álvarez, Manuel María, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bieito Seara, Xulio Conde, ao mantedor desta bitácora e outra xente de ben, que o acompañou naquel memorábel 4 de agosto de 2000.

OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO. ROTEIRO CULTURAL POLA VILA DE MACEDA, 2018

Escrito por Fcarballo 01-10-2018 en roteiro. Comentarios (0)

OS LUGARES DE FRANCISCO CARBALLO

Roteiro cultural pola vila de Maceda, 2018

Sábado, 20 de outubro (feira)

PROGRAMA:

11:30.- MACEDA. CAFETERÍA CASTILLO

Concentración na Cafetería Castillo, R/ As Canteiras, 1. Lugar de encontro de Francisco Carballo cos seus amigos de Maceda. Intervirá Bieito Seara.

11:45.- MUSEO DO MÉDICO RURAL

Visita ao Museo do Médico Rural da man do seu artífice, o doutor José Manuel Lage Parente. Planta baixa da Casa do Concello. Outrosí intervirá Rubén Quintas, alcalde de Maceda.

12:15.- BIBLIOTECA PÚBLICA FRANCISCO CARBALLO

- Engadir cartaz deste 2018 ao espazo dedicado á súa memoria. Intervirá Paco Nóvoa, Fillo predilecto de Maceda.

- Presentación da bitácora da Asociación Amigos de Francisco Carballo (www.fcarballo.blogspot.es). Intervirán Xabier Oviedo e Santiago Prol.

-Proxección do vídeo-entrevista “Arredor de Nós. Francisco Carballo”, da prestixiosa xornalista María Tareixa Navaza.

- Charla-coloquio “Inculturación da Igrexa galega: legado de Francisco Carballo”. Intervirán os teólogos Manuel Peleteiro e Antón Gómez.

14:15.- COMIDA DE CONFRATERNIDADE

Xantar de irmandade no Toural, nun dos postos da feira de Maceda.

Organiza: Asociación Amigos de Francisco Carballo.

Colabora: Concello de Maceda.

Mantedor do roteiro: Santiago Prol

N.B.- A iconográfica foto do cartaz deste ano está datada o 4 de agosto de 2000, na Biblioteca Pública que leva o seu nome. Aquel memorábel día fixémoslle unha "Homenaxe ao Fillo máis sobranceiro vivo do Concello de Maceda", na que participaron máis de 130 persoas de ben, chegadas de todos os recunchos do Noso País. Naquela altura o presbítero ilustrado de Maceda tiña 75 anos.

3º ROTEIRO. BARAKALDO (7)

Escrito por Fcarballo 14-06-2017 en roteiro. Comentarios (0)

Seguimos complementando este roteiro coas Conversas: “Cando caín en Barakaldo a vida era durísima e afectoume moito. Estabamos pegados ás vías do tren cunha sucidade impresionante. Ademais dos catarros, perdín parte da audición. Cando cheguei alí, ao superior tomáballe o pelo todo o mundo. Era unha especie de domine cabra [reminiscencias ao persoeiro da novela satírica e picaresca El Buscón de Quevedo, 1626]. Metíase en todo. Mantiña un autoritarismo tremendo. Todos os curas xogábanlle as cartas; unha especie de xogo de nenos que semellaba unha comedia. Dicía que quen escribise unha carta e non a pasase pola habitación, cando lle viñese a contestación, romperíalla. Cando chegaba o correo os frades abrían as cartas, líanas, cerrábanas e deixábanas na habitación. Despois preguntábanlle ao superior se non chegaran cartas para eles. Púñase todo rubio, negábao e eles dicíanlle que mentía (...).

Cando me nomearon superior e director convertinme nun burócrata. Algúns pensaban que era avogado, pois facía oficios. Como hai moitos inútiles na vida que non saben facer nada, eu pasaba por un xenio. O colexio novo tiña un pavillón para a comunidade. Os rapaces eran case todos fillos dos obreiros das empresas asentadas en Barakaldo, que lles costeaban os estudos. Tiñamos unha organización moi ao día, sen romper as pautas dun franquismo avanzadiño. Entón tiñas éxito perante o bispo porque non eras un integrista, senón que eras aperturista. Tiñas boas relacións co clero  obreirista e progre de Bilbao. En Madrid todo eran parabéns e aquela casa de Barakaldo colleu fama; en virtude daquilo enviáronme a Salamanca (...)”.

(Na primeira foto podemos ollar a Ría de Bilbao -en toda a súa inmensidade-  dende o Bizkaiko Zubía (Ponte Colgante) de Getxo de 1893, totalmente operativo como ponte transbordador de peaxe, logo dun século e cuarto. Na segunda ollamos un lateral do museo de arte contemporáneo Guggenheim Bilbao, inaugurado en 1997 e deseñado por Frank O. Gehry. Na terceira, exteriores do novo estadio de fútbol San Mamés do Athletic, inaugurado en 2013; un dos máis modernos do mundo, que mesmo dispón de pista de atletismo subterránea, un centro de innovación deportiva e outro de medicina deportiva...).


3º ROTEIRO. BARAKALDO (6)

Escrito por Fcarballo 11-06-2017 en roteiro. Comentarios (0)

Co pretexto do roteiro de Barakaldo, imos complementar as súas estadías no País Vasco, ademais de coas Lembranzas e as Memorias, co que engadiu no libro de Conversas (ANT, 2002), que tivo a ben facer con Xan Carballa e Santiago Prol: “Ofrecinme para ir ás misións da India. Mesmo me inscribiron para ir estudar a Roma (...). Quedei en Madrid. En 1954 acabei coa tesina en Historia (sobresaínte). Daba clases de matemáticas aos “filosofillos” e as materias que me botaban enriba a chou. Foron anos felices, de forza xuvenil. En 1953 mesmo saín a xornadas de misión a Algemesí (Valencia) e tamén á ría de Bilbao. Esta foi célebre. Dirixín o sector de Santurtzi. Tivemos un final na Gran Vía de Bilbao multitudinario. Seguiron uns días dedicados aos problemas sociais dos que falou a prensa e houbo duras críticas. As misións duraban uns quince días.

Eu era un estudante e o éxito da misión anterior en Algemesí, fixo que pensasen en min para dirixir esta de Bilbao. Púxenme como un pingo. Non levaba roupa apropiada, chovía a esgalla e paseinas canutas. Saíu moi ben pero había cousas que contradicían o máis elemental. Puñan para o rosario da aurora altofalantes nas xanelas. Viña xente botando chispas porque non  podían durmir. Suprimín os altavoces. Eramos tres no meu centro: un cóengo bilbaíno que predicaba á antiga usanza, un estremeño máis eu. Nós predicabamos máis moderno. Non largabamos bravatas. Explicabamos os sacramentos, os mandamentos, como se désemos unha clase. Contrastábase unha predicación tremebunda cun ensino catequético. O predicador apocalíptico dicíanos que eramos uns “chicuelos” que non tiñamos idea do que era a Historia Sagrada (...). Foi célebre aquela misión”. 

(Na primeira foto aparece o iconográfico edificio do BBVA de Bilbao. Na segunda o histórico café Iruña, fundado en 1903, lugar de encontro gastronómico e cultural, mesmo premiado como o mellor café de España. Na terceira ollamos o edificio de Iberdrola que amosa, co anterior, o Guggenheim Bilbao e o novo estadio do Athletic, o enorme pulo económico desta cidade. A distancia entre Barakaldo e Bilbao -andando- é duns 7 quilómetros e por estrada case chega aos 12. Hogano comunícanse cunha modernísima rede de ferrocarril suburbano -Metro Bilbao)- en poucos minutos).