Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

papas

OS PAPAS DA SÚA VIDA (6)

Escrito por Fcarballo 29-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Un dos papas máis breves da historia foi Xoán Paulo I, secularmente coñecido como Albino Luciani (Canale d´Agordo, 1912 – Cidade do Vaticano, 1978) e que só foi papa dende o 26 de agosto do 78 até o 29 de setembro dese mesmo ano. A súa morte prematura con só 65 anos, disparou as teorías conspirativas... Teremos que demandar das monxas de Tioira (Maceda) -que custodian os arquivos secretos do Vaticano-, que teñan a ben deixarnos mergullar no que pasou verdadeiramente, xa que logo a morte oficial foi por infarto de miocardio (non lle fixeron autopsia, unha norma anacrónica que se aplica aos pontífices...).

A introdución foi breve pola nosa banda e a resposta  abondo telegráfica, por parte de Francisco Carballo: “Unha aura de misterio e de especulacións acompañaron o pasamento de Xoán Paulo I. Só foi papa 33 días... Piadoso e disciplinado, as súas costas non puideron cunha Curia voraz e uns problemas acuciantes. Foise polo escotillón”.

N.B.- A imaxe de Xoán Paulo I tirámola da wikipedia. Porén, engadimos o enlace á película titulada "O Vaticano. O poder dos papas. Vida e morte de Xoán Paulo I" de 44 minutos, que aporta claves abondo interesantes sobre o enigma...

Eis o enlace

OS PAPAS DA SÚA VIDA (5)

Escrito por Fcarballo 28-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Ao longo das Conversas (ANT, 2002) Francisco Carballo falou de Paulo VI [Giovani Battista Enrico Antonio María Montini (Concesio, Lombardía, 1897 – Castel Gandolfo, 1978), papa dende xuño do 63 até o seu pasamento en agosto do 78]. Fíxoo en varias ocasións, mesmo cando peneiramos a Teoloxía da Liberación en Latinoamérica e a Igrexa que vive e se identifica cos pobres... No subcapítulo “Os papas do meu tempo” centramos máis a figura de Montini. Sabemos que a Paulo VI coñeceuno e tratouno persoalmente cando era reitor do teologado dos PP Paúles en Salamanca (1965-73). Naquela altura Francisco Carballo era toda unha autoridade dentro do organigrama da súa congregación, mesmo con moito prestixio alén dos Pirineos. Ía a Roma [mellor dito á Cidade do Vaticano e de paso á capital de Italia -e ao Trastévere onde mercou un Terra e Tempo que lle abriu os ollos a “outra realidade”...-] todos os anos a xuntanzas ao máximo nivel.

A pregunta ía -outra volta- logo dunha breve introdución nosa: “De Paulo VI tes escrito que foi o máis intelectual do século XX. Deulle un impulso decisivo ás tres derradeiras sesións do Concilio Vaticano II: Vertebrou o diálogo cos non católicos e cos non cristiáns; universalizou e renovou a curia; rachou co sedentarismo e converteuse no primeiro papa viaxeiro, maiormente ao que se deu en chamar o Terceiro Mundo. ¿Era tan progresista como se dicía nos anos 70?

Moi reflexivo contestou: “Era un intelectual. Movíase na nova teoloxía francesa e alemá. Tres das súas encíclicas son a afirmación máis rotunda do cambio introducido polo Vaticano II, a saber: Populorum Progressio, Ecclesiam Suam e Evangelli Nuntiandi. Entendía o proceso de cambio estrutural da Igrexa pero, angustiado ante as resistencias, dubidaba da velocidade a imprimir; optou por un lento reformismo no interior da Igrexa e pola diplomacia de concertos a nivel mundial. Frustrou esperanzas e non impediu o cismo dos ultras. Abriu un camiño discutíbel na política de influencias do Vaticano. Para min é o papa máis entrañábel desta Igrexa, na que os ritmos tan diversos esixen marxes de manobras. Ao non atreverse a demoler o organigrama curial da Igrexa de Roma, para un pensador como el, o exercicio do poder supuxo unha crucifixión”.

N.B.- A primeira imaxe é do cartaz da película "Pablo VI, El Papa incomprendido" distribuida por Goya producciones eiquí. A segunda tirámola da web lusófona www.acidigital.com. A terceira é de www.eldiarioalerta.com no que sae retratado con Ratzinger que, naquela altura era xa un dos cardeais con máis relevancia dentro da Igrexa católica.

Eis o enlace ao trailer do film referenciado

OS PAPAS DA SÚA VIDA (4)

Escrito por Fcarballo 27-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Xoán XXIII e Paulo VI foron os papas aos que máis querenza amosou Francisco Carballo. Xa falamos da Pacem in Terris noutra achega [24/02/18] pola súa vixencia (e resistencia ao paso do tempo). Hoxe imos recuperar o que o presbítero ilustrado de Maceda pensaba sobre Angelo Giuseppe Roncalli (Bérgamo, 1881 – Cidade do Vaticano, 1963), que mesmo foi papa dende outubro do 58 até o seu pasamento en xuño do 63. Nas Conversas (ANT, 2002) preguntámoslle: “Aínda que Xoán XXIII tivo un papado breve, revolucionou a Igrexa ao convocar o Concilio Vaticano II no 1962, acadado unha enorme popularidade. ¿Debemos conceptualo como un dos grandes pontífices da historia do catolicismo?”

Francisco Carballo respondeu: “Xoán XXIII tiña formación de historiador, era comprensivo e seguro. Coñecía á perfección as interioridades da diplomacia vaticana e distinguía ben os valores cristiáns das circunstancias locais e temporais. Pacem in Terris é a encíclica máis importante da Igrexa católica dende 1800: pon fin ao enfrontamento entre fe e ciencia, porque senllas vías do saber se complementan e se interrogan.

O Vaticano II é un concilio xeral con talante ecuménico. Tratou de abrir canles para un cristianismo que respondese á Ilustración e ao “postmodernismo”. Está in nuce na Pacem in Terris de Xoán XXIII e na Divino Afflante Spiritu de Pío XII. Supuxo o abandono da escolástica, a apertura á Historia e a aceptación do pluralismo teolóxico. O cambio de modelo eclesial é de tal envergadura que só un pequeno sector o está a asimilar, pero é seguro que sobre ese paradigma se vai mover o cristianismo no futuro. A Gadium et Spes [constitución pastoral do Concilio Vaticano II, 1965] define as relacións da Igrexa no mundo; un mundo en creación e unha Igrexa sempre en reformulación”.

“¿Coidas que é axeitado trocar en “papa-reliquia” a quen non tivo ningunha veneración especial polas reliquias? Moi serio díxonos: “O traslado á basílica de San Pedro dos restos de Xoán XXIII obedece a formas cúlticas do catolicismo popular amante das reliquias. Agora os “consumistas” do cinema, os vídeos e fotografías acaparan a atención e converten as visitas en sesións de celuloide. A relixiosidade popular é sempre ambigua: busca modelos, expresa inquedanzas, pero cae no fetichismo e dá ocasión aos mercaderes”. 

N.B.- A primeira imaxe é o cartaz dunha das películas que se fixeron sobre este singular pontífice  -na que aparece Fernando Euloxio Quiroga Palacios (Maceda, 1900) que fora proclamado cardeal por Pío XII o 12 de xaneiro de 1952, o mesmo día que Roncalli- (www.goyaproducciones.com). Na segunda aparece Xoán XXIII co macedán Cardeal Quiroga Palacios. Levábanse moi ben, mesmo gozaban dunha fonda amizade. Quiroga invitou a Roncalli -cando este era cardeal e patriarca de Venecia- a visitar Compostela en 1954 (www.pinterest.cl). As dúas últimas fotos tirámolas nós nunha das viaxes que fixemos a Italia. Estas coinciden co verán de 2001, mesmo cando xa tiñamos as Conversas moi avanzadas e cando o papa polaco Xoán Paulo II acordou expoñer a Xoán XXIII -momificado nunha vitrina- na basílica de San Pedro (Cidade do Vaticano), con moreas de persoas facendo cola moito tempo para poder ollar, tocar -ou bicar- o pé da vitrina e retratar ao "papa bo". A Francisco Carballo non lle gorentaba absolutamente nada aquela exposición mediática. 

Eis o enlace ao trailer da película referenciada

OS PAPAS DA SÚA VIDA (3)

Escrito por Fcarballo 26-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Imos desta volta con Pío XII, secularmente coñecido como Eugenio María Giuseppe Giovani Pacelli (Roma,1876 – Castel Gandolfo, 1958) e que foi papa dende marzo de 1939 até a súa morte en outubro do 58. Recoñecido como “venerábel” dende 2009, o actual papa Francisco está a valorar a posibilidade de declaralo santo, mesmo reorientando a súa biografía [“o pioneiro que sentou as bases do que logo sería o Vaticano II”, dixit]. Nas Conversas (ANT, 2002) preguntámoslle -cunha pequena introdución- a Francisco Carballo: “A Pío XII tocoulle vivir a convulsión da Segunda Guerra Mundial [1939-45]. Hoxe cuestiónase o seu papel perante o nazismo e o exterminio dos xudeus, e tamén o seu silencio sobre a represión do fascismo croata contra os serbios, xudeus e xitanos. Orabén, creou a “Comisión Pontificia de Asistencia” e deu asilo a numerosos hebreos. Tentou cristianizar todos os aspectos do mundo moderno. ¿Podemos consideralo como o último “soberano-pontífice” no senso autocrático do termo?”

Cando chegou ao papado Pío XII, o presbítero ilustrado de Maceda tiña 14 anos e xa comezaba a decatarse da transcendencia papal na Igrexa. Moi reflexivo contestounos: “Lémbroo maxestático, solemne e místico. Era tímido e indeciso; freou a “Nouvelle Théologie” coa encíclica Humani Gereris (1950), pero abriu insospeitados horizontes ao estudo bíblico coa Divino Afflante Spiritu. Politicamente compracente cos réximes autoritarios (incluído o de Franco), viuse no medio dos piores conflitos na Segunda Guerra Mundial e nunha gran soidade persoal. Segue aberta a investigación da súa responsabilidade na denuncia da persecución nazi. Talvez non coñeceu en profundidade o holocausto xudeu ou estivo indeciso sobre a forma de actuar a favor das vítimas”.

N.B.- A primeira imaxe collémola de www.abc.es. a segunda da súa entrada na wikipedia e a terceira de www.aciprensa.com

OS PAPAS DA SÚA VIDA (2)

Escrito por Fcarballo 18-03-2018 en papas. Comentarios (0)

Aínda que ao longo das Conversas foron saíndo os papas máis salientábeis do século XX, xa co libro moi perfilado, decidimos entre os tres [Francisco Carballo, Xan Carballa e Santiago Prol] que poderíamos dedicar un apartado monográfico aos papas da súa vida. Comezamos por Pío XI, que denantes -secularmente falando- se chamaba Achille Damiano Ambrogio Ratti (1857-1939), que fora elixido papa en 1922 e que estivera 17 anos exercendo o cargo máximo da Igrexa católica, no que se deu en chamar o período de entreguerras. Chamáronlle “o Papa dos concordatos”, “O Papa das encíclicas”, “o Papa das canonizacións” e “o Papa das misións”.

Achegámonos á fasquía papal cunha longa introdución: “O 3 de setembro de 2000, Xoán Paulo II fixo beatos a Pío XI e a Xoán XXIII. Aquilo non agradou a un sector relevante da curia romana e dos fregueses, pois xunguían nun mesmo acto a dous papas antagónicos. Pío XI, o derradeiro papa-rei, pasou á Historia por regulamentar  con Mussolini, mediante os Acordos de Letrán (1929), que o Vaticano se trocase nun Estado soberano. Tamén por colaborar -aínda que só fose inicialmente- co nacionalsocialismo de Hitler (Concordato con Alemaña en 1933). ¿Era Pío XI a icona daquela Igrexa pechada sobre si mesma, atrincheirada en principios exclusivistas e sempre condenatoria?”

Francisco Carballo contestounos telegraficamente: “Abundan as monografías sobre os papas do século XX. Tanta relevancia dos dirixentes ten o perigo de agachar a realidade eclesial. Certo que nunca tiveron os papas tanta influencia eclesial e mundial como no século XX. Persoalmente só con Pío XII comecei a sentir a función papal na Igrexa. O seu predecesor Pío XI era autoritario; impulsou unha política relixiosa mediante concordatos; condenou sen timidez, tanto o nazismo (na encíclica Mit brenneder sorge, 1937), como o fascismo; nunca utilizou a palabra “cruzada” para os “nacionais” españois do 36...” [na xeira republicana procurou unha neutralidade non de todo entendida pola cúpula da Igrexa española. Mesmo o seu apoio ao bando franquista foi moi morno]. 

N.B.- As fotos tirámolas respectivamente de www.revistaecclesia.com e da wikipedia. Na primeira aparece Pío XI inaugurando Radio Vaticana, o 12 de febreiro de 1931, ás 4:30 da tarde. A outra é unha foto de estudio que aparece na súa entrada na wikipedia.