Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

Novas

FUNDACIÓ JOAN MARAGALL / ENTRE CULTURAS

Escrito por Fcarballo 01-10-2017 en Novas. Comentarios (0)

Hoxe é 1 de outubro de 2017. Data transcendental para a nova conformación do organigrama do Estado. Imos facer un contrapunto cunha fasquía de Francisco Carballo que xa amentamos. Dicía Carballo en 2004 que culturalmente seguía activo e en contacto con colectivos como a Fundació Joan Maragall [FJM] abeirada ao arcebispado de Barcelona. Mesmo deu conta disto nalgunhas columnas n’ANT (nº. 1.056, 14/XI/2002 e nº. 1.104, 13/XI/2003). Por elas sabemos que Francisco Carballo estivo como ponente central e participou nos debates (celebrábanse a comezos de novembro). A primeira foi adiante no Paular (Madrid) en 2001; a segunda en Monserrat (Barcelona)  en 2002; a terceira en Begoña (Bilbao) en 2003. Había outra programada para facer en Galiza en 2004 (...). Seguimos a F. Carballo: “Concurrimos uns 30 estudosos das catro culturas do Estado: casteláns, cataláns, galegos e vascos. O horizonte destes encontros é sempre o de cristianismo e culturas. Tres culturas minorizadas e unha cultura maiorizada. As catro enfróntanse co reto da mundialización. É necesario o diálogo mutuo. Non estamos polo conflito de civilizacións, estamos a prol do respecto mutuo e da colaboración e contra a subordinación. Denunciamos como antihumana, como inxusta, a invasión cultural dos poderes estatais e dos globalizadores”. Verbas que siguen vixentes hogano. Como xesto simbólico, imos pendurar en catalán (collido da Viquipedia, L´enciclopedia lliure) que é a fundación á que pertenceu e na que participou activamente o presbítero ilustrado de Maceda a comezos deste milenio:

“La Fundació Joan Maragall - Cristianisme i Cultura és una fundació eclesiàstica privada amb reconeixement civil que té com a objectiu treballar per la normalització de les relacions entre el cristianisme i la cultura contemporània o, dit d’una altra manera, treballar per la inculturació actual del cristianisme al nostre país. Promoguda pel cardenal Narcís Jubany i un grup d’intel·lectuals cristians, fou fundada a Barcelona el 1989. El 2014 celebrà el seu vint-i-cinquè aniversari. És dirigida per un Patronat i té un consell assessor i un ampli grup de promotors. Manté relació amb centres europeus de referència de naturalesa anàloga. Porta el nom de Joan Maragall, perquè vol inspirar-se en l’estil de relació entre fe i cultura que exemplifica aquest poeta. El seu camp d’actuació és especialment el món dels universitaris i dels intel·lectuals. El 2009 la Fundació Joan Maragall Cristianisme i Cultura va rebre el Premi d'Honor Lluís Carulla, lliurat per la Fundació Carulla. Des del novembre de 2016 és membre del Moviment Internacional d'Intel·lectuals Catòlics - Pax Romana (ICMICA/MIIC)”.


AUTOBIOGRAFÍA (BVG)

Escrito por Fcarballo 30-09-2017 en Novas. Comentarios (0)

En novembro de 2004, Francisco Carballo pendourou unha breve autobiografía na Biblioteca Virtual Galega que mesmo complementa e fornece o post anterior: “Son de Celeirón de Asadur (Maceda-Ourense). Nacido o 8 de marzo de 1925. O cuarto de sete irmáns (catro homes, tres mulleres). Vivimos seis (catro homes e dúas mulleres). Lembro a miña infancia como inocencia, xogo e escola. Fun á escola aos cinco anos; fixen a 1ª Comuñón aos seis. Montei a cabalo desde sempre —porque me levaban de neno e sabía montar desde os tres anos—. Era unha infancia divertida: a escola tenra; as feiras de Maceda os días 4 e 20, unha ilusión; os xogos na "carreira" continuos; a familia, un fogar entretido. Perdín, por falecemento, a irmá maior cando tiña eu sete anos: foi moi amargo. Aos 11 anos pedín ir estudar aos Milagres —un santuario cunha preceptoría a seis kms. da casa. No 2º curso, no verán, faleceu meu pai: moi duro trance. Seguín estudos. Aos 16 anos optei por un noviciado de "paúles" en Madrid. Catro anos en Madrid máis catro en Cuenca de estudos filosófico-teolóxicos. No máis puro "nacionalcatolicismo", nun internado filosófico atroz, mentres o teolóxico resultou amábel. Presbítero aos 24 anos, 3-VII-1949.

 Profesor de seminario —cursos de filosofía— e estudante de Historia na Complutense (Madrid). Licenciado no 1954 con Sobresaínte. Iniciei o doutorado a compatibilizar como director do colexio San Narciso de Marín, 1954-1958. Deste a Barakaldo, 1958-1965. No 1965 reitor do Teologado de Paúles en Salamanca. Renovación teolóxica ao ar do Vaticano II. Así 8 anos decisivos para mudar de mentalidade. 1973 decidín voltar ao meu País. Vigo como domicilio; profesor da Escola Universitaria de Maxisterio e horas no Instituto Politécnico. Profesor e animador cultural, político e relixioso. Actividade relixiosa na Igrexa galega dos "Coloquios", de Irimia, etc. En Vigo había cregos obreiros e con eles vivín. Actividade cultural directa no barrio e na A.C. de Vigo que presidín uns anos. Cofundador e presidente de Promocións Culturais Galegas, 1977, editora d´A Nosa Terra. En política tomei parte na ANPG e no BNG.  

Como escritor comecei en revistas relixiosas, nos anos 1946-49. Logo publiquei "O Santuario do Monte Medo", que se esgotou, nos anos 60. Ademais dos libros referidos na bibliografía, en Salamanca editei: “La oración cristiana” na "Enciclopedia do Catolicismo e a Congregación da Misión - PP. Paúles, en EPESA. Teño varias monografías en números extraordinarios d´ANT, ensaios en revistas internacionais, etc. Escribo semanalmente no periódico ANT, reseñas de libros ou/e columnas. 


Desvelei a miña interioridade en “Conversas con Francisco Carballo” (ANT, 2002), obra de Santiago Prol e Xan Carballa. A iso me remito. Toda a miña actividade podo dicir que está sempre arredor da historia, da reflexión teolóxica e do vivir dun galego crente. Mais amo a montaña, o mar, o silenzo das noites de luar e os días de choiva quente. Pero só en casos isolados tentei o ensaio literario e nin sequera o conservo. Nos artigos en ANT e en varios outros medios, procuro combinar pensamento e bo expresar. Teño consciencia da lingua galega na que me ubico e que debo coñecer e usar con rigor e estilo. Conservei o diario "de melancolía e soños" desde os 16 anos, que, aos sesenta, botei ao lume; gardo algo dos anos 1963 e seguintes. Nos anos 1990 redactei unhas Memorias que serviron a Santiago Prol e Xan Carballa para as "Conversas"; de vez en cando prosígoas.

Vivo no Morrazo desde que me xubilei como profesor. Comparto casa con paúles; estou activo: ministerialmente coa pequena Igrexa galega de Irimia; culturalmente, con colectivos v.g. Fundación Joan Maragall (arcebispado de Barcelona), Maio Longo (Pontevedra), Pedra Longa (Marín), ANT e outros; intencionalmente, co BNG. Intento dar remate a unha monografía s. XVI de Galiza e a un ensaio cristián sobre "inserción do cristinanismo" na nación. Son asiduo de canto virtual se publica en galego, e non virtual por suposto; coñecía a BVG e felicítovos por tal feito. Inda que son da AELG, non creo literatura e non me considero chamado a tan egrexia categoría de creadores literarios. Gusto da investigación e acepto o ensaio como diálogo cos lectores.

[Marín, 8-XI-2004]”

N.B.- Fonte: Biblioteca Virtual Galega (www.bvg.udc.es)

MISIONEIROS PAÚLES / "RECUERDO-AGRADECIDO"

Escrito por Fcarballo 24-09-2017 en Novas. Comentarios (0)

Co título “Francisco Carballo” a web www.misionerospaules.org pendurou unha telegráfica nota biográfica sobre o fillo sobranceiro de Maceda. A “Congregación da Misión”, que F. Carballo prefería chamar “Lazaristas”, xa que logo a casa matricial remóntase ao antigo Priorato de San Lázaro en París, tamén se coñece por outros nomes: “Misioneros Paúles” en España, “Vicentinos” en América Latina, “Vicentians” nos países anglófonos... A web (que conmemora os 400 anos dos “Vicencianos”) é abondo interesante. Na sección “Recuerdo Agradecido” aparece unha galería de Padres Paúles. Mesmo varios da nosa contorna e, por suposto, Francisco Carballo. Imos verter o texto íntegro (orixinariamente escrito en castelán), pois sintetiza bastante ben (con algunha fasquía matizábel e a omisión doutras) a traxectoria vital do noso fillo egrexio. Eis o texto completo:  

“Naceu en Celeirón de Asadur (Maceda-Ourense) o día 8 de marzo do ano 1925. Ingresou na Congregación da Misión o día 3 de outubro de 1941, en Hortaleza (Madrid). Foi ordenado sacerdote o día 3 de xullo de 1949. Despois de obter a licenciatura en Historia na Universidade Complutense, e comezar o doutorado, foi destinado, como director, ao Colexio San Narciso, de Marín (Pontevedra) dende 1954 a 1958. A continuación, de 1958 a 1965 foi enviado ao Colexio San Vicente de Paúl, de Barakaldo, tamén como director. En 1965, ocupou o cargo de reitor do Teologado de Santa Marta de Tormes (Salamanca). En 1973, foi destinado a Vigo, onde exerceu de profesor da Escola Universitaria de Maxisterio e do Instituto Politécnico. En 1985, xa xubilado como profesor, foi destinado á Comunidade do Colexio San Narciso, de Marín (Pontevedra). Foi superior desta Comunidade dende o ano 2002 até o 2009. No año 2012, foi enviado á Comunidade da parroquia da Milagrosa da cidade de Ourense. Finalmente, foi á enfermería de Santa Marta de Tormes (Salamanca). Figura sobresaínte e moi destacada das Letras Galegas. Autor de diversas obras de Historia. Fundador, con outros, do semanario “A Nosa Terra”. Faleceu o día 29 de novembro do año 2014.

Un último adeus”.

N.B.- Inserimos a mesma foto que penduraron na web www.misionerospaules.org

BAUTISTA ÁLVAREZ (San Amaro, 1933-Beariz, 2017)

Escrito por Fcarballo 17-09-2017 en Novas. Comentarios (0)

Lembramos a Bautista Álvarez en varias das homenaxes que, dende Maceda tivemos a ben facerlle a Francisco Carballo. Sabiamos da súa fonda amizade dende que Carballo regresou a Vigo en 1973. Bautista estivo na homenaxe que lle tributamos ao presbítero ilustrado de Maceda o 4 de agosto do ano 2000, ao abeiro da nosa torre medieval, na súa casa natal en Celeirón de Asadur e na biblioteca que hogano leva o nome de Francisco Carballo. Alí Bautista reencontrouse cun antigo compañeiro do Seminario de Ourense e da Facultade de Filosofía e Letras na Complutense en Madrid. Era o noso tío Agustín Blanco Garrido que nos tiña falado cumpridamente del e que mesmo seguía a súa traxectoria política dende a distancia. ¡Levaban case medio século sen verse! Bautista mesmo foi a Salamanca para acompañalo na última xeira da súa vida e darlle alento. Ollamos a Bautista outra volta –xa moi enfermo- cando inhumamos a Carballo [el foi o que nos aguilloou a todos os presentes para que cantásemos con fonda carraxe o Noso Himno, mentres as cinzas do historiador macedán se reencontraban coa terra que o vira nacer na campa de Asadur]. Outrosí volveu Bautista á nosa vila para estar presente na inmensa Homenaxe Nacional póstuma que organizou o Concello de Maceda, co alcalde Xabier Oviedo á fronte, poucos días despois do soterramento de Carballo, naquel mes de  Nadal de 2014. Cando fixemos o libro de Conversas [Xan Carballa e nós (ANT, 2002)], Paco Carballo falounos de Bautista en varios capítulos. Imos recuperar o intre no que o nomea por primeira vez no volume, xa que logo dende aquela mantiveron unha acesa relación persoal e ideolóxica que endexamais se fendeu: “Inscribinme na Asociación Cultural aos quince días de chegar a Vigo. Estaba de secretario un mozo que me dixo que non funcionaba. Pouco despois foi cando Bautista Álvarez empezou a funcionar alí. Coñecino na Cultural. Ao comezo só participei en conferencias que se convocaban, pero desde o 1976 xa intervín máis desde dentro. A Asociación Cultural utilizouse como plataforma política naquela época. Primeiramente por todo o galeguismo e o antifranquismo en xeral. Logo foi indo na liña da UPG (...)”.

N.B.- Dende a Asociación de Amigos de Francisco Carballo [AAFC] arelamos lle sexa leve a terra a Bautista Álvarez que, ao igual que o presbítero ilustrado de Celeirón de Asadur (Maceda), loitaron dende a mesma trincheira por un mundo mellor en clave nosa [léase a Patria liberada] e endexamais perderon o norte.


MANUEL VIDAL, UN PRESBÍTERO ILUSTRADO DE MACEDA

Escrito por Fcarballo 15-09-2017 en Novas. Comentarios (0)

Con ese suxerente título acaba de saír do prelo [agosto, 2017] o novo libro do investigador Santiago Prol; mesmo coa xenerosidade de Paco Nóvoa -fillo predilecto de Maceda- e da man do seu Grupo Academia Postal Editores. Neste sólido volume do ensaísta macedán, aparece citado Francisco Carballo na “Nota preliminar” (I), no capítulo “O rexionalismo” (II) e en “Última xeira e recoñecementos” (III). Imos avanzar os tres fragmentos, agora que o libro de Santiago Prol (363 páx.) está xa na rúa: “Ao longo da primavera de 2001 traballamos en Marín (Pontevedra) -con Xan Carballa- nas Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002). Un dos temas que queriamos peneirar era a figura de Manuel Vidal, co que o historiador amosaba non poucas concomitancias: presbíteros, ilustrados, docentes, motivadores, empáticos, investigadores, ensaístas, escritores comprometidos con Galicia -aínda que dende cosmovisións diferentes-... Ademais os dous exercían de macedáns dende o “seu exilio” (I).


“Na reflexiva columna O rexionalismo de Manuel Vidal, imprentada no semanario A Nosa Terra (20/12/2001), Francisco Carballo salienta que este crego ilustrado aparece retratado nos Contos d´antano e d´hogano (1920) cun galego popular que rexeita os enxebrismos e os cultismos, non os dialectalismos. Sempre empeñado no uso do galego tal e como se fala e preservando o castelán culto para outros mesteres. Logo encadra sinóptico o pensamento ideolóxico do presbítero ilustrado de Maceda, dentro do convulso contexto histórico que lle tocou vivir: “Vidal é un home do rexionalismo, da canteira ourensá de 1880 e seguintes, entre o integrismo teolóxico de Casas e os aires renovadores de Basilio Álvarez, Rei Soto, Vales Faílde, Marcelo Macías. Amigo de Lamas Carvajal e de López Ferreiro. Todos baixo o paraugas do Padre Feijóo a quen Ourense honrou con estatuas, actos e concursos literarios en 1887. Vidal asina un manifesto a prol da Autonomía en 1932, pro aférrase ao rexionalismo: un galeguismo costumista, dunha cultura menor, unha alfaia familiar para uso nas festas ao son da gaita e o tamboril. Vidal, nos días do trebón de 1936 e perante a morte de tres familiares (un cuñado e dous sobriños na órbita da Falanxe), adoece; busca consolo na evocación dos anos de capelán de Emilia Pardo Bazán en Meirás, e loa ao xeneral Franco que xa posuía aquel pazo. Ah, os nosos rexionalistas: fixeron a decrúa, conservaron o idioma; bailaron a muiñeira; viron, mais non entraron no tempo da nazón” (Carballo: 2001)” (II).


“No libro de Conversas con Francisco Carballo (ANT, 2002), preguntámoslle -ao outro presbítero ilustrado- por Manuel Vidal, un dos fillos sobranceiros de Maceda que se asentara en Santiago de Compostela, que presidira o acto inaugural da Irmandade dos Amigos da Fala de Santiago e que apoiara publicamente o Estatuto de Autonomía en 1932, feito relevante que o historiador macedán dera á luz. Francisco Carballo contestou: “Citeino no meu libro La Iglesia gallega en la Galicia contemporánea (1978). Lera a súa obra La Salve explicada de estudante de Filosofía en Hortaleza. Manuel Vidal é un polígrafo: teatro, narrativa, ensaio, didáctica. Catedrático de Literatura Española no instituto de Santiago de Compostela até o seu falecemento en 1941, estendeu o seu quefacer á cidade con representacións teatrais e bos estudos sobre o Apóstolo  e a Catedral. Utilizou o galego popular de Maceda en obras como Contos d´antano e d´hogano e Don Porrazo, que son xoias lingüísticas de ambiente local” (Prol / Carballa: 2002)” (III).   

N.B.- Na primeira ilustración aparece a portada do libro "Manuel Vidal, un presbítero ilustrado de Maceda" (GAP, 2017) de Santiago Prol, baseada na "pentafoto" (ca. 1900) que tivo a ben cedernos a xa centenaria Concepción Requejo Domínguez (Mimí) -memoria viva de Maceda-, na segunda o debuxo do sobriño do protagonista (Pedro Vidal Lombán) sobre as Torres de Meirás (1939), na terceira inserimos un retrato de Vidal de comezos do século XX e na última outro retrato de estudio publicado na revista "Galicia" (Madrid, 1907).