Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

libros

O SANTUARIO DO MONTE MEDO (3)

Escrito por Fcarballo 01-08-2017 en libros. Comentarios (0)

Dividiu o libro en dúas partes, tres apéndices e unha protesta. Si, “unha protesta” na que fai constar que: “De conformidade coas disposicións da Santa Sede, fago constar que as palabras milagre, prodixio, santo, etc., empregadas neste libro, non teñen outro sentido nin outra autoridade que a miña persoal, e sométoas en todo ao xuízo da Santa Nai Igrexa, cuxa fe e autoridade admito e recoñezo”.

No libro de Conversas (2002), que tivo a ben facer con Xan Carballa e Santiago Prol, preguntámoslle se naquela altura estaba de acordo integramente co contido do libro e se o milagre que se lle atribúe á Virxe se podería sustentar en algo verosímil ou inserirse no fenómeno de alucinacións colectivas. Lembramos que el -moi pausado pero contundente- contestou: “O libro é o máis crítico que se podía escribir naquela época. Unha cousa que lle sentou pesimamente aos curas e aos Paúles, foi que eu non falo da aparición da Virxe. Digo que ese fenómeno do Santuario obedece a uns modelos que existían de predicación e que situaban as aparicións en distintos sitios. ¡Era unha afirmación moi grosa para entón! Eu naquel intre, a nivel teolóxico, non cuestionaba aínda demasiado a posibilidade do milagre. Tampouco o Padre Feijoo o cuestionaba na época da Ilustración. Receaba do número de milagres, pero non da posibilidade dalgún”.

Logo, xa moi metido no tema, mesmo con teimosía, seguiu aínda máis vehemente: “Hoxe si que o cuestiono. ¡Os milagres non existen! Pertencen ao mundo precientífico. Eu falo moito -na vida relixiosa- contra o milagrismo porque é unha alienación”. Insistimos nós que na parte final do libro recollía bastantes prodixios atribuídos á Virxe. Mesmo lle preguntamos se moitos deles poderían ter explicacións lóxicas ou máxico-animistas. Respostou na mesma liña: “Todos teñen algunha explicación: autoxestión, reacción do organismo, etc. Ignoramos até onde chegan as forzas da natureza. Pero en cada caso existiu un acontecemento significativo para as persoas que o leron á luz da súa experiencia. Hai sectores da Igrexa que fomentan iso. Débese a unha falta de esexese bíblica e á credulidade tan estendida na relixiosidade popular (...). Coido que a carga mítica nestes temas aínda é excesiva”.


O SANTUARIO DO MONTE MEDO (2)

Escrito por Fcarballo 31-07-2017 en libros. Comentarios (0)

Na versión orixinal do libro, Francisco Carballo, apostara por un título máis extenso: El Santuario de Nuestra Señora de los Milagros del Monte Medo. Fora impreso nos talleres Artes Gráficas Faro de Vigo, e rematado o 18 de xullo de 1963 [nunha data abondo simbólica para os que deran o golpe de Estado 27 anos antes]. Como o historiador de Maceda tamén era presbítero, necesitaba -non poucos- permisos para que a publicación fose adiante: o nihil obstat do censor Agustín Mosquera; o nihil obstat do censor da Congregación Aurelio Ircio; o imprimatur, angelus, episcopus auriensis (por mandato da Súa Excelencia Reverendísima -léase o bispo de Ourense-) de José Guzmán e o imprimi potest do Superior provincial Domingo García. Hoxe todo isto pode semellar anacrónico, mais naquela altura do franquismo, para un sacerdote era imprescindíbel. Todos os seus libros publicados -xa na etapa democrática- eiquí, non levarían ren desa parafernalia burocrático-eclesiástica, mesmo navegando a contracorrente da liña oficial da Igrexa.

Dedicoulle o libro a súa nai, “de quen aprendín a devoción á Virxe do Medo e á memoria de meu pai”. O contido da obra baseouno directamente en documentos orixinais dos arquivos do Santuario dos Milagres, da catedral de Ourense, do bispado e do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Aclara que o arquivo dos Milagres fora organizado polo señor Feijoo e polo Padre Juan. Os outros documentos atopábanse baixo a dirección de Ferro Couselo (os civís) e de Emilio Duro Peña (os eclesiásticos). Por certo, Duro Peña traballaría, andando o tempo, no arquivo de Asadur, exhumando información capital para a historia desa parroquia e para a do Concello de Maceda no seu conxunto.

Logo avanza a bibliografía empregada e os artigos de revistas, nomeadamente os publicados en Los Anales de la Congregación de la Misión e do Boletín do Bispado de Ourense. Aclara que algún deles carece de valor científico. Porén, interesa o seu testemuño e a súa aportación literaria. Engade que nas coleccións e dicionarios apenas lle dedicaron atención ao Santuario dos Milagres: “Madoz e Espasa mencionano someramente. O Padre Flórez en España Sagrada non o nomea”. Remata este apartado cunha premonición da que el sería pioneiro e impulsor científico anos despois, creando toda unha Escola de Historiadores, referente hoxe na a memoria colectiva de todos Nós: “Confío en que os avances sobre xeografía e historia de Galicia dos nosos días, abrirán novos rumbos á investigación e ao desenvolvemento relixioso que condicionou a vida do Santuario do Monte Medo”. 


O SANTUARIO DO MONTE MEDO (1)

Escrito por Fcarballo 30-07-2017 en libros. Comentarios (0)

Encetamos a sección “Libros” co primeiro que tirou do prelo en 1963 e que titulou El Santuario del Monte Medo. Estaba escrito en castelán (naquela altura sería impensábel outra posibilidade) e fixérao por encargo da Comunidade dos PP Paúles dos Milagres. Verteremos ao galego as citas, textos e fragmentos deste singular volume, que coidamos se debería reeditar. Na nota preliminar, o presbítero ilustrado de Maceda asevera que se comprometeu a redactar un traballo sobre o Santuario dos Milagres, en substitución do xa esgotado do Padre Paradela [estase a referir ao libro El Santuario de Nuestra Señora de los Milagros (apuntes históricos) do Padre Benito Paradela Nóvoa de 1929]. Seguimos a Francisco Carballo: “Entraba o meu compromiso dentro do plan de estudos sobre o Arnoia, proxectados como tese doutoral, ao recibir a licenciatura en Filosofía e Letras [sección Historia] pola Universidade de Madrid en 1954”.

Aclara que tivo moitos atrancos que mesmo adiaron o cumprimento da palabra empeñada e, por fin, fiel á cita de todos os veráns no Medo [refírese aos días abeirados ao novenario dende o 30 de agosto até o 8 de setembro, o día grande dos Milagres]. Aclara que rematou o texto naquela altura de agosto de 1961 [o libro aínda tardaría dous anos -até 1963- en aparecer publicado]. Indica que lle ofrece  “o froito fresco do meu primeiro intento publicitario” á Virxe. Amenta a súa gratitude ao arqueólogo Xesús Ferro Couselo que lle revisou, páxina a páxina, o seu manuscrito, mesmo co Padre Silvestre Ojea. Logo subliña: “Nunca agradecerei o suficiente ao doutor Ferro [Couselo] as súas indicacións e constante asesoramento”.  

Mesmo considera a posibilidade dunha segunda edición revisada e aumentada para o futuro. Remata a Nota Preliminar escrita nas estancias do mesmo Santuario [naquela altura el tiña destino en Barakaldo, pero estaba de vacacións na súa terra de orixe] indicando que “a proximidade das Festas da Coroación Canónica da Imaxe da Virxe dos Milagres (6/09/1964) e do centenario do asentamento da Congregación da Misión do Monte Medo (30/08/1869), urxen a publicación desta obra, que leva, ante todo, o desexo de lembrar un recuncho amado e contribuír á exaltación das glorias da Santísima Virxe”. Este singular volume, ao que lle iremos metendo o dente en próximas achegas, levaba fermosas ilustracións e debuxos –incluída a portada- do prestixioso pintor José Conde Corbal.

(As fotos desta achega -e posteriores- sobre o seu primeiro libro, tirámolas nós e o resto dos documentos gráficos exhumámolos directamente desta obra primixenia de 1963).

OBRA ESCRITA

Escrito por Fcarballo 02-04-2017 en libros. Comentarios (0)

Encetamos unha nova sección na que iremos reparando de vagar. Dende o seu primeiro libro publicado en 1963 até o último rexistrado en 2010, Francisco Carballo realizou un inxente traballo de investigación e vulgarización e, sempre, sempre co mesmo norte: reescribir a Historia que nos contaran en clave allea. Tamén sobre a Igrexa e o universo teolóxico. Eis un bo feixe de libros de autor e coautor que peneiraremos paseniñamente. Quedarían -ademais das columnas nas que xa comezamos a mergullarnos-, traballos noutras revistas e monografías. Outrosí a escola de historiadores arredor d´ANT que el impulsou:

OBRAS: Santuario de los Milagros del Monte Medo (1963), Espíritu Misionero de la Constitución Litúrgica (1965), Historia de la Oración Cristiana (1968), Oración, Piedad y Penitencia (1968), Institutos Relixiosos hoxe (1974), A Igrexa en Galicia durante a II República (1977), A Igrexa Galega ante o Estatuto de Autonomía de 1936 (1977), Aproximación á historia da Igrexa Galega (1939-75) (1977), La Iglesia en la Galicia Contemporánea. Análisis histórico y teológico del período 1931-36 (1977), II República (1978), Historia de Galicia (1979), Sindicatos e outras organizacións no campo galego (1980), Castelao contra a manipulación (1984), A Nosa Literatura (1988), Igrexa, un perfil preocupante (1988), A Igrexa e a Guerra Civil en Galiza (1990), O pensamento galego na historia: aproximación crítica (1990), La Iglesia Católica y la Guerra Civil española (1990), Igrexa e poder en Galicia (1991), Historia de Galicia (1-2) (1991), Doce anos na procura da nosa identidade (1991), Teoloxía da Liberación e teoloxía galega (1992), Por un cambio social desde Gramsci (1992), O mundo desde aquí (1993), A Igrexa Galega (1995), Historia da Igrexa Galega (1996), Cen anos de pastoral rural da Igrexa galega (1996), Historia Xeral de Galicia (1997), Galicia nación e nacionalismo (1998), A Igrexa Galega Contemporánea (1940-99) (1999), Alexandre Bóveda (1999), Breve Historia de Galiza (2000), Frei Martín Sarmiento (2002), Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación (2009), Moncho Reboiras. O nacionalismo galego nos anos 70 (2009), Xosé Chao Rego: renacer galego (2010)…

(A primeira ilustración é unha caricatura que fixo Xosé Lois co gallo do seu pasamento e que nos permitiu empregar para o díptico da Homenaxe en Maceda en decembro de 2014. A foto de Xan Carballa tirouna na entrada da Biblioteca Pública Francisco Carballo de Maceda, cando fixemos o Primeiro Roteiro en 2015).