Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

libros

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (9)

Escrito por Fcarballo 09-08-2019 en libros. Comentarios (0)

Engade Abel Yebra, no número de maio / xuño de 2004 da revista "Yuca", un novo apartado: O Cristianismo: "Na Igrexa Católica subsiste a Igrexa de Cristo, sen dúbida; pero noutras comunidades cristiás, ¿quen pode medir a presenza salvífica de Cristo? Francisco Carballo subliña a distinción entre igrexas históricas, evolutivas e o cristianismo. O cristianismo é plural e está por riba dunha ou doutra igrexa. A resurrección de Xesús é o que divide aos cristiáns dos non cristiáns. Xesús é a suprema realización humana... Xesús foi un rebelde relixioso. Neste vieiro de Xesús encarreirase Francisco Carballo (...)". 

N.B.- Na foto -autoría de Xabier Oviedo- podemos ollar a entrada principal do reitorado dos PP. Paúles de Salamanca que dirixiu Francisco Carballo dende mediados dos anos 60 até 1973, nuns anos abondo convulsos logo do Concilio Vaticano II e a súa complicada posta en escea -praxe-, que conlevou unha crise xeralizada nos seminarios e reitorados relixiosos de todo o Estado español e do que Salamanca non foi alleo.

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (8)

Escrito por Fcarballo 02-08-2019 en libros. Comentarios (0)

No número de maio/xuño (2004) da revista "Yuca", Abel Yebra segue peneirando o libro de "Conversas con Francisco Carballo" (Prol / Carballa, 2002). No apartado Relixión e Ciencia, imprenta verbas, que o presbítero ilustrado de Maceda avanzaba sobre un tema abondo salientábel, que nós lle tiñamos formulado: "A Ciencia non me di que existe Deus, nin que non exista. A única instancia miña da miña aceptación de Deus é Xesús, e non teño outra, nin filosófica, nin científica". Históricamente a Igrexa tívolle medo á Ciencia. Hoxe, dende Pío XII ("Divino Affante Spiritu") e Xoán XXIII "Pacem in Terris") xa non. É algo superado. A teoría do "Big-Bang" non contradí as teorías bíblicas dunha Creación. Si dicimos que todo o Universo procede dun primeiro punto que se desprega, estamos admitindo que hai algo que se nos escapa á análise e que dicimos que é Deus".

N.B.- Na imaxe podemos ollar parte do edificio dos PP Paúles de Salamanca, cuxo reitorado estivo abandeirado por Francisco Carballo dende mediados da década dos 60 até o seu regreso a Galiza en 1973.

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (7)

Escrito por Fcarballo 11-07-2019 en libros. Comentarios (0)

No apartado Relixión e Poder, Abel Yebra escolma verbas de Carballo moi contundentes: “A relixión, como impulsora do medo, pode ser un freo ou unha xustificación do poder. Foi a relixión que Cristo combateu. Era un xeito de lexitimar o poder e de someter a conciencia dos cidadáns ao poder. O relixión cumpriu ese papel durante moitos períodos da historia. Nalgúns ámbitos, ese concepto segue aínda vixente... Porén, Paulo VI deu un golpe de temón impresionante, porque denantes non había unha fórmula de separación entre a Igrexa e o poder. Creou a convicción, moi discutíbel, de que a Igrexa podía exercer a prol da humanidade, unha diplomacia de contención do poder nefasto do capitalismo universal... Se o poder organizado está na sociedade e ten o seu rol, nas igrexas sobra. Hai que subliñar dúas dimensións clarísimas en Cristo: A defensa do débil e a crítica, sen componendas, do poder... En consecuencia, a función da misión cristiá, se quere ter sentido, ten que ser crítica co poder. Se o poder é opresor, ten que ser unha crítica despiadada; se o poder se modera, poderá dialogar con el”.

N.B.- Na imaxe, que aparece na páxina 127 do libro de "Conversas" (Prol / Carballa, ANT, 2002), podemos ollar a Francisco Carballo (2º arriba pola dereita) con alumnos seus de teoloxía de Salamanca (entre eles Manuel Peleteiro (1º arriba pola esquerda) e co superior dos Paúles, William Slattery (no centro, arriba), en Roma no ano 1967.

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (6)

Escrito por Fcarballo 10-07-2019 en libros. Comentarios (0)

No punto 3.2 O seu pensamento relixioso insire: “O feito relixioso é universal e non debe ser excluínte. Non ten toda a verdade. Esquezamos a afirmación prevaticana que dicía: a única igrexa verdadeira é a católica. Sabemos que nesta Igrexa Católica temos tanta verdade que nos anima; pero toda a igrexa que busca ao Deus que Xesús proclamou tamén participa dese espírito. Socioloxicamente falando, para moitos crentes a relixión actúa como “opio do pobo”, consolándoos e ocultándolles a realidade. Hai maxia e fetichismo en numerosos actos de culto nas igrexas... Con outras igrexas hai pouco diálogo... Imaxinade que diálogo podo ter eu cun católico fetichista ou cun islámico fetichista e fundamentalista, cos que non coincido en nada. Tiven amizade con xudeus. Dialoguei moito con xente pagán, que non encaixan en ningunha relixión histórica, que non negan ningunha relixión... Cando o ateo o é de verdade, non é sectario; a xente é máis ben agnóstica que atea. Eses ateos que se debaten todo o tempo en atacar as contradicións eclesiásticas... que se obstinan en atacar ao Vaticano..., iso tamén o fago eu, porque o Vaticano é unha excrecencia. Á institución eclesiástica tamén a critico eu: hai comunidades relixiosas que son unha cova de víboras; igrexas que son unha fábrica de torturas... Eu non me paso por iso ao budismo ou ao ateísmo. Permanezo eiquí porque atopo uns valores respectábeis. Eu critico os seus feitos deteriorados. O ensino da relixión nas escolas de primaria e secundaria a cargo de profesores pagados polo Estado e, cando menos, discutíbel. A relixión é o cultivo da fe, non unha asignatura. Poden selo as mediacións relixiosas históricas”. 

N.B.- Os documentos gráficos de Francisco Carballo aparecen nas páxinas 130 e 131 do libro de "Conversas" (Prol / Carballa, ANT, 2002). A primera é un retrato da súa estadía en Barakaldo a comezos dos anos 60. Abaixo -no centro- cos profesores e alumnos vascos no novo colexio dos Paúles -no barrio de Beurko- do que el foi o primeiro director. A outra é un retrato de 1965. Abaixo (como reitor) cos alumnos de teoloxía no reitorado dos Paúles en Salamanca (4º sentado pola esquerda na segunda liña).

O LIBRO DE CONVERSAS PENEIRADO NA REVISTA "YUCA" (5)

Escrito por Fcarballo 07-07-2019 en libros. Comentarios (0)

Titula Abel Yebra o apartado 3 “O seu pensamento”. Comeza co 3.1 “A transformación de Francisco Carballo”. Logo aporta: “Cando Carballo era reitor do Teologado de Salamanca, tivo a oportunidade de formar parte do “Grupo dos Sete”. "Os Sete" eran paúles que se xuntaban todos os anos en Roma pra analizar as inquedanzas, tendencias e aspiracións dos membros da Congregación nos distintos países nos que operaban. Todo isto, di, “serviume pra modificar a estrutura mental na que fora educado e evolucionar cara outra, bíblica e moderna. Cando vexo a outros clérigos e laicos que nin len os documentos do Vaticano II, nin se atreven a saír da escolástica, doume conta da dificultade e da facilidade que proporciona a saída de tal reduto ahistórico e a posesión dunha hermenéutica histórica de liberación. Axudoume nesta transformación o feito de poder sumar as sinerxias de todos os saberes que tes, científicos, filosóficos e, sobre todo, históricos”.  

N.B.- As imaxes de Roma tirámolas de www.101viajes.com. E o mapa do Trastévere romano, polo que paseaba Carballo cada vez que ía a Roma e que tanto lle gorentaba de: www.blog-italia.com