VIGO; NA FRONTEIRA DO ECLESIAL E NO CORAZÓN DO DEBATE SOCIAL

Escrito por Fcarballo 07-11-2016 en fcarballo. Comentarios (0)

Amigos de Francisco Carballo na rúa Príncipe de Vigo, iniciando ás 12:15 p.m., do sábado 5 de novembro de 2016, o segundo roteiro vencellado aos lugares do presbítero ilustrado de Maceda. De esquerda a dereita: Santiago Prol, Alfredo Suárez Canal, Olaia Fernández Davila, Afonso Eiré, Xan Carballa e Xabier Oviedo (Bieito Seara é quen tira a foto). Xuntámonos arredor dunhas 30 persoas diferentes, sumando as que se foron incorporando ao longo do roteiro polas rúas de Vigo, en Chan do Monte e nos petroglifos de Mogor en Marín e na ágora máis emblemática de Pontevedra. Unha xornada en positivo para a evocación, a confraternidade e a lembranza. Unha ledicia!, como diría el coa súa risa contaxiosa.


¿Que botaba en falta en 1973 para abandonar Salamanca? Parecíame que debía experimentar o que predicabamos. Estaba tamén o tirón de Galiza: era hora de voltar definitivamente ás raíces (...). Fixen de súpeto unha inmersión global na sociedade: clero, obreiros, intelectuais, campesiños, estudantes, etc. Despois de estar encerrado no mundo clerical dende 1941 até 1973, isto -que inicialmente comecei en Vigo-, supuña un cambio radical. Tardei en equilibrar os factores psicolóxicos e teolóxicos. Recuperei a dedicación á Historia e metinme de cheo no mundo do xornalismo (e tamén no da política dende as primeiras eleccións do 77) (LEMBRANZAS / CONVERSAS, ANT, 2002)