Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

eventos

XX CONGRESO DE TEOLOXÍA (e 6)

Escrito por Fcarballo 19-08-2018 en eventos. Comentarios (0)

O último apartado “O nacionalismo actual”, fora redactado na altura do ano 2000, cando o nacionalismo de esquerdas estaba “case” unificado na casa común do BNG: “Disolto o PG en 1949, foi en Uruguai, México e Arxentina onde se mantiveron as organizacións e colectivos galeguistas do nacionalismo. En Galicia mergulláronse baixo formas culturalistas como a Editorial Galaxia, 1950. En 1963 aparece en Santiago a Mocedade Nacionalista, de vida breve. Nela reaparecen as fortes tensións entre nacionalistas católicos e nacionalistas marxistas, entre culturalistas e políticos. En 1963 fúndase o PSG, que evoluciona da socialdemocracia a un socialismo máis radical. En 1964 nace a UPG cun decálogo de fronte de liberación nacional, autonomista e autodet6erminista. Só moi serodiamente se forman partidos de centro e de dereitas. CG tivo éxitos parlamentarios en 1984. Despois de concorrer varios anos ás eleccións cada partido nacionalista de esquerdas polo seu lado, en 1982 artéllase o BNG como converxencia de esquerdas. Á súa esquerda quedan grupos independentistas, á súa dereita, restos de CG e afíns, moi dispersos e febles.

O BNG recolle o testemuño de Castelao; define a Galicia como nación dende un nacionalismo cívico que retén do étnico os valores culturais. Un nacionalismo laico, pluralista, pacifista, confederal. Avoga por un Estado laico, aconfesional, respectuoso con todas as crenzas. Amosa boa relación con movementos e organizacións cristiáns de base. É crítico coa falla de compromiso da Igrexa con Galicia, co aliñamento da xerarquía eclesiástica cos poderosos e coa súa non asunción da nosa cultura e idioma nacional (...). Fronte a esta posición do BNG no relixioso, precedeulle unha vidrosa relación da UPG co clero, ao que se dirixiu publicamente en 1964 e en 1974 urxíndolle a sumarse á loita de liberación de Galicia. Aqueles comunicados, literariamente moi ao E. Zola, pode que crearan en certos clérigos unha imaxe de radicalismo marxista. É auga pasada. En Galicia os nacionalistas ofrecen unha imaxe de colectivo laico, cunha proporción de practicantes cristiáns inferior á media do país, moi plural ideoloxicamente. Abundan os agnósticos; hai marxistas; outrosí numerosos cristiáns moi comprometidos. Os bispos desconfían dos nacionalistas, uns porque son moi centralistas ou integristas; outros porque os ven con pouca presenza nos cultos. O clero segue aos bispos, pero hai un sector católico minoritario que observa neste nacionalismo a oportunidade para un cristianismo consecuente co Vaticano II, atento á modernidade e fiel ao proceso histórico dun país que quere facer por si mesmo a súa propia historia”.  

N.B.-  A primeira imaxe -o cartaz de deseñou o BNG co gallo do seu pasamento- tirámola de www.carloscallon.com. A segunda -co teólogo Xosé Chao Rego falando na homenaxe en Marín a F. Carballo- publicouse en www.sermosgaliza.gal. A terceira corresponde á póstuma Homenaxe de Galiza a Francisco Carballo celebrada en Maceda en Nadal de 2014. Intervén nese intre o alcalde de Maceda, Xabier Oviedo Rodríguez, que sempre procurou dignificar ao noso fillo sobranceiro, orixinario de Celeirón de Asadur (www.laregión.es).

XX CONGRESO DE TEOLOXÍA (5)

Escrito por Fcarballo 18-08-2018 en eventos. Comentarios (0)

No apartado “O Partido Galeguista e Daniel Afonso R. Castelao, 1886-1950” imprenta que este egrexio “evoluciona dende o rexeneracionismo maurista, o agrarismo de Basilio Álvarez e as Irmandades da Fala, á dirección do Partido Galeguista (PG), 1931. Coa morte de Alexandre Bóveda [17 de agosto de 1936 / hogano Día da Galiza Mártir], e a represión interior ao galeguismo, Castelao asume en Bos Aires a presidencia do Consello de Galiza, 1944-50, e a tarefa de orientar a teoría e a organización do nacionalismo galego. Escribe Sempre en Galiza, 1944, e deixa en preparación unha segunda parte, parcialmente editada en 1963. Recolle como definición de nación a de Stalin: “Nación é unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflectidos nunha comunidade de cultura. Somentes a existencia de todos os signos distintivos, en conxunto, poden formar nación”. Castelao, se ben evita a evocación de Vicente Risco, aínda se mantén fiel ao organicismo histórico tradicional.

Durante o seu ano de ministro da República no exilio, le autores franceses, concretamente a Renán. Nos apuntes para a segunda parte de Sempre en Galiza escribe: “Consonte a idea xeralmente admitida, unha nacionalidade é  un conxunto de homes, mellor familias, habitantes dun mesmo territorio que, por ter conciencia e formar unha soa comunidade, teñen vontade de manter unha vida común baixo as mesmas institucións políticas. Esta conciencia e esta vontade poden ser o resultado de causas diversas, que é doado reducir a dúas categorías, causas político-sociais e causas culturais”. Para el Galicia é unha nación creada por unha cultura común, a lengua ante todo. Castelao fai un gran esforzo por superar o celtismo murguiano e o irracionalismo risqueano; apúntase a un nacionalismo laico, pluralista, democrático. Lega ao nacionalismo actual: o pacifismo, o federalismo europeísta, a tolerancia e a preferencia por un goberno republicano. Critica o militarismo, feudalismo e o clericalismo referidos a España. É moi respectuoso coa relixiosidade galega, “algo panteísta, priscilianista, tolerante”. Do clero refire anécdotas e viñetas humorísticas, preferentemente amábeis. A Igrexa xerárquica mantivo co PG relacións frías, non apoiou a autonomía, non se abriu ao uso do idioma propio. Os sectores católicos eran maioría no PG e consultaban cos teólogos as decisións máis graves, por exemplo a alianza coa Fronte Popular en 1936. Levaron unha espiña cravada pola incomprensión da Igrexa aos seus proxectos ilustrados e de inculturación relixiosa”.

N.B.- A primeira imaxe, de www.fsgallegas.org.ar, é un retrato pintado de Castelao ao que lle adxudican autoría no polifacético Blanco Amor. A segunda corresponde á portada de "Sempre en Galiza", segunda edición, imprentado en Arxentina.

XX CONGRESO DE TEOLOXÍA (4)

Escrito por Fcarballo 09-08-2018 en eventos. Comentarios (0)

No seguinte apartado “Intermedio de debate”, o teólogo e historiador de Celeirón de Asadur céntrase na xeira das Irmandades e nos anos 20 do século pasado: “As Irmandades da Fala, 1916, son a primeira organización nacionalista de relevancia. Nelas conflúen varias tendencias: a católica neotradicionalista que procede de Brañas, representada por Cabeza de León, Juan Barcia, Salustiano Portela, etc. [outrosí o presbítero macedán Manuel Vidal]; a de mozos demócratas, Porteiro Garea, M. González, os Vilar Ponte... e algúns da esquerda socialista, Pasín, Romero, Quintanilla... No congreso de Lugo de 1918 elabóranse unhas bases, un verdadeiro retallo de equilibrio entre as tres correntes. Nas Irmandades da Fala militaron clérigos (18, o 1,9%) e moitos católicos activos. Aínda así a cuestión relixiosa tivo que poñerse de esguello. Tamén acontecera con Solidaridad Gallega e cos rexionalistas. Semella que esta indecisión, ou certa laicidade, provocou a aversión da xerarquía eclesiástica. Diso se queixaba amargamente Alfredo Brañas e Antón Vilar Ponte focalizouno nun importante artigo titulado “El gran error del clero gallego”: non se suma ao movemento histórico; queda ancorado no Antigo Réxime.

 

Porén, uns poucos integristas, López Ferreiro, Lago González -arcebispo de Santiago en 1923-, apoiaron a rexionalistas e galeguistas. O seu modelo non era a monarquía absoluta, era o gremialismo medieval. Pero os bispos en xeral e a maior parte do clero, mantivéronse alleos ou se opuxeron. A tensión relixiosa subiu de ton ao prepararse a creación do Partido Galeguista, 1931. Tamén agora queda de esguello a cuestión relixiosa, mais un sector con Otero Pedrayo, Vicente Risco, Paulino Pedret, M. García, R. Cabanillas, Filgueira Valverde, Taboada Roca, V. Cabada, etc., asinan un manifesto no xornal La Región e en Logos que di: “A Galiza católica e enxebre erguerase contra o espírito antirrelixioso e intolerante que ven atentar contra do ser íntimo e tradicional da Nosa Terra, nós, sen arredarnos das filas do nacionalismo galego, no que seguimos firmes e fieis, afirmamos o propósito de loitar sen descanso pola autonomía de Galiza, polo triunfo da concepción católica do mundo” (Logos, 25/X/1931). Para eles o catolicismo era consubstancial coa nación Galicia. Durante a II República, o grupo de Logos tratou de galeguizar a liturxia da Igrexa [o macedán Fernando Quiroga Palacios mesmo o deixou imprentado] e de dar entrada ás correntes teolóxicas avanzadas. No político destacaba Vicente Risco, autor dun “nacionalismo cármico”, impregnado de relixiosidade e de irracionalismo. Apareceu a Dereita Galeguista [con Risco, Filgueira e o macedán Xosé Lois Parente] que se aparta do Partido Galeguista, pero mantense fiel aos programas do autonomismo integral”.  

N.B.-  A primeira imaxe tirámola de www.galipeando.blogspot.com. A segunda, que corresponde á investidura de Lago González como arcebispo de Santiago de Compostela (1924), localizámola en www.memoriasdecompostela.blogspot.con. A terceira, de Vicente Risco é de www.farodevigo.es.

XX CONGRESO DE TEOLOXÍA (3)

Escrito por Fcarballo 08-08-2018 en eventos. Comentarios (0)

Continúa no apartado “O nacionalismo na época de M. Murguía, 1833-1923” cun par de parágrafos abondo edificantes: “O cristianismo para Murguía eleva a relixiosidade xa patente nas culturas megalíticas e dos castros. Pondera ese cristianismo xesuático influído por F. Lamennais. Hai nel e noutros “provincialistas” unha contraposición entre o cristianismo de Xesús e o convencional eclesiástico; pero non ataca á Igrexa galega e a súa crítica, por exemplo, á inactividade dos seminarios é meramente puntual. Rosalía de Castro, Aurelio Aguirre, Curros Enríquez, etc., tiveron conflitos con algúns xerarcas, mais respectaron a institución católica e non lle esixiron máis que os “liberais españois” conservadores da Constitución de 1876.

O nacionalismo de Murguía é laico, liberal e progresista. Afírmao con rotundidade: “O rexionalismo, contra o que sosteñen os seus adversarios, non acepta o absolutismo, nin predica a volta ao que xa pasou por sempre xamais. Proclama moi alto que é por esencia “un réxime de liberdade”, o máis grande e o máis necesario. Está unido estreitamente aos principios liberais e neles se informa. Pertence á nova sociedade” (El Regionalismo Gallego, 1899, en La Voz de Galicia). En Murguía hai unha constante transferencia bíblica a Galicia “que sufriu a escravitude de Exipto como o pobo de Deus..., o calvario como Cristo e xa é tempo de conseguir chegar á terra de promisión, ao paraíso (passim)”.  

N.B.- Desta volta o retrato de estudio de Manuel Murguía localizámolo en www.pinterest.es. O retrato familiar, coa súa compañeira Rosalía de Castro e os seus fill@s, tirámolo de www.lavozdegalicia.es. Félicité Robert Lamennais (1782-1854) foi un filósofo, teólogo católico (liberal) e político francés que tivo moitos problemas -mesmo condenas- co Vaticano, ao amosarse partidario da separación entre a Igrexa e o Estado e ao cuestionar á xerarquía eclesiástica e ao Papa de Roma en non poucas fasquías...

XX CONGRESO DE TEOLOXÍA (2)

Escrito por Fcarballo 07-08-2018 en eventos. Comentarios (0)

No apartado “O nacionalismo na época de M. Murguía, 1833-1923” aporta Francisco Carballo na súa ponencia: “A historiografía do nacionalismo galego encádrao en tres períodos: provincialista-rexionalista, 1846-1885, 1886-1915; nacionalista-galeguista, 1916-1950; nacionalista, de 1963 á actualidade. O primeiro período xira arredor de M. Murguía (1833-1923); o segundo está personalizado en A. Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950); e o terceiro comeza na década dos sesenta, hexemonízao dende 1982 o BNG (Bloque Nacionalista Galego). O debate máis incisivo sobre a función da relixión corresponde a 1922-1936.

A primeira reivindicación económica e social do Reino de Galicia foi obra dos ilustrados. De Martín Sarmiento especialmente. Partían da especificidade do Reino por cristián e iniciador da monarquía hispánica. As guerras de 1808-1809 deron ocasión ao exercicio mediático do idioma propio e a certas formas de autogoberno. Na sublevación “progresista” de Solís, 1846, contra o goberno de Narváez, aparece o primeiro grupo “provincialista”: “Galicia é tratada como unha colonia da Corte”. Frase de Antolín Faraldo nun manifesto ao País e co que coincidiron varios intelectuais dedicados ao xornalismo ou ao ensino en Santiago de Compostela. Conectan con minorías locais en todo Galicia. Desa matriz agroma o “Rexurdimento” cultural do XIX galego, que ten en Rosalía de Castro a súa máxima estrela. Con isto Galicia intenta reemprender o seu propio proceso histórico subordinado dende finais do século XV á monarquía absoluta.

Mais o dirixente decisivo na conceptualización e nas intermitentes organizacións provincialistas-rexionalistas é Manuel Murguía. El define a Galicia como nación no discurso preliminar da súa Historia de Galicia, 1865; insiste no tomo IV, 1891. A partir de 1900 afirma que Galicia é unha nación e España un Estado plurinacional. ¿Que entende Murguía por nación? Escribe en 1889, en El Regionalismo Gallego: consonte Macini, e é a definición que aceptamos, nación é unha comunidade natural de homes unidos por unha vida común, por un territorio, a orixe, os costumes e a lingua, teñen conciencia desa comunidade (p. 51). Busca na historia as probas da súa afirmación nunha investigación de carácter positivista e romántico. Ao longo da súa vida autocorríxese, pero mantén a súa afirmación da existencia da nación galega dende os celtas. Enriquecida pola romanización, os suevos, o cristianismo (...)”. 

N. B.- A primeira imáxe tirámola de www.es.slideshare.net. O retrato de Manuel Murguía é de www.farodevigo.es. A portada de "El Regionalismo Gallego", publicado na Habana, de www.todocoleccion.net.