Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

entrevistas

ENTREVISTA EN RADIO ALLARIZ

Escrito por Fcarballo 19-01-2019 en entrevistas. Comentarios (0)

Atopamos en www.ivoox.com un interesantísimo documento sonoro de Francisco Carballo; unha intensa entrevista radiofónica [e telefónica, pois el estaba fisicamente en Chan do Monte, Marín “no seu despacho”]. Fixéranlla en decembro de 2004 dende Radio Allariz. Baixo o título A doma de Galiza nos Séculos Escuros  [durante 23 minutos e 44 segundos] Francisco Carballo amosa empatía, gran capacidade de comunicación, mesmo enorme erudición e maxisterio. Fala dos Irmandiños e o desexo dunha maioría dos galegos “para conseguir unha situación menos desfavorábel diante do alto clero e da alta nobreza", unha reflexión sobre a Galiza de entreséculos XV / XVI co mercantilismo como pano de fondo, da lenta desaparición do sistema feudal eiquí. Outrosí da monarquía absoluta, do Noso Reino que se somete con moita subordinación a Castela [económica, social e culturalmente]. Da Igrexa medieval e da moderna: da decapitación da monacal e da reconversión episcopal con bispos alleos que adoptan o castelán tratándonos como unha colonia. Tamén dos Séculos Escuros, do nauta macedán João da Nova, de Feijoo, de Sarmiento, da Xunta de Galiza [que non ten nada que ver coa actual], do despotismo ilustrado, dos provincialistas e, para rematar, da Igrexa de hogano. Mesmo conclúe dicindo [con fortes verbas] que o bispo de Ourense, monseñor Temiño Sainz, fora “un prelado militarista, falanxista, colonial, franquista e fascista, oposto a todo o que tivese que ver coa inculturación da Igrexa galega e coa novas correntes arredor do Vaticano II”. Na web referenciada fan unha entradiña: “Entrevista a Francisco Carballo en Radio Allariz no 2004. Francisco Carballo estudou Teoloxía e Historia (licenciado en 1954) en Madrid. En 1973 trasladouse Vigo como profesor da Escola Universitaria de Maxisterio. Especializado na Idade Moderna galega (ss. XVI-XVIII), así como no destacado papel que tivo a Igrexa na historia da Galiza. Francisco Carballo foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977, e un colaborador constante. Ten colaboracións en A Trabe de Ouro e Encrucillada. Actualmente vive no Morrazo desde que se xubilou”.

Invitamos a tod@s os que nos siguen, escoiten este interesantísimo documento sonoro que incorporamos á bitácora. Eis o enlace:

Enlace a Documento

N.B.- Ilustramos desta volta a achega cunha iconográfica foto de Xan Carballa que xa temos pendurado outras veces. Nela podemos ollar a Francisco Carballo na Praza de Galicia en Santiago de Compostela, o 25 de xullo de 1981, no acto central do Día da Patria Galega, no que foi o orador principal [en verbas de Afonso Eiré, Carballo foi o mellor orador -e comunicador- galego dende os tempos da II República].

ENTREVISTA NO XORNAL EL PAÍS (e 3)

Escrito por Fcarballo 06-09-2018 en entrevistas. Comentarios (0)

Ademais do titular "A nosa obriga é destapar os relatos falsos do poder", que aparece destacado na atinada entrevista de Xan Carballa no xornal EL PAÍS (29/VI/2007), Francisco Carballo aportou outras intencionadamente (dicíanos onte Xan que o presbítero ilustrado de Maceda escollía ben como falar a cada público): "O poder utiliza para lexitimarse verdades e falsidades e non lle importa inventar documentación", "A relixión, que eu considero gratificante, non pode imporse coa manipulación educativa". Mesmo remata a entrevista -que se publicou integramente en galego- cunha frase lapidaria: "O espazo laico é un lugar de igualdade"...

"P. Aínda temos grandes lagoas na historia galega?

R. Hoxe faise moita historia local e iso é básico, porque vai conducir a unha revisión completa. A historia documental que se está facendo agora, as novas investigacións arqueolóxicas, antigas e medievais, e a promesa do envío da documentación dixitalizada de fóra de Galicia vai permitir entrar en investigacións directas sobre moitas cuestións pendentes. Aínda pesa en exceso a historia oficial pero vai haber unha lentísima transformación que ademais tardará en permearse ao sistema educativo, porque moitos profesores mesmo omiten os capítulos referentes á historia de Galicia baixo a idea de que non entrarán na selectividade. E iso é porque eles mesmos non os coñecen.

P. O éxito de programas de divulgación histórica, como o recente Historia de Galicia na TVG amosan unha curiosidade popular polo pasado propio.

R. Lembro un capítulo sobre a tensión na historia eclesiástica entre os mosteiros galegos e os de fóra e gustoume porque suscita preguntas entre a xente. É unha maneira de interrogarnos e liberarnos de prexuízos.

P. Unha das súas ocupacións principais foi historiar a Igrexa galega.

R. Coido que xa din case todo o que me interesaba sobre ela. Quería saber se foi ou non un entorpecemento para o país e escribín sobre a época da República e a base da súa responsabilidade na Guerra Civil, traballei sobre o seu comportamento no 36 e finalmente fixen un manual sobre toda a súa traxectoria secular que saciou xa a miña curiosidade. Ademais non debemos darlle moita importancia á historia de institucións; interésame máis a historia global da humanidade e a do pobo galego.

P. Moitos anos dedicounos profesionalmente ao ensino, e aínda sendo crego vostede defende un ensino público e laico. Por que?

R. Defendo unha educación gratuíta e universal porque é o único camiño para facilitar o desenvolvemento intelectual de todos. E aínda sendo imperfecto, porque as diferenzas económicas e psicolóxicas condicionan moito, o público é o mellor sistema posíbel. Laico porque a opción relixiosa, aínda que eu a considero gratificante, non pode ser imposta mediante a manipulación educativa. Basilio Álvarez, o crego e dirixente agrarista, dicía que non debía ser educador quen non fose pai de familia porque non sabe o que é un neno. Eu engado que non debe ser educador quen esteña moi contaminado polo seu papel relixioso porque non entende a posición de quen non está con el. O espazo laico é un lugar de igualdade".

N.B.- Escollemos intencionadamente a portada do primeiro número de EL PAÍS, que saiu á rúa o 4 de maio de 1976. Naquela altura Francisco Carballo xa estaba asentado en Vigo. Durante moitos anos foi lector asiduo daquel singular xornal madrileño, no que traballaban con lucidez acesa Eduardo Haro Tecglen e Javier Pradera; mesmo con colaboracións abondo salientábeis de Manolo Vázquez Montalbán e Gabriel García Márquez... 

ENTREVISTA NO XORNAL EL PAÍS (2)

Escrito por Fcarballo 05-09-2018 en entrevistas. Comentarios (0)

Continua Xan Carballa preguntándolle a Francisco Carballo nesta memorábel entrevista: 

"P. No período político de Aznar deuse unha forte tensión precisamente pola interpretación histórica, concentrada na proposta de reforma das Humanidades e os programas escolares. A que responde esa dialéctica?

R. Posibelmente sempre se producirán esas controversias. A historia é un tipo de coñecemento no que xogan papeis relevantes a subxectividade e os intereses, por iso se reconstrúe constantemente. Non porque as probas sexan rexeitadas senón porque a interpretación depende do punto de vista. En España é moi patente porque moitas das súas empresas históricas estiveron cargadas en exceso de mito e de intereses do grupo dominante. Usáronse moitas falsificacións e nunca verás na historia española unha persistencia na desmontaxe de determinados mitos fundacionais, sexa Covadonga ou a unificación baixo a coroa de Castela. Hai un exceso de peso da historia áulica, basada en documentos xurídicos e sen presenza doutras fontes e iso non é un problema específico español, tamén sucede coa historia da Igrexa ou de calquera institución, que deixan á vista só os datos propios da organización que persiste e esquecen todo o demais.

P. Unha marca súa como historiador é interpretar a historia de Galicia desde sí mesma?

R. Esa é unha das claves para evitar o dominio tan alto do mito da unidade hispánica e da lexitimidade do poder. Ao estudar a historia de Galicia tes que aterte a fontes privadas, en ocasións ocultas, e non só ás oficiais. A nivel de institucións eclesiais o debate entre o monaquismo galego e os cabildos contra a reforma dos Reis Católicos durou até que rematou o Antigo Réxime; nos arquivos catedralicios hai unha documentación abundantísima pero ningún historiador a utiliza para investigar ese rexeitamento a unha imposición que foi devastadora. E poderíamos seguir pondo exemplos.

P. Adoptar ese ponto de vista propio custou moito?

R. As visións alternativas que hoxe se dan da realidade de Galicia aínda son minoritarias, tamén na Universidade. Tardouse porque os historiadores foron sometidos a unha escola e unha universidade que impuxo unha visión única e tardaron en poder revelar outra realidade. Empezou Murguía no século XIX porque era arquiveiro e coñecía de primeira man os documentos; seguiu a Xeración Nós porque empezaron a procurar nos documentos medievais e despois, desde os anos 1960/70, xa se puido insistir porque foi mellorando o acceso ás fontes. Mesmo así non se logrou transcender esa visión ao gran público porque en todos os niveis educativos hai un dominio abraiante do discurso oficial e do saber estándar, afirmándose cousas sen probar. Colles un texto da ESO o do Bacharelato e máis da metade do que din dáse como dogma cando son opinións discutíbeis (...)".

N.B.- A foto de Xan Carballa tirámola de www.sermosgaliza.gal.

ENTREVISTA NO XORNAL EL PAÍS (1)

Escrito por Fcarballo 04-09-2018 en entrevistas. Comentarios (0)

Comezamos unha nova sección. Iremos pendurando un bo feixe de entrevistas que lle fixeron ao presbítero ilustrado de Maceda ao longo da súa vida. Decantámonos inicialmente por unha das que lle fixo Xan Carballa para o suplemento LUCES do xornal EL PAÍS (venres, 29/VI/2007), que diseccionaremos en varias achegas: 

"Cunha traxectoria biográfica moi diversa, Francisco Carballo (Celeirón de Asadur, Maceda, 1925) ven destacando desde hai anos no seu papel de historiador que reivindica unha visión centrada en Galicia, multidisciplinar e crítica dos dogmas do poder. A súa heterodoxia na defensa do cristianismo de base, permite entroncalo tamén na estadea de cregos progresistas que sen renunciar ás súas conviccións, permítense defender con liberdade unha educación pública e laica.

Pregunta. Cal é o papel do relato histórico na sociedade contemporánea?

Resposta. Considerouse durante séculos como unha narración. Partiu desa comprensión cara a un método máis científico, sobre todo desde a escola dos Annales (Francia, 1925) e a historia marxista. Despois dese atasco de economía e estatística que se produciu está voltando unha maneira de presentar a historia con máis atracción, mesmo literaria, e comezou a situarse mellor a escola narrativa. Pero todos os métodos que acompañan a historia son complementarios e non se poden absolutizar. Que trunfe a narración non lle pode tirar cientificidade, dentro do carácter desta ciencia que non é o mesmo que a bioloxía ou as matemáticas.

P. A necesidade dun relato coherente foi precisa cando se fundan os estados-nación. A persistencia de historias contrapostas poden chegar a formar parte da controversia política?

R. Nesa materia nacional é onde máis se observan as disparidades. É un debate parecido ao do mito na creación da conciencia histórica e os propios datos reais. O mito é un símbolo capaz de suxestionar e chegar á afectividade pero non se sustenta por si só na realidade actual do ser humano que precisa probas firmes.

P. Mitos sometidos a unha forte de deconstrución.

R. Datos e probas son esenciais para soster unha afirmación, pero o mito é unha simbolización, un xeito de comprimir nunha imaxe unha serie de elementos que non é capaz de evocar a estatística. O mito, en tanto que se interprete como historia, supón negar a autenticidade do que queremos probar. Se permanece no seu lugar simbólico de atracción e de atención, serve como revulsivo e nese sentido é imprescindíbel; o historiador pode invocalo como tal pero non como substituto da fonte. O mito sempre está provocando máis investigación (...)".

N.B.- Entrevista completa en:

http://www.xancarballa.eu/Xan_Carballa/Entrevistas/Entradas/2012/1/20_Francisco_Carballo__%22A_nosa_obriga_e_destapar_os_relatos_falsos_do_poder%22.html

https://elpais.com/autor/xan_carballa/a

A foto inserida nesta entrevista do xornal El País é do reporteiro gráfico Lalo R. Villar.