Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

cabodano

2º ANIVERSARIO RECORDANDO A LOA DE FELIPE SENÉN (III)

Escrito por Fcarballo 12-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)

O xornal La Opinión da Coruña, o 7 de decembro de 2014, imprentaba unha extensa loa do arqueólogo Felipe Senén, que mesmo tiña compartido co presbítero ilustrado de Maceda, o volume "Historia de Galiza" (ANPG, 1979). Titulou a loa "Francisco Carballo, vello sabio que non envelleceu". Apareceu logo no Terra e Tempo (25/XII/14), o voceiro da UPG. Imos recuperar o primeiro parágrafo e o último: "O pasado 29 do mes dos magostos finou, nunha residencia da congregación dos Paúles en Salamanca, Francisco Carballo. Para nós o imprescindible Padre Carballo. Seguidor do Cristo que bota do templo aos mercaderes do paciente Mestre escarnecido. Sólido crente na súa Terra. Referente en canto significa o nacionalismo popular galego de hoxe. Deuno todo por estes seus eidos imperfectos, divididos e recoñecémolo como druída oficiante cando celebramos festas, vodas, bautizos ou loito. Correspondémonos no seu funeral (...). Francisco Carballo non envelleceu, foi parte sólida do final desa ponte que vén da xeración Nós aos máis novos. Carballo foi home de feitos, leal aos seus e á súa terra, a que de seguro lle será leve, parte xa do ronsel de luz, compaña espiritual que sinala camiños dende o Ceo". (Na foto as cinsas de Francisco Carballo e -ao fondo- o retablo da igrexa de Asadur o día do funeral).


Debaixo: ilustración que complementa o traballo de Felipe Senén no Terra e Tempo  o 25 de decembro de 2014, doce días despois do soterramento do presbítero ilustrado de Maceda na campa de Asadur.


2º ANIVERSARIO LEMBRANDO OS COMUNICADOS DO BNG (II)

Escrito por Fcarballo 12-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)

Co gallo do pasamento e enterro do presbítero ilustrado de Maceda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) pendurou dous comunicados na súa páxina web. O primeiro titulouno "Francisco Carballo: na memoria de Galiza, sempre!": Galiza perde a un gran intelectual, historiador e pensador. O BNG tamén perde a un dos seus militantes máis veteranos e máis xenerosos para con este proxecto colectivo. Ao abeiro do funeral titulaban "Acto de despedida e recoñecemento a Francisco Carballo, clave no proceso nacional de Galiza": O BNG quere lembrar a figura de Francisco Carballo como persoa fondamente comprometida co proxecto nacional galego, desde a súa volta en 1973. O seu labor como historiador permitiu que puidésemos reencontrarnos cunha historia non deturpada do Noso País (...). Tamén amosou o seu compromiso participando esforzos para dotalo de medios de comunicación propios. Foi presidente do consello de administración d´A Nosa Terra (ANT) e formou parte do grupo promotor do semanario. A participación de Francisco Carballo nas listas do BNPG e do BNG en diversas convocatorias electorais, mostra o seu compromiso total coa nación na que cria. O BNG anima a todas as persoas que comparten con Francisco Carballo esta angueira a que acudan ao acto de soterramento e despedida. (Foto das súas cinzas na igrexa de Asadur denantes do acto relixioso).


2º ANIVERSARIO DO FUNERAL E DO ENTERRO EN ASADUR, 13 DE DECEMBRO (I)

Escrito por Fcarballo 09-12-2016 en cabodano. Comentarios (0)

O xornal La Región de Ourense daba conta, o 14 de decembro de 2014, cunha xenerosa foto de Francisco Carballo, dos actos do funeral e posterior enterro das súas cinzas na campa do igrexario primixenio e definitivo: "A igrexa de Asadur, no concello de Maceda, despediu onte ao seu fillo Francisco Carballo, sacerdote, teólogo e historiador que faleceu días pasados na residencia xeriátrica dos PP Paúles de Salamanca, congregación á que pertencía e na que estaba ingresado. O funeral celebrado en Asadur foi oficiado por seis sacerdotes e ao templo acudiron numerosos veciños, amigos e admiradores de Francisco Carballo, que se desprazaron até aquela parroquia para darlle o último adeus. Entre estes encontrábanse moitos sacerdotes que foran alumnos de Francisco Carballo, así como unha representación do nacionalismo galego, os deputados Bieito Lobeira e Olaia Fernández Davila do BNG; o alcalde de Allariz, Francisco García (BNG) e o alcalde de Maceda, Xabier Oviedo (CxG). No transcurso do oficio relixioso púxose de manifesto a personalidade e os valores que representou Francisco Carballo, cuxas cinzas repousan dende onte no cemiterio de Asadur". (Foto: arquivo LR).

LEMBRANZA POLO FALECEMENTO

Escrito por Fcarballo 29-11-2016 en cabodano. Comentarios (0)

Xosé Manuel González Pérez, profesor de Lugo que a finais dos anos 70 do século pasado traballou n'ANT, fixo unha lembranza no Facebook, o 29 de novembro de 2014, xusto o día no que Francisco Carballo nos deixaba. Rescatou o texto Xan Carballa e decidimos penduralo na bitácora: "Rexo sempre, sorriso e voz de labrego cando viña pola redacción compostelá d'A Nosa Terra, na República del El Salvador, mediando a costa. Conducíu o mitin final na campaña do BN-PG no Pavillón das Travesas en Vigo, cando as Primeiras Eleccións Xerais (1977), e foi súa a expresión máis intensa. Pasaba, no nacionalismo, por ser probabelmente un dos homes máis formados; ora que tamén discreto. Case nunca máis o vin, desde finais dos 70, pero velaí a lembranza aproximante a aquel final de conferencia, en Lugo, fronte a un auditorio mozo predicando a coherencia: Se non cristiáns, polo menos, ¡sede marxistas! En paz estea".

Eis o documento gráfico, que xa forma parte da Nosa Historia e da súa biografía. De esquerda a dereita: Leopoldo (cura de Melide), Francisco Rodríguez, Ramón López Suevos, Elvira Souto, Lois Ríos Paredes, Ramón Valcárcel, Manuel María, Camilo Nogueira (de pé), Pedro Luaces, Bautista Álvarez e Francisco Carballo, no mitin central do BN-PG no Pavillón das Travesas (completamente abarrotado de público), en Vigo de cara as Primeiras Eleccións Democráticas do 15 de xuño de 1977. Naquel mitin o presbítero ilustrado de Maceda defendeu a unidade do nacionalismo de esquerdas nunha soa organización a prol da defensa da nosa identidade. (Fonte fotografía: Camilo Nogueira e outras Voces. Suso de Toro. Xerais, 1991).

SEGUNDO CABODANO DO PASAMENTO, 29 DE NOVEMBRO

Escrito por Fcarballo 27-11-2016 en cabodano. Comentarios (0)

O 29 de novembro de 2014, finou Francisco Carballo con 89 anos lonxe da súa terra de orixe. Até Salamanca fomos, para acompañalo no fatal desenlace, amigos e familiares co alcalde de Maceda (Xabier Oviedo) representando institucionalmente ao concello que o vira nacer. Arelaba o presbítero ilustrado descanso derradeiro en Asadur, na campa parroquial, nun cemiteiro silencioso, de sepulturas no chan, cuberto de herbas e flores que significaban a paz, o encontro coa natureza e -en verbas súas- co Creador. Mesmo se decantaba pola incineración como derradeiro acto de rebeldía.  Voltar á terra da que formamos parte. Abofé que o conseguiu pola teimuda intervención da súa sobriña Milagros perante os PP Paúles de Salamanca que o querían deixar alí. ¡Que lle sexa leve a terra e que se manteña viva a súa memoria!


A vida non ten sentido sen a morte, a morte é consubstancial á vida. ¿Que hai despois da morte?  Toda a tradición cristiá e toda a educación recibida, ten unha perspectiva de que algo queda despois da morte. Unha sobreexistencia, un encontro co "Absoluto", algo que non somos capaces de definir con precisión. Nos textos revelados é moi imprecisa a referencia (...). Na pastoral dos cristiáns dende o século XII até onte, o medo á morte e ás súas consecuencias foi capital. Iso hai que superalo. Hoxe dicimos que a morte é unha proba. A relixión pretende darlle sentido á vida e á morte. Enmárcase na busca do sentido da vida e da superación da morte (CONVERSAS, ANT 2002).