Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

cabodano

IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (5)

Escrito por Fcarballo 10-11-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Antón Gómez González,  orixinario das Bouzas do Rodicio [moi perto de onde naceu Francisco Carballo en Celeirón de Asadur], é unha das persoas que mellor coñeceu ao presbítero ilustrado e Maceda e un dos que máis sentiu o seu pasamento. Hogano mesmo leva os contidos da web de Encrucillada. Reencontrámonos con el (e a súa compañeira) en Santa Marta de Tormes (Salamanca) o domingo outonizo, 30 de novembro de 2014, con Carballo de corpo presente. Dende Maceda achegámonos Xabier Oviedo (alcalde), Bieito Seara (ex alcalde e alto cargo no Bipartito) e o mantedor desta bitácora, que procuramos manter acesa a chama. Unha viaxe de ida e volta no mesmo día até Salamanca, que deu para reflexionar dabondo sobre o fillo sobranceiro de Maceda... O “In Memoriam” de Antón, inserido tamén no núm. 191 de Encrucillada, consta de 9 páxinas cheas de afecto, sentimento e recoñecemento como referente. Imos recuperar o máis salientábel en varias achegas:

“Coñecín a Francisco Carballo o ano 1967, en Salamanca, cando cheguei para facer estudos de Teoloxía. El era o reitor do Seminario Maior dos Paúis para a maior parte de España. Dende entón compartín  experiencias, non deixei de aprender del e non perdín de vista a súa traxectoria, sendo especialmente significativo para min o feito de que contase comigo para a inserción no mundo obreiro en Vigo, onde, ademais, contactamos co Padre Seixas e as súas múltiples actividades, que xa coñeciamos en Salamanca (...). Como mestre foi moi apreciado e querido polos seus alumnos. Moitos confesan que foi o mellor profesor que tiveron. Carballo sempre será o intelectual dos excluídos, un intelectual que se fixo entender, que sabía comunicar o seu saber.

Entre algúns compañeiros da súa Congregación non tivo tanto éxito, especialmente cando deu o paso que el entendeu que marcaba o Concilio Vaticano II [1962-65]. Recoñecía que non era doado desprenderse da doutrina preconciliar, pero, ao mesmo tempo doíalle tanta cegueira. Tivo que manterse na fronteira, pero non se atreveron a despedilo. Toleraron e aproveitaron a súa capacidade de xestión como director do Colexio San Vicente de Paúl en Barakaldo, Reitor do Teologado en Salamanca, conselleiro e asesor na Curia Xeral da Congregación en Roma, cofundador do Instituto Teolóxico Gaudium et Spes en Salamanca, etc. Como profeta que foi, non o entenderon. Carballo estaba aberto ao futuro dende dúas bases sólidas: a interpretación do Evanxeo levada á praxe por Vicente de Paúl e o Concilio Vaticano II. Viviu a súa fe en Xesús coa axuda da ciencia (...)”.

N.B.- A primeira ilustración é un logrado debuxo, inserido no In Memoriam de Antón, no núm. 191 de Encrucillada. A segunda foto tirámola no Roteiro de Vigo, Marín e Pontevedra do ano pasado. Antón aparece coa súa compañeira e con Paco Nóvoa (fillo predilecto de Maceda) no Colexio San Narciso de Marín.

IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (4)

Escrito por Fcarballo 01-11-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Eis parte do salmo de Rubén  Aramburu dedicado ao presbítero ilustrado de Maceda: “Soñabas Paco Carballo  co lume aceso do fogar que sabe a terra e a mai.  Soñabas ese arrolar transido en matria.  Ei, irmao: -Imos á Serra, onde vai o frío, onde ouvea o lobo...  Imos bicar a neve, primicia de esperanza para esta terra  aconchegada, velliña, enloitada.  Non máis loitos, non máis prantos!  Paco Carballo erguido no Rodicio, mirando a Patria toda!  A Patria Verde, meu Deus! Que envexa de xenerosidade!  Consagrado, Carballo, consagrado!  Que sagrada a túa vida para o pobo.  Tanta Luz! Tanta Loita!  Dime, Paco, cal é o segredo que agochas,  para non odiar, sorrindo sempre ás maldicións que nos atrancan?  Que lume prendeu no teu corazón, para ser  beizón subversiva?  Recordo agora o teu disimulo, a túa gargallada agachada,  ante os pánfilos e mediocres exhibicionistas da cultura,  a túa maior desconsideración: “vaia tipo!”,  case con cariño, con amor e mágoa.  Déixame, agora, Carballo, que onda esta sepultura,  verta esta auga salobre do mar do Morrazo. Non hai ninguén. Partiron xa os sons patrios e as bandeiras  e quedamos nós: a Serra e o silencio, e esta lousa pétrea, onde repousan os pais. Miro nos teus ollos mirando aqueles galegos camiño da sega de Castela,  son os mesmo que mirabas de meniño,  acolléndoos na casa coa cunca do caldo e a aloumiña,  que impotencia pousaba sobre eles. E chorabas, Paco, con Rosalía... Castellanos de Castilla...O amor aos pobres, que discurso tan logrado e pouco realizado (...)".  


IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (3)

Escrito por Fcarballo 31-10-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Rubén Aramburu titulou "Agasallo" o seu salmo, no núm. 191 de Encrucillada. Non esquece o derradeiro agasallo de Francisco Carballo, o día que deitamos as súas cinsas “no sepulcro onde repousan os restos da nai, aló en Asadur, na aba do Rodicio, en Maceda. Asadur, que nome tan fermoso! (...). A liturxia oficial algo pobre, merecía moito máis... sobraban responsos e ten piedades. Cando menos foi en galego. Mirei bágoas en moitas caras, crentes e ateas, militantes de todos os tempos e recunchos: canta memoria reunida! (...). Con Carballo camiñei algunha vez por aquelas paraxes e amosoume segredos da infancia e nostalxias, faloume das monxas bieitas que habitaron o convento de Asadur; daquela pedra no altar, unha das máis antigas de Galiza; dos galegos camiñando cara a sega en Castela, dos fríos, das lendas, dos medos, de cando neno ía levar as vacas e lle saíu o lobo... Aqueles ollos de Carballo eran un mar profundo de emocións mirando a serra de Maceda. Pídenme os amigos de Encrucillada que escriba algo poético sobre Carballo. Non domino esa arte tan estraña (...). Quixen facer un salmo para Paco Carballo, que foi mestre, irmán e amigo. No nome de Galicia, grazas irmán”.

N.B.- Na foto aparecen Francisco Carballo e o presbítero Rubén Aramburu, poucos meses antes do fatal desenlace do fillo sobranceiro de Maceda, o 29 de novembro de 2014.

IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (2)

Escrito por Fcarballo 28-10-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Penduramos sintetizado o resto do sentido “In memoriam” que tivo a ben imprentar en Encrucillada (núm. 191), Marisa Vidal Collazo: “Na primeira Romaxe de Crentes Galegos, no Pedregal de Irimia, en setembro de 1978, Francisco Carballo bautizouse con todos nas augas do Miño e proclamou: “¡Eu renazo galego!”. En 1981, tamén Paco está arrombando para que saíra do prelo o primeiro número da revista Irimia. Precisamente o último texto que saíu das súas mans foi unha biografía de Alexandre Bóveda, publicada nun libro colectivo titulado Bóveda cristián, nos cadernos do Xalgarete, editado pola asociación xuvenil Amencer de Ourense.

Hai moitos paralelismos na maneira de ser de Paco e Alexandre (...). Paco, falando de Bóveda aporta: “A súa vida de paz e alegría. O catolicismo de Bóveda era aperturista e recoñecía a autonomía da política. Era un cristianismo profundo do que dá fe coa súa vida, paixón e morte”. Xusto como Paco.

Paco Carballo pertence á xeración do ferro e as rosas. Formouse e medrou nunha igrexa preconciliar, ríxida, abafante, de ferro, e soubo transitar con decisión e valentía pola liberación que para nós, supuxo o Concilio Vaticano II. Sobreviviu á crise que a renovación do concilio supuxo, sendo fiel a si mesmo e ao espírito das benaventuranzas, e fíxose un, con todos naqueles novos tempos, coa nova xente que emerxía en Galiza traballando pola paz. Co corazón limpo e sinxelo, con espírito de pobre, preferiu a súa fame e sede de xustiza, liberar e facer medrar Galiza dende abaixo, dende os últimos, antes que encasquetarse unha mitra episcopal ou unha cátedra universitaria (...). Dende o fondo do corazón, grazas, Paco”.  


IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (1)

Escrito por Fcarballo 15-10-2017 en cabodano. Comentarios (0)

A revista galega de pensamento cristián Encrucillada agromou co facho do Concilio Vaticano II. Francisco Carballo colaborou dende o núm. 0 (1974). Ao pouco do pasamento do presbítero ilustrado de Maceda (29/XI/2014) foron aparecendo lembranzas nesta prestixiosa publicación de colaboradores salientábeis. No núm. 191 (xaneiro-febreiro 2015) Marisa Vidal, Rubén Aramburu e Antón Gómez fixeron unha primeira aproximación que imos peneirar en varias achegas ao abeiro do 3º cabodano. No Guieiro dese número (vol. XXXIX) imprentaba o director Pedro Castelao que “o pobo galego perde, coa morte de Francisco Carballo, a un dos seus máis constantes loitadores pola identidade de noso. Porén, a historia de Galicia gaña, co seu pasamento, un novo nome cuxo traballo está destinado a permanecer fecundando novas angueiras”.

O vindicativo texto de Marisa Vidal Collazo titúlao Paco Carballo. Comeza cunha estrofa do poema “Eu en ti” (O soño sulagado) de Celso Emilio Ferreiro: “Eu xa te chamei / cando soio a voz do vento soaba. / Cando o silenzo chamaba polas verbas, / eu xa te chamaba” [versos aos que lle puxera música a finais dos anos 70 o malogrado cantautor Suso Vaamonde -e logo outros intérpretes-]. Seguimos a Marisa Vidal: “Así foi a relación de Paco Carballo con Encrucillada e con Irimia. En 1966, nos Coloquios de Cregos, cando a Igrexa galega empezaba a espreguizarse cos ventos renovadores do Concilio Vaticano II, Paco Carballo estaba naquel grupo que soñaba cunha revista de pensamento cristián en Galiza.

Cando no ano 1974 se elaborou o núm. 0 da revista Encrucillada, número que nunca vería a luz afogado polas censuras franquistas, Paco Carballo tamén estaba alí. E cando a censura atrasou até febreiro de 1977 a saída do 1º número de Encrucillada, tamén Paco estaba alí. Non hai máis que ver as sucesivas colaboracións que escribe no núm. 2, no 3, no 5, no 10, no 17, no 20... Logo as colaboracións espállanse máis, pois xa aquela meniña chamada Encrucillada ía collendo forza por si mesma e non precisaba estar tan pendente de alimentala. Iso si: Paco sempre estaba aí para o que fixera falta. Cando algo lle pedimos, sempre respondeu lixeiro..., dende a historia, a súa grande paixón, e a fe, o seu motor de vida. Achegounos a figuras como Basilio Álvarez, Martín Sarmiento ou Alexandre Bóveda, persoas crentes de fe rexa como a súa, malia ás adversidades (...)”.

N.B.- Imos engadir un enlace ao poema "Eu en ti" do libro "O sono sulagado" (1955) de Celso Emilio Ferreiro, que tivera a ben musicar Suso Vaamonde, cantautor que actuou en Maceda invitado pola Agrupación Cultural Os Cabaceiros en 1975 e logo noutras ocasións a finais dos anos 70 e comezos dos 80. A Francisco Carballo gorentáballe este egrexio cantautor [nado en Pontecaldelas en 1950 e finado en Vigo en 2000]. Suso Vaamonde dérase a coñecer, precisamente na Asociación Cultural de Vigo con só 16 anos de idade. 

Visualizar Vídeo