Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

cabodano

IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (3)

Escrito por Fcarballo 31-10-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Rubén Aramburu titulou "Agasallo" o seu salmo, no núm. 191 de Encrucillada. Non esquece o derradeiro agasallo de Francisco Carballo, o día que deitamos as súas cinsas “no sepulcro onde repousan os restos da nai, aló en Asadur, na aba do Rodicio, en Maceda. Asadur, que nome tan fermoso! (...). A liturxia oficial algo pobre, merecía moito máis... sobraban responsos e ten piedades. Cando menos foi en galego. Mirei bágoas en moitas caras, crentes e ateas, militantes de todos os tempos e recunchos: canta memoria reunida! (...). Con Carballo camiñei algunha vez por aquelas paraxes e amosoume segredos da infancia e nostalxias, faloume das monxas bieitas que habitaron o convento de Asadur; daquela pedra no altar, unha das máis antigas de Galiza; dos galegos camiñando cara a sega en Castela, dos fríos, das lendas, dos medos, de cando neno ía levar as vacas e lle saíu o lobo... Aqueles ollos de Carballo eran un mar profundo de emocións mirando a serra de Maceda. Pídenme os amigos de Encrucillada que escriba algo poético sobre Carballo. Non domino esa arte tan estraña (...). Quixen facer un salmo para Paco Carballo, que foi mestre, irmán e amigo. No nome de Galicia, grazas irmán”.

N.B.- Na foto aparecen Francisco Carballo e o presbítero Rubén Aramburu, poucos meses antes do fatal desenlace do fillo sobranceiro de Maceda, o 29 de novembro de 2014.

IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (2)

Escrito por Fcarballo 28-10-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Penduramos sintetizado o resto do sentido “In memoriam” que tivo a ben imprentar en Encrucillada (núm. 191), Marisa Vidal Collazo: “Na primeira Romaxe de Crentes Galegos, no Pedregal de Irimia, en setembro de 1978, Francisco Carballo bautizouse con todos nas augas do Miño e proclamou: “¡Eu renazo galego!”. En 1981, tamén Paco está arrombando para que saíra do prelo o primeiro número da revista Irimia. Precisamente o último texto que saíu das súas mans foi unha biografía de Alexandre Bóveda, publicada nun libro colectivo titulado Bóveda cristián, nos cadernos do Xalgarete, editado pola asociación xuvenil Amencer de Ourense.

Hai moitos paralelismos na maneira de ser de Paco e Alexandre (...). Paco, falando de Bóveda aporta: “A súa vida de paz e alegría. O catolicismo de Bóveda era aperturista e recoñecía a autonomía da política. Era un cristianismo profundo do que dá fe coa súa vida, paixón e morte”. Xusto como Paco.

Paco Carballo pertence á xeración do ferro e as rosas. Formouse e medrou nunha igrexa preconciliar, ríxida, abafante, de ferro, e soubo transitar con decisión e valentía pola liberación que para nós, supuxo o Concilio Vaticano II. Sobreviviu á crise que a renovación do concilio supuxo, sendo fiel a si mesmo e ao espírito das benaventuranzas, e fíxose un, con todos naqueles novos tempos, coa nova xente que emerxía en Galiza traballando pola paz. Co corazón limpo e sinxelo, con espírito de pobre, preferiu a súa fame e sede de xustiza, liberar e facer medrar Galiza dende abaixo, dende os últimos, antes que encasquetarse unha mitra episcopal ou unha cátedra universitaria (...). Dende o fondo do corazón, grazas, Paco”.  


IN MEMORIAM / ENCRUCILLADA (1)

Escrito por Fcarballo 15-10-2017 en cabodano. Comentarios (0)

A revista galega de pensamento cristián Encrucillada agromou co facho do Concilio Vaticano II. Francisco Carballo colaborou dende o núm. 0 (1974). Ao pouco do pasamento do presbítero ilustrado de Maceda (29/XI/2014) foron aparecendo lembranzas nesta prestixiosa publicación de colaboradores salientábeis. No núm. 191 (xaneiro-febreiro 2015) Marisa Vidal, Rubén Aramburu e Antón Gómez fixeron unha primeira aproximación que imos peneirar en varias achegas ao abeiro do 3º cabodano. No Guieiro dese número (vol. XXXIX) imprentaba o director Pedro Castelao que “o pobo galego perde, coa morte de Francisco Carballo, a un dos seus máis constantes loitadores pola identidade de noso. Porén, a historia de Galicia gaña, co seu pasamento, un novo nome cuxo traballo está destinado a permanecer fecundando novas angueiras”.

O vindicativo texto de Marisa Vidal Collazo titúlao Paco Carballo. Comeza cunha estrofa do poema “Eu en ti” (O soño sulagado) de Celso Emilio Ferreiro: “Eu xa te chamei / cando soio a voz do vento soaba. / Cando o silenzo chamaba polas verbas, / eu xa te chamaba” [versos aos que lle puxera música a finais dos anos 70 o malogrado cantautor Suso Vaamonde -e logo outros intérpretes-]. Seguimos a Marisa Vidal: “Así foi a relación de Paco Carballo con Encrucillada e con Irimia. En 1966, nos Coloquios de Cregos, cando a Igrexa galega empezaba a espreguizarse cos ventos renovadores do Concilio Vaticano II, Paco Carballo estaba naquel grupo que soñaba cunha revista de pensamento cristián en Galiza.

Cando no ano 1974 se elaborou o núm. 0 da revista Encrucillada, número que nunca vería a luz afogado polas censuras franquistas, Paco Carballo tamén estaba alí. E cando a censura atrasou até febreiro de 1977 a saída do 1º número de Encrucillada, tamén Paco estaba alí. Non hai máis que ver as sucesivas colaboracións que escribe no núm. 2, no 3, no 5, no 10, no 17, no 20... Logo as colaboracións espállanse máis, pois xa aquela meniña chamada Encrucillada ía collendo forza por si mesma e non precisaba estar tan pendente de alimentala. Iso si: Paco sempre estaba aí para o que fixera falta. Cando algo lle pedimos, sempre respondeu lixeiro..., dende a historia, a súa grande paixón, e a fe, o seu motor de vida. Achegounos a figuras como Basilio Álvarez, Martín Sarmiento ou Alexandre Bóveda, persoas crentes de fe rexa como a súa, malia ás adversidades (...)”.

N.B.- Imos engadir un enlace ao poema "Eu en ti" do libro "O sono sulagado" (1955) de Celso Emilio Ferreiro, que tivera a ben musicar Suso Vaamonde, cantautor que actuou en Maceda invitado pola Agrupación Cultural Os Cabaceiros en 1975 e logo noutras ocasións a finais dos anos 70 e comezos dos 80. A Francisco Carballo gorentáballe este egrexio cantautor [nado en Pontecaldelas en 1950 e finado en Vigo en 2000]. Suso Vaamonde dérase a coñecer, precisamente na Asociación Cultural de Vigo con só 16 anos de idade. 

Visualizar Vídeo

LEMBRANDO AO CHE GUEVARA

Escrito por Fcarballo 07-10-2017 en cabodano. Comentarios (0)

Cúmprense 50 anos da morte do Che Guevara (La Higuera, Bolivia, 9/X/1967). No nº. 1.064 d´ANT (10/I/2003), Francisco Carballo imprentou a columna “Lembrando ao Che Guevara”. Comezaba rememorando que hai anos fixera unha visita a Cuba [sabemos polas Memorias que estivo alí dez anos antes -en 1993- e que tamén visitara a outros familiares en Uruguai en 1992]. O seu curmán Rafael Simón -que fora secretario persoal do Che- agasallárao naquela viaxe a Cuba coas obras completas do guerrilleiro, “todo un armazón ideolóxico, loxístico e táctico”. O seu parente dicíalle que “todo canto o Che tiña de valioso, fómolo esquecendo. Todo canto tiña de discutíbel, intentamos mantelo”. Reflexiona que lle fixera pensar abondo a melancolía do curmán Rafael na súa Cuba de corenta anos de privacións. Mesmo as moitas cuestións a debater sobre o Che. Seguímolo literalmente:

“Ao ler ao Che Guevara observei os notábeis erros informativos de carácter local que o levaron a unha estratexia militar funesta; foi tamén a un “revolucionarismo” inmediatista frustrante. Porén, o seu discurso e a súa análise do imperialismo e do poder político era luminoso, incandescente e brillante. Acertaba o Che ao afirmar que a superación do imperialismo só era viábel mediante unha contraposición mundial doutro modelo (...). Como estuda James Petras, o Che “comezou desde a perspectiva da Revolución Cubana e desprazouse cara áreas de acción nacional específica, e, mesmo, local. Os movementos de cambio actuais parten dunha base sólida a nivel rexional ou local e trasládanse cara o nacional e internacional”. Aí están os MST (Traballadores sem terra), o EZLN, o Sindicato Campesiño de Bolivia, CUC en Guatemala, etc, etc. Lula (da Silva) é un tanto, a punta de lanza da esperanza á fronte do Brasil e na órbita do FSM (Foro Social Mundial de Porto Alegre, Florencia...). Para eses colectivos alternativos a aportación do Che sobre a globalización financeira e depredadora, é asombrosa.

Nese vector do coñecemento e medida do neocapitalismo, o uso polo Che da “loita armada” é só anecdótico. A loita armada é unha forma histórica de liberación concreta e ocasional, non un modelo omnipresente en tempo e espazo. Máis aínda, neste tipo de fusión de imperialismo e militarismo baixo un só paraugas, o de USA, a estratexia militar guevariá sería suicida. O Che Guevara foi un pensador de sumo interese, un estratega, un honesto gobernante, un exemplar político que non foi dogmático nin infalíbel”.  

N.B.- A iconográfica foto de Alberto Korda, que lle tirou ao Che en 1960, formou parte -pendurada como poster- das nosas vidas (tamén o "Diario do Che en Bolivia"). Korda nunca esixiu dereitos de autor [só os reclamou unha vez para que non se empregase esa imaxe nun anuncio de vodka]. Naquela altura dixo: "Como defensor dos ideais polos que o Che Guevara loitou, non me opoño á reprodución da imaxe para a difusión da súa memoria e da causa da xustiza social no mundo".
Outrosí a mítica cantiga de Carlos Puebla, "Hasta siempre Comandante" da que inserimos un enlace, mesmo acompañado dun bo feixe de fotos da súa traxectoria vital:

Ver Vídeo

MANUEL VIDAL

Escrito por Fcarballo 23-03-2017 en cabodano. Comentarios (0)

O 30 de marzo de 1871, ás dez e cuarto da noite, veu ao mundo Manuel Carlos Vidal Rodríguez na vila de Maceda [nesta altura cúmprense 146 anos]. Cando fixemos o libro de Conversas (Prol/Carballa, ANT, 2002), preguntámoslle a Francisco Carballo sobre este outro presbítero ilustrado de Maceda, do que Santiago Prol remata de poñerlle o punto final á súa extensa e fructífera biografía e que axiña irá ao prelo. Francisco Carballo tamén faría unha columna complementaria -abondo interesante- no xornal ANT (20/XII/2001) titulada “O rexionalismo de Manuel Vidal”, á que lle meteremos o dente noutra achega. 

Desta volta peneiramos a das Conversas: “Manuel Vidal Rodríguez foi un eclesiástico que se asentou en Compostela e que apoiou publicamente o Estatuto de Autonomía, xa en 1932, feito relevante que ti deches á luz...: -Citeino no meu libro “A Igrexa na Galiza Contemporánea. Análise histórica e teolóxica do período 1931-36. II República”. Lera a súa obra “La Salve explicada” de estudante de Filosofía en Hotaleza (Madrid). Manuel Vidal é un polígrafo: teatro, narrativa, ensaio, didáctica. Catedrático de Literatura española no Instituto de Santiago até o seu falecemento en 1941, estendeu o seu quefacer á cidade con representacións teatrais e bos estudos sobre o Apóstolo e a catedral. Utilizou o galego popular de Maceda en obras como “Contos d'antano e d'hogano” e "Don Porrazo”, que son xoias lingüísticas e do ambiente local” (Conversas, 2002).

(Fotos: Na primeira aparece a Praza das Toldas, que mesmo se debería chamar Praza de Manuel Vidal -nese recuncho da parte alta-, xa que logo naceu -este egrexio persoeiro- na casa que está ubicada entre a Farmacia Milia e a Mercería Pepita. Na parte baixa estableceu a familia matricial de Manuel Vidal unha botica na segunda metade do século XIX, e nela naceu o presbítero ilustrado o 30 de marzo de 1871. Fonte foto da praza: www.douroaleo.blogspot.com.es. No retrato -do que recuperamos un primeiro plano- aparece Manuel Vidal como catedrático de Literatura en Santiago de Compostela abeirado de alumnos, cara o ano 1920).