Blog Asociación Amigos de Francisco Carballo

cabodano

AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (5)

Escrito por Fcarballo 03-01-2020 en cabodano. Comentarios (0)

Dixemos na achega anterior que repartiramos un díptico entre os asistentes, mesmo para que cantasen con nós o "Vello can de palleiro" de Bibiano ao comezo e -ao remate- o ¡Uah!, cantiga popular na versión de Suso Vaamonde. No medio do acto tamén procuramos entoar "O home do campo", que Voces Ceibes lle dedicara ao empresario agrícola e gandeiro Euloxio Gómez Franqueira e, de esguello, a Franco. No retrouso, se non estaba a parella da Garda Civil presente, cantaban "Franqueira é o home do campo, Franqueira é amigo de Franco". Se entraba a parella da Benemérita no Cine Gayoso, cantaban o retouso modificando a letra: "Euloxio é o home do campo, Euloxio é amigo de Paco"... Aquilo trouxo consecuencias: a subvención prometida pola Caixa Rural de Maceda de 15.000 pesetas, non lla entregaron aos pioneiros d´Os Cabaceiros, porque Benedicto, Bibiano e Cao cantaran o retouso no que aparecía claramente o nome de Franqueira (naquela altura presidente de UTECO e xefe da Caixa Rural) e, nin máis nin menos que Francisco Franco, "generalísimo por la gracia de Dios (?)...". Na portada do díptico ía tamén  parte da historia de Voces Ceibes que eles mesmos imprentaran no Cancioneiro que distribuiran entre o público en Maceda aquel histórico domingo de Nadal de 1974, logo da "misa de 12". Mesmo os recortes de prensa coas multas que lles ían poñendo por cantar cantigas censuradas polo goberno civil de turno daquel tardofranquismo abafante que daba os últimos coletazos.

Nas páxinas centrais exhumamos o derradeiro discurso do intelectual galeguista e arqueólogo de Valga, afincado en Ourense dende moi novo, don Xesús Ferro Couselo, que non puidera achegarse físicamente a Maceda naquelas Primeiras Xornadas Culturais de Nadal de 1974, por mor da doenza que padecía, e que fora rexistrado nunha cassette artesanalmente polo doutor José Manuel Lage no seu domicilio en Ourense e logo escoitado no Cine Gayoso -pola megafonía- sobre a historia do Castelo de Maceda e abeirados.  O discurso recuperouno o doutor Celso Sánchez para imprentalo a Asociación Cultural Maçaeda de Limia noutro díptico en 1996. Na contraportada inserimos o cartaz que xa penduramos en achegas anteriores. Deixamos un bo feixe de dípticos na Librería Alicia de Maceda para a xente interesada que non puido achegarse o día 28 á mesa redonda... Inserimos outra volta o enlace ao noso vídeo sobre Os Cabaceiros, o seu contexto e a súa historia, que xa leva un número de visualizacións importante na arañeira. Beizón!

https://www.youtube.com/watch?v=uwAe9Lz__dc


N.B.- A primeira imaxe corresponde á portada do díptico e a segunda ao discurso de Ferro Couselo. A terceira e a cuarta son autoría de Juan José Pérez Ramos. Como na terceira non aparece o motor de explosión da segunda xeira d´Os Cabaceiros, pendurámola -co seu positivismo contaxiante- na última. Graciñas mil!

AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (4)

Escrito por Fcarballo 29-12-2019 en cabodano. Comentarios (0)


 Arredor de 60 persoas tiveron a ben acompañarnos, o 28 deste mes de decembro de 2019, no Salón de Actos da Casa do Concello de Maceda, para facer unha viaxe espazo-temporal 45 anos atrás (incluso máis). Sabemos de moita xente que quería estar alí, pero que non puido por problemas de axenda. Comezamos escoitando a mítica cantiga de Bibiano "Vello can de palleiro"  [ https://www.youtube.com/watch?v=uKzgTn2KbxU ] que lle demos ao público en díptico, xunto con outras das que falaremos en próximas achegas. Mesmo lle explicamos á xente máis nova que "o vello can de palleiro" era Franco e a "dentadura" era dictadura franquista que daba os últimos coletazos. Para "pasar" o filtro da censura, había que empregar ese tipo de linguaxe... Logo o mantedor desta bitácora [Santiago Prol] explicou por que se facía esta evocación 45 anos despois e non aos 50 anos, xa que logo ía vencellada á publicación monográfica no TERRA E TEMPO (núm. 180) sobre as asociacións culturais galegas no tardofranquismo e na que ía inserido o noso traballo sobre Os Cabaceiros (Prol: 2019) do que xa falamos nas achegas anteriores. Mesmo disculpou a presenza de Luís Aldemira e de Faustino Fontela (que foran presidentes da asociación), que non podían estar na mesa redonda por compromisos previos adquiridos. 

Logo interveu o doutor José Manuel Lage, "o pai da criatura", que fixo unha evocación moi sentida de como se xestou, mesmo contando anécdotas que forneceron o seu aqueloutrado relato e que lle gorentou aos asistentes. Nunha delas explicou que Os Cabaceiros quedaran a deber cartos no Restaurante As Ferreiras, porque lle retiraran unha subvención (da que tamén falaremos noutra achega) e que anos despois, cando el traballaba como médico en Coruña, atopou no hospital -como paciente- a unha das propietarias das Ferreiras que lle dixo que a débeda estaba condonada, mesmo porque el a ía curar con todas as garantías da doenza que pacecía. Xenerosidade absoluta por parte da xente de ben de Maceda. Iso foi o que atoparon os iniciadores d´Os Cabaceiros naquelas xornadas do Nadal de 1974, as mellores de cantas se lograron artellar nos 12 de vida da asociación, xunto coas últimas (as de 1986). Tamén contou que el e Celso Sánchez se desprazaran até a Escola de Maxisterio de Vigo pra implicar a Francisco Carballo (que abandeiraba a Cultural de Vigo) nesta arela, como así faría varias veces o presbítero ilustrado de Maceda nas seguintes xornadas culturais...

Despois o doutor Celso Sánchez incidiu en que practicamente toda a xuventude de Maceda -naquela altura de 1974- estaba, non só a prol do proxecto, senón implicada ao cen por cen. Mesmo moitísima xente adulta da nosa vila que vía con bos ollos aquela iniciativa. Tamén forneneu a súa intervención con anécdotas, como a de que unha das actrices afeccionadas do grupo anglosaxón de Cardiff (Gales), que representaran en Maceda "Os vellos non deben namorarse" de Castelao en galego -con acento británico-, atopouse moitos anos despois con el na contorna onde xa exercía como médico, pois quedara afincada alí como profesora de inglés. Cando el lle contou que un grupo de Cardiff representara a Castelao en Maceda, ela dicíalle: unha daquelas actrices era eu, era eu... O doutor Sánchez, ademais de ser un dos pioneiros, xunto co doutor Lage (e outros moitos mozos e mozas de Maceda), fixo de nexo das dúas xeiras dos Cabaceiros, mesmo se implicou a fondo tamén nos primeiros anos da segunda etapa... 


Bieito Seara, o verdadeiro motor de explosión da segunda etapa (xunto con outr@s compañeir@s de Maceda), centrouse nunha idea chave que el sempre espalla, co seu positivismo contaxioso: Non por ser, nin por facer eventos chamativos [naquela altura chamariamoslle "parafernalias"] en Vigo, A Coruña ou Compostela, hai que ter complexo de inferioridade, máis ben ao contrario. Asentou a súa tese en que grazas á Agrupación Cultural Os Cabaceiros, por Maceda pululou xente do máximo nivel deste Noso País. Egrexios escritores e investigadores (algúns deles mesmo lle concederon as Letras Galegas), cantautores abondo recoñecidos, paradigmáticas obras de teatro en galego, filmes capitais na historiografría cinematografica a nivel mundial, mesmo referentes na europea e na estatal...

Logo o mantedor do acto foi explicando as 120 imaxes e o por que da súa escolla, deténdose menos tempo nas que xa evocaran José Manuel Lage, Celso Sánchez e Bieito Seara. Ao comezo do acto, logo de cantar -como xa dixemos- os presentes con Bibiano (e Benedicto), puxo o audiovisual que dura -pendurado en youtube- algo máis de 9 minutos e que foi moi aplaudido... 

Conforma este audiovisual un importante documento da historia recente de Maceda, artellado dun xeito artesanal,  moi amábel no fondo e na forma, fermoso visualmente e cheo de sensibilidade, sobre aquela xa mítica asociación e o seu contexto. Mesmo acompasado co poema "Volvín á terra pro perdín o amor" de Bernardino Graña, musicado por Suso Vaamonde, conformando unha das mellores cancións da súa vida. Eis o enlace para disfrute de todos que nos sentimos macedáns ou temos unha conexión telúrica co noso lugar de orixe, ao que estamos xa por sempre vencellados:

.https://www.youtube.com/watch?v=uwAe9Lz__dc


N.B.- Todas as fotografías desta achega foron cedidas amabelmente polo reporteiro gráfico local Juan José Pérez Ramos, que tamén pendurou o audiovisual no canal en youtube de Maceda Na Rede. Graciñas mil! 

Espallemos este documento e que sexa visualizado por moita xente. No intre de publicar esta achega, xa soborda as 350 olladas (no par de días que leva pendurado). Beizón!

AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (3)

Escrito por Fcarballo 21-12-2019 en cabodano. Comentarios (0)

Cun xesto un tanto transgresor -moi na liña do que foron Os Cabaceiros-  decidímonos por un cartaz artesanal, coma nos tempos de antano, mesmo afastado -o máis pósibel-  deses cartaces deseñados por ordenador que semellan artificiosos na súa pseudoperfección. Hai 45 anos todo se facía a man ou coa máquina de escribir (nós tiñamos unha Olivetti Estudio 45). Xa había fotocopias, pero ía todo moi daquela maneira... Para este cartaz empregamos o deseño  de cartelería (en A3) que a Agrupación Cultural Os Cabaceiros tiña para anunciar os actos (e que logo escribían debaixo con rotulador negro ou vermello groso en moitos casos)  e tamén lle engadimos o carimbo oficial. Despois inserimos o programa de actos:

Mesa redonda AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS

Intervirán José Manuel Lage, Celso Sánchez, Bieito Seara e Santiago Prol, que actuará como mantedor do acto.

Proxectarase un audiovisual con 120 imaxes, documentos e demais vestixios d´Os Cabaceiros (1974-1986).

Lugar: Salón de Plenos da Casa do Concello de Maceda.

Día e hora: 28 de decembro de 2019, ás 7 da tarde.

Organiza: Asociación Amigos de Francisco Carballo e Concello de Maceda.

Debaixo enxertamos dúas das pegatinas (autocolantes) que tamén deseñaban artesanalmente socios d´Os Cabaceiros da segunda época (Juan Antonio Rey e tamén o Suso del Campo Prol que amosaban oficio) . O primeiro, deseñado e asinado polo Suso, vai sobre o Entroido de 1986, moi mediatizado e ao abeiro das mobilizacións contra a OTAN en todo o Estado español, e que os Cabaceiros artellaran -con certo éxito- polas rúas principais da vila de Maceda no mes de marzo daquel ano.

O outro autocolante está dedicado ao 17 de Maio,  Día das Letras Galegas. Xa deixamos imprentado no noso traballo "Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda (1974-1986). Doce anos de concienciación e de indentidade" [Prol: 2019, Terra e Tempo núm. 180]:  "Mesmo foi todo un luxo que nun concello que abeiraba os 5.000 habitantes, trouxesen [Os Cabaceiros] -directa ou indirectamente- á súa vila a cinco egrexios da Nosa Cultura que, andando o tempo, foron recoñecidos coas Letras Galegas: Ferro Couselo (1996), Xaquín Lourenzo (2004), Vidal Bolaño (2013), Manuel María (2016) e Carlos Casares (2017)..."


AGRUPACIÓN CULTURAL OS CABACEIROS 45 ANOS DESPOIS (1)

Escrito por Fcarballo 15-12-2019 en cabodano. Comentarios (0)

O 25 de xullo deste 2019 apareceu o libro-revista da Fundación Terra e Tempo (núm. 180) titulado "Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976)", na que ían inseridos 26 traballos de investigación sobre 26 asociacións culturais galegas. O presidente da Fundación Terra e Tempo, Roberto Vilameá Ponte, chamounos para que fixésemos nós o da Agrupación Cultural Os Cabaceiros de Maceda. Como xa dixemos noutra achega, a documentación da asociación fora depositada na Biblioteca Pública Francisco Carballo de Maceda polo -daquela- activista cultural Bieito Seara. Ao extraviarse, tivemos que reconstruír a crónica do que foron os 12 anos das dúas xeiras d´Os Cabaceiros coa nosa memoria, co traballo que tiñamos avanzado no xornal La Región (18 de decembro de 1996), co título "Flash back Nadal de 1974: un ano moi especial para Maceda" (Prol: 1996) e cun traballo de campo con entrevistas aos principais protagonistas: o doutor José Manuel Lage ("o pai da criatura"), o doutor Celso Sánchez, o xestor da banca pública Luís Aldemira, o economista e profesor Bieito Seara e o funcionario de prisións Faustino Fontela. O noso traballo, ao remate, resultou ser o máis extenso (14 páxinas) de todos os imprentados. Defendemos con moita dignidade a memoria d´Os Cabaceiros nesa prestixiosa publicación, na que mesmo colaboran algúns dos mellores escritores, investigadores, xurisconsultos, poetas, activistas culturais e docentes do Noso País.

Logo da publicación, o doutor Celso Sánchez propúxonos a Bieito Seara e a Santiago Prol (os outros membros máis activos da Asociación Amigos de Francisco Carballo), que deberiamos facer un acto vindicativo, de memoria e en positivo sobre o que fora aquel fenómeno cultural en Maceda e que deberiamos levar adiante en Nadal deste 2019, mesmo cando se cumpren 45 anos das primeiras xornadas culturais desenvoltas na nosa vila; as mellores de cantas se fixeron. É curioso que as máis completas foron as primeiras (as do Nadal de 1974) e as últimas (as do Verán de 1986). Coa colaboración do Concello de Maceda, quedamos xa que logo convocados para o 28 de decembro deste 2019, ás 7 da tarde, no Salón de Plenos da Casa do Concello, para desenvolver unha mesa redonda baixo o título "Agrupación Cultural Os Cabaceiros 45 anos despois". Estamos procurando que os principais protagonistas das dúas xeiras dos Cabaceiros participen no acto axustando -se é factíbel- as súas axendas. Tamén proxectaremos un interesantísimo audiovisual con 120 fotos, documentos e demais vestixios arredor do universo d´Os Cabaceiros, con música de fondo de Suso Vaamonde, o cantautor que actuou en Maceda 4 veces ao longo da súa vida (a primeira nas xa históricas xornadas de Nadal de 1974 no Cine Gayoso). En próximas achegas iremos avanzando outras fasquías do que pretendemos sexa un acto evocador en positivo, facer unha saudosa viaxe no tempo e recrearnos con ledicia naquel fenómeno cultural (con consecuencias sociolóxicas e políticas que defenderemos alí). Quedamos xa que logo tod@s os macedáns e abeirados convocados para o día 28 deste mes de decembro na nosa vila. Agardemos que neve ese día no Val do Medo... Beizón!

N.B.- A imaxe que encabeza esta achega corresponde á primeira páxina do noso traballo imprentado no núm. 180 do libro-revista Terra e Tempo (Prol: 2019, pp. 36-49). A segunda é a portada desa publicación e a terceira reflicte parte do traballo que nós tiñamos publicado no Xornal La Región (Prol: 1996). 

5 ANOS DESPOIS DO SEU PASAMENTO

Escrito por Fcarballo 28-11-2019 en cabodano. Comentarios (0)

O 29 de novembro de 2014, Francisco Carballo -como diría o seu amigo Xosé Luís Méndez Ferrín- pasou á outra banda do esquezo. Deixábanos con 89 anos lonxe da súa amada Galiza, aínda que en terras coñecidas e habitadas por el (en Salamanca estivera dende 1965 até 1973 como reitor do teologado de Santa Marta de Tormes). Regresou alí -xa moi magoado- ao abrollar o 2014 (ao que unha enfermeira que o coidaba nos dixo "era o cemiterio de elefantes” dos paúis de todo o territorio español, que tiñan alí o seu xeriátrico definitivo). É usual que os paúis que morren alí, se enterren alí. Porén, Francisco Carballo está soterrado na campa da parroquia de Asadur (Maceda), pola vehemencia da súa sobriña Milagros Calvo Carballo perante as autoridades da orde, ao salientar que esa era a súa vontade derradeira, que así o deixara escrito no libro de Conversas (Prol / Carballa, ANT, 2002) e noutros documentos. Cumpriuse o que el desexaba, mesmo incinerado e descansando definitivamente na súa terra de orixe.

Pasaron cinco anos. Nese medio tempo artellamos a Asociación Amigos de Francisco Carballo (AAFC), que xa leva organizados cinco roteiros polo que demos en chamar “Os lugares de Francisco Carballo”. Outrosí fixemos outro roteiro virtual na bitácora por Barakaldo (ver as 9 entradas en www.fcarballo.blogspot.es). Levamos, dende o 28 de setembro de 2016, que comezamos esta singular aventura como blogueiros, xa 245 achegas (con esta 246) nas que fomos peneirando moitas das súas fasquías vitais e intelectuais: teólogo, historiador, xornalista, político, director de centros de ensino (Marín, Barakaldo), reitor (teologado dos paúis en Salamanca), presidente de asociacións (Cultural de Vigo), impulsor de medios de comunicación (ANT, SERMOS GALIZA), presidente dunha editorial clave para a nosa memoria (Promocións Culturais Gallegas), inculturación da Igrexa galega (Encrucillada, Irimia)... Outrosí exhumando recensións de libros, tirando das Conversas, mesmo das Memorias inéditas (que nos pasou a Xan Carballa e a Santiago Prol -o mantedor desta bitácora-), das súas viaxes, das imaxes da súa vida, etc, etc, etc (como diría e escribiría el). Mesmo neste intre estamos artellando -a través da asociación- un acto para o 28 de decembro en Maceda titulado “Agrupación Cultural Os Cabaceiros 45 anos despois”, xa que logo el colaborou, mesmo axudou dende Vigo, para que o asociacionismo cultural na súa terra de orixe fose algo máis que unha anécdota.

Escollemos desta volta unha interesantísima foto del votando (no barrio de Lavadores en Vigo) nas Eleccións Xerais de outubro de 1982 (arrasou o PSOE de Felipe Gónzalez con 202 escanos e con aquel "escuro" 23F do ano anterior como pano de fondo). Naquela altura Francisco Carballo era candidato ao Congreso dos Deputados pola circunscrición de Pontevedra na coalición Bloque-PSG, na que o nacionalismo obtivera 38.437 votos. Queremos agradecerlle expresamente a Xan Carballa que tivese a ben pasarnos este documento gráfico capital do presbítero ilustrado de Maceda, que fornece -aínda máis- a bitácora e segue a manter acesa a chama da súa memoria como persoa entregada ao servizo do Noso País; a esa Galiza á que regresou en 1973 para traballar a tempo completo pola dignificación de todos Nós. Beizón! 

N.B.- Autoría da foto: Xan Carballa.